Cando morreu Mario Orjales decontado soubemos que debiamos facerlle unha homenaxe de recordo e que nesa homenaxe debería ter voz principal Xosé Manuel Beiras Torrado. Por tantas e tantas cousas que sería longuísimo de relatar; mais, e por riba de todo, pola irmande que mantiveran como bandeira ao logo da súa vida. A irmandade como cerna da lealdade e a lealdade como alicerce de compromiso co Pais. Beiras sumouse ao acto de homenaxe no Espazo Nemonon o 7 de agosto do 2020 xunto con César Cunqueiro, Guillermo Corral e Mario Orjales, neto do homenaxeado e que tiña o encargo de declamar a Letanía de Galicia de Uxio Novoneira para pechar o acto. En contra do que é habitual Beiras traía escrita a súa intervención, esta que agora podedes ler grazas a este esforzo editorial de divulgación on line que realiza o grupo Devellabella. Desde o Ateneo de Pontevedra queremos agradecerlle a Beiras a autorización que nos concedeu de dar a coñecer esta intervención súa, coidamos que brillante e cargada de emoción histórica, e ás compañeiras e compañeiros Devellabella por darnos acollida na súa publicación. Vento na velas e avante toda. Ateneo de Pontevedra.

     Si, Orxales. Cando nos coñecimos, hai só sesenta anos, dixérame que na súa terra chamábanos ‘os Orxás’. A terra de Ortegal, beiramar bravía do cordal da Capelada, con só Cedeira no relanzo da súa ría, até a estrema norte onde abre a de Cariño e Ortigueira. De Mario aprendera eu daquela que ‘orxás’ son campos de ‘orxo’, idéntico étimo ao do orge francés, cebada en español. Decote xovial e riseiro, ás veces o Mario, por brincadeira, dicíase chamar ‘Cebadales’ -“soa ben ridículo, non si?”, engadía axiña. Como Franco Grande conmigo, cando me invocaba ceremoniosamente: “señor Orillas Tostado” -e riamos todos. Cando novos, os que, coma min, non eramos fillos de labregos e falabamos o galego urbán, tiñamos moitas lagoas no léxico do universo campesiño, que iamos enchendo nas leituras literarias e nas conversas cos nosos paisanos do mundo labrego.

     Eran os anos, dacabalo do decenio dos cincuenta e dos sesenta, da gomariza da conciencia da nosa identidade colectiva, maiormente na mocidade, na estudante, o noso eido peculiar -mais tamén na do traballo, na fábrica, no campo ou no mar. A que axiña comezaría a emigrar en masa ‘a Europa’ -esa ‘terra incógnita’ alén Pirineus onde o fascismo fora derrotado ‘manu militare’, a miseria era pasado e podía ún gañar a vida a xeito, mesmo mandar aforros aos da casa. Aquela que, a Mario e nós todos, motivabanos para tornármonos cidadáns activos, esculcarmos na identidade do noso país, aprendermos a descifrar as claves dos andacios que padecía, e comprometérmonos na angueira da súa descolonización, contribuíndomos así á emancipación social, cultural e política das xentes de noso. A empezar polo idoma e a cultura. As clases informais de galego, os grupos estudantís de teatro en Compostela, a nova xeración de escritoras e escritores, dende Mourullo a Ferrín, de Xohana Torres a Franco Grande ou García-Bodaño   E moi axiña as asociacións culturais. A primeiriña, a pioneira, ‘O Galo’, en Compostela: 1961.  Mario, Aurichu, Bodaño, Xulio Maside, Ventura Cores, foran as súas primordiais parteiras, nunha madrugada que lle inspirara o nome a Aurichu, e Cores deseñara o emblema. Deseguida nacería ‘O Facho’ na Coruña, da man de Manolo Caamaño, Rodríguez Pardo, o propio Mario e algúns máis. E logo viría a constelación delas en cidades e vilas de toda Galiza, como vagalumes escintilantes na longa noite de pedra franquista.

