Coñecín a Chema nunha xuntanza de ASAEXS á que fun convidada, logo nas reunións do PUM e colaborou con nós vindo a radio para contar que era iso da Universidade de Maiores na Uvigo e que tipos de estudos se podían facer.

Hoxe a nosa historia de vida é a de José María Fernández Vázquez 

José María Fernández Vázquez naceu o 11 de agosto de 1955 na Casa de Maternidade de Bilbao. Fillo de José Fernández Rial nado en 1927 no Lugar de Formarís da parroquia de San Cosme de Oíns (Arzúa), era o cuarto de catorce irmáns; e de María Vázquez Balboa nada en 1931 no Lugar de Xixirín da parroquia de Santa María de Dodro (Arzúa) e é a terceira de nove irmás. Coñecéronse, sendo moi novos, na festa da parroquia del; xa que María ía á festa convidada pola familia da súa nai, que nacera no lugar de Ferradal desa parroquia. Aí comezaron a mocear.

Chema no 55
José Mª e a súa nai no 1955

Cando José rematou o servizo militar, en 1951, marchou para Bilbao por mediación dun matrimonio coñecido da familia de María e disposto a traballar no que saíra. Este matrimonio vivía en Masustegi “o barrio galego” . Ao pouco chamou por María para que fora, aínda non casaran, o que para esa época era un pouco “chocante”. Alugaron un cuarto a unha viúva que vivía nun faiado na Travesía Euskalduna e casaron o 22 de setembro de 1951 na Igrexa de Santa Ana e San Nicolás de Bari (barrio de Olabeaga) acompañados só por este matrimonio que os axudara e por outro paisano que asinou como testemuña.

José pronto empezou a traballar: primeiro no garaxe San Mamés no que aproveitou para obter todos os carnés de conducir e logo nos talleres Omega, como chofer do empresario. Pasado un tempo, púxose a traballar de taxista como asalariado e pronto mercou unha licenza e o coche: un Renault 4CV, máis coñecido como o “catro catro”. No ano 1958 compraron un piso en Basurto.

Á familia chegou primeiro José María, como queda dito no 1955; logo Mª Luisa en 1957 e en 1958 Eva.

José María non ten recordos nítidos do seu paso polo Colexio Público Basurto, na actualidade CEIP Basurto, xa que estivo pouco tempo. A causa? Que a finais do ano 1962 a familia trasladouse á Coruña.

Seu pai sempre quixo volver a Galicia a pesar de que as cousas lle ían ben en Bilbao; non así a súa nai que, aínda hoxe en día, recorda con cariño e nostalxia ese tempo. A oportunidade xurdiu con motivo dunha xuntanza nacional de taxistas en Madrid na que José amizou cun taxista de A Coruña e díxolle da posibilidade de mercar unha licenza nesa cidade. Dito e feito, vendeu a licenza e o 4CV, tan querido polos fillos xa que os levaba polo verán a pasar as vacacións na aldea.

“Un soño e tamén un reto sería facer o Camiño de Santiago devagar desde Roncesvalles en solitario

Jose Mª Fernández Vázquez

Xa que logo, o 30 de novembro, recordado porque é santo do avó Andrés, de 1962 a familia emprende viaxe definitivo cara á Coruña. Como venderan o coche, José mercou un vello coche que a José María lle lembraba como un dos que máis tarde miraría na serie “Los intocables”. Na Coruña alugan un piso no barrio Os Mallos, preto da estación do ferrocarril.

José empeza a traballar como taxista co vello coche, aínda que por pouco tempo xa que o vendeu e adquiriu un novo: mantívose fiel a Renault e desta volta foi o substituto na marca do vello 4CV, un Gordini, tamén coñecido como “o coche das viúvas”

Xa na Coruña, José María, foi ao colexio Concepción Arenal, na actualidade CEIP Concepción Arenal sendo un dos máis antigos da cidade. Ía xunto a súa irmá Mª Luisa, e lémbrase, sobre todo, do vaso de leite que lles daban a media mañá,  o leite en po da Axuda Americana.

