Coincidín con Mª Xesús nunha viaxe a Francia. Ela ía co seu instituto, A Xunqueira I, e fiquei marabillada cos relatos das súas Viaxes, en especial dunha que fixera a Vietnam.
María Xesús López Escudeiro naceu en Santiago de Compostela en 1950.
Foi a única muller entre cinco irmáns e sempre botou en falta unha irmá.
Máis tarde sabería que, antes dela nacer, a súa nai tivera unha nena que morreu de meninxite e que levaba o seu mesmo nome.
O seu pai era militar e a familia materna era moi relixiosa, pero a nai non quixo que a nena fosé a colexios de monxas.
Aprendeu as primeiras letras na escola de Socorrito, na rúa de Santa Cristina. Despois andou na de dona Emma, unha escola feminina cuxo referente masculino era o Peleteiro. Os constantes abusos por parte das profesoras, os castigos físicos e as expulsións ao corredor ás alumnas fixeron que a nai optase por cambiala para o IES Rosalía de Castro onde faría a preparatoria e todo o bacharelato.

Era boa estudante e a súa materia preferida eran as matemáticas, pero en quinto tivo que elixir entre ciencias ou letras e unha mala experiencia cos profesores de matemáticas e física fixeron que se inclinase polas letras. Mesmo un profesor de filosofía, Gonzalo Anaya, dicíalle á nai que fose por ciencias que era moi boa alumna.

A nai non quixo que a nena fora a colexios de monxas

María Xesús López Escudeiro

Ese profesor, Gonzalo Anaya, marcouna de maneira especial porque non era o típico academicista. Facía razoar ás alumnas e que abriesen as súas mentes. Firme defensor dos ideais da ILE, facía das súas clases unha aula de aprendizaxe para a vida. Lembra que en clase de lingua, con Balduino (alcume cariñoso das alumnas) había campionatos de busca rápida de palabras no dicionario e que sempre gañaba ela, menos unha vez na que o profesor a ridiculizou cando respostou “billa” á definición de “grifo” que el acababa de dar. Na súa casa sempre se lle chamaba “billa” ao “grifo”.

Quería estudar psicoloxía pero debía desplazarse a Salamanca e optou por filosofía e letras. A súa nai quería que fixese maxisterio e empezouno examinándose por libre. Estudou os dous anos de comúns de filosofía e letras e xa en terceiro decantouse por filoloxía francesa.

Tamén empezou a viaxar a Francia nos veráns, a primeira vez a un campamento de traballo en Carcassonne onde viaxou coa súa amiga Conchita.

Na casa Dixo que ía a un curso coas monxas. No campamento non aprendeu nada de francés pero serviulle para abrir a mente en moitos sentidos.

Os dous veráns seguintes foi de au pair cunhas familias de París que veraneaban unha na Rochelle e outra na Bretaña. Alí aproveitaba para ler libros do curso seguinte. Lembra Moderato Cantabile e L’amant, ambos de Marguerite Duras. Era inmersión lingüística total xa que convivía as vintecatro horas coa familia francesa.

Ao final do verán, ao rematar o traballo, ficaba uns oito días en París con tres amigas, para disfrutalo e coñecelo a fondo. Como non tiñan moito diñeiro vivían na casa dunha coñecida que lles prestaba unha portería pero tiñan que acceder a ela de noite.

Ao rematar a carreira, foise de lectora a Blois, no val do Loira, ao lycée Augustin Thierry. Alí estivo un ano e pediu e foille concedida unha prórroga, pero renunciou e volveu para comenzar a traballar como profesora nun instituto: ao final de outubro de 1973, unha amiga comentoulle que había unha praza en Ondarroa, Bizkaia, e que se quería ir. Foi e Estivo dous anos moi feliz, mais sempre pensando en voltar á terra.
Un feito que asombrou a súa estadía en Bizkaia foi o asasinato a mans da garda civil de Luis Arriola o 24 de maio de 1975 (enlace á notícia), un alumno cuyo único delito era ir pola rúa cantando en euskera. Eses anos foron moi intensos e mudaron a súa visión do nacionalismo.

