José Fernando Filgueira Iglesias naceu en Pontevedra o 5 de outubro de 1940, fillo de José Fernando Filgueira Valverde e María Teresa Iglesias Oscáriz.

Foi o segundo fillo de cinco, catro mulleres (Araceli, Teresa, Pilar e Ánxeles) e el, o único varón.

A súa infancia e adolescencia transcorreron na gran casa familiar que tiñan en Arcebispo Malvar, que contaba con tres entradas.  A planta superior da vivenda estaba alugada e as fillas dos inquilinos xogaban con eles  no gran xardín da propiedade. A planta baixa era para o servicio, pasar o ferro, e lavadoiro, no primeiro andar estaban os dormitorios, cociña , comedor e salas de estar. A vida dos rapaces transcorría entre o xardíns e as habitacións do baixo.

Empezou na escola, que montara a Deputación no hospicio, aos 4 anos, onde se utilizaba o método Montessori. Lita Rodríguez Figueredo, Rita e Celia García Alén eran as súas mestras. Nas aulas había nenos e nenas e ían tamén os/as rapaces/as do hospicio. O primeiro día partíanlle os lapis e os cadernos en dous para compartir cos que menos tiñan, despois do cabreo inicial, comprendías o valor de compartir cos demais. Nesa escola botou dous anos e foron os seus compañeiros Abeigón, Moreira Carrascal etc.., logo foi ás Doroteas, onde fixo a primeira comuñón, alí a que mandaba era a madre Ramírez, de Lugo como a súa nai.

Familia Filgueira Iglesias
Familia Filgueira – Iglesias

Aos 7 anos pasou a un colexio a facer a Preparatoria para entrar no instituto, estaba na rúa Peregrina, o mestre era Cándido Lozano Zuza, mestre curioso e innovador que marcharía a Suíza e posteriormente a Venezuela para facer a licenciatura de Psicoloxía na Universidade Católica Andrés Bello.

Don Lino García García era profesor de Relixión, arcipreste de Lérez, ecónomo da Peregrina e prelado doméstico de Su Santidad, era como un tío maior ademais de director espiritual da súa avoa. Con el empezou de sancristán na Peregrina con 10 anos, Era un crego de rito austero evitando sempre que non se che puidera aplicar aquilo de  “Se queres ver un papán mételle un incensario na man”….

comuñón Fernando
O día da primeira comuñón
Fernando Monaguillo
Fernando de monaguillo
Fernando e o can
Fernando e un can
Fernando 13 anos
Fernando con 13 anos

Aos 9 anos entra no instituto, onde tivo profesores da talla de Viéitez en Matemáticas, D. Mariano en Ciencias, Julián Álvarez Villar en Arte, Ramón Dios Vidal, catedrático de Física e Química que viña becado de Oxford, mais en 4º deulle esta materia Mosquera Caramelo, que tiña unha farmacia en Carballedo; Aquilino Iglesia Alvariño en latín e, como non, José Filgueira, profesor de literatura, que como era o seu pai non podía puntualo, iso facíano outros profesores que interrompían sen avisar no medio da clase para facerlle preguntas.  O profesor de EF foi Abeigón (médico) aínda que durou pouco no posto a raíz dun incidente cun chifre que mercou na ferretería Varela e fixo que os profesores protestaran polos asubíos no patio interior, logo tería a Joaquín González, pai de Nené.  

 En 3º de bacharelato chegaron Corrochano, que veu a Pontevedra como Xefe  provincial do Fronte de Xuventudes e procedía da Escola de Mandos, “José Antonio” de Madrid, Rodiño e Lilo Paz foran os seus axudantes  Corrochano tiña uns dotes de mando excepcionais, recorda que se puña de lado do plinto para dar seguridade e corrixir os alumnos. El non saltou nin o plinto nin o potro ata 4º, axudado nun verán polo seu amigo Roberto García Alén. Formou parte do equipo de atletismo. Facía medio fondo, chegaron a ser campións nacionais de Ximnasia Educativa.

Carreira 1200 en Balaidos
En Balaidos nunha carreira de 1.200 metros
Oro nacional

Ao cumprir 18 anos quixo facer a mili por milicias universitarias, pero en agosto do 58 o pai díxolle que o dia 1 se presentara no cuartel de San Fernando voluntario en Parques e talleres, tendo,  durante tres anos nos veráns, oficina polas mañás e gardas polas tardes,  o cal lle cortou as amizades e non lle permitiu  examinarse por milicias.