Con nove anos fai, xunto a súa irmá, a Primeira Comuñón na parroquia de S. Rosendo.

Da súa infancia di que o seus mellores recordos son as estancias que pasaban na aldea, sobre todo na casa do avó Andrés, cos tíos Enrique, Aurora e Soledad.

Era o estar en contacto coas tarefas da labranza: sementar, a sega, a malla, recoller a herba seca e facer o palleiro, ir ao monte a por leña, estrar a corte das vacas etc.; o contacto cos animais, chamar as vacas… e sobre todo, agora con moita nostalxia, escoitarlles falar en galego: a nós, urbanitas, procuraban falarnos en castelán.

Chema na besta en Xixirín
Jose María en Xixirín 1962
comuñón chema 1964

Para prepararse para a proba de ingreso ao bacharelato súa nai levouno á Academia Céltiga situada na zona de catro camiños, onde D. Demetrio de mandilón e caxato, que utilizaba para apoiarse e ciscar a máis dun, axudouno nesta tarefa.

Unha vez superada a proba no Instituto Masculino, a dúbida xurdiu para ver onde ía estudar o bacharelato. Unha veciña da familia, comentoulle á súa nai que o seu fillo iría a estudar ao Colexio Salesiano e que tiña “mano” para entrar se quería.  Contouse co consello de D. Demetrio que dixo: “se vostede pode, mándeo aos Salesianos, aí sairá ben formado”, e así o fixeron os pais.

Chema nos salesianos 1966
Jose María nos Salesianos 1966

Como o colexio pillaba lonxe da casa, tanto José María como o seu amigo, tiñan que coller o trole. Ás veces, pola mañá, o leiteiro que tiña a leitería na mesma rúa levábaos no Land Rover co que repartía o leite e chegaban unha hora antes, sempre era bo aforrar unhas pesetas xa que tiñan que ir tamén polas tardes.  Daquela, no horario escolar, librábase os xoves as tardes e os sábados pola mañá había clase e, amais, os domingos pola mañá misa e pola tarde cine.

A maioría dos profesores eran curas, agás D. Pantaleón que daba Formación del Espíritu Nacional e un  militar que era o encargado da formación física. De todos eles lembra con agarimo a D. Fidel, que era o titor e profesor de matemáticas en primeiro de bacharelato, que lle tiña unha grande estima polo aplicado que era; ademais, D. Fidel tocaba o acordeón e recorda, especialmente, a interpretación que facía da canción Il mondo (Jimmy Fontana).

Dábaselle ben o latín pero fixo o bacharelato por ciencias. A súa foi a primeira promoción de COU (curso 1971-72). Compartiu aulas durante eses sete anos con compañeiros que logo fixeron unha próspera traxectoria profesional e, algúns, implicáronse en  política con altas responsabilidades, como Antolín Sánchez Presedo ou Francisco Javier Losada de Azpiazu.

Ao rematar o COU, vén a grande dúbida, que facer? A economía familiar non daba para ir a Santiago, aos tres irmás hai que engadir a Fernanda que naceu en 1970 sendo a raíña da casa. 

Entón xurdiu a solución de facer o servizo militar como voluntario e, así, solicitou praza na cota para o reemprazo de abril de 1973 do Batallón Mixto de Enxeñeiros da BRIAT (A Coruña) sendo destinado á Cía. de Transmisións. Así pois, con 17 anos, incorpórase ao CIR-13 en Figueirido para facer o período de instrución. Ao rematar este, reincorpórase a súa unidade na que vai facendo os cursos de Cabo e Cabo 1º e, antes de se licenciar, convocouse un curso de ascenso a sarxento; fai o exame de ingreso na Academia de Enxeñeiros (Hoyo de Manzanares, Madrid) e ao aprobar é cando toma a decisión de continuar a carreira militar. Fórmase na especialidade de Transmisións.

1973_CIR-13_Voluntarios BMING- agachado 4 esquerda1
1973_CIR-13_Voluntarios BMING
1977_CT-9.jjpg
1977_CT-9

Ascende a Sarxento en xaneiro de 1976, con 20 anos. Lembra que cando se presentou, xunto a outros compañeiros, escoitaron a un suboficial máis veterano dicir “aquí temos aos sarxentos do Rei”; acaba de morrer o ditador e xa reinaba Juan Carlos I.

