A Luís coñecino de cura. Enténdase ben, ía vestido de cura nunha representación coa asociación Sete Espadelas. Alí souben que era da Estrada, a terra da miña avoa paterna. Falamos moito e sempre coincidimos nas pasarelas, el cun porte moito máis elegante ca o meu.

Luís Otero Echart naceu en abril de 1944 na Estrada. Seus pais, Vicente Otero Ulloa e Pilar Echart Fernández eran da Estrada e de Valadouro, respectivamente. Tivo Luís 15 irmáns dos que sobreviviron nove, seis mulleres e tres homes. El era o do medio.

O apelido Echart é de orixe vasco-francesa e vén significar casa de fóra. O avó era de Barreiros en Lugo.

Luis Otero Etchar
Familia Otero Echart. Luis 1º pola dereita
Primeira comuñón Luis
Foto antiga da Estrada, Luis 1º esquerda

Os pais de Luís eran mestres, a nai en Ouzande e o pai na Estrada. Vicente, o pai, foi represaliado por Franco: foi denunciado e quitáronlle a escola. Tivo que pagar para non ir á cadea. Axudouno un tío seu, Genaro Otero Vinseiro, médico de profesión, que era propietario de media ribeira de Berres e que fora alcalde entre 1904 e 1906 e que lle ofreceu un traballo de visitador médico.

Luís foi á escola de D. Guillermo na Estrada ata que aos oito anos marchou para Santiago a uha casa na rúa do Matadoiro alugada por Ramón Aller Ulloa, canónigo e amigo da familia. Despois, toda a familia se trasladou a outra casa preto de San Agustín.

Estudou ata sexto e reválida no instituto Xelmírez e do profesorado de alí lembra a dona Julia, de literatura; Rodejas, de Química; D. Benigno, de Política… Como era bastante rebelde foi castigado co traslado ao Manuel Peleterio (despois colexio Minerva) en fronte da clínica de Carrero Blanco. Manuel Peleterio dáballe física, o comandante Franco, Matemáticas; D. Virgilio, Latín e Aldegunde, que tamén era militar, Educación Física.

No Peleteiro lembra que os conserxes, Vara e o bicho, mantiñan a orde cun látigo e as tundas eran continuas.

Tiña moza desde os quince anos. Coñeceuna na Estrada onde ela veraneaba coa familia porque tiña asma e frecuentaba o sanatorio dos irmáns de la Calle. Chamábase M.ª Elena Rosales Noves e era de Marín.

Fixo a mili Luís en parga (Lugo). Alí recuperaron un antigo campo de aviación no que fixeron barracóns de madeira para os soldados. As condicións eran moi malas, unha especie de reformatorio no que estivo perto de dous anos. Fíxose amigo dun tenente, Esteban, que era da Coruña e que tamén tiña moza en Pontevedra. Os dous viñan xuntos a visitalas no 600 de Luís. Tamén M.ª Elena ía visitalo aínda que ás veces estaba arrestado por escapar ás festas de Lugo. O tenente Esteban levantáballe o castigo e prestáballe roupa de paisano.

desfile Luis
Traxe Luis

Lembra como unha vez un cabo primeiro mandoulle cortar o pelo ao cero e arrastrarse polos toxos. Ao enteirarse o tenente fixo o propio co cabo. Aquelo era terrible, a xente desmaiaba cos cintazos que lles daban.

 Luís e o irmán tiveron sorte e pasaron a traballar cos médicos Javier Mareque Abad e Luciano Otero que tamén estaban facendo o servicio.

Despois da mili veu para Pontevedra onde se hospedou na pensión Santa Clara que rexentaba a señora Digna. Levaba a contabilidade na granxa que UTECO tiña na Parda e casou en San Bartolomé en 1969.

“O gusto polos traxes tradicionais comezou indo ás procesións da Peregrina vestido de galego.”

Luis Otero Echart

Fixo oposicións para traballar no Banco Hispano Americano e foi destinado dous anos en Marín onde ía no 600. Despois estivo outros dous anos de apodeirado en Pontevedra e de director en Arcade. Cando o Hispano se integrou no Santander volveu para Pontevedra.

Tivo catro fillos e ten sete netos. A súa muller morreu aos 44 anos dun cancro de mama.

Xubilouse aos 52 anos porque xa estaba moi queimado do traballo: tiña que facer de comercial, vender plans de pensións aos amigos, regalar potas e edredóns, etc. e iso non lle gustaba. Ata os 65 cobrou a paga completa pero a partir de aí rebaixáronlla moito, aínda que a el lle chegaba.

Sempre lle gustaron a caza e a pesca ademais de andar en bicicleta.

O gusto polos traxes tradicionais comezou indo ás procesións da Peregrina vestido de galego. O seu primeiro traxe era de cotío, fíxollo en Dorrón unha modista de Moraña chamada Lola.

Luis de calle

Empezou a relacionarse con xente que tamén ía vestida co traxe tradicional e formou parte, de vocal, da Asociación do Traxe Galego de Pontevedra. O presidente da asociación era Xosé Luís Rodríguez; a secretaria, M.ª Ester Crespo e a tesoureira, Clara Varela. A asociación escindiuse e formouse Sete Espadelas onde comeza a colaborar conseguindo pezas e desfilando para eles. Ultimamente ten problemas nas costas e non pode estar moito tempo de pé polo que a súa presenza nos desfiles é cada vez máis escasa.

O traxe que máis lle gusta é o de cotío e identifícase moito cos zocos.

Hai trinta anos mercou unha casa en Samieira para ter os cans e pasar os veráns coa familia. Alí pasou a pandemia.

Tíralle moito a Estrada onde está a casa familiar que comparte cos irmáns, Teñen calendario para programar quen vai a ela.

Antes viaxaba moito, sobre todo a Portugal onde ía unha vez por semana. Tamén coleccionaba reloxos e bastóns, pero xa non.

O seu soño é ver aos fillos contentos.

Luis Otero

Con esta ledicia de vivir e facer as cousas despídome de Luís ao que chamaron moitas veces por teléfono mentres estabamos a falar. É un home moi solicitado. Grazas polo teu tempo e a túa xenerosidade ao compartir as túas vivencias connosco. Vémonos nas pasarelas.

Luis de cotío

As fotos antigas son de Fotos antigas da Estrada, estamos a espera de poder por as de Luis.

As fotos dos traxes son de Emi Ramírez que sempre colabora coa Asociacón sete espadelas

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Meli Fandiño

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