“pero o titulo non daba chegado, e nese tempo de “impas” considerouse médico polo Vaticano.

Jose Fernando Filgueira Iglesias

No cuartel de San Fernando había ao entrar un mosaico con uns versos de Calderón de la Barca que tivo que aprender de memoria. Eran 16 versos que memorizou en poucos minutos. O sarxento ficou abraiado porque o normal era que se tardasen unhas horas e el explicoulle que os libros de Medicina tiñan mais de mil paxinas  que aprendelos de memoria.

Aquí la más principal
hazaña es obedecer
y el modo cómo ha de ser
es ni pedir ni rehusar.

Aquí, en fin, la cortesía,
el buen trato, la verdad,
la firmeza, la lealtad,
el honor, la bizarría,
el crédito, la opinión,
la constancia, la paciencia,
la humildad y la obediencia,
fama, honor y vida son
caudal de pobres soldados;
que en buena o mala fortuna
la milicia no es más que una
religión de hombres honrados.

A súa idea era ser catedrático de literatura pero decatouse que o seu nivel de latin era moi cativo e decidiu facer PREU para facer Medicina cousa que seu pai aprobou xa que había máis médicos na familia. Para arranxar a eiva que tiña coas  matemáticas tomou clases particulares con Astor, o que lle permitiu aprobar a selectividade e tamén as matemáticas de primeiro de Medicina

Marchou a Santiago e quedou os dous primeiros anos  na “Estila” unha residencia do OPUS DEI, logo virían as súas irmás Teresa e Araceli, que estaba en Navarra, e quedarían nun piso alugado na praza de Cervantes onde tivera a súa primeira consulta o Dr. Luciano García Alén.

Dos profesores da carreira lembra a D. Luís Iglesias Iglesias, moi bo profesor, que mirando co microscopio facíalle debuxar as celiñas da cáscara dunha cebola e a impronta dunha pataca tinguida con lugol, practica que xa fixeran en 3º de bacharelato no laboratorio de Don Mariano, e decepcionouse un pouco co sistema, lembrábase da frase de Alfonso X o sabio “Estudio é comunión de mestres e escolares” de alí xa viñamos. Rivas Márquez foi un profesor brillante, Echeverri en Anatomía, Ramón Domínguez catedrático de fisioloxía. As prácticas clínicas resultábanlle decepcionantes , máis de 40 alumnos nunha aula en escaleira cun enfermo no medio e o profesor percutindo no corpo do doente ante o balbordo dos demais.

Cando gañou a cátedra de Santiago, o profesor Perianes Carro viña de Madrid tres días por semana e no meu curso acumulara a Patoloxía Xeral e a Médica I mesturando os alumnos das dúas  materias e dando media hora de unha e media da outra. Era un bo profesor, pero a el pareceulle inmoral a acumulación das dúas cátedras  e decidiu marchar para Navarra a unha facultade incipiente, do OPUS DEI, onde cando chegaron eran 12 alumnos por aula, logo pasaron a 25, dos que 3 eran de Santiago. Alí entrou en 5º de carreira coa Patoloxía Xeral  de 4º. Vivía nunha pensión con outro compañeiro de Santiago.  

O decano, D. Eduardo Ortiz de Landázuri, tivo cos tres galegos un encontro paterno filial. Baixaba don Eduardo as escaleiras da facultade cara a cafetaría, coa plana maior do profesorado; fixéronse a un lado para deixalos pasar,  parou e abrazounos os tres e díxolles :”Que? Vostedes son os galegos que comezan hoxe?”  Responderon que si. “Pois veñan comer connosco”. “Non, xa o fixemos”. “Pois logo veñan a tomar un café”. Fomos e sentamos xunto con todos eles,  aquilo abriunos de verdade as portas da Facultade, que estaba en Barañaín, a 5 km de Pamplona, onde practicamente facían a vida.

Fernando estudante
Durante unhas prácticas

En Pamplona estivo desde o ano 1961 ata o 64 que se licenciou, os dous primeiros anos tiña que examinarse en Zaragoza de oínte, xa no terceiro ano puido facelo en Navarra pero o titulo non daba chegado, nese tempo de “impas” considerouse médico polo Vaticano.

