Hoxe a nosa historia de vida trasládanos a Moaña, alí agárdanos Luísa, avoa de Iván, que está de vacacións na casa da filla. A nosa historia de vida é a de María Luisa Pan Martínez
María Luísa Pan Martínez naceu en Meixigo (Cambre) o 24 de xullo de 1938, filla de José Pan Mayo, natural de Peiraio (Cambre), fillo único e de profesión peón de albanel e cuxo alcume da casa era Ferro vello, e de Remedios Martínez López, de Meixigo, cuxo alcume era os Veixeiros. A súa nai cantaba cun irmán que tocaba a gaita nas festas, sei que nalgunha delas coincidiu con José, namoraron e casaron.
José Pan Mayo e Remedios Martínez López
O matrimonio seguiu vivindo na casa dos pais do home ata que fixeron a súa. Tiveron cinco fillos dos que morreron dous. Quedan tres, un vive en Cambre, outra en Suíza e ela que vive en Cecebre coa súa nora e seu fillo. Ela era a do medio, a terceira.
Tiñan tres vacas, a Rubia, a Morena e outra da que non lembra o nome. Ían á escola en Peiraio, que estaba preto da estación de ferrocarril. Como había que atender as vacas alternábanse para ir, nunca coincidían. O mestre, don Ramón, poñíaos en fila e dábanlles nas mans, e batía neles “para que aprendades”.
Non se lembra do día da comuñón, debeu ser un día normal, di.
Luisa coas amigas
Luisa de moza
Manolo facendo o baño para salar a carne de porco
Nai de Manolo, Maria Chas
A súa infancia discorría indo pola mañá a escola e polas tardes coidar as vacas. De vez en cando ían ao muíño para moer, logo ían cocer o pan ao forno que estaba un pouco lonxe da casa.
A súa casa tiña tres cuartos, un para os pais, outro para os irmáns e outro para elas. Xa tiñan un cuartiño de baño na casa e unha cociña. Vivía tamén con eles a súa avoa paterna, Marica Mayo, unha muller de carácter. O seu avó, Pedro Pan, marchou a Nova York deixando ao seu pai só coa súa nai e formou outra familia alí. Cando enfermou quixo vir morrer a España, o seu fillo estivo de acordo pero non a súa muller Marica. El veu igual pero non durmían xuntos, o avó Pedro morreu aquí.
Hórreo da casa
Juan na moto
O pai da súa nai, o avó Antonio Martínez, era algo borrachín e marchou para casa da súa filla en Carral, (Cambre) onde morreu. Lembra cando morreu que foron ao enterramento e que lles levara de dúas a tres horas a pé desde Peiraio.
“D. Ramón poñíanos en fila e dábanlle nas mans, e batía en eles “para que aprendades”
Logo de D. Ramón veu outro que era máis boíño, lembra a Enciclopedia, a pizarra pequena e como borraba o que saía mal mollando os dedos coa lingua.
Foi aprender a coser a máquina na que lle regalou o seu avó Pedro. Abaixo da súa casa había unha señora que tiña un taller, a señora Lola.
Empezou a ir polas casas a coser e facer remendos, facía pantalóns, sabas e tamén cosía para casa. Ao volver á casa tiña que ir coas vacas.
De vez en cando ía unha semana cunha tía que estaba en Guísamo. Collía o tren en Cecebre coa máquina na cabeza e cosía en casas que lle buscaba a tía, irmá da nai.
Luisa cosendo
Pregúntolle cando namorou e ilumináselle o rostro, cóntame que ela ía levarlle a comida ao seu pai que estaba traballando nun chalé, de un tal Wenceslao, o único importante e poderoso que atopei con ese nome e polas datas coincide con Wenceslao Fernández Flórez. Alí tamén traballaba Manolo. O irmán seica lle dixo a Manolo “atende esa rapaza que ten unhas pernas moi ben feitas”. Ela sempre esperaba a que seu pai rematase a comida para levar as cousas para casa, e así foi como se fixo moza de Manolo, que lle levaba sete anos.
Juan, José e a nena que morreu
Luisa e Manolo con Jose, Juan e Mª José
Jose e Juan fillos de Luisa
O seu mozo chamábase Manolo Santos Chas e casaron en Peiraio o 16 de setembro de 1961, día de San Cibrao, patrón de Bribes. Moito choveu ese día, recorda.
