Entrevista con:

Jorge Arias Rial

Nesta ocasión entrevistamos a Jorge Arias, fisioterapeuta e osteópata de recoñecido prestixio en Pontevedra.

A fisioterapia é unha terapia física definida pola OMS en 1958 como “a ciencia do tratamento a través de medios físicos, exercicio terapéutico, masoterapia e electroterapia

Fálase de que o primeiro fisioterapeuta foi Hipócrates, médico da antiga Grecia que xa practicou terapias físicas, co cal as súas orixes remóntanse  ao século IV a. C., case nada! A importancia desta ciencia é indiscutible no tratamento de moitas doenzas antigas e modernas. Sobradamente xustificada, pois, a súa escolla para darlle o protagonismo que merece na nosa sección de BENESTAR.

Jorge diplomouse  como fisioterapeuta pola Universidade de Vigo no 2001. Ademais é osteópata C.O. pola Escola de Osteopatía de Madrid desde o 2014.

As súas especialidades son a fisioterapia do deporte, as terapias naturais, a síndrome da dor miofascial e punción seca e a fisioterapia vestibular.

Impartiu aulas na Escola de Fisioterapia dous anos, e parte dunha materia en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Tamén deu charlas sobre ergonomía na mobilización de pacientes para auxiliares a domicilio.

Ten consulta privada desde o 2014 en Pontevedra na rúa Manuel Quiroga,  onde os tratamentos máis frecuentes que leva a cabo son dores de lombo de orixe laboral, lesións deportivas, escoliose, vertixes de orixe vestibular, trauma e osteopatía infantil, migrañas…

Jorge Arias

Benvido, Jorge, ao noso blog e moitas grazas por aceptar esta entrevista.

Se che parece ben gustaríame empezar polo principio, ou polo menos o que para min sería o principio.

Sinalabamos máis arriba a definición de fisioterapia dada pola OMS en 1958. Estás de acordo con ela ou hoxe, 63 anos despois, queda escasa? Como definirías ti a fisioterapia?

A verdade é que 63 anos despois queda un pouco escasa pero no seu momento foi unha definición bastante completa e acertada. Naquel momento a fisioterapia víase como un tratamento, pero hoxe en día non só é iso, pois o papel que ten na prevención de lesións é importantísimo. Cabe destacar tamén os avances na investigación. Grazas a eles temos novas técnicas cunha base científica probada e sólida.

Para min a fisioterapia é a prevención e tratamento de doenzas  a través de medios físicos pero sen esquecer o noso papel como educadores da saúde.

Cando soubeches que te querías dedicar a isto? Xa querías ser fisioterapeuta desde noviño ou foi algo que chegou a ti máis tarde? Quizais antecedentes familiares?

Pois a verdade é que sempre me chamou a atención a anatomía do corpo humano dende pequeno. Lémbrome da serie Érase unha vez a vida. Comprender o funcionamento do corpo, as células, o sangue, a respiración… Pero non coñecía a fisioterapia de nada. Foi con 18 anos cando vendo as carreiras relacionadas coa saúde vin unha que me chamou a atención, mirei o plan de estudos e dixen, esta é a miña. E aquí estou.

Jorge pequeno
Jorge de neno
Jorge de mozo

Comprobamos que manexas varias especialidades: a fisioterapia do deporte, as terapias naturais, a fisioterapia vestibular… Hai algunha ou algunhas coas que te sintas máis cómodo traballando? Se a resposta é afirmativa  por que?

Pois a verdade gústanme todas as que trato pero se teño que elixir unha quedo coa patoloxía de orixe laboral, porque os tratamentos son moito máis complexos. Temos que ver onde está a orixe do problema, darlle solución e unhas pautas para evitar a recidiva. Son tratamentos onde o paciente ten que poñer moito da súa parte e así funcionamos coma un equipo.

Eu, particularmente, descoñezo en que consisten algunhas delas e gustaríame que nolo explicases, por exemplo que é o que trata a fisioterapia vestibular?

