Manuel Morgade Ríos foi durante anos, a carón da súa muller Lucrecia, o responsable do bar Chinito, xusto detrás do concello, en Pontevedra.

Naceu nunha parroquia da Estrada, Liripio, en 1929 no seo dunha familia moi humilde, rodeado de fame e miseria. Cando estourou a Guerra Civil só tiña sete anos e, tras ela, máis fame e máis miseria.

El era o máis vello de cinco irmáns, aos que todos chamarían “Os Morgade”, polo que dende moi pequeno medrou coa responsabilidade de coidar de todos eles coma se fose un pai, algo que lle inculcaron na casa, e así o fixo durante toda a vida.

Manuel Morgade

Cando aínda era un neno aprendeu a facer zocos e cestas e con ese traballo gañaba uns cartiños para axudar a familia que tanto o necesitaba. Case non foi á escola porque na súa casa precisaban que traballase. Quizais Manuel presentía que o seu destino era ser canteiro, coma a meirande parte dos homes da aldea, e viaxar durante o verán para traballar na construción volvendo logo no inverno xunto á familia; de feito o seu pai xa lle dera a primeira ensinanza do oficio facendo o palleiro da casa e, efectivamente, con 15 anos viaxou con el e os seus tíos ata Sta. Comba, comezando así a andaina dos canteiros que deixaban a aldea na procura de traballo. Ás veces percorrían as vilas sen saber onde o atoparían, outras ían cara algunha en concreto tras escoitar noticias de que alí se precisaban homes, e outras eran os propios capataces os que chegaban a Liripio en busca dos traballadores para a súa obra, coñecedores da sona que lles proporcionara o seu bo facer como canteiros. E, como todo bo canteiro, tamén aprendeu a súa xerga (verbo dos arxinas), foino aprendendo de vagariño mentres traballaba e escoitaba falar aos demais, xerga profesional que como todas as demais, xa case desaparecidas, tiña un carácter críptico, é dicir, non só a usaban para a comunicación entre eles senón tamén para non ser entendidos polos alleos.

Os primeiros anos de canteiro traballou en Ferreira de Pantón e Monterroso ata que o cuarto, co pai e cos tíos, cruzou Galicia e chegou a Asturias. Daquela xa traballaba coma un canteiro máis, coa experiencia e o bo facer do tempo que levaba no oficio, e comezaba a ensinarlle a seus irmáns que, como fixera seu pai con el, ían con Manuel para aprender. Mais, como os capataces seguían a tratalo coma un rapaz, pagándolle menos que aos adultos aínda facendo o mesmo traballo, decidiu emprender camiño cara a unha vila a moitos centos de quilómetros do seu fogar: Vitoria, e alí foi onde se enfrontou á faraónica obra dos pantanos recibindo soamente dúas pesetas menos ca un home adulto. Mais negándose a seguir cobrando coma un aprendiz, enfróntase por primeira vez ás decisións do seu pai, convencido de que se el mesmo tivese negociado podería ter conseguido un salario digno.

“Cando aínda era un neno aprendeu a facer zocos e cestas e con ese traballo gañaba uns cartiños para axudar a familia que tanto o necesitaba

Manuel Morgade Ríos

Estando en Vitoria non pasa moito tempo ata que queda ao mando da expedición familiar, xa que a súa nai enferma de gravidade e o seu pai decide regresar a Liripio. Eles volverían polo Nadal, como era tradición no duro oficio dos canteiros, e tras ese tempo de descanso buscaban outra obra na que traballar ata o vindeiro Nadal.

E así, ao ano seguinte foron a Barrios de Luna, en León. Máis adiante volverían aos pantanos, oficio moi duro no que se cobraba pola cantidade de traballo feito, non por xornal (chamábanlle “a destajo”). Posteriormente, grazas á experiencia conseguida e á alma de líder, non lle foi difícil converterse en xefe de catro canteiros nunha obra da Coruña.

Pasaran xa seis anos fóra da casa cando tivo que facer o servizo militar en Ferrol, porén aproveitaba os permisos para gañar uns cartos que axudasen a familia facendo traballos de cantaría en lugares próximos, cruzando á provincia da Coruña e a Lugo, onde retomaría o seu oficio ao rematar a mili.

Desprazaríanse logo a Guadalajara para traballar na presa de Entrepeñas, aínda que as condición eran cada vez peores, de pouco servira reclamar o seu salario como home. Lavábanse eles e a roupa nas xélidas augas do pantano, na zona onde só había un palmo de auga posto que non sabían nadar, aínda así a piques estivo de perder afogado ao seu irmán Arturo que deu cun desnivel do terreo e afundiuse, afortunadamente Manuel puido agarralo con forza e salvalo dunha morte segura.

En Guadalajara estiveron dous anos, primeiro en Entrepeñas e despois no pantano de Buendía. Inmensas moles de formigón e pedra nas que canteiros e peóns traballaban sen descanso. Os domingos era cando menos horas traballaban: doce, o resto dos días da semana pasaban catorce horas entre pico e pedra.

Aquela empresa tiña contratado o traballo en días e pagábanlles por xornada, por iso fixéronlles desfacer moitos muros de pedra xa rematados sen eles entender que é o que estaba mal ata que se decataron de que o que pasaba era que traballaban demasiado, había que ir máis lento para conseguir máis cartos. Acabaron abandonando Guadalajara polas durísimas condicións de traballo, case non pagaban as horas extras e o frío era insoportable.

e de regreso á aldea Manuel casou con Lucrecia, unha prima á que coñecía desde nena. Quince días despois da voda volveu saír traballar cos irmáns, primeiro a Valladolid e despois a Ávila, reconstruíndo partes da enorme muralla medieval. Ao rematar alí volveron a Valladolid, onde construirían poboados, un labor moi similar ao que xa fixeran en Egea de los Caballeros anos antes. Logo foron cara a Bilbao, a cidade que todos os que viñan de traballar nela denominaban “a capital do traballo”, tamén traballaron en Santander e Castro Urdiales.

Máis tarde Manuel escoita falar da construción dun poboado en Huesca e vai alá, pero decátase de que non valía a pena en cartos e esforzo e busca un posto na construción dun pantano en Lleida, de alí diríxense a Vitoria onde se precisaban canteiros para construír unha escola. Nun mes rematan  e levantan outra en Burgos.

Mentres en Liripio, era o ano 1958, nace o seu único fillo, Adolfo. Os dous anos seguintes ao nacemento do neno traballa de obra en obra dende Valladolid a Bilbao, Vitoria e Córdoba, nesta cidade fano na construción dun muro de pedra de oito metros de ancho, cincuenta de altura e dous quilómetros de longo que remataron en cinco meses (el foi con dous irmáns, Arturo e Eloy) eles construían “en seco”, é dicir, colocaban as pedras unhas enriba das outras sen masa, o que era visto como unha loucura polo capataz, pois alí utilizaban masa. Nesa obra cobraron cada un 50.000 pesetas, mais non foi doado que lle pagaran o que lle correspondía, quixeron enganalos, pero ao final Manuel conseguiu convencer o capataz de que el sabía o que era un metro cúbico, aínda que non fora case á escola, porque o tivera moitas veces nas mans. Este foi o último traballo xuntos dos irmáns Morgade. E é que a vida de Manuel e Lucrecia vai dar un xiro cando deciden emigrar ao Brasil.

O día a día de Lucrecia na aldea mentres o home estaba fóra non era nada doada e a Manuel doíalle esa situación, así que quizais pola necesidade dunha vida nova e coa esperanza de atopar un traballo menos escravo colleron aqueles billetes tan lonxe.

Os irmáns marcharon a Francia, xa non como traballadores da pedra, os tempos mudaban, a pedra daba paso ao ladrillo, e con iso os canteiros convertíanse en albaneis. Pero Manuel non se iría ao país veciño. Lucrecia fixera as xestións durante o verán. O plan era viaxar ata Brasil, e dende alí un parente da súa madrastra reclamaríaos en Buenos Aires.

Manuel e Lucrecia
Manuel Morgade

Así que abandonan unha aldea da que había xa moito que Manuel marchara, aferrado ao compromiso que o unía agora a Lucrecia e ao seu fillo, Adolfiño.

Soben naquel enorme barco, un barco francés que nas súas bodegas leva un gran cargamento de bacallau e enriba outro gran cargamento, pero humano, un cargamento que foxe dunha vida de traballo e sufrimento agardando atopar un mundo mellor ao outro lado, unha vida máis doada, aínda que no fondo soubesen que os esperarían longas xornadas de esforzo.

Máis de quince días durou a travesía deica Santos,  seica así se chamaba aquela vila. No peirao agardan ansiosos polo amigo que quedara de ir recollelos, veciño de Liripio emigrado en Brasil desde había tempo.

De súpeto sentiu unha man que o tocaba.

-Manuel!

Apertáronse. Sentiron o seu agarimo dende aquel primeiro momento, nun peirao tan lonxe dos montes de Liripio, co olor a outro mundo introducíndoselle no corpo.

Colleron un coche de liña destino São Paulo. Achegáronse á grande cidade por estradas curvas a pouca velocidade. A un e ao outro lado estendíase a impoñente selva, moi diferente aos montes e bosques que coñecían.

Manuel e Lucrecia tiñan escoitado moitas historias das grandes cidades das Américas. Pero unha cousa era escoitalo, e outra velo cos seus propios ollos…

São Paulo, cidade inmensa.

Os tres primeiros meses Manuel traballou a xornal do amigo como canteiro.  Deseguida comezou a súa boa maña a facerse coñecida entre os capataces e soubo que traballo non lle faltaría. Pero de súpeto os seus plans viraron totalmente.

Un día o amigo convenceuno para ir a un bar que rexentaban outros veciños de Liripio, e que querían vender. Finalmente Manuel e Lucrecia aceptaron o trato de traballar alí ata que puidesen pagarlles o traspaso.

Corrían os anos sesenta, aquel non era un bar que se parecese aos que recordaban de Galicia. Os billares e as máquinas de xogo eran a súa principal fonte de ingresos. Iso e o alcohol. Tamén sacaban cartos os días de feira, cando poñían un carriño á entrada do bar e vendían bocadillos. Cantos bocadillos podían facer nun só día? Aquel era un traballo de moitas horas, pero a crueza do traballo doutro lado do Atlántico, facía aquilo unha cousa menor.  Salvo por…

Manuel coa familia no Brasil

Manuel, Lucrecia e Adolfo no seu bar no Brasil

A angustia de Lucrecia parecía non parar de medrar. Ese medo que se lle metía no peito.

Era noite pecha. E outra noite máis tentaban entrar a roubar. Manuel sacaba o revólver, apuntaba a parte alta do portal de chapa de ferro e apretaba  o gatillo.

As voces cada vez sentíanse máis lonxe. E doutra volta poderían ir durmir.

Ao día seguinte, como un hábito máis, Lucrecia arranxaba os buracos das balas cun pequeno martelo.

-Non sabemos como vostedes teñen tanta sorte, que non lles rouba ninguén!

Manuel sempre repetía o mesmo, cun certo ton melodramático: “Teño un revólver que fura a porta, o que se asome xa sabe o que lle queda”.

As liortas no bar eran constantes, voaban cadeiras, balazos. A vida nun suspiro. Adolfo, o neno, habituado xa, cando había agarradas fuxía á casa dos veciños.

Aqueles veciños eran unha familia moi pobre e de moitos fillos. Os pais e os irmáns maiores traballaban na fábrica ao outro lado da rúa. Gañaban a miseria que lles ía chegando para sobrevivir. Adolfo aprendera xa a coidar aos pequenos, como se fose un irmán máis.

E é que aquela era a súa familia no Brasil. Alí ían no Nadal, coas botellas de viño e a comida para sorrir e sentir o agarimo dos que se coidan.

Pasaron os anos e os irmáns máis vellos de súpeto cambiaron. Xa non eran os mesmos, estaban comestos por un novo mal que cada vez afectaba a máis xente. Chamábano a droga.

Manuel e Lucrecia xamais antes tiveran escoitado falar diso. Pero aqueles rapaces pouco a pouco deixaron de ser eles converténdose nunha sombra tétrica de corpos esqueléticos. Recorda Manuel aquel día que atopou a un á volta dunha esquina, cunha xiringa no brazo, o seu rostro non tiña alma.

Mes tras mes, aquel mal ía invadindo a vida do barrio, os rapaces da idade de Adolfo comezaban a caer converténdose en escravos da droga.

E por iso Manuel e Lucrecia agarrando con forza a man do seu fillo volveron coller un barco, esta vez de volta á casa. Si, de volta, aínda que Manuel fixera a promesa de nunca máis volver, de que a súa vida agora estaba no Brasil, onde gañaban o suficiente para vivir ben, sen aquel traballo escravo que afogaba o corpo, pero o medo polo fillo era máis forte que todo aquilo así que, fuxindo da droga, subiron ao barco que os trouxo de volta.

Era ben diferente daquel primeiro, oito anos antes. No que si era similar era na cantidade de xente que ía a bordo. A meirande parte eran coma eles, emigrados que volvían de facer as Américas. Algúns víase que tiveran máis sorte, outros menos.

Lucrecia e Manolo

Cando chegaron estiveron en Vigo unhas semanas, onde vivía naquel momento o seu irmán Gerardo, Manuel quería tentalo alí. Coa experiencia da rexencia dun bar… Pero a oportunidade que buscaba non aparecía e a vida na casa do irmán cada día facíase máis difícil, así que decidiron volver a Liripio.

O retorno á aldea natal sería algo que o seu fillo xamais esquecería. Aínda que era o lugar no que nacera, no que pasara os seus primeiros anos de vida non gardaba recordos daquilo. O autobús deixábaos a seis quilómetros, desde alí a pé coas pesadas maletas. Mais para o neno aquela paisaxe verde de impoñentes carballos, co son da auga en regatos aquí e acolá facíalle medrar un enorme sorriso, semellaba un paraíso e decatouse de que  volvía á casa, a unha casa que non recordaba pero que lle facía espertar a alma. Entre o son dos paxaros e aquela verde terra de montes e vales, de auga e pedra.

Descubriría cada un dos seus recunchos naquel verán en Liripio. Mentres os seus pais percorrían a provincia en busca dunha oportunidade para volver comezar.

E volveron comezar, esta vez en Pontevedra onde se atopaba unha tía de Lucrecia que lles ofreceu probar sorte alí coa súa axuda.

Que faremos en Pontevedra? Pensaba Manuel, só había que repetir o vello refrán “Vigo traballa, mentres Pontevedra dorme, Santiago reza e Coruña divírtese”

Os centos de traballadores da industria de Vigo, contrastaban coa calma agoniante da vila de Pontevedra. Pero alá van, cara a Pontevedra, en busca dun novo comezo para os tres.

Manuel e Lucrecia

Manuel e Lucrecia no Chinito

Diante do chinito

Diante do bar Chinito

Mercaron un piso en San Antoniño, cando o fixeron sabían que quedarían na “Boa Vila”, quizais non sospeitaban que durante tantos anos…

Ao principio transportaban nun camión, que mercaran entre Manuel e o tío de Lucrecia, produtos que compraban nunha vila e vendían noutra. Os dous levantábanse moi cedo, percorrían quilómetros para vender patacas, repolos… todo o que puideran meter dentro daquel camión. De praza de abastos en praza de abastos tentaban sacarlle rendibilidade a aquelas horas ao volante. Pero ao  duro traballo de negociar coas praceiras uníaselle a pouca maña do tío para manexar o camión.

Mentres tanto Lucrecia soubera sacarlle partido ao piso, que convertera nunha media pensión. Nos cuartos libres vivían agora dous estudantes de Maxisterio. O que axudaba a acomodar os gastos.

Porén o camión non daba suficiente, tantas horas de traballo, tantos quilómetros ás costas, e aquela lea constante cos vendedores e compradores… Manuel tiña, doutra volta,  que cambiar os seus plans…

“Chinito”. Mira o nome colgado na parte alta, enriba da porta. Non se cambiaría o nome, aquel sitio xa tiña unha clientela, unha boa clientela, e o traspaso tiña que notarse o menos posible.

-Como faremos isto? Xamais fixemos algo así!- preguntábase Lucrecia mentres recordaba aqueles sinxelos bocadillos de Brasil e escrutaba aquela carta enorme con pratos, menú do día… Ao seu lado  unha rapaciña tentaba animala, chamábase Mari Carmen.

O bar, de dúas plantas, con comedor na parte alta e cuartos que servían de pensión atopábase na parte de atrás do Concello de Pontevedra. Moi preto do Goberno Civil e doutros edificios administrativos. A súa situación, nunha vila de funcionarios, era máis que boa.

Lucrecia miraba cara a Mari Carmen tentando adiviñar se é que a rapaza podía ter razón. Se poderían conseguilo. Chegaran a un trato, o mesmo que tiña cos anteriores donos. Ela traballaba nun salón de peiteado, ao final da rúa Charino, na Praza das Cinco Rúas, só uns metros o separaban do Chinito. Ás oito, cando pechaba, botaba unha man a Lucrecia na cociña, e todo o día do sábado e do domingo.  A súa axuda sería fundamental para imitar aquela gran carta con aínda mellor xeito que os anteriores donos. Lucrecia foi, da man daquela risoña rapaciña, perfeccionando a súa habilidade na cociña.

Manuel Morgade

Case chegaban xa a década dos setenta, cando completaron aquel peculiar equipo do Chinito con Pepe. Os seus pais pedíranlle a Manuel e Lucrecia que o empregaran como aprendiz. E así foi como un rapaciño de catorce anos chegou á capital da provincia dende a Estrada. Non marchou de alí ata que casou, moitos anos despois.

Ademais Adolfo, entre clases e estudos axudaba aos pais no bar. Ese era o soño de Manuel, que o seu fillo puidera estudar. Tentouno toda a vida, en Brasil e de volta. Vendo nos seus estudos a vía de escape ao traballo escravo do que eles non puideran escapar.

 Pasaron anos, moitos. Manuel comezaba a pasar a madurez da vida cun bar e unha pensión ateigados de clientes habituais, marines, estudantes de Maxisterio, funcionarios, obreiros…

Os cartos deran xa para mercar un terreo, nas aforas da vila, no lugar de San Blas. Alí comezou a construír unha casiña. E no fondo do terreo uns cortellos. A levadura, todos aqueles restos do bar, servían para alimentar os porcos que criaban entre el e Pepe. Aos porcos seguiron as galiñas e a horta, onde pasaban o tempo libre, traballando tamén…

Poucos anos despois de chegar os netos, Manuel, entre esbirros e o fume do tabaco afogándolle os pulmóns botou o peche ao bar. Chegara o momento de rematar aquela etapa, tras 25 anos detrás da barra do Chinito….

Manuel e Lucrecia, despois de toda unha vida traballando estaban xubilados. Mais aínda quedaba moita vida por vivir sen abandonar o traballo na súa leira de San Blas e o coidado de galiñas e ovellas.

Manuel no cumpleanos

No 85 cumpleanos de Lucrecia

Hoxe, Manuel, ten 92 anos e vive con Lucrecia na casa do fillo.

Emociónase ao falar da súa vida, do traballo escravo que o acompañou sempre, que o mantivo ocupado, vivo, moitos anos despois de xubilarse.

Manuel non é un home corrente. Non lle importa chorar, que se lle enchan os ollos de bágoas, amosar a súa fraxilidade, que é fortaleza.

Manuel non é un home corrente, Manuel bica aos homes, amosándolle o agarimo igual que coas mulleres.

Manuel non é un home corrente. Manuel é o artista das pedras que non ten medo a querer.

“Toda a información vertida neste relato de vida é un resumo e adaptación do libriño artesanal sobre a traxectoria vital do seu avó que a miña filla, Iria Morgade, lle preparou como agasallo sorpresa”

Manuel con Lucrecia e Iria

Manuel e Lucrecia con Iria, a súa neta

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de lingua Galega

Son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Amauta Castro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