Como Sarxento de Transmisións estivo destinado en dous Centros de Transmisións: CT-9 (Espinosa de los Monteros, Burgos) e CT-11 (Manjarín, León). Estes equipos de comunicacións tiñan a peculiaridade de precisar unha visual directa coas demais estacións para así estar intercomunicadas, de aí que todos os CT,s estiveran situados en lugares elevados e solitarios:  CT-9 no cumio Picón Blanco (1.529 m.), agora coñecido por rematar etapas de ciclismo, e o CT-11 no chamado Labor del Rey (1.531 m.), preto da Cruz de Fierro do Camiño de Santiago entre Astorga e Ponferrada.

No CT-9 estivo destinado por dúas veces: da primeira lembra, con orgullo, que foi o primeiro mando que tomou posesión deste Centro nunhas condicións moi duras e complicadas.  Daquela, setembro de 1976, só estaba construído o edificio no que ían os equipos de comunicación, e como queira que comezaron a instalación destes porque era a prioridade,  déronlle a orde de ocupar o Centro para dar a correspondente seguridade. Xa que logo, ao chegar ao Centro tiveron que aloxarse nunha parte do barracón que utilizaban os obreiros que estaban, nese momento, construíndo o edificio destinado á vida do persoal militar.

En xuño do 77 veu destinado ao CIR 13 de Pontevedra onde permaneceu pouco máis de medio ano.

A Isabel coñeceuna na Coruña, era compañeira de instituto da súa irmá Luisa e fixéronse noivos no ano 1975, casaron na Coruña no 1978. Xa matrimonio trasládanse a Espinosa de los Monteros, onde José María comeza a súa segunda etapa no CT-9. Lembran, tamén, con agarimo eses primeiros momentos de vida en común nesa pequena vila de pouco máis de 1.500 habitantes. Nese mesmo ano, nace na Coruña o fillo máis vello, Isaac (hoxe coñecido escritor e tradutor co nome de Isaac Xubín).

No 1980 toca mudanza, desta volta para vivir en Astorga, a poboación máis próxima ao destino no CT-11. En 1981 chega á familia César, que tamén nace na Coruña. Os pais quixeron que os seu fillos foran galegos de nacemento.

Estando en Astorga convocouse un concurso-oposición para ingresar na Escala Especial de Oficiais, para o que estivo preparándose durante seis meses sacrificando tempo de lecer del e da familia.

Unha vez  superadas as probas de ingreso,  o plan de formación contemplaba dous cursos en réxime de internado: 1º curso na Academia Especial Militar (Villaverde, Madrid) e 2º curso na Academia de Oficiais de Enxeñeiros (Burgos). Durante a estancia en Madrid podía desprazarse a fin de semana a Astorga, pero non así no segundo ano polo que Isabel e fillos marcharon para a Coruña para estar cos pais. Destes dous anos quédase coa valentía e mérito de Isabel por quedar soa cos fillos tan pequenos e resolver situacións complicadas, sobre todo de saúde, das que el sabía a posterior xa que ela non quería preocupalo e que pedira a baixa coma fixeran outros compañeiros del.

1984_EntregaDespachos
1984_Entrega Despachos de Tenente, con Isabel, seus pais e seus sogros

Unha vez rematada a fase académica en xuño de 1984, ascende a tenente e foi destinado a Xixón, os seus mellores anos no profesional, dime. Por disolución da Unidade viuse na necesidade de pedir novo destino, era o ano 1988 e asignáronlle praza na Coruña. Sempre recordan que cando se subiron ao coche e quedou atrás Xixón, esvaráronlles unhas bágoas polas meixelas.