A fisioterapia vestibular trata as vertixes de orixe vestibular que nun 90% son posicionais. Son pacientes que se senten moi mareados e que cos cambios de posición do corpo ou da cabeza no espazo presentan vertixes moi intensas. Todo lle dá voltas e permanecen sentados ou tumbados. En consulta, tras descartar que poidan ser motivados por patoloxía grave susceptible de ir a urxencias, valoramos e tratamos a vertixe a través dunha serie de manobras moi sinxelas e o paciente nun 85% dos casos vaise moito mellor para a súa casa.

Algo que tamén chamou a miña atención foi o das charlas sobre ergonomía na mobilización de pacientes. Podes contarnos en que consiste?

Neste tipo de charlas ou cursos ensinamos ás persoas que coidan a pacientes con dificultades, a movelos e trasladalos de forma eficiente e cun gasto enerxético menor para evitar lesións. Dores de cabeza, lumbalxias, distorsións…son moitas as lesións que podes ter ó mover un paciente sen saber ou sen ter coidado.

Supoño, Jorge, que os teus estudos na Universidade de Cádiz sobre terapias naturais viñeron completar a túa formación como fisio e osteópata, corríxeme se me equivoco. Eses coñecementos aplícalos aos teus tratamentos de forma complementaria? Ou non teñen nada que ver?

A verdade é que me chamou a atención o seu plan de estudos e quería coñecer un pouquiño máis a fondo distintas terapias naturais como a acupuntura e a fitoterapia. Como digo eu, polo menos para non falar do que non sei. Pero hoxe en día non as utilizo, hai moi bos profesionais en Pontevedra sobre estes temas.

Respecto da osteopatía cres que aínda segue habendo certa reticencia por parte da sociedade cara a esta disciplina? Podes ilustrarnos un pouco sobre en que consiste e cales son os seus beneficios?

Creo que non. Cada vez son máis os pacientes que buscan este tipo de tratamentos aínda que máis que tratamentos son unha visión da patoloxía do paciente moito máis xeral.

A osteopatía consiste en ver e valorar o paciente dunha maneira máis global, como un todo. Os síntomas están nunha parte do corpo e a causa pode estar totalmente afastada. Pode doerme  unha man e estar a causa no lombo. O tratamento é moito máis complexo xa que inclúe a parte estrutural, a visceral e a cranial. Unha vez tratadas estas tres esferas, os beneficios son rápidos e temos efectos máis globais. Actuamos sobre o sistema musculoesquelético, o vascular, o sistema nervioso central e periférico…

Jorge traballando

Traballando no lombo dunha paciente

Jorge Arias Rial

Jorge na entrada da súa consulta 

Sei que durante un tempo traballaches na Seguridade Social e ao tempo mantiñas a túa consulta privada. Como foi esa experiencia?

Pois foron 14 anos e o resultado chamouse estrés ( risas). Moitas horas, moito coche e moitos pacientes. Pero moita, moita experiencia clínica que é a base da nosa profesión. Canto máis, mellor, pero todo ten unha idade e para render ao 100% hai que baixar horas.

Cóntanos un pouco sobre o teu paso pola Escola de Fisio como profe e pola facultade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, imaxino que foi algo ben distinto ao que fas agora. Gustouche a experiencia de ensinar a outros?

Con 21 anos e a carreira fresquiña foi unha experiencia inesquecíbel. Deilles clase a amigos que fixen na facultade e era moi estraño, pero cando nos xuntamos e o lembramos, rimos. Era fisioterapia en xeriatría, clases prácticas. E na outra facultade era unha parte dunha materia que se chamaba Valoración funcional. Sempre tiven un pouco de ensinanza no sangue, pois os meus pais foron mestres. E sempre que podo e teño tempo imparto algún cursiño, o último de fisioterapia vestibular.

Cres que a fisioterapia e a osteopatía gozan do suficiente recoñecemento no mundo da medicina?

Si. Grazas á investigación en fisioterapia e na osteopatía. En saúde é a base e a maneira de facerte valer.

O voso traballo complementa e mellora moitos tratamentos médicos, non é así? Supoño que con frecuencia chegan a vós pacientes derivados por profesionais da medicina, mais tamén se produce o contrario, non?

Sempre. Cada un debe saber dos seus límites, non somos magos. O fisio debe formar parte dun equipo multidisciplinar formado por moitos profesionais da saúde cun denominador común que é o paciente. E se non sabes, deriva. Afórraslle cartos e tempo ó paciente e séntese ben tratado.

Teño entendido que moitas doenzas que nos levan á consulta dun fisio teñen bastante que ver con malos hábitos, tales como malas posturas, alimentación pouco equilibrada, etc. É así?

A patoloxía dun paciente ven determinada por tres factores que son o físico, o químico e o síquico. No físico é onde traballamos nós coas nosas mans e os distintos medios de tratamento que podemos aplicar sobre o paciente, pero tamén é importante a educación para a saúde. Ensinamos ós pacientes onde está o problema e como solucionalo e refírome a sentarse ben no traballo, levar e levantar ben os pesos, adecuar o posto de traballo, levar ben a mochila ó colexio…

Podes darnos algúns consellos para tratar de evitar certas lesións moi comúns provocadas por eses malos hábitos aos que faciamos referencia?

Son moitos os consellos que damos a diario pero hai algúns que son importantes. Cando vas ó supermercado hai que repartir o peso entre os dous brazos e evitar grandes cargas. Se vas levantar un peso do chan, flexiona os xeonllos e baixa coa columna estirada. Mellor sentarse en superficies altas e duras que en brandas e baixas. Durmir de lado coa cabeza apoiada totalmente na almofada e alineada co resto da columna. Reducir horas de pantallas para evitar dores de cabeza ou de ollos. Se estás co móbil ou co pc a pantalla debe quedar na horizontal da mirada…

A fisioterapia tamén traballa no campo da prevención. Como se leva á práctica? en charlas, conferencias…?

O ideal é cara a cara co paciente. Sempre é mellor para explicar as cousas. Por iso as charlas grupais son o mellor sistema.

Algunhas das lesións que acaban sendo graves poden xestarse na adolescencia, ou mesmo antes? Por exemplo?  Hai solucións para iso?

Si, por eso a importancia do diagnóstico precoz por parte dos distintos profesionais da saúde.

Un exemplo é a escoliose.  Cando se diagnostica  unha escoliose grave por parte do pediatra, o paciente é derivado directamente ó médico rehabilitador que con axuda do fisioterapeuta e do ortopeda confeccionan un tratamento específico para cada caso. Se este paciente non é tratado pronto, a curto ou medio prazo comezaría con síntomas que poden persistir de maneira crónica.

Jorge 2

Cal dirías que é a túa porcentaxe de éxito cos distintos tratamentos que levas a cabo? Cales son as doenzas máis difíciles de tratar?

A verdade é que nunca o pensei, pero para min o éxito é que che veña un cliente porque foi recomendado por outro. Aí é cando penso que a cousa funciona.

En canto ás doenzas máis difíciles de tratar, quizais aquelas onde o paciente ten unha patoloxía central grave como o alzhéimer ou outro tipo de demencias ou alteracións da sensibilidade. Nestes casos non temos o total control da situación.

E xa para rematar gustaríame que nos deses a túa opinión sobre o labor realizado por compostores e menciñeiros que, aquí en Galicia, conta cunha gran tradición. Cres que é intrusismo ou respectas os seus métodos?

Este é un tema complicado na nosa profesión pero tamén para o resto de profesionais sanitarios. Sempre digo que o paciente ten a liberdade de elixir pero hoxe en día a xente conta coa información suficiente para saber onde ir e onde non.

Moitas grazas, Jorge, por dedicar parte do teu prezado tempo a contestar as nosas preguntas.

                                                                                                                            

                                                                                                                             Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Manel Monteagudo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