A empezar polo idioma e a cultura, dixen, co maxisterio socrático de Ramón Piñeiro na mitificada ‘mesa camilla’ na rúa de Xelmírez, cómpreme engadir. Mais cun implícito norte político, que moi axiña ‘os novos’ debeceriamos por facer esplícito nunha angueira de acción política tout court. A primeira iniciativa fora a convocatoria dun Consello da Mocedade, no albor dos anos sesenta. Lembro as xuntanzas e debates no Bar Viño, ao pé da Porta de Mazarelos compostelán. Mais o Consello naceu e fendeu case simultáneamente. Algúns, como Mario e mais eu, navegabamos aínda no ronsel da escola piñeirán. Outros, maiormente os que foran proseguir os seus estudos alén Padornelo, saíranse desa órbita e tiñan posicións máis radicais. Non foi posíbel a unidade e, a partir de aí, o primeiro continxente protagonizaría a fundación do Partido Socialista Galego (PSG), e  o outro a da Unión do Pobo Galego (UPG).

Mario Orxales

Foto de Mario Orxales de Wikipedia

Así foi como, en agosto do 1963, no despacho de advogado de Sebastián Martínez Risco, na Coruña, un pequeno fato dos novos, con algúns non tan novos, e mesmo algúns dos máis veteranos, levantan acta de constitución do PSG na clandestinidade. Alí están Mario, Caamaño, Salvador Rei, Bodaño, Rodríguez Pardo, mais tamen vellos loitadores como Cesáreo Saco, Paco del Riego, Pombo ou Amando Losada. Mesmo asisten dous membros da direición do Moviment Socialista de Catalunya de Josep Pallach, un diles o grande Edmond Vallés, que fora con Pallach un dos fundadores no exilio francés en 1945 e xa padecera a cadea franquista nos cincuenta. Non estaba eu mesmo, en troques. Dende 1957, xa licenciado en Compostela, os meus estudos e inquedanzas leváranme a Paris, primeiro, e Madrid, despois, e durante ese periodo a miña relación con Mario e os demáis en Compostela fora intermitente, en retornos intensos, mais intercalados e interrumpidos, como o Intermezzo Interrotto do Concerto para Orquestra de Bartok. De xeito que no vran do 63 eu non estaba aínda de volta na Galiza, mais fora informado e adherírame á decisión de fundar o PSG. Retornado no outono para ficar xa na patria, e afincado en Vigo, integraríame de cheo nas actividades do partido. Aí comenza o período de máis íntima e constante relación persoal de amizade e camaradaxe con Mario, que ía durar deica o remate do rexime franquista e a desfeita das eleicións ás Cortes de 1977. Amizade, camaradaxe e, por riba e alén diso, unha absoluta confianza e un profundo e recíproco cariño fraternal que  perdurou após esa dramática conxuntura.

No PSG, Mario foi talvez a cabeza máis imaxinativa e o espírito máis permanentemente activo e xovial, e Caamaño o máis metódico e optimista traballador e activista. Ao longo dos anos sesenta, Mario, Caamaño, Salvador Rei e mais eu, con Valentin Arias desque se trasladou a Vigo como mestre, formabamos unha equipa tan compenetrada que mesmo ás veces sobraban as palabras para nos entendermos. Se a fundación do partido fora no vran do 63, a primeira asemblea tivo lugar en setembro do 64: apenas unhas ducias de militantes, reunidos na biblioteca da Fundación Penzol, debatemos e aprobamos os primeiros Principios ideolóxicos e políticos do PSG, de carácter socialdemócrata, nacionalista, federalista e internacionalista nos ámbitos español e europeu -cun  apéndice un chisco disonante que postulaba a planificación económica descentralizada. Con todo, naquela época, un Olof Palme ou un Bruno Kreitsky concordarían con ese plantexamento.

     Tan certa era a asunción na prática da nosa vocación internacionalista que, apenas un mes máis tarde, o recén nado PSG ía participar clandestinamente nunha xuntanza internacional alén Pirineus. E alá fomos enviados Mario e mais eu. Estouno a ver aínda, Mario acarón de min, sentados ámbolos dous nunha terraza barcelonesa, se cadra na Rambla de Catalunya. Facemos conxecturas sobre o futuro imediato, e tentamos abesullar con optimismo o remate do franquismo. Como se fose un exercizo de visionarmos ese futuro, Mario incítame a probar cal dos dous é capaz de ler máís lonxe os letreiros dos comercios e os bares ao longo desa rúa. Os dous temos polo entón moi boa vista, e a insólita partida remata en táboas.

