Hai uns días atopei, navegando pola rede, un artigo moi interesante publicado en La Nueva Crónica, un diario leonés de información xeral, titulado: Micromachismo versus Macromachismo, artigo cuxa lectura recomendo e que me fixo reflexionar sobre esta cuestión do xogo dos prefixos micro e macro, xogo que me resulta un tanto cómico, a verdade, un querer rizar o rizo e non chamar as cousas polo seu nome: machismo e punto.

Pois falando de machismo pregúntome por que a unha parte da poboación, fundamentalmente masculina, lles custa aínda tanto recoñecer o mérito de mulleres con talento que grazas ao seu esforzo e a non renderse fronte ás dificultades e as trabas que a vida lles vai colocando no seu camiño conseguen chegar arriba e acceder a postos antes reservados única e exclusivamente aos homes.

É moito menos frecuente, por non dicir inexistente, que se cuestione o ascenso ao poder dun home que o dunha muller. Ela será unha “trepa” á que non lle importa pisar a outros/as para acadar os seus obxectivos. E eu pregúntome, se aínda no caso de que así fose, se xulgaría da mesma maneira se o fai un home.

Viñeta de la campaña ’En ciencia también pasa’, de Javi Royo y Creaf
Viñeta da campaña ’En ciencia tamén pasa’, de Javi Royo e Creaf

Cuestionarase así mesmo a súa valía profesional chegando a insinuar o peso que no seu ascenso puido ter o seu suposto atractivo, cando o hai, ou outro tipo de manexos, cando non o hai. Botaráselle en cara o seu coidado estilismo, cando o ten, facendo burla do mesmo e presupoñendo a importancia excesiva que ela mesma lle outorga, ou ,se non o ten, a burla virá precisamente por non telo, e mesmo pode ser cualificada de marimacho. Inaudito!

Este tipo de críticas e ataques obviamente son moito máis frecuentes cando as vítimas son mulleres que acadan postos de relevancia política, social, económica, cultural… mulleres intelixentes ás que, por deus!, non se lles ocorra aínda por riba coidar a súa imaxe -ou descoidala, segundo os casos-!

Pregúntome tamén se estas mulleres deben autocensurarse para non ser atacadas, deben renunciar a determinados estilismos para pasar inadvertidas e non ser xulgadas como frívolas e superficiais ou, de ser o caso, como todo o contrario. Cantos homes importantes en idéntica situación son reprobados polo mesmo? Eu diría que moitos menos, e, desde logo, non se utiliza igual ton, nin iguais críticas.

Realmente maduramos como sociedade? Superamos os prexuízos machistas nos que fomos educados a maioría, nos que, desgraciadamente, aínda se segue educando en boa medida? Eu diría que non cando para atacar unha muller que se dedica á política e que lexitimamente aspira, como calquera outro candidato, a ser presidenta dun país aínda temos que ler algunhas críticas que non se paran a cuestionar o seu programa, ou a súa ideoloxía con argumentos lexítimos senón que atacan o seu peiteado, a súa vestimenta, a súa maquillaxe…, acusándoa de fachendosa, de frívola, e, por suposto, de “trepa”, non vaia ser…

Estamos no século XXI, si, pero eu non podo deixar de lembrar certos textos de Rosalía de Castro da segunda metade do século XIX nos que denunciaba o desprezo e ataques que recibían as mulleres cultas daquela sociedade cando, ilusas elas, pretendían falar cun home de igual a igual, e menos en público, se non querían ser vilipendiadas e anuladas, chegando a aconsellar as mulleres do seu tempo a limitarse a cumprir co seu papel de esposas e nais, que era o único que se esperaba delas, a non pretender destacar nunca entre os homes. Precisamente esas ofensas, desprezos e anulación pública foron as que ela mesma sufriu por atreverse a tanto.

De verdade estamos ante comportamentos similares en pleno século XXI?

Por que as mulleres seguen necesitando xustificar a súa valía constantemente?, por que aínda segue sendo noticia que sexan condutoras de autobús, de trailers, bombeiras, albaneis, estupendas xogadoras de fútbol, árbitras, xefas de obra, etc., etc.? Por que aínda é unha materia pendente aceptalas plenamente en traballos tradicionalmente reservados aos homes?

Pero aínda hai máis… e que sucede cos homes que se afastan dos postos considerados convencionalmente ”masculinos” para elixir os que a sociedade machista e involucionada atribúe ás mulleres?

Cantas familias terán sido vítimas de conflitos provocados polo fillo que non quere estudar Dereito porque o que lle gustaría de verdade é ser bailarín? Cantos terán claudicado ante a tráxica reacción dos pais? (léase, sobre todo, pai)

Por que tendemos a etiquetar estes homes co prototipo de “afeminados”, “mariquitas” e cousas peores?

E que quizais aínda non estamos preparados para aceptar que homes e mulleres somos persoas cos mesmos dereitos e deberes, e que os oficios e profesións non son unha cuestión de sexo senón de capacidade e aptitude.

Estamos falando aquí de micromachismos? Coidado, porque ás veces non é doado distinguir onde remata o micro e empeza o macro, talvez porque beben da mesma fonte.

O dito: machismo e punto.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A muller xabaril de Fina Casalderrey

Golpes de luz

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