A raíz da súa intervención no programa de Onda cero “O baile como terapia”, decidimos facerlle unha historia de vida a Luísa, muller alegre e falangueira, sempre cun sorriso nos beizos.

Luísa Vázquez Calvo naceu en Santa Eulalia de Curtis (Coruña), filla de Josefa e dun veciño que deixou embarazada a outra veciña ao mesmo tempo que a súa nai. Este home, o seu pai, foise a Bos Aires coa outra, coa que casou.  Luísa sempre tivo relación coa súa familia paterna pero ao pai nunca o coñeceu. Seica unha vez que veu de Arxentina  preguntou:

-Quen é esa nena tan guapa?

-Esa é filla túa- contestáronlle.

Luisa

Logo veu máis adiante e quixo coñecela, pero súa nai ocultoullo e non quixo que a vira. Daquela ela xa estaba casada e con fillos.

A súa era unha familia moi humilde, a súa nai traballaba ao xornal e vivía onde traballaba e rematou casando con outro home co que tivera dous fillos de solteira, pero a relación con Luísa era moi tensa, xa que para a nai ela era unha mancha na súa vida, mesmo intentou separala dos seus irmáns, sen logralo.  Luísa criouse coa súa avoa Pepa.

Cando morreu a avoa volveu vivir coa nai.

Foi á escola a Santalla que lle quedaba lonxe da casa, aínda había un treito longo para chegar.  Alí estivo ata os 6 anos.  Despois foi á da Castellana, Curtis, onde tiñan que levar bocadillo para o almorzo porque non volvían á casa ata a tardiña. Cando a escola pechaba ao mediodía quedaban fóra comendo. Levaba zocos que, coa chuvia, enterrábanselle nas lameiras.

Éramos tan parvos, dime, que en vez de ir para a casa de vagariño xa que tiñamos que traballar dando de comer aos animais, faciámoslle carreiras ao tren e chegabamos antes, e por riba cansos.

Na escola estivo ata os 14 anos, pero non ía moito xa que tiña que traballar na casa.

Os primeiros venres de mes era o Sagrado Corazón e estaba sen comer dende o dia anterior para cumprir o xaxún e poder comulgar, daquela era moi relixiosa- cóntame.

“Éramos tan parvos, dime, que en vez de ir para a casa de vagariño xa que tiñamos que traballar dando de comer aos animais, faciámoslle carreiras ao tren e chegabamos antes, e por riba cansos

Luisa Vázquez Calvo

Aos 15 anos foi para A Coruña traballar de camareira no bar “Espiñeira” e de empregada de fogar na casa dos donos, onde durmía. Logo deixou esa familia e comezou a traballar na casa do conserxe do Concello da Coruña, que vivía enriba do consistorio, alí estivo un par de anos.

Coñeceu a Xose Luís nunha festa na cidade vella, tiña 16 anos e el 21, era de Monelos, Coruña. Cando marchou a Zaragoza a facer a mili  escribíalle unha carta diaria, ela contestaba de cando en vez.  Casaron cando ela só tiña 18 anos quedando a vivir na Coruña. O home traballaba no Banco español de Crédito, ela no fogar.  Tiveron 6 fillos(Xosé Luís, Mª Luisa, Beatriz, Miguel, Marta e Xavier) e ten 7 netos (Irene, Elena, Sabela, Pablo, Marta, Miguel e Uxía).

Na Coruña naceron os 2 primeiros fillos, despois, como el ascendeu, tiveron que trasladarse e foron para Lugo, alí naceron outros dous; posteriormente viñeron para Pontevedra, aquí naceron os máis pequenos. Viviron durante 12 anos na rúa Marquesa, moi pretiño do banco. El vivía só para o traballo, era interventor no Banesto.

Estiveron xuntos 38 anos. Luísa sufriu malos tratos, poñía as denuncias no goberno civil e cando chegaba á casa xa a estaba esperando para mallar nela. Aguantou polos fillos porque el ameazábaa con quitarllos se se separaba. Cando a golpeaba ao día seguinte non se lembraba de nada, era alcohólico. Ao prexubilarse con 52 anos as cousas foron a peor, metérono na cadea, pero a primeira vez tivo trato de favor pola súa posición no banco, a segunda vez intentou matala, nese momento xa estaban separados; foi ao saír dunha discoteca a que asistira cunhas amigas, tiña unhas tesoiras e tirouna ao chan querendo cravarllas, conseguiron quitarllas e fuxiu, estivo 3 días desaparecido aínda que finalmente chamou e decidiu entregarse, aquí xa non houbo miramentos e estivo 6 meses no cárcere.

 Os fillos facían os deberes nas escaleiras por no aguantar o pai, eles escoitaban todo.

No 2001 separouse grazas a unha xuíza. El tiña orde de afastamento e tivo que marchar para Vigo, pero aparecía igual cando se emborrachaba.

No 2007 morreu dun cáncer de páncreas e ela quedou liberada e co apoio dos fillos.

Luisa comezou a saír a bailar, que tanto lle gusta, coñeceu a Eladio, co que estivo 6 anos ata que morreu de repente, era a súa tranquilidade e sentiu moito a súa morte, logo coñeceu a outro de Briallos co que se segue a levar ben, pero xa non está para aguantar a ninguén- dime.

O 6 de febreiro deste ano tivo un accidente ao saír da Luna,  foi un susto tremendo, aínda que  non lle pasou nada, o coche quedou moi prexudicado e ela estivo a punto de ser atropelada.

Ten unha axenda semanal envexable e moi completa, os luns de 7 a 8 vai a ximnasia á Cruz Vermella, os xoves  de 4:30 a 6 a informática e todos os días de 6 a 8 , menos os luns,  non perdoa a reunión para xogar as cartas nun bar moi céntrico.  As fins de semana son para bailar e espera por eles como auga de maio, vai ás sesións da Luna os sábados e domingos e case non sae da pista máis que para tomar un aperitivo.

Falamos de viaxes, de casada ían a Cercedilla, onde Banesto tiña unha residencia para empregados,  logo co Inserso foi un par de veces, pero gústalle ir un pouco “a súa bóla”.

O seu soño e ver ao seu fillo pequeno cun posto fixo, é militar na mariña de Ferrol.

O que eu pensaba que ía ser unha historia alegre resultou ter máis sombras que outras, Luísa regálame o seu sorriso, antepón a súa fortaleza fronte ao sufrimento.

Grazas pola túa valentía e xenerosidade en contarnos a túa vida.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Nito Santiago

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