Ao chegar á Coruña e seguindo a tradición familiar, o seu sogro tamén estudara alí, os fillos foron estudar aos Salesianos, meteuse na directiva da ANPA do colexio. Tamén acorda, de esta etapa na Coruña, o seu inicio no saber da nosa lingua; no ano 1989 saíu un curso, promovido pola Xunta, de iniciación á lingua galega para persoal civil da administración militar, el e outros compañeiros militares puideron facelo aducindo ter relacións coas administracións civís e que necesitaban empregar o galego e, deste xeito, puideron facelo. Máis tarde faría o de perfeccionamento e o de linguaxe administrativa galega en Pontevedra.

No ano 1992, ao ascender a capitán, volta a moverse, desta vez destinárono a Pontevedra, onde pasou por varias Unidades, entre outras, estivo destinado no Centro de Recrutamento nun momento moi significado: a transición dun servizo militar obrigatorio a unhas FAS profesionais.

Os fillos estudaban no IES Sánchez Cantón e, nese tempo, formou parte da xunta directiva da ANPA, implicándose, sobre todo nas actividades deportivas, das que destacaba o equipo de baloncesto, sendo importante a procura de patrocinios e a contratación de monitores, acórdase de Elías Espiñeira que co tempo sería Director Xeral do Pontevedra CF.

Ascendeu a Comandante no 2002 e puido quedar en Pontevedra e non así no 2010, cando ascende a Tenente Coronel,  que o destino quixo que rematara a súa carreira militar onde a comezara, na Academia de Enxeñeiros (Hoyo de Manzanares, Madrid). Pasa á situación de reserva, por imperativo legal como di, en agosto de 2011.

Di que o feito de colgar o uniforme, xa que logo, transforma a súa vida e decontado cambia o chip. Pon en práctica algúns dos proxectos que tiña no maxín cando, no pasado, pensaba no que facer cando rematara a etapa profesional: universidade, escola de idiomas, tempo de lectura etc.

_2003_BodasPrata
 2003_Vodas de Prata

De primeiras, pensou en realizar devagar algunha licenciatura relacionada coas ciencias sociais na UNED, pero casualmente un amigo, Carlos Mouriño, faloulle do Programa Universitario para Maiores (PUM) que a Universidade de Vigo ofrecía no Campus de Pontevedra e que el acababa de rematar.

Meu dito, meu feito, non só se matriculou el senón que tamén Isabel: era o curso 2011-2012. Despois viñeron outros dous cursos até completar o ciclo intensivo; lembra con agarimo ás compañeiras e compañeiro e ao profesorado, algún/ha eran profesores xubilados/as dos IES da cidade: Domingos Antón García, Elena Santillán, Mª José Manzanares e Carlos Carballido, que sería o padriño no acto de graduación.

Como delegado do seu curso, correspóndelle falar polo alumnado no acto de graduación da X Promoción de Graduados/as Universitarios/as Séniors (título propio da UVigo) e faino cun texto que titula Xerontolescencia, no que desenvolve o concepto ideado polo médico brasileiro Alexandre Kalache, que durante 14 anos foi o responsable do programa de envellecemento da OMS.

2014_Graduacion
2014 Graduacion

Ao mesmo tempo que cursa o PUM segue con moito interese calquera acto cultural, especialmente literario, que se programa na cidade e faise socio do Ateneo de Pontevedra.

O PUM da UVigo está configurado por dous ciclos: o chamado “intensivo” que é o configurado con materias ad hoc para o alumnado sénior e o denominado “integrado” que ten por finalidade a posibilidade que séniors poidan integrarse en materias  que se cursan nos distintos graos da Universidade. Para poder acceder a estas materias do integrado o alumnado sénior ten que ter superado o ciclo intensivo, ou ben, ser titulado universitario co que pode acceder directamente. Cando José María remata o ciclo intensivo, no Campus de Pontevedra, dábase a circunstancia de que non había materias para configurar o integrado polo que remataba toda posibilidade de continuar. Desta situación falou co profesor Celso Cancela quen lle dixo que sería bo que expuxera esta anomalía ao Vicerreitor responsable desta.

