"Máis impostos aos máis ricos"
Jesús GayosoSó hai dúas maneiras de adquirir grandes riquezas: o comercio e o saqueo. A propiedade privada e os mercados non floreceron durante a maior parte da experiencica humana, así que na súa maioría a xente fíxose moi rica quitándolles aos demais mediante o uso ou a ameaza de violencia física. Baixo tales circunstancias -que, de novo, dominaron a nosa historia- era natural e razoable sospeitar maldade por parte dos ricos. Tiñan privilexios que se negaban a todos os demais.
Privilexio é un termo cargado negativamente, por suposto. Algúns falan de privilexio cando unha persoa simplemente ten máis que outra. Eu uso o termo no sentido de Frédéric Bastiat, o liberal francés do século XIX, como un favor concedido polo goberno a uns poucos a expensas doutros. Un mercado libre é un mercado libre de privilexios.
O privilexio legal nunca desapareceu por completo, nin sequera nos mercados máis libres. Pero onde máis se restrinxiu, gradualmente en gran parte do mundo durante os últimos douscentos anos máis ou menos, os mercados e o comercio floreceron efectivamente, para beneficio de todos, especialmente dos que eran xa algo acomodados da sociedade. A xente fíxose rica e súper rica en cantidades inimaxinables a través do comercio en lugar do saqueo. O saqueo, despois de todo, no mellor dos casos redestribúe inxustamente a riqueza; nunca a crea. Os ricos gañaron “a súa” riqueza.
Nos últimos 60 ou 70 anos o privilexio legal volveu invadir os mercados relativamente libres cunha vinganza. En forma de “intereses especiais”, “búsqueda de rendas”, “financiarización da economía”, prosperou en presenza de tanta riqueza que foi saqueada polo proteccionismo, os subsidios e os impostos. O que hoxe chamamos “capitalismo de amigos” reforza a sospeita popular contra a gran riqueza.
Participar no aínda máis pequeno grupo de “Multimillonarios para a Humanidade” parece esixir ter unha visión distinta á maior parte deste colectivo, psicoloxicamente e pola súa propia protección a longo prazo.
Ata 83 ultrarricos de distintos países firmaron unha carta na que piden aos seus gobernos que lles suban os impostos para contribuír na factura dos novos programas gubernamentais destinados a reactivar a economía tras a pandemia da covid-19.
Están convencidos de que vivir gozando de grandes sumas de diñeiro e a seguridade que isto achega sen contribuír á sociedade “está mal”. E temen que a medio ou longo prazo a situación se volva contra eles.
Na súa chamada de atención, os asinantes piden aos gobernos que asuman a súa responsabilidade aumentado os impostos aos que teñen máis, de forma “inmediata, substancial e permanente”. Aseguran ademais que o impacto desta crise durará décadas e empuxará a 500 millóns de persoas á pobreza. “Centos de millóns de persoas perderán os seus empregos a medida que pechen as empresas, algunhas de forma permanente. Xa hai case mil millóns de nenos sen escolarizar, moitos sen acceso aos recursos que precisan para continuar a súa aprendizaxe. E, por suposto, a ausencia de camas de hospital, máscaras protectoras e ventiladores é un doloroso recordatorio diario da inversión inadecuada realizada nos sistemas de saúde pública en todo o mundo, din.
As grandes compañías pagan de media no mundo un 41% menos polos seus beneficios que hai 40 anos. O imposto de sociedades, co que os países gravan as empresas, foi minguando pouco a pouco ata acadar no ano 2021 niveis considerados obscenos ata para quen sempre avogou por unha menor presión fiscal e o libre comercio, como é o Fondo Monetario Internacional (FMI). O organismo levantou este mércores a voz para pedir aos estados que suban os impostos ás compañías que saíron fortalecidas da pandemia, como poden ser as farmacéuticas ou os xigantes tecnolóxicos. Pero tamén ás rendas máis altas, ás grandes fortunas que, comparativamente, pagan moito menos que os traballadores. De que forma? os seus expertos estudan varias alternativas, desde aumentar directamente a carga sobre impostos como o de sucesións, patrimonio e renda ata introducir un “imposto covid” a partir de certos umbrais, unha taxa de carácter temporal que serviría para redistribuír o desigual impacto da pandemia entre as rendas.
É urxente. Países como España ou Italia quedaron sen marxe fiscal para poder gastar e cada vez resulta máis difícil sufragar servizos básicos como a sanidade ou a educación. E isto débese a que a capacidade recadadora foi minguando nas últimas décadas en favor dos máis ricos. Un fenómeno estendido en todo o mundo, que se acentuou nos países máis desenvolvidos, incluídos os europeos.
En Bélxica, por exemplo, o imposto de sociedades situábase no ano 2000 no 40,17%, hoxe é igual que o de España (25%), que no 2000 impuña un gravame do 35%. Alemaña tamén fixo o seu, ao baixalo do 52% ao 30%, segundo datos de Tax Foundation. Por non falar das xurisdicións que aplican tantas deducións e exencións especiais ás multinacionais, que fan que as facturas se acheguen a cero, como Irlanda ou Luxemburgo.
