por Antonio Lois Pérez
“Levei conmigo”
Marchei e levei conmigo
recordos da miña aldea,
o meu Castro de Mourelos;
recordos que a morriña,
cando pasaron os anos,
converteu en sentimentos.
Levéime o amor dos meus
e o cariño dos vecinos.
Marchei e levei conmigo
a sensación de caricia
cando te mollan as pingas
do orballo matutino.
Marchei e levei conmigo
o color dunha ribeira,
dunha ribeira en outono,
mentres ves pasar o Miño.
Marchei e levei conmigo
a esencia dunha terra que,
a mín, me deu a vida.
Marchei e levei conmigo….
Cantas cousas vos diría que,
ao marchar, levei conmigo!
Marchei e levei conmigo!….
En pago deixei a alma
que non quixo vir conmigo.
Ela quíxose quedar para que,
o que eu deixei,
nunca quede esquecido.
Marchei e levei conmigo!…
Antonio Lois

Antonio Lois pérez
Economista
Nacín un día 4 do mes de xaneiro, ano 1948, no lugar do Castro de Mourelos, parroquia de Mourelos (Saviñao – Lugo). Son economista e técnico en tintes, estampación e acabados téxtiles. Actualmente vivo en Barcelona.
Gústame escribir poesía en galego do pobo, o galego dos meus pais, que é o galego que amo; non en galego ilustrado! Participei en tres libros de poesía (Poetas do Reencontro, Caminhos da Poesía e Raia Luso Española), así coma na revista Xistral do Concello de Lugo. Non hai moito máis que contar de unha vida moi vulgar!
Son do Castro de Mourelos; onde mellor se ve o Miño, onde mellor se ve o ceo; onde, ulindo ó seu vento, eu xa sei se vai chover. ¡Que pena que non estén aqueles que eu amei; que pena que xa non vexa o Castro que eu deixei! A pesar de todo eso; ou pode sexa por eso, do Castro sempre serei
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