2014-08-31_LA VOZ_Universidad también de mayores
Artigo na Voz de Galicia 2014

Todo ía mudar nese verán do 2014, por unha banda a celebración, en Vigo, dunhas xornadas sobre Asociacionismo en los Programas Universitarios de Maiores e, por outra banda, o nomeamento da profesora Ana Acuña como coordinadora do PUM no Campus de Pontevedra.

Das xornadas tivo coñecemento, casual, a través de internet e inscribiuse. O acto inaugural foi no teatro García Barbón cun relatorio de Eduard Punset. Ao chegar foi presentarse ás persoas que organizaban o acto e que entregaban as credenciais e cando se decataron que viña do Campus de Pontevedra, foi cando o presidente da Asociación de Alumnado Sénior de Vigo lle preguntou pola Asociación de Pontevedra. A sorpresa de José María foi total: asociación de alumando sénior de Pontevedra? “nos tres anos que levo no Campus, endexamais escoitei falar de tal asociación”. Entón foi cando Alejandro Otero, presidente da asociación do Campus de Vigo e de FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors), tamén estrañado, lle informou que en Pontevedra había asociación, que de feito estaba rexistrada, e da que, efectivamente, levaba moi tempo sen saber nada dela. A partir destas conversas e datos recibidos, José María saíu co convencemento de que tiña que pór en marcha a Asociación.

De volta, o primeiro que fixo foi convocar aos delegados dos cursos que nese momento se estaban impartindo, Rubén Pascual e Susi Magariños, para lles informar do coñecido en Vigo e confirmar a oportunidade de pór en marcha a Asociación. Xa que logo, comezou unha xestión laboriosa: por unha banda,  pescudar sobre a situación administrativa da asociación e, por outra, conseguir o contacto co alumnado actual e os/as exalumnos/as.

Así pois, o primeiro que fixo foi consultar na Xunta de Galicia, se estaba rexistrada unha asociación de alumnado sénior da UVigo en Pontevedra. A resposta foi afirmativa: “Asociación de Alumnos e Exalumnos Sénior da Universidade de Vigo – Campus de Pontevedra” (ASAEXS), rexistrada o ano 2008.

Desta consulta, tamén se soubo quen era o presidente nese momento e, de resultas de contactar con el, dixo que unha vez realizada a asemblea fundacional e feitos os trámites de rexistro, procedeuse a convocar eleccións á xunta directiva, como non se presentou ningunha candidatura aí quedou a asociación: nun caixón. Así que agora tocaba recoller a documentación que había: unha copia dos estatutos e da acta fundacional e facer toda a tramitación precisa para actualizar e pór en marcha a asociación.

O segundo paso, unha vez contactados, foi convocar unha reunión co alumnado e exalumnado do PUM para informar sobre a situación actual da Asociación e solicitar, aos  asistentes, o seu apoio para poñela en marcha xa que, dende ela, poderíase influír para mellorar a calidade e o bo funcionamento do PUM no noso campus, tanto a nivel de materias ofertadas, como instalacións; así como atraer a exalumnado para formar parte da asociación e mesmo retomar estudos á beira das novas materias implementadas; manter as necesarias relacións co profesorado e co equipo reitor etc. Por outra parte, dende a Asociación poderíase dar a coñecer á sociedade pontevedresa desta oferta que proporciona a Universidade e que, desgraciadamente, vemos que son poucas as persoas que a coñecen e, polo tanto, somos pouco o alumnado. Tamén poderemos propor e organizar distintas actividades (culturais, recreativas etc.) e acceder a axudas ou subvencións.

A reunión tivo lugar o 2 de marzo de 2025 e asistiron un total de 29 persoas, 11 alumnos/as e 18 exalumnos/as, que acordaron por unanimidade o proposto e que se convocase unha xunta xeral extraordinaria para elixir xunta directiva.

Como se dicía máis arriba, o outro feito relevante para José María en relación ao ciclo integrado, foi cando a profesora Ana Acuña foi nomeada coordinadora do programa xa que comezou a pedir ao profesorado de grao que abriran as súas materias aos sénior, hai que ter en conta que a maioría deles descoñecían que existira un PUM. De feito, no curso 2014-2015 pódense cursar até seis materias de grao. José María matricúlase en dúas e comeza o itinerario para ter o título de Graduado Superior Sénior.

