máquina

Non foi fácil aparcar. En agosto, na praia da Lanzada, atopar sitio é cuestión de lotaría, pero non só a de Nadal é suficiente; ás veces a do Neno e o Euromillón xuntas tamén son imprescindibles.

A praia está chea de bañistas. A fileira multicolor de parasois é infinita; os veraneantes inúndano todo, facendo o seu agosto.

A temperatura da auga, máis morna ca nunca. Digo morna, xa que por estes lares dicir quente podería ser un exceso. 23,5 ºC é unha auga extraordinaria, cum laude.

Ondas un tanto desordenadas e bañistas tirados pola area que parecen gozar.

As néboas típicas das Rías Baixas tampouco queren manterse á marxe nun día tan sinalado. Un par de horas de frescura e o escenario, case preparado

Bocadillos de xamón asado con pementos verdes fritidos para comer, cun chisco de maionesa, e cervexa Estrella Galicia para pasar a comida.

A totalidade dos medios informativos, tanto públicos como privados, non se queren quedar á marxe. É a gran noticia e así hai que vendela.

A guerra en Ucraína, o desmantelamento de Gaza, a guerra en Irán, os traballos de desencombramento en Venezuela, a invasión de nadadores de Ceuta, o recente terremoto de Colombia… Todos eles xuntos son incapaces de roubarlle protagonismo a este salvaxe evento natural.

Din que será o último das nosas vidas con estas mesmas características. Se os expertos o din, non queda outra, haberá que subirse ao carro.

Aproxímase a hora e, coa dixestión ben feita e algún baño sobre as costas, o paspallás estomacal vai in crescendo.

Cámaras haberá, pero creo que a estrela do evento non será a coñecida cervexa galega, senón as cámaras dos móbiles, que todo o poden. Con que non pode un móbil?

Á miña dereita, unha bañista reincidente, baixo un parasol, reserva unha excursión para mediados de setembro en Indonesia. Resulta que lle apetece visitar os dragóns de Komodo.

Á miña esquerda, unha parella nova, ben avenida, deitada sobre a toalla, suspende a sesta pola súa inquedanza acerca do acontecemento.

—Será como din?
—Farase de noite?
—Baixará moito a temperatura?
—Beberán os peixes no río?
—E os do mar…?
—Vai ser superguai, en plan —dicía ela mentres o abrazaba arredor da cintura.

Tres parasois máis alá pareceume ver unha muller botándose crema solar por todo o corpo co seu propio teléfono. Si, estiven convencido diso durante un bo rato, pero non, non pode ser, polo menos polo momento.

Non é posible usar o móbil como dispensador de bronceador, pero pensei: todo se andará, Pepuchiño…

Hai tempo que creo que un móbil podería converterse nunha máquina de barbear. Por que non? Será cuestión de baixar unha APP desas, verdade?

A caixeira do meu supermercado de confianza comentoume en reiteradas ocasións que, se me baixaba unha APP, faríanme descontos e, ademais, podería pagar a compra con el. Por que non barbearse cunha desas marabillosas aplicacións?

Ui… que me vou polas ramas. Tédeme que perdoar, pero, aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid, quixen darme un baño.

Céntrate, Pepucho, céntrate.
Que si, que xa me centro, demo.

19:32. É o gran comezo. Xa queda menos.

A batería do móbil, a tope polo que puidese ocorrer; os filtros sobre o aparello, no seu sitio correcto, ben axustados coas gomas que traen os mollos de espárragos trigueiros na súa base; as lentes, axustadas nos nosos apéndices faciais. Ollo: os expertos din que hai unhas lentes que valen e outras que non. Supoño que coma os pementos de Padrón.

Xa só queda agardar. Unha hora vai durar entre fase minguante, total e crecente. Ai, que nervios! Atópome máis nervioso ca un crocodilo en augas do Peloponeso.

A ocultación do sol vai ser case total, un 99,6 %, por intromisión da lúa. Nas Rías Baixas non é cousa habitual e haberá que gozalo.

Bendita sexas, Natureza. Sempre serás maxestuosa.

Eclipse
Jose Solla Casqueiro

Jose Solla Casqueiro

Fotógrafo

Jose Solla Casqueiro naceu en Pontevedra no ano 1962, encántalle a fotografía artística, conceptual, minimalista, a actividade física e as viaxes, é un aventureiro incansable.

É profesor de Educación física xubilado

O seu blog

A xuventude, o gran tesouro

O viño

O parafuso e o cravo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