A Pontevedra viña pouco, polo Nadal e no verán ata pasado San Fermín, alí estaba como alumno interno. No Nadal de 1964 volveu á casa disposto a atopar traballo e pediu unha beca de axuda   na Universidade de Navarra que lle concederon de maneira indefinida, en medicina interna, gañaba 3000 pesetas.  Aínda non tiña o titulo de médico e rumoreábase que llo ían dar pola Universidade Católica de Lovaina, finalmente o estado español recoñeceu os títulos de Navarra, daquela os Médicos en Formación non tiñan que estar colexiados. Estivo alí nunha praza de axudante de medicina interna ata marzo de 1965, catro meses.

D. Eduardo Ortiz, o decano díxolle que se preparara para unha praza de bolseiro para a Deputación de Navarra, pois precisaba unha persoa de confianza e leal a Universidade, botou os papeis e concedéronlla. Pasou a vivir na residencia cun soldo de 1800 pesetas, mantido e con ¼ kg de café comida e cea, logo pasárono a consultas externas e deixou a residencia.

O seu xefe e mentor  D. Jose Bueno Gómez Prof. De Patoloxía Xeral e formación xermánica díxolle que tiña que pensar en  marchar para Alemaña, nese momento Navarra era a única facultade de España que tiña Alergoloxía no seu programa docente con Alberto Oehling Ruiz como xefe do departamento quen lle conseguiu unha praza de “médico invitado” no “Instituto de Investigacións alergolóxicas e Astha-Klinik” en Bad Lippspringe baixo a dirección do Prof W Gronemameyer pero como a lingua era un obstáculo recomendáronlle que buscara un profesor de alemán, mais el non tiña nin medios nin tempo, pediu que lle  conseguiran unha praza no  Goethe institut, onde tivo que pagar 1500 marcos por 8 semanas de aprendizaxe intensiva con 6 horas de clase e outras tantas de estudo, os cartos emprestoullos un crego  de españois, el quería firmar un papel, non obstante  o crego díxolle: ”Que vale máis  a túa firma o a túa palabra?”, e así quedou. Seu pai mandoulle 750 marcos e logo o resto. A súa profesora era alemá-brasileira, ao principio só falaba en infinitivo, pero ao cabo das 8 semanas xa puido dominar un pouco o idioma, ademáis que con axuda da bibliografía que lle daban poidese continuar aprendendo.

Volveu ao instituto de alerxia e asma e estivo alí ano e medio, cobrando o soldo de médico adscrito.

Veu a Pontevedra casar en xuño de 1966 con Elena Álvarez Calvo a súa noiva do instituto, estaba nun curso menos ca el, coñecéraa por amigos comúns e comezara na cuadrilla  ata que logo pasaron a ser dous, cando se prometeron decidiron casar antes dos 5 anos de   noivado e así o fixeron, aos 4 anos, once  meses e un día. Cando el marchou para Navarra ela foise para Londres un ano, o seu foi un noivado postal, escribíanse case todos os días, logo ela foi para Bilbao facer un curso de arte e xa se vían máis as fins de semana.

Boda Fernando
O día da súa voda con Elena

Levou a Elena para Alemaña e cos cartos que lle regalaron da voda mercaron un Volkswagen, alí naceron José e Astrid Elena que se levan un ano. Cambiou de hospital e quedou ata maio do 70.  Nun congreso alemán de alerxia atopou a o Dr. Oehling e ofreceulle unha praza en Navarra. Lembraba o que lle dicía seu pai “É mellor volver e confundirse que quedar e confundirse”.

En xuño do 70 naceu Elena, deixou a muller e os 3 fillos en Pontevedra e volveu a Navarra aínda que viña todas as fins de semana. Dadas as circunstancias pediu un aumento de soldo pero como non llo deron despediuse e montou en Pontevedra unha clínica privada de Alergoloxía  en Augusto González Besada, antes de abrir xa tivo o seu primeiro paciente, un home que tiña unha dermatite exfoliativa por alerxia á penicilina.

En febreiro do 71 empezou a consulta privada e a mediados do 72 chamárono do Hospital para cubrir unha praza de adxunto interino, compaxinaba a privada coa pública. Cando abriu Montecelo interesouse por unha praza de adxunto que gañou e tomou posesión alí, durante un breve período de tempo compaxinaba a súa consulta co Hospital e con Montecelo despois renunciou a praza do Hospital.

