Hoxe quero recomendarvos esta novela, publicada no 2011 por Galaxia, e que para min segue sendo unha das mellores novelas, xa non só do seu autor, senón da literatura galega actual. Opinión amplamente compartida. Como proba aquí tedes unha pequena mostra:
“Un dos fitos literarios deste ano de ano e mesmo destes inicios do século XXI”. (Manuel Rodríguez Alonso)
“Una de las grandes aportaciones narrativas de la novela gallega contemporánea” (Mar Maior).
“Unha das mellores novelas da narrativa galega contemporánea” (blog Trafegando Ronseis)
“Proxecto de envergadura”. Dolores Vilavedra
“Memorable novela… non é difícil conxeturar que este será un título perdurable”. (Ramón Nicolás, blog Caderno da Crítica)
“Admirable exercicio de orquestación sinfónica”. (Armando Requeixo, blog Criticalia)
“Novelas como esta fan grande unha literatura”. (Inma Otero Varela)

Acadou ademais importantes recoñecementos:
Foi Premio Narrativa da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) no 2012, Premio Frei Martín Sarmiento 2012, finalista do Premio de Novela Europea Casino de Santiago 2012 e Premio da Crítica Española 2011.
Como vedes conta cunha boa carta de presentación.
Teño que dicir que a Riveiro Coello descubrino a principios dos 2000, cando un día por casualidade caeu nas miñas mans A canción de Sálvora, un texto daquela publicado de forma independente por A Nosa Terra (2002) e máis tarde formando parte dun libro de relatos, nove en total, editado por Galaxia: Acordes náufragos (2014). Ese texto, cheo de lirismo, engaioloume. Trátase dun deses textos que se vai coando no teu interior de vagariño, palabra a palabra, e fica alí tras gañar un posto destacado nese espazo máis ou menos visible das túas emocións e, por suposto, converteume nunha fiel seguidora da obra de Riveiro Coello.
Laura no deserto, é unha novela ambiciosa, rigorosa, cunha trama moi ben estruturada e unha prosa exquisita, mostra do bo facer narrativo que caracteriza o seu autor.
Dividida en catro partes, denominadas libros: Libro primeiro A LUZ DOS AUSENTES, Libro segundo A CASA DAS SOMBRAS, Libro terceiro O LABIRINTO DE INGRID STEINER e Libro cuarto A VIAXE DE PENÉLOPE, vai guiando ao lector a través dun entramado de personaxes que se nos presentan no Libro primeiro e dos que se descoñece a súa relación ata ben avanzada a lectura. Nun principio semella que nada teñen que ver, pero iremos descubrindo pouco a pouco que é o que os une e o papel que nesa relación ten a protagonista, Laura, personaxe cunha historia desgarradora que queda marcada a lume tras a lectura. Ela é unha muller non galega, pero moi unida a Galicia, desvalida, traumatizada, enferma…, que irá lembrando a súa identidade grazas á súa necesidade vital de reencontrarse cunha parte do seu pasado.
Laura Crussat, a personaxe de ficción, está inspirada en Mercedes Núñez Targa, política republicana nacida en Barcelona (aínda que de pai galego) que pasou polo cárcere de Ventas e por dous campos de concentración. Escribiu varios libros nos que fala destas experiencias. Conta Riveiro Coello, nos Agradecementos (páx.725), como tivo acceso a eses libros e como a novela quere ser unha homenaxe a esta muller e a todos os que o axudaron a coñecela.
Hai que dicir que na nosa literatura hai tempo que se abandonaron os localismos e que, coma Riveiro Coello, contamos con outros autores e autoras que escriben en galego historias que están ambientadas en lugares ben distantes e distintos, protagonizadas por personaxes que non sempre son galegos e cuxas vidas, ledicias e infortunios poden non ter que ver con Galicia ou a súa sociedade. Son novelas ambiciosas e fieis á defensa dunha lingua que demostran ten a mesma calidade coma lingua literaria que calquera outra. Desgraciadamente este tipo de evidencias aínda seguen sendo necesarias nesta sociedade do século XXI .
Desde logo a historia de Laura non nos vai deixar indiferentes e vainos obrigar a percorrer dous tipos de itinerarios: o espacial e o temporal, trasladándonos a lugares como New York, Barcelona, Compostela, a Pobra do Caramiñal e a Europa da Segunda Guerra Mundial e que nos converte, como boa novela moderna, en lectores activos que deben ir desentrañando a complexidade dos mesmos, pero será un esforzo que valerá a pena e Laura no deserto ocupará un lugar privilexiado no armario das nosas lecturas, seguro.
Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato
Profesora de galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 28 de abril ao 4 de Maio por Ana Santos
by Ana | Abril 27, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 21 ao 27 de Abril por Ana Santos
by Ana | Abril 20, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de abril 2025 por Ana Santos
by Ana | Abril 13, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades Culturais do 7 ao 13 de Abril por Ana Santos
by Ana | Abril 6, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 31 de Marzo ao 6 de Abril por Ana Santos
by Ana | Marzo 30, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 24 ao 30 de marzo por Ana Santos Solla
by Ana | Marzo 23, 2025 | Actividades | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Barbeiro de sábado de Castelao por Xosé Antonio Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Abril 27, 2025 | Literarias | 0 Comments
A Peneda Cabezuda luguesa por Anxo González Guerra
by Colaborador | Abril 27, 2025 | Articulos | 0 Comments
Un rapaz que sería quen… de Castelao por Marcos Seixo
by Marcos Seixo | Abril 20, 2025 | Literarias | 0 Comments
Terra prometida por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Abril 20, 2025 | Artísticas | 0 Comments
Trackbacks/Pingbacks