Cómpre subliñar a data do 13 de abril de 2015, na que se celebra a asemblea extraordinaria na que sae a primeira xunta directiva de ASAEXS, que queda composta por: José María, como presidente; Miro Currás, vicepresidente; Rubén Pascual, secretario; Susi Magariños, tesoureira e Pilar Rodríguez, como vogal. Nesta directiva están representados todos os cursos e o exalumnado.

2015_1ªDirectivaASAEXS
2015_1ªDirectiva ASAEXS José María; Miro Currás ; Rubén Pascual; Susi Magariños, e Pilar Rodríguez
2017-06-23_VOZ_GraduaciónsSéniors-1

Como presidente da ASAEXS propúxose ter unha sesión cultural cada mes, na Casa das Campás, ben con relatorios co profesorado co que tiveron clases no PUM e así manter o contacto, ou ben, pór en valor traballos interesantes e mesmo libros feitos polo alumnado sénior. Por outra banda, procurar unha relación co resto de asociacións de Pontevedra para darse a coñecer e colaborar:  Ateneo, Cedofeita, O Burgo etc. A todo isto, engadir o contacto cos medios de comunicación que fixeron difusión destas actividades.

Ao mesmo tempo matriculouse na Escola Oficial de Idiomas, durante tres cursos, acadando o  C1 en galego; o seu fillo Isaac Xubín, neofalante e licenciado en filoloxía galega, foi o acicate para que profundara na lingua.

2015_Radio.CarlosYus
2015_Na radio con Carlos Yus

Graduouse no ano 2017 coma Graduado Superior Sénior, sendo o único compoñente da XI Promoción. No seu discurso reivindicou que tiñan que seguir ofertando materias e que el pensaba seguir na universidade.

Cando levaba 4 anos de presidente da ASAEXS non se presentou á reelección porque considera que non hai peor decisión que perpetuarse nun cargo e se facer pouco menos que imprescindible. Mais non deixou de ter responsabilidades, xa que nada máis deixar este cargo foi chamado para ser o tesoureiro da Asociación Encrucillada que edita a revista Encrucillada “revista galega de pensamento cristián” da que forma parte do seu consello de redacción. 

As vantaxes do PUM resúmeas en que é un espazo de encontro e socialización, de contacto coa universidade, de fonte para o coñecemento e práctica deportiva ; pola contra, o actual plan do ciclo intensivo debería semellarse á configuración dos graos e ter máis materias en común en cada curso para fomentar o “facer grupo”, como era cando el entrou; ademais, habería que incorporar máis materias que fomentaran a actividade física. O reto é participar en grupos de investigación da Universidade ou ben crear algún ad hoc para o PUM. No entanto, o Programa Universitario de Maiores é unha excelente ferramenta para o necesario envellecemento activo.

2022_MarchaNórdica_CoProfe
2024 coa neta Nilde

Volvendo á vida familiar, no 2019 chegou un gran agasallo: Nilde. Nilde é a netiña que lle chama “avoíño” e que enche de ledicia toda a casa cando vén. Mágoa que viva tan lonxe, en Sheffield (Inglaterra), pero grazas a skipe e a whatsApp a comunicación é case que diaria. Fala o galego do pai, o catalá da nai e, no cole, vai aprendendo o inglés.

No plan persoal un soño e tamén un reto sería facer o Camiño de Santiago devagar desde Roncesvalles en solitario, mais pensa que quizais xa é un pouco tarde.

Pregúntolle onde podemos atopalo, cal é o seu recuncho favorito e dime que no verán é un asiduo da praia de Mogor e no resto do ano pasa moitas horas no Campus de Pontevedra.

Chema

Moitas grazas Chema pola paciencia que tiveches conmigo cando insistía nas reunións para finalizar esta entrevista tan chea de vivencias persoais e tan rica en contido, agora xa sei que temos un novo colaborador no noso blogue, graciñas.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Marigel Pérez García

Anxo da Ferreira

Olga Martínez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