Foron vivir a casa dos pais ata que arrendaron unha casiña cunha leira en Cecebre, el era carpinteiro e traballaba nun taller. Ela levou a máquina pero ao casar deixou de traballar xa que pronto chegaron os fillos. Primeiro chegou José Manuel, logo Juan, a primeira nena, María José e outro que morreu ao pouco de nacer.
Decidiron facer unha casa propia en Cecebre e tiveron axuda de todos os veciños, mesmo do sogro que era albanel. A Juan atábano a unha viga pola cintura cunha corda algo solta, para que non caera para abaixo, seica era moi vivo o rapaz. Cousas da vida, dime.
Os nenos empezaron a ir á escola do concello. Juan, que era o máis rebelde, quixo deixar os estudos e anotouse voluntario ao servicio militar para sacar todos os carnés de conducir, así o fixo na Coruña, e cando chegou a aldea onde todos ían en bicicleta el xa conducía.
Luísa so ía á Coruña cando algún dos seus fillos estaba enfermo e precisaba un especialista. Lembra a vida na aldea como unha etapa feliz, recorda cando ían bañarse ao río, agora presa de Cecebre, cando os rapaces lle agachaban a roupa para vela saír da auga en viso, ri ao recordalo.
Viaxou moi pouco. Non coñece a sensación da area nos pés, non lle gusta a praia, que non visitou. Foi a Suíza ao casamento da súa sobriña, a primeira vez que collía un avión. Non se decatou de nada nin sentiu nada especial. Recorda de Suíza que había moitos galegos. Alí estiveron quince días. As vacacións que nunca tivera.
Hai tres anos, no 2021, as once da noite, despois de ver a televisión, Manolo díxolle “hoxe cu con cu” e fóronse deitar. Antes foina tapar, ela escoitou unhas respiracións profundas e díxolle “Manolo estás roncando” e Manolo non contestaba, chamou polo fillo que durmía arriba e cando baixou, Manolo xa morrera.
Agora vive na casa de Cecebre co fillo Juan, a súa nora e o seu neto Xoel de 13 anos. Érguese ás sete da mañá, hora na que vén unha muller a aseala e vestila. Tráenlle a comida e limpa as faragullas que fai. Gústalle ver a televisión galega pola tarde, a hora galega. Cando lle levan revistas leas.
Se tivera que pedir un desexo sería que volvera Manolo, bótao moito de menos, levabámonos moi ben, dime.
Nunha conversa cruzada co seu neto Iván cóntanme que lle gustaba facer chicharróns e chourizos, agora xa pouco cociña. Almorza e cea o mesmo, leite con sopas, o seu sitio favorito para estar sempre é a sala, porque ve a estrada e escoita cando vén a panadeira, o peixe, etc…
Vén a Moaña dúas semanas no verán e queda na casa da filla, Maria José, que ten dous fillos, Iván e Hugo.
A súa maior alegría é ver a todos ben, tanto aos fillos como aos netos.
Cantar non cantaba, xa o facía a súa nai. A ela gustáballe bailar nas festas, mágoa que ao seu mozo, logo marido, non lle gustara facelo.
Luisa coa sua máquina de coser
Luisa e o seu neto Iván
Luísa ten os ollos vivos dunha muller esperta que viviu unha vida chea e que agora desfruta cos netos e os fillos. Déixoa na sala co neto falando e rindo, “escoita Ivanciño escoita…”
Grazas Luísa polo teu tempo e o teu sorriso.
Na gravación poderedes escoitar a Luisa coa mirada cómplice do seu neto Iván.
Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 7 ao 13 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 6, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 30 de setembro ao 6 de outubro
by Ana | Setembro 29, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 23 ao 29 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 22, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fita a Galana por Ana Santos Solla #devellabella#
by Ana | Xaneiro 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Huevos… de codorniz por Juanjosé Guirado
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Articulos | 0 Comments
Os paxaros por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Fotográficas | 0 Comments
O gato e o rato por Manolo Gulías
by Colaborador | Setembro 29, 2024 | Literarias | 0 Comments
Viaxe a Tenerife 1ª parte por Manolo Gulías
by Colaborador | Setembro 22, 2024 | Escapadas | 0 Comments