En outono do 1976 concursou a unha praza de Xefe Clínico de Medicina Interna no recentemente inaugurado Hospital “Arquitecto Marcide” do Ferrol  en ausencia do Xefe de Servizo, puido exercer esa función durante dous anos, foi unha grande experiencia coñeceu a xente interesantísima e quedou vacinado para non aspirar nunca mais a unha xefatura de Servizo. En Ferrol di que ten a marca galega de gardas continuadas en 12  días e tamén de ser o primeiro, que el coñeza, de sanitario agredido no Servicio de Urxencia con fractura de xeonllo.

fernando douctor

Todo isto promoveu a súa volta a Pontevedra, ingresando de novo no Hospital Provincial, do que será director médico desde 1989 a 1992 e onde deu forma ao Servizo de Alergoloxía.

 Xubilouse o 31 de agosto de 2008 e o 4 de setembro dese mesmo ano a Elena empezáronlle  a doer a costas e descubriron que tiña un cancro de pulmón, polo que volveu a meterse na roda da medicina como acompañante da súa dona aos tratamentos, mais no Nadal de 2011 Elena morreu e no 2013 pechou a consulta.

Coñecía a Silvia de toda a vida. Seu pai, Manolo, era o seu padriño; ela xa enviuvara e viña sempre a Pontevedra en vacacións estivais.  No verán do 2012, cando veu de vacacións, a el dixéronlle que “había que mover un pouco” a Silvia que lle quedaba moito de Galicia por coñecer e a ela que “tiña que tirar de Fernando para saír”.  Así foi como empezaron a facer viaxes de un día, moito tempo de cabina. Ao rematar o verán, ela volvía para Madrid e el lanzouse e acordaron vivir xuntos.

Considérase un home que ama a cultura pero non lle puido dedicar o tempo que merecía. Sirva de exemplo, a súa etapa no Ateneo. Empezou cando, despois da presidencia de Juan Fraga, non atopaban substituto, e formouse un grupo con Antón Louro, Carlota Román e Palleiro, Marisa Paredes, Xaime Domínguez Toxo, Anton Sobral e moitos máis e pedíronlle que entrara con eles na directiva; aceptou, pero daquela, coas horas na clínica e no hospital, non tiña nin tempo para ler.

Cando Justo Peón lle fixo unha entrevista na radio sendo director do hospital, mandou a un periodista á rúa a preguntarlle á xente se coñecían a Fernando Filgueira, só dous de vinte sabían que era médico, algún que era fillo de Xosé Filgueira e outros non o  coñecían, aí desapareceu a soberbia toda, foi unha cura de humildade moi grande. “Pode un  pensar que te coñece todo o mundo pero es un “niquitate, en realidade non te coñece ninguén”

Filgueira

Falamos de viaxes cóntanos que ten dúas inesquecibles e as dúas teñen que ver con subidas de dous ríos, o Nilo e o Douro. No  Nilo foi cando tivo ocasión de coñecer a vella  cultura exipcia da man dun guía con ampla información de relixións comparadas  a relación da plebe cos deuses, e sobre todo a do Sumo Sacerdote interpretándolle ao faraón a vontade dos Deuses nun punto onde a cripta dos templos volve a ter dimensións humanas   iso impactoulle moito.  A do Douro foi no barco dun amigo desde Porto a España pasando polas esclusas, a paisaxe e engaiolante

Para Fernando a paisaxe máis bonita está no Monte de  Santa Tegra e un sitio onde se pode gozar da tranquilidade sería Noalla.

Non lle quedan cousas sen facer, quere seguir vivindo acompañado por Silvia e os seus fillos “para ben criados”. Tivo a sorte de abrir tres hospitais, ter tres fillos, tres netos, adquiriu o titulo de Mártir Sanitario, aprendeu moito dos movementos sindicais, deuse conta que en Pontevedra tiña amigos, séntese de Pontevedra, pero non ptv,  porque nunca exerceu diso.

Deixamos a Fernando pensando que talvez queden cousas sen contar, teriamos para un par de días máis, iso seguro.

Fernando no granero Delmás
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Luisa

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