En octubro do 75 enteirase de novo por unha amiga da existencia dunha praza en Monforte e como xa empezaran as clases tivo que pedir o traslado. Foille concedido e, despois dun tempo en que a praza foi ocupada por outra profesora, puido por fin dar as súas clases. Ao ano seguinte aprobou as oposicións e foise para Sarria porque xa o amor chamara á súa porta.
Coñeceu a Alberto na presentación da revista Cuadernos de pedagogía organizada polo sindicato do ensino UTEG (Unión de traballadores do ensino galego). Ela non tiña coche e el ofereceuse a levala ata Sarria e aí xurdiu o frechazo. Pasaron once anos en Sarria onde el era profesor de bioloxía e ela de francés. Alí aprendeu a valorar a riqueza do interior de Galicia, as paisaxes de montaña en toda a súa inmensidade. Tiñan unha asociación cultural, Ergueitos, que foi pioneira na iniciación ao coñecemento dos cogomelos. Tiñan tamén un teatro de guiñol e contaban cun guía de excepción, O poeta Manuel María, nas diferentes excursións que organizaban pola zona. El ofrecíase de xeito desinteresado sempre que llo pedían. Desde entón conservan lazos de amizade coa xente de alí.

Entre os anos 2017 e 2019 dirixiu o programa Vivas e visibles, organizado pola concellaría de igualdade. Tamén o comisariado da exposición Esquecidas, con Jaime Félix López Arias. Isto foi moi gratificante porque era a primeira vez que se organizaba en Sarria un programa deste tipo.
Como o seu pai, xa viúvo, estaba a fazerse maior, decidiron aproximarse a Santiago. Obtivo primeiro praza en Carril, onde estivo dous anos e despois, en Pontevedra, no IES Xunqueira I. Tardou en incorporarse á vida social de Pontevedra porque todos os fins de semana os pasaba en Santiago, pero recoñece que Pontevedra sempre lle gustara. Os seus pais casaran en Santa María e adoraba o casco histórico.
Entre os anos 2001 e 2007 exerceu como Concelleira polo BNG no Concello de Pontevedra nas áreas de Cultura, Educación, Normalización lingüística e Igualdade. Como non quería renunciar ao ensino, estivo compaxinando ambas funcións ata que chegou un momento en que xa non puido e decidiu deixar o ensino. Tamén polo BNG foi delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, levando Patrimonio e Cultura e deportes desde 2007 a 2009. Despois volveu ao instituto ata a xubilación en 2013.
Desde entón participa no programa Memoria das mulleres, do Concello de Pontevedra. En 2015, Xunto con Helena Torres e Montse Fajardo elaborou a exposición Do Gris ao Violeta. Actualmente dirixe o roteiro Pontevedra en feminino e imparte charlas sobre As mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes.
A xubilación supúxolle non ter horários, viaxar e levar a vida ao seu ritmo. Aínda que lle gustaba moito o ensino recoñece que agora tamén está moi ben. Ten tempo para ler, ir ao cine, gozar das amizades, etc.
O primeiro que fixo ao se xubilar foi ir á Arxentina un mes cunha amiga, unha viaxe que desexaba moito facer. Segue estando no BNG, pero colaborando en segunda liña. Di que hai que deixar sitio para as novas xeracións que aporten ideas innovadoras.
Un libro que lle gusta é Lecturas fáciles de Cristina Morales ou Carrusel de Berta Dávila e, por suposto, Follas novas de Rosalía De Castro.
Unha película, O que arde, de Óliver Laxe
Da mocidade de hoxe en día di que ten máis acceso á información, pero que deben saber facer un bo uso dela.

Come mellor desde que ten máis tempo para ela e como restaurantes recomenda O Saudade e O Padal da Santiña.
Camiña todos os días unha media dunha hora e gústalle facelo soa. Tamén lle gusta ir á Praia e ás clases de Pilates que tivo que deixar por vertixe. Agora a única actividade con horario fixo que ten son as clases de pandeireta.
Acabamos o noso café no Carabela, un lugar tranquilo que lle gusta moito. Chus é unha persoa comprometida co feminismo, coa memoria histórica e co nacionalismo. Autora de publicacións sobre a didáctica da língua francesa, estivo na directiva da Asociación de profesores de francés de Galicia.
Quen diría que non naceu aquí? Eu creo que Pontevedra xa ten Filla adoptiva. Grazas por compartir comigo esta mañá e, aínda que penses non merecelo, a túa vida interésanos e inspíranos.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Xosé Álvarez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