Á marxe da introdución deste imposto temporal, o FMI tamén fai fincapé na necesidade de revisar todos os sistemas tributarios para acabar coa impunidade fiscal. E iso esixe pasar a lupa na casa e fóra. De nada serve subir a presión fiscal se outros países a baixan. “Nas economías emerxentes e de baixos ingresos, a prioridade será mellorar a administración fiscal e recadar máis impostos ao consumo, mentres que nas economías avanzadas observamos unha erosión dos ingresos do imposto de sociedades e tamén vemos unha erosión na recadación da renda das persoas na parte máis alta da escala de riqueza”, admitiu hoxe o subdirector do Departamento de Asuntos Fiscais do FMI, Paulo Mauro.
A súa mensaxe chega despois de que a reputada secretaria do Tesouro de Estados Unidos, Janet Yellen, propuxese chegar a un acordo sobre o imposto mínimo de sociedades: “Estamos traballando cos países do G20 para acordar un tipo mínimo do imposto sobre sociedades a nivel global que poida frear a carreira ata o fondo”, anunciou Yellen.
A Comisión Europea, que leva tempo intentando pór orde na UE e na OCDE, aplaudiu a disposición da nova Administración norteamericana e espera acadar un acordo para este verán no marco da OCDE. Hai sinais de optimismo. Para empezar, Estados Unidos retirou a esixencia de deixar á marxe algúns dos seus xigantes dixitais.
Pero isto non sucede noutros países onde tamén se gravou o patrimonio. En España, por exemplo, estase dando todo un éxodo. Moitos famosos cantantes, artistas, deportistas e youtubers, cambiaron a súa residencia fiscal a países como Andorra, onde os impostos son moito máis amigables para os ricos.
Aínda que nos pareza mentira, entre 1951 e 1963 o tipo máximo do imposto da renda en Estados Unidos superaba o 90%. Iso quería dicir que a partir de determinado nivel de ingresos, os impostos eran case confiscatorios. Entre os anos 1944 e 1981 o promedio dese tipo máis alto situouse no 81%, segundo os cálculos dos economistas Emmanuel Saez e Gabriel Zucman. “Estes niveis establecéronse para reducir desigualdade, non para obter ingresos”, explican os autores do libro El triunfo de la injusticia citando un discurso do presidente Roosevelt ao Congreso. Donald Trump aplicou a última baixada o 22 de decembro de 2017: do 35% ao 21%.
Hai cada vez máis datos que demostran como os sistemas fiscais dos países avanzados foron perdendo progresividade: é dicir non paga máis quen máis ten. “Os Trump, os Zuckerberg e os Buffet deste mundo pagan tipos impositivos máis baixos que os profesores”, argumentan estes economistas.
O debate sobre que facer cos impostos acabará chegando. É posible que o mundo viva un novo cambio de paradigma como o que se iniciou nos anos oitenta coa “economía de goteo”. O que está claro é que a cuestión fiscal ten abertas moitas frontes: tributos anticuados para unha economía cada vez máis dixital, competencia fiscal nun mundo globalizado e movementos libres do diñeiro, aumento da desigualdade e o seu impacto na economía e as democracias…. Na economía todo está interconectado.
A covid engadiu o último argumento: os países sairán da crise da covid cunha enorme montaña de débeda a costas. O diñeiro para pagala terá que saír dalgunha parte.
E por último dúas preguntas, para min case retóricas e de respostas obvias:
É QUE AS GRANDES RIQUEZAS DE HOXE NON SON FROITO TAMÉN DE LOGROS DE TODA A HUMANIDADE, CON SACRIFICIOS DOS MÁIS POBRES, ESFORZO DOS MÁIS ILUSTRADOS AO LONGO DOS ÚLTIMOS SÉCULOS QUE ESIXE QUE AQUELAS PAGUEN MÁIS POR TANTO RECIBIDO?
Seguindo ao gran economista Piketty:
É RACIONAL E EFICIENTE EN TERMOS MACROECONÓMICOS E DE XUSTIZA DISTRIBUTIVA, POR EXEMPLO, QUE UNHA PERSOA POSÚA UN PATRIMONIO DE MÁIS DE 100 MILLÓNS DE EUROS?
Jesús Gayoso Álvarez
Psicólogo
Jesús Gayoso naceu en Barcelona en 1943, pero vive en Galiza desde 1979. Estudou Enxeñería Industrial, Dereito e finalmente Psicoloxía na UNED de Pontevedra.
Traballou na Administración de Industria durante corenta anos, primeiro no goberno estatal e despois na Xunta de Galicia como enxeñeiro e máis tarde como Delegado de Industria en Burgos e Pontevedra.Tamén mantivo un gabinete de Psicoloxía Clinica durante algún tempo nesta cidade.
Ao xubilarse seguiu cultivando a súa paixón polo coñecemento, con especial inclinación cara á filosofía e poesía. Ademais participa como voluntario na Cruz Vermella i e moi aficionado a viaxar i ao senderismo.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