     Estamos a facer tempo antes de collermos o tren que nos vai levar até Imperia, na Riviera da Liguria italiana. Alí vai celebrarse a xuntanza. Será anfitrión o Partido Socialista Italiano de Nenni, que nos acollerá na súa sede nesa vila. O promotor do encontro é don Xosé Calviño, o xa entón vello venerábel e entrañabel enxeñeiro lalinés, albacea de Largo Caballero, afincado en París, líder do sector marxista e federalista do PSOE no exilio, que acollera con simpatía a fundación do PSG e decidira apadriñar a nosa ‘presentación en Europa’ e apoiar a nosa relación co MSC de Pallach, que vai participar sobranceiramente no encontro. Mais tamén vai estar un mociño valencián máis novo ca Mario e eu: é Joan Mira, do círculo de Joan Fuster, e representa os GARS (Grups de Acció i Reflexió Socialista), que serán o xérmolo do ulterior Partit Socialista del País Valencià (PSPV) auspiciado por Fuster, cos Joan e Vicent Garcès, o Vicent Ventura, o Ernest Lluch trasladado á Universidade de Valencia e tantos outros. En rigor, nese encontro de Imperia, Mario e mais eu imos participar no comenzo do que vai ser un proceso de alianzas cara un proxecto de artellamento federal que ao cabo desembocará na fundación da FPS, a efémera Federación de Partidos Socialistas do Estado Español, en 1976, cando o PSOE de Felipe e Guerra fan rebentar por dentro a Conferencia Socialista Ibérica convocada dous anos antes por Pablo Castellanos con análoga finalidade.

     Mais o compromiso de Mario coa nosa Terra non se cinxe só ao activismo político. De xeito análogo a como eu decido formarme en sistemas económicos para esculcar na patoloxía da nosa sociedade, Mario decide facelo nunha prática profisional como sociólogo no recén constituído IRYDA (Instituto de  Reforma y Desarrollo Agrario) e, xa casado con Tata, após unha breve estadía profisional en Papatrigo -moito chanceaba il adrede dese topónimo- nas terras salmantinas, afíncase en Galiza e vai desenvolver, con apaixoada entrega,  un constante e fecundo labor na comarca do Deza até que, ben anos despois, se integrará na direición provincial do servizo en Pontevedra.

     Sería excesivo tentar eu rememorar agora e eiqui o denso repertorio de informacións e matinacións que me transmitíu durante aqueles anos, relativas ao seu traballo de campo, e que tanto contribuiron a poder eu establecer un esclarecedor contrapunto entre a realidade da sociedade campesiña do entón que Mario auscultaba sobre o terreo, e as miñas análises especulativas do sistema que a configuraba. Incluídas moreas de anécdotas ben significativas, que me relataba a cotío. Lembro agora unha que me alumeara o comportamento social dos paisanos galegos no longo período do maquis antifascista e a postreira fase dos ‘fuxidos’ que, como hoxe é ben sabido, durara até o asasinato do Piloto en Belesar a comenzos dos sesenta. Entrara Mario na taberna dun vilar da comarca, e reparara nun indivíduo ao que a maioría dos parroquianos facíanlle o valeiro. Axiña averiguou que o tal indivíduo fora un delator.

     A nosa colaboración era constante. Si, quero lembrar un caso singular, situado xa a meiados dos setenta. Após a traxedia chilena de setembro do 73, os universitarios e activistas antifranquistas apañaramonos para acoller a varios cadros da Unidad Popular de Allende exiliados con destino a Europa. Un diles fora o antropólogo Raúl Iturra, que fuxira de primeiras a Inglaterra. Trouxémolo a Galiza, e fora Mario quen lle amañou unha estadía en Vilatuxe, onde Iturra morou durante un curso enteiro, coa sua muller e fillas, e realizou un riguroso estudo da sociedade campesiña en constante relación con Mario, antes de se integrar nun equipo de investigación en Compostela durante un par de anos. Esa amizade perdurou e, andado o tempo, após retornar a Cambridge, Iturra acabaría fundando o Departamento de Antropoloxía Social na Universidade de Lisboa e volveriamos ter encontros persoais.

