por Enrique Piñeiro
Outra vez as pombas do inverno
atravesan aloucadas
a república dos patios
e o olor a peixe frito nas tixolas
invade o labirinto das azoteas.
Vístense de gris as tardes quedas
e nos testos do balcón
estalan en cor os pensamentos.
A chuvia tingue con morriña
os ollos dos cativos
mentres se apaga a chama que acendera
cos amores de abril
a tímida veciña.
As xeadas regresan
e á calor do fogar
brotan novas promesas
que máis cedo que tarde
hanse borrar da memoria.
Reina o longo inverno en calcetíns.
Eu
entrégome
ó doce pasatempo de soñar
e ás veces adícome á ingrata tarefa
de recordar que a vida é un soño.
(8 decembro 85-xaneiro 2022)

Enrique Piñeiro
Profesor de francés
Nacido en Boiro o 10 de xaneiro de 1956.
Estudou o bacharelato en Santiago e despois Filoloxía Románica na Universidade desta cidade.
Foi lector de español na Escola Secundaria Estatal de Corbeil-Essonnes.
Profesor de Francés en diferentes institutos de Galicia: Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Chapela, Marín.
Diploma «Las nuevas tecnologías aplicadas a la enseñanza de los idiomas», en la Sorbonne Nouvelle-Paris III, durante o curso 1993-94.
Xubilado en 2016. Estivo os últimos anos no IES Valle Inclán.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