   Mais a enorme curiosidade inteleitual do Mario e a inesgotábel fervenza ideatoria do seu caletre, postas constantemente a estrebillar co pensamento, ían darlle pulo para verquer en matinacións analíticas a cotián experiencia cognitiva da realidade social agraria galega que implicaba a prática do seu labor profisional como sociólogo do IRYDA. Como neses anos eu dirixía de facto a ‘Revista de Economía de Galicia’, e facía algúns outros cometidos na actividade da Editorial Galaxia, a intermitente troca de ideas e suxerencias entre min e Mario, Valentín Arias e tamén Manolo Caamaño, que era o incesante motor da Agrupación Cultural ‘O Facho’, traducíuse  nunha valiosa colaboración involuntaria  diles nas miñas angueiras. Así, alén da ampliación de contidos da Revista,  foron abertas novas coleicións da editorial consagradas ao eido da problemática económica e social do país. Concretamente naceron as coleicións ‘Enquisa’, ‘Agra aberta’, ‘Os Precursores’ -en referencia, non aos así nomeados por Murguía, senón aos Ilustrados galegos do XVIII- e finalmente ‘Alén Nós’. E tanto en ‘Enquisa’ como en ‘Alén Nós’, Mario ía publicar os dous ensaios que, ao meu ver, conságrano como un dos criadores  da nova interpretación e diagnose da realidade social galega que inaugurou colectivamente a nosa xeración, a partir dos alicerces botados outrora polos nosos devanceiros membros do Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós. Permitídeme abusar da vosa paciente atención para rematar dicíndovos unhas palabras verbo deses dous luminosos textos do Mario Orxales máis inteleitualmente auténtico -e porén, moito me temo, descoñecido.

     O primeiro está no terceiro volume da coleición ‘Enquisa’ de Galaxia. Titulado ese volume Introdución á economía galega de hoxe, recolle os sete textos das conferencias pronunciadas por outros tantos autores no ciclo organizado por ‘O Facho’ en xuño do 1968. O de Mario titúlase A problemática sociolóxica das comunidades galegas. Lémbrome como se fose hoxe de que Mario, decote autocrítico como todo inteleitual de cerne, requeríume para revisar con il o texto que xa tiña escrito, e alá estivemos os dous encerrados unha fin de semana no  piso dil e Tata na Caeira. A verdade é que o meu rol foi análogo ao do que, na técnica novelística, se denomina ‘interlocutor mudo’, como o de La chute de Camus, por caso. Quero dicir que práticamente a miña aportación limitouse a escoitar e leitura que il ía facendo, paso a paso, do seu texto, e as dúbidas  e interrogantes que intermitentemente se prantexaba e que as máis das veces acababa por elucidar il mesmo. Iso si, con abondo interludios de digresións a dúas voces que xurdían ensarilladas como as cereixas dunha cesta.

     Ese ensaio de Mario desenvolve, como fío condutor, o proceso de inculturación e socialización do indivíduo galego, dende a nenez á maturidade, sucesivamente no circo dos xogos, no da escola e, ao cabo,  no laboral,  e en cadanseu dos contextos idiomáticos e de clase, ou ‘comunidades culturais’, existentes na nosa sociedade nos que o individuo nace e medra, ou polos que ‘transita’ ao longo da sua existencia.   Así, ao longo do texto, vai transparecendo toda a problemática sico-social característica do noso país, incluídas as patoloxías socioculturais que o entangarañan, nomeadamente a respeito da vivencia da súa realidade cultural en cada caso. Eu diría hoxe, se o Mario dende o alén mo permitise, que é unha xoia precoz de análise das formas de alienación peculiares da patoloxía do noso povo, que me trai ao maxín o famoso Retrato do colonizado de Albert Memmi, que Mario coñecía, mais en absoluto imita: é unha esculca plenamente orixinal, apoiada nun amplo repertorio de referentes teóricos solventes, mais para nada ‘libresca’ -e un tanto ‘heterodoxa’, como era ben propio del. Un fidel retrato diagnóstico da sociedade galega do entón, con lampadas de penetrante lucidez -como, por caso, o seu  retrato do ‘cacique rural’, de quen Mario di, con pleno acerto, que “non é unha institución social nada do conflito de clases, senón un produto do desaxuste cultural e institucional que padece o país”.

     O outro seu ensaio eiqui aludido é o incluído nun volume da colección ‘Alén Nós’, de Galaxia tamén. Titulado ese volume A Galicia rural na encrucillada, e editado en 1975, recolle os trece textos doutras tantas conferencias doutro ciclo organizado, no ano precedente, outravolta pola Agrupación Cultural ‘O Facho’ -e outravolta tamén Manolo Caamaño como enlace e artífice da iniciativa. Nesta ocasión,  Mario dá o salto, da análise sicosocial á socioeconómica, e fai unha aportación dunha oprixinalidade e unha audacia especulativa maxistrais, no marco da teoría dos modos de produción aplicada á estrutura da economía labrega galega, daquela en proceso de transición do policultuvo autárquico á produción simple de mercadurías. O seu ensaio titúlase Crise da casa como sistema de produción e máis de convivencia.   

Mario Orjales

Mario Orxales no Casino como membro de honra. Foto Liceo Casino

Mario e a súa muller

Foto de Mario Orxales e a súa muller de Wikipedia

Non é iste o lugar nin o momento axeitados para entrarmos tan siquer nunha breve ‘recensión’ dese revelador e marabilloso texto, que tanto me esclarecera e fixera matinar e repensar algúns dos fenómenos máis enigmáticos cos que eu batera nos meu propios traballos. Só vos direi que a súa análise da ‘casa’ como unidade familiar de convivencia, traballo e produción na economía labrega ‘tradicional’, daquela en transo de desintegración, e a súa audaz caracterización da ‘casa’ pola “relación de servidume familiar”, baixo “o dominio persoal que sobre os traballadores familiares ten o petrucio”, ben merecerían, ao meu ver, aínda hoxe, unha reconsideración e reflexión retrospectiva en clave de antropoloxía social. 

     Moitas veces levo pensado que, nun país ‘normal’, Mario tería sido reclamado para o ensino superior en ciencias sociais. Mais a motivación do labor especulativo de Mario Orxales non era a dun investigador académico, senón a que o foi sempre dos ‘bós e xenerosos’ na nosa historia: a esculca inteleitual para proxectala na acción transformadora da nosa realidade, ou sexa, a ‘praxe’, a dialéctica do pensamento e a acción. 

Homenaxe cidadá a Mario Orjales Pita organizado polo Ateneo de Pontevedra. Segundo fragmento da intervención de Xosé Manuel Beiras 

Mais as forzas que marcaron daquela o rumbo político e controlaron, dende fóra e dentro do país, o proceso da chamada ‘transición’, tiñan outros designios, nos que Mario e tantos outros e outras non tiñan encaixe posíbel. Foi daquela un destino colectivo, de toda unha xeración. Mais pasáronlle ‘o facho’ do ideario liberador  aos que viñan detrás. 

Mario deixou escrito ese propósito. En palabras súas: “O meu ánimo era espertar nos galegos que me escoitaron, a traveso da introspeción, a conciencia da súa aititú frente ó país; en último estremo, impulsar a toma de conciencia da súa misión histórica”. Eis o Mario que remanece na miña lembranza, meu amigo, meu compañeiro, meu irmán.

                                       Reboraina de Aguiar, 7 de agosto do 2020.

                                       Xosé Manuel Beiras Torrado.

Xosé Manuel Beiras Torrado

Xosé Manuel Beiras Torrado

Político

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas.

Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentar como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea. Nese tempo, foi tamén portavoz no Parlamento de Galicia do BNG (1985-2005) e AGE (2012-2016).

No eido profesional estivo á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago (USC). Tamén é un prolífico escritor, ex-numerario da Real Academia Galega (RAG).

 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