MAXINA OU A FILLA ESPURIA[1]

A primeira novela da literatura galega moderna

Marcial Valladares Núñez

 Malia o manuscrito datar de 1870, esta obra foi publicada en once entregas ao longo de do ano 1880 na Ilustración Gallega y Asturiana[2], cuxo director artístico nesa data era Manuel Murguía; posteriormente, editouse en formato libro en 1990. É o primeiro exemplo de novela galega moderna. Nela mestúranse xéneros literarios e estilos, incorporando elementos de carácter romántico e costumista. Mantén unha trama folletinesca[3] e un desenlace sorprendente como se verá máis adiante.

   Máis antes de entrarmos propiamente na novela, parécenos importante comentar a motivación que impeleu o autor a escribir e publicar unha novela no “dialecto”, como el lle chama, que caracterizaba as clases máis populares e sobre o que recaían milleiros de prexuízos negativos e estigmatizantes. Alén diso, ata ese momento o galego era unha lingua só apropiada para a poesía, nomeadamente da intimista e costumista. Para a prosa só se consideraba axeitada a lingua castelá, lingua oficial do Estado.

   Nun breve prólogo titulado “Ós lectores”, Valladares expón cales son os obxectivos que persegue. El, un entusiasta das cousas de Galiza, busca a súa gloria e a súa honra e traballa para que o dialecto que mamamos non se perda e se escriba mellor. Pide que, igual que ocorre noutras partes de España, ninguén se avergonce da súa terra e da súa lingua, pois iso sería rebaixarse a si mesmo. Quéixase de que na escola obrigan os rapaces a falar e escribir nunha lingua que apenas entenden, mentres nas casas se segue falando o dialecto que aprenderon dos seus pais e das súas nais; a súa transmisión continúa de xeración en xeración. 

Maxina ou a filla espuria

Diríxese nomeadamente aos labregos, que son a verdadeira xente de traballo e, ao eles non poderen acceder á educación, hai que facelo no seu lugar á fin de coñeceren as súas cousas polos libros e veren o dialecto ben escrito e falado. Isto é, a xente ilustrada coma el ou coetáneos coma Rosalía, Murguía, Saco e Arce ou Mirás, que tiveron a posibilidade de acceder á educación, deben, á súa vez, ensinar as clases máis desfavorecidas.

Argumento

   Un día de mediados de outono de 1850, ás dúas e media da tarde, saen de Santiago tres mulleres con aspecto de preocupación: Otilia, a súa nai e Adria, doncela desta. A nai vai nun cabalo e as outras dúas nunha mula, pois aínda non se construíra a estrada, dirección á Ulla[4]. Otilia é unha moza de dezaseis anos moi fermosa. Antes de chegaren ao seu destino, ponse de parto e son acollidas na casa de Inés e Caitán, un matrimonio labrego moi xeneroso que fai dous meses acaba de ter un fillo chamado Ermelio. Ás oito da tarde nace a criatura. A nai revélalles que a moza non está casada e pide ao matrimonio manteren o segredo e coidaren a nena durante un día, xa que ha enviar unha criada coas instrucións precisas. Quere darlle unha onza de ouro a Inés pola súa hospitalidade, pero esta rexéitaa; entón a moza entrégalle un cinto bordado e pasa as puntas por dentro dunha sortella de diamantes. Inés afirma que a neniña é maxiña e entón a avoa castelaniza o nome e escribe nun papel: “Maxina se llamará”. Á mañá seguinte, as tres mulleres emprenderon o camiño cara ao casarío que alugaran.

   No capítulo seguinte, o autor informa o lector mediante unha analepse ou retrospección da causa pola que Otilia se atopa nunha situación tan comprometida. Esta moza é filla única dun cabaleiro honradísimo, militar retirado, señor de Sancti-Petri. Viven en Santiago, relaciónanse coa nobreza e asisten ás reunións e festas que se celebran nos seus palacios. A rapaza chama a atención pola súa fermosura, polo que ten moitos admiradores. O dous de febreiro de 1850 asiste á un baile de máscaras para celebrar o Día das Candeas[5]. Un membro dunha comparsa convéncea a ela e a unha amiga da súa nai para entraren nun gabinete a fin de magnetizalas, é dicir, hipnotizalas. Alí, a máscara cloroformízaas e viola a Otilia. A partir dese momento, comeza a sentirse mal e vese na necesidade de lle confesar o ocorrido a nai. Esta ocúltalle todo ao pai e comeza a urdir un plan para salvar a honra da filla.

Ao chegaren á quinta, a nai dá instrucións a Fara, outra criada, para transmitirllas ao matrimonio de labregos. A nena debe ser levada á “incrusa”. Inés resístese, pero non é quen de impedilo. O que si fai é ir ao día seguinte, adoptala e criala conxuntamente co seu fillo biolóxico. Ademais, páganlle un peso cada mes por aleitar a criatura. Otilia e a nai acaban enteirándose da situación por boca de Fara.

No capítulo IV aparece o personaxe de Salvio, señorito de Rebordán, dono de casa e bens do mesmo nome na Ulla. Ademais, é o padriño de Ermelio. Está namorado de Otilia e esta, malia ser amigo da familia e os pais véreno con moi bos ollos para futuro xenro, vai dándolle voltas e enguedellando a situación, pois achándose nunha situación tan difícil e complicada, non o quere enganar. Casualmente, un día escoita rexoubar unhas lavandeiras e comeza a ter sospeitas da honradez e sinceridade da moza. Acércase á casa de Inés e descobre o cinto e a sortella coas iniciais: O. de S. P. Malia os receos lóxicos, a súa parte nobre e xenerosa desculpa a Otilia. Aos doce días, a nai, ela mesma e Adria volven visitar a Inés e ofrécenlle outros vinte reais cada mes, ademais dos que xa lle daban no hospital, e fanlle prometer que a nena irá á escola e aprenderá un oficio coma a súa nai adoptiva, que é costureira.

No capítulo VIII preséntanos un personaxe fundamental para o desenvolvemento da trama: o marqués de Triacastela, amigo de Salvio, que, desanimado pola situación que vive tocante a Otilia, acompaña o marqués a Madrid. Alí e noutras partes pasa os invernos e só vén a Santiago e á súa casa de Rebordán no verán. Cando regresa, visita o seu afillado e a Maxina e tráelles agasallos. Desgraciadamente, Caitán morre en 1854 e Inés queda en circunstancias económicas moi precarias. Maxina é sinalada pola xente da aldea coma unha espuria e, polo tanto, Ermelio non é o seu verdadeiro irmán. Van á escola e Maxina aprende o oficio de costureira coa súa nai. Cando teñen doce anos, Inés enferma de flato e morre. A súa vida cambia radicalmente. Ao quedaren orfos, dous labradores dos máis acomodados, Bieito e Félix, fanse cargo deles: serven de criados a cambio de mantenza; pois, despois de pagaren o enterro de súa nai, apenas lles quedan bens: a casiña e tres ou catro migas de terra. Dous meses despois, Salvio e o marqués de Triacastela regresan e coñecen a situación dos nenos. Unha mañá, cando o marqués visitaba os criadeiros metalíferos, escoita cantar unha nena e aprecia nela un certo “señorío”, a pesar de ir descalza e cun feixe de alcacén na cabeza; entón decide levala con el a Madrid. Fala con Félix, o labrego que a acollera na súa casa, e a cambio dun dobrón de ouro este non pon pexa para deixala ir. Á súa vez, Salvio quere levar a Ermelio. Fala con Bieito, o labrego que o mantén. Este non pon inconveniente ningún, pois queda de administrador dos bens do rapaz e as ganancias que proporcionen son todas para el.

 Otilia e a nai descoñecían que Maxina marchara para Madrid. Só se enteiran cando Fara lle vai levar o pagamento trimestral. As dúas están nun mar de dúbidas e sen saber que facer. E así pasan anos, pois a moza non lle tiña cariño a unha filla que fora concibida sen amor e pola forza. Malia todo, non pode deixar de sentir pesar polo que fixo e leva unha vida entregada á oración, ás confesións e ás penitencias. Prégalle a Deus saber que foi de Maxina.

  Cando chegan a Madrid, Maxina e Ermelio quedan abraiados ante edificios enormes que nunca antes viran. Só coñecían as igrexas de S. Pedro de Vilanova e arredores. Nunca saíran da aldea. Alí quedan separados e tristes aínda que os seus benfeitores se esforzan en distraelos. Envíanos a bos colexios. Ermelio é moi listo, vai a un colexio particular e está a facer estudos preparatorios para ser enxeñeiro civil. Maxina asiste a un colexio de señoritas. Mais eles só pensan un no outro e escríbense cartas a miúdo. En 1864 morre en París o único fillo e herdeiro do marqués de Triacastela.

   No capítulo XII sabemos da relación epistolar que manteñen os dous rapaces cos labregos que se fixeron cargo deles. Na feira de Lestedo, o 26 de xuño de 1864, reciben novas de que teñen cadansúa carta no correo. Ermelio escribe a Bieito e Maxina a Félix. Os dous quedan estrañados do ben que escriben, sobre todo de Maxina, por tratarse dunha muller. Os labregos teñen certa dificultade para escribir. Bieito recorre ao escolante para redactar a carta, mais Félix decide facelo el mesmo para que quede “máis natural”.

O 27 de maio de 1866, Otilia, a súa nai e Adria acoden á romaría do “Pico Sagro”[6]. Cando están alí chegan dous peregrinos, un máis vello duns cincuenta anos e outro máis novo duns corenta. Establecen un diálogo e cóntanlles que veñen de Terra Santa e van a Compostela. Ao longo da conversa descubrimos que son o marqués de Triacastela e Salvio. O marqués perdera o seu único fillo. Suicidárase en París vítima dos remordementos dun terrible delito que cometera cando era moi novo: a violación de Otilia. Mais antes de morrer, escríbelle unha carta ao pai onde lle revela o infame crime e o seu fondo arrepentimento. Salvio, por fin, sabe que a súa namorada está libre de culpa e é “inocente”. Como aínda lle garda un profundo amor, pídelle matrimonio. Ela, que sempre estivera namorada del, acepta. Teñen corenta e dous e trinta e dous anos respectivamente. Ao día seguinte, cando Otilia esperta pola mañá, sorprendentemente, perdera o sentido, desvariaba e a cabeza non lle rexía ben. Aténdena os mellores médicos, pero non atopan solución ao seu mal. Salvio, triste, desanimado e deprimido, enferma e fai testamento a favor de Ermelio. O marqués e a súa muller deciden casar os dous rapaces cando cumpran os dezaoito anos, xa que  nese momento aínda teñen dezaseis. Maxina será a marquesa de Triacastela e Ermelio o dono e señor de Rebordán. Bieito será o dono e señor da herdanza do mozo e Félix recibirá unha cantidade en metálico da nova marquesa.

 Personaxes

Como vimos de coñecer, a trama desta pequena novela -a edición que manexamos consta de 117 páxinas- correspóndese co que naquela época se consideraba un folletín: novela por entregas, argumento moi simple, personaxes estereotipados incluso na maneira de falar, tanto os de clase alta coma os labregos e as criadas, tensión argumental, pois sabemos desde o capítulo I da dramática situación de Otilia, mais descoñecemos ata o capítulo XIII quen é o seu agresor, e final sorprendente por inesperado.

Podemos incluír os personaxes en dous grandes grupos: a clase alta: burguesía, fidalguía e nobreza; e a clase baixa: labregos e servizo doméstico. Otilia e a súa familia pertencen á alta burguesía, cunha posición económica moi acomodada, e ben relacionada socialmente na cidade de Santiago; porén, non é propietaria de ningún pazo ou quinta, xa que teñen que alugar unha, coñecida coma Tenencia da Costa, para que a rapaza poida dar a luz na máis absoluta discreción. A nai é quen toma a iniciativa para solucionar o problema da filla e ocúltallo ao pai, que permanece ignorante até o final; é un personaxe absolutamente secundario e prescindible. Só serve para situar na escala social a familia. Sabemos que pertence ao estamento militar, está retirado e é honradísimo. Por iso comprendemos que á nai só lle preocupe salvar a honorabilidade da filla e gardar as aparencias ante unha sociedade que a vai xulgar cruelmente aínda sen coñecer a verdade dos feitos. Hai que evitar o escándalo.

Otilia é unha rapaza inocente e moi fermosa e isto carrexaralle a desgraza. É violada por un mozo, de orixe nobre, pero sen escrúpulos. A súa vida verase truncada por un “pecado” que ela non cometeu, mais que ha que sufrir caladamente e que acabará afectándolle á súa saúde mental. Tanto ela coma a nai non teñen ningunha profundidade psicolóxica ou emocional. Realmente descoñecemos o que pensan respecto ao delito que cometeron con ela, só sabemos que queren ocultalo. Nunca hai intención de buscar o culpable e esixirlle responsabilidades. A rapaza cometeu unha imprudencia ao entrar nun gabinete cunha máscara non identificada e agora terá que asumir as consecuencias. Quizais sexa por iso que, cando o lector ou lectora agarda, despois de todo o padecido, que a ledicia embargue a Otilia e Salvio, esta perde a cabeza e xa non vai poder gozar do matrimonio co home que amou desde sempre. Parece coma se o autor/Deus quixesen castigar a moza en troques de premiala, e non merecese ser feliz despois de dezaseis anos de angustia e sufrimento. Se callar, a clave está neste diálogo entre os dous namorados (p. 106):

El primer patrimonio de la mujer es el honor y yo he sido deshonrada.

-Probada está tu inocencia.

-La mancha queda siempre.

   Salvio é un mozo da clase alta, honrado e cabaleiro, señor dun pazo, dez anos maior que Otilia e namorado dela; malia as evidencias na súa contra, a súa nobreza rexeita a posibilidade de que ela sexa responsable da situación que está a padecer. Ademais, é xeneroso e amigable cos labregos; por algo é o padriño de Ermelio, do cal se ha facer responsable e ha converter no seu herdeiro. Malia a súa bondade natural, os últimos anos serán tristeiros e vivirá esmorecido. No entanto, o seu amor por Otilia permanecerá inmorredoiro e pasará os días entre Santiago e Rebordán.

   Curioso é o personaxe do agresor sexual: Veranio. Cando agrediu a Otilia na festa de máscaras tiña sobre vinte anos. Nunca máis puido ser feliz. Sufriu durante anos, porque a lembranza do delito cometido permanecía indeleble e non atopaba a paz espiritual. Intentou calmar o seu ánimo confesándose, pero ningún cura o quería absolver. Ante a súa tristeza e decaemento, os pais mándano a París e alí acabará por se suicidar; pero antes confésalle mediante unha carta a seu pai o brutal crime e pídelle que vaia a Compostela, visite a catedral e busque a muller aldraxada. Só coñecemos este personaxe a través do que conta o magoado e decepcionado pai e da carta que escribe nos capítulos XIII e XIV. No resto do libro está ausente. É unha sombra que o lector descoñece ata o tráxico desenlace final. Será o pai, o marqués de Sancti-Petri, quen restaure a honra de Otilia e lle dea o sitio que lle corresponde por lei e por bioloxía á súa única neta: Maxina.

 Caitán e Inés son un matrimonio labrego exemplar. El traballa de carpinteiro e ela de costureira. Son moi boas persoas e xenerosos. Teñen un fillo biolóxico de dous meses cando nace Maxina na súa casa. Compadecidos polo abandono da rapaza no orfanato, adóptana sen importarlles a situación económica aínda que serán recompensados pola institución e polas mulleres de Sancti-Petri. Os dous morren moi novos. Primeiro Caitán, cando os rapaces tiñan catro anos, deixando a familia nunha situación moi precaria, e logo Inés, cando tiñan doce, quedando os dous rapaces orfos. As desgrazas cébanse con eles. Son agarimosos cos fillos e leais coas “señoritas”.

Durante a súa estadía na cidade compostelá recibe a visita do seu tío Adrián. Este aluga unha casa na cidade porque quere rematar os seus días aquí. Aproveita para contarlle ao seu sobriño que a súa namorada irlandesa Edith, debido a unha promesa, ingresou de monxa nun convento en Sant-Iago. Leva a Paio a visitar os lugares nos que acontecera a revolución de 1846: Mesón do Bento, Carral, Cemiterio de Santo Estevo de Paleo … Cando ao pouco tempo se enteira da morte de Edith, suicídase disparándose un tiro no peito. A súa vida de desacougo e sufrimento rematara. Será enterrado no cemiterio do Sar onda o seu querido irmán Antonio.

 Ermelio e Maxina son os dous rapaces que dalgún xeito resarcirán as calamidades de seus pais e a orixe espuria de Maxina. O seu nacemento e crianza nun ambiente aldeán e con escasos recursos non permite aventurar que acabarán escalando socialmente ata o máis alto. Unha, porque lle corresponde, e outro por ser o afillado dun fidalgo, ou como di o autor “sacáralles de pía a Ermelio” (p. 37). Os dous son moi listos, traballadores e agarimosos. Incluso cando van de criados á casa de Félix e Bieito aceptan a súa situación e no futuro agradeceranlles o que fixeron por eles. Adóranse desde pequeniños e como só son irmáns de crianza acabarán casando. Polo seu carácter e o seu comportamento van ser merecedores da fortuna que o destino lles ten gardada.

Félix e Bieito son dous labregos con “certa xenerosidade”, pero queren recibir algún beneficio coma contrapartida; de feito, manteñen os nenos a cambio de traballaren para eles. Reciben cadansúa recompensa de Salvio o do marqués cando os levan para Madrid e ao final dos propios mozos. Observamos que, malia non seren moi instruídos, son desconfiados; Bieito pide a Salvio un papel por escrito e asinado ante Félix coma testemuña, no que conste que el vai ser legalmente o administrador e receptor das ganancias que produzan os bens de Ermelio. 

Adria e Fara son dúas criadas da familia. San leais e discretas e en ningún momento critican o comportamento das señoras. Cumpren os seus mandados sen máis e non as poñen en cuestión. Adria ten máis presenza, pero o capítulo VII está dedicado enteiramente a Fara e ao seu encontro cun mozo “cairento”, é dicir, apoucado, que falaba entre “andaluz” e galego, e que resultou ser o seu veciño Gabrieliño. Este viña de pasar un tempo en Andalucía, pois dérano por inútil para o servizo militar. É moi curiosa a súa forma de falar imitando a fala dos andaluces e evitando a súa lingua propia, o que devén nunha mestura moi estraña.

Unha profunda relixiosidade percorre toda a novela. Todos os personaxes teñen unha fe inquebrantable, rezan e asisten a romarías para solicitar o favor de Deus por intercesión dos santos e das santas. Despois da violación, Otilia sofre convulsións, padece dos nervios e inclusive trata de envelenarse, e a nai lévaa a varios santuarios. Precisamente na relixión atopará a moza algo de consolo. Confesións, penitencias e peregrinaxes serán o bálsamo que mitigue o sufrimento por ter abandonado a filla que nunca chegou a querer. O capítulo XIII será o epítome desta relixiosidade. Otilia, a nai e Adria acoden á romaría do “Pico Sagro”. As dúas primeiras camiñan un bo treito descalzas, escoitan misa e entregan unha esmola de dous pesos ao cura. Alí será o encontro definitivo co pai de Veranio e con Salvio; por fin saberemos todo o ocorrido. Eles veñen de peregrinar a Terra Santa e van a Compostela. Os dous lugares referentes para os cristiáns. Van á catedral e abrazan o apóstolo. Alén diso, Valladares relata a orixe do santuario no que se celebra a festividade de S. Sebastián.

Despois de o pai expiar os pecados do fillo que, malia cometer un crime horrendo, morre “coma un santo”, parece que se pecha o círculo. Todo apunta a unha redención final; Otilia xa lle perdoara, mais o autor tiña un plan abraiante: nin a vítima, que tolea, nin o vitimario, que se suicida, poderán ser nunca máis felices.  

   Os labregos tamén profesan unha fe profunda. Inés reza acotío e inculca a doutrina católica aos seus fillos, mais a malpocada morre sen recibir os auxilios dun cura. Toda a obra está transida de relixiosidade e de confianza en que Deus, a través das diferentes advocacións, ha perdoar os pecados e salvar os pecadores.

Tempo e espazo

   Marcial Valladares quere dar verosimilitude ao relato e por iso é moi preciso no tempo no que se desenvolven os feitos. A novela comeza no outono de 1850, sen concretar o mes, pero no segundo capítulo descubrimos que é o mes de novembro, pois a violación tivo lugar o dous de febreiro. A partir de aí, sabemos exactamente en que ano e mes transcorren os acontecementos, a hora exacta e mesmo a idade que teñen os protagonistas. Esta precisión transmite ao lector ou lectora unha sensación de verosimilitude e realismo. Por exemplo, sabemos que as de Sancti-Petri e a criada saen da casa de Compostela ás dúas e media e que Maxina naceu ás oito da tardiña. Xa no desenlace da novela, sabemos que a romaría de S. Sebastián é o 27 de maio de 1862, que o día 28 de mañanciña o marqués e Salvio foron cumprir os ritos relixiosos na catedral, ás doce presentáronse na casa da familia Sancti-Petri e estiveron alí ata as dúas, hora de comer en Santiago, segundo o autor.

Os acontecementos da novela transcorren entre Santiago, a bisbarra do Val do Ulla e Madrid. O autor emprega a mesma precisión para o espazo que para o tempo, nomeadamente tocante aos lugares, aldeas e parroquias polas que pasan as tres mulleres ata chegaren ao seu destino, a parroquia na que nace Maxina, S. Pedro de Vilanova, e onde vive ata os doce anos coa familia adoptiva. Achegamos algún exemplo (pp. 12 -14):

    Chegadas, en efecto, a Angrois, collen cara a Santa Lucía; atravesan este lugar e, deixando á man esquerda a igrexa de Marrozos, soben á Susana… Distantes unhas doutras algún tanto, camiñaron así ata a Gándara…

    Máis despacio, pois, dende a Gándara, e sempre polo camiño antigo, que aberta non estaba aínda a estrada que existe agora, pasan a Ponte Buzacos, sobre o Texo, e alí toman á Picota…

    Pero a dolor arreciaba e no alto de Lestedo, alí onde ó pé dun cruceiro grande, galla o camiño en dous, un que vai a ponte da Ulla e outro que guía a barca de Sarandón…

Tamén é moi exacto ao situarnos a quinta alugada para que Otilia dea á luz. Está nun lugar onde os fidalgos, comerciantes santiagueses e propietarios pasan o verán, convertendo este lugar nunha pequena vila:

    Nunha lombiña, rodeada de piñeirais, freguesía de Samamé de Ribadulla[7], a dúas leguas[8] e media de Santiago, preto dos palacios de Ortigueira e Guimaráns, hai un lugar, á caída dun castro céltico que lle dá nome… Esta casa, pois, chamada inda hoxe Tenencia da Costa entre os labradores, esta quinta de recreo…

   Alén diso, a paisaxe e os lugares nos que transcorre a súa infancia marcan a Maxina. Antes de marchar para Madrid, despídese con morriña e tristeza de todos os elementos da natureza que conforman o seu día a día. É inevitable vírennos á cabeza os versos de “Adiós ríos; adiós fontes” de Rosalía de Castro (p. 64):

E as bagullas caíanlle entonces na costura, tanto, que a penas podía dar puntada, nin sabía case o que facía. Pola tarde, colleu a fouciña e o queipo e, a pretexto da herba, saíu correndo para fóra; mais non era a herba o seu obxecto e si dicir adeus ós sitios por onde andara. Segou á présa un arraso que coa fouciña cravou, de xa metido no queipo, e, beira do Gundín, sentada logo no campiño, chea de melancolía, tendeu ó redor os ollos e dixo adeus ó regueiro que de espello lle servira e onde as perniñas lavara, á fontiña, en que bebera, e ás rosiquiñas dos lados. Despediuse alí dos montes, onde as vaquiñas levara, e, mentres elas pacían, brincara con máis pastoras e os chichíos escoitara do pimpín. Despediuse alí dos soutos, en que magostos comera con Ermelio e outros rapaces. Despediuse dos carballos que sombra no verán lle fixeran, ou da chuvia a resgardaran e, dando volta para a casa co queipiño na cabeza, vendo a en que se criara e no eixido as froiteiriñas, a quen mil veces subira, díxolles tamén adeus.

  Cando Maxina e Ermelio van para Madrid, malia dispor de todos os luxos e comodidades, non poden esquecer a súa aldea e os lugares nos que se criaron; para eles o seu paraíso.

 A lingua

Mais se por algo destaca esta obra é pola lingua. Non nos imos deter na análise da ortografía empregada na primeira edición[9], pois requiriría un estudo moito máis  amplo e profundo, só nos imos deter brevemente na realidade sociolingüística que o narrador pretende reflectir. Así, as clases altas falan castelán; incluso castelanizan os nomes galegos: Caitán pasa a Cayetano. Os labregos falan galego e tamén galeguizan os nomes: Adria pasa a Adra; e os desclasados ou desarraigados: as criadas Adria e Fara e Gabriel, emigrado un tempo a Andalucía, falan unha mestura de linguas que se vén chamando “castrapo”. Vexamos un exemplo de diálogo entre Fara e Inés:

Yo, tía Inés, son criada de las señoras que pasaron la noite en esta casa y viengo a lo que V. sabe.

– Si; a señora maior medio me indicou esta mañán; pero, sin que mal pareza, a meniña ¿para onde vai?

-Pois ¿non lo sabe ya? Pra la incrusa.

A señora nada de incrusa me falou e eu a meniña para a incrusa non a deixo ir.

¿Cómo non, tía Inés? ¿É, por vientura, V. la que dispone de ella i quen quererá decirme a min lo que hei de hacer? (pp.33-34).

O capítulo VII é moi interesante desde unha perspectiva sociolingüística. Fara sae para Santiago e no camiño encontra un mozo que leva a mesma dirección. Axiña establecen un diálogo fluído nos seguintes termos (pp. 51-52):

¡Hola, chica! ¿Vas pa la vila?

Fara torceu a cabeza en contra e el contestoulle:

-Hombre, vou. ¿Y tú?

-Yo me quedo un poco acá.

-Hasta onde sea iremos en compañía.

-¿Por qué no? Adispasio y falando, co eso el camino se hará ma breve.

-Sí, que yo de correr no llevo gana.

Y, ademá, hay tavía moita tarde.

-Serán las dúas.

-Veremo, chica

E tirando a súa mostra de prata e mirándoa, engadiu:

-Do y media.

Estonses, a las sinco estou en la vila y eso que en santa Lucía tiengo que determe en cas mi madre.

Observamos que os dous falan un artificio de lingua, unha mestura de galego e castelán; Gabriel, ademais, engade trazos das falas andaluzas, pois acaba de chegar desas terras. Intuímos que este capítulo serve a Valladares para pór de manifesto a vergonza que moitos galegos e galegas sentían pola lingua que falaban e que os identificaba coma pertencentes a un estrato social baixo. Tanto Fara coma Gabriel son da mesma aldea, Santa Lucía, mais os dous “escalaron” socialmente. Ela, “moza xamona”, malia ser criada nunha casa importante en Santiago, “era aldeá, nacera na aldea, criárase na aldea entre labregos…” (p. 50-51). Pero sentía que a súa posición lle permitía trocar de lingua para asimilarse a unha clase superior que falaba outra lingua diferente á súa. El é veciño seu, aldeán coma ela, pero con ínfulas e vestido dunha maneira pretensiosa, e a súa estadía fóra de Galiza permítelle simular o esquecemento da lingua que mamou e falar un “novo” idioma que nin é galego nin castelán, senón un híbrido entre os dous e con trazos dialectais andaluces.  

 Finalmente, non podemos deixar de mencionar a carta que Félix lle envía a Maxina redactada por el mesmo, e onde podemos percibir o deficiente ensino recibido na escola, alén de producirse nunha lingua allea que o alumnado descoñecía:

Estimada Maxiniña: Malegraré que estas mal formadas letras tallen con salú. La miña i de la muller buena a Dios graceas, para lo que gustes mandar que lo aremos con fina voluntá. Saberás en como recibí la túa con atraso; pois, como naide me correspondo, non curé del correo, nin pude contestar antes. Saberás tamén en como pedimos a Dios por ti, por Caitán e Inés i en como por doce pesos se vendeu la becerra de la vaca Teixa… (p. 87).

Refráns

   Os refráns son leccións de sabedoría popular que transmiten oralmente -tamén se fan recompilacións- unhas normas e valores sociais. Están baseados na experiencia e teñen un sentido didáctico; por iso, os autores galegos do Rexurdimento inclúen nas súas obras, sexan gramáticas, dicionarios ou novelas, coma neste caso, refráns e frases feitas na lingua propia do país nas que se sintetiza un coñecemento ancestral asentado nos costumes e nas tradicións.

Fai ben e non cates a quen. (p. 23)

O que con Deus anda, con Deus medra. (p. 35)

Onde hai cartas, calan barbas; o se escribe, lese. (p. 66)

O boi pola corda e o home pola palabra. (p. 66)

Debaixo do pau están as achas. (p.73)

Sin encomendarse a Dios nin ao diacho. (p.76)

De pequeniño verás que boi terás. (p. 83)

As moitas paradas fan os días pequenos. (p. 83)

Alzar sin vento e parir sen tempo, non pode ser. (p.83)

O diñeiro trague todo. (p. 84)

Cancións

Maxina e Ermelio aparecen cantando cadansúa cantiga para expresaren as súas emocións máis fondas. Unha fermosa mañá de abril, cando a Ulla é un verxel e Maxina está segando alcacén ao pé dunha corredoira, sen ela se decatar, escóitana Salvio e o marqués de Triacastela que axiña aprecia nela “una especie de señorío en todo su continente” (p.59):

Cando a ruliña, rula,

na póla seca

ai chada, ai chada dela;

ai da meniña espúrea

en casa allea.

  Ermelio, crendo que Maxina era a única que marchaba para Madrid, cando ía un día cos bois do seu amo para o monte, e coidando que só ela o escoitaría, cantou o seu cantar favorito (p. 63):

Adiós, lus dos meus ollos,

prenda querida.

Adiós, adiós, Maxina;

sol que para min raia

de noite e de día.

Conclusión

Como corolario, diremos que esta novela de Marcial Valladares non vén sendo considerada unha gran novela, mais ten o mérito de ser a primeira escrita en galego na época moderna. El mesmo a subtitulaba “Conto gallego-castellano da miña abó”, é dicir, nin sequera lle adxudicaba a categoría de novela. Isto explícase porque nesa época aínda se consideraba a lingua de Galiza coma un “dialecto”, unha variante ou corrupción do castelán, só apta para xéneros menores coma a lírica ou os contos[10]. Sen dúbida el sentiu o mesmo que Rosalía ao compoñer “Cantares gallegos”, esa sensación de seren os primeiros, os pioneiros: ela, ao escribir un libro completo de poemas en galego; el , ao escribir a primeira novela/conto en galego.

   A novela, como xa dixemos, é un folletín no que os personaxes non presentan profundidade psicolóxica e os acontecementos sucédense dunha maneira superficial e casual. Iso si, as clases ou grupos sociais están ben definidos en contraposición uns cos outros. A burguesía e fidalguía aparecen como hipócritas, só preocupadas polas aparencias e evitar o escándalo por enriba de todo. A relixiosidade e as crenzas non impiden o abandono dunha meniña no hospicio. Todo está xustificado para manteren a honorabilidade da familia.

   Tocante a Veranio, o violador, e a súa familia, observamos como non senten a necesidade de pagar socialmente polo delito cometido. Só a culpa relixiosa non deixa vivir o agresor; non se sente en débeda coa sociedade, unicamente con Deus; por iso o seu pai decide expiar o pecado do fillo peregrinando a Terra Santa. En ningún momento se formula a posibilidade de buscar o violador e que pague polo crime cometido. Existe como algo similar a un dereito de pernada protexido polo silencio das familias e da sociedade benpensante da época.

  Os labregos preséntanse coma un grupo máis xeneroso e incluso honesto. Os pais adoptivos de Maxina son unha parella cunha gran calidade humana e moi compasivos. Os labregos que se encargan dos dous orfos cando morre a nai, son xenerosos ata certo punto, pois dan casa e mantenza a cambio de traballo, convertendo os rapaces nos seus criados. Malia todo, recibirán unha importante gratificación económica por parte dos dous mozos.

As criadas son submisas e entregadas ás señoritas. Aceptan de bo grao todas as encomendas que lles solicitan e en ningún momento critican a actitude das súas amas.

   A linga caracteriza e identifica a estes grupos. Está claro que é unha das principais pretensións do autor: amosar a lingua ou linguas que se falaban nese momento na cidade de Santiago e nas aldeas da súa contorna; ademais, a lingua empregada polo autor/narrador reflicte dunha maneira real a lingua galega común á maioría da sociedade da época. Non podía ser doutra maneira se a obra estaba pensada e dirixida ás clases baixas, nomeadamente á clase labrega.

   En definitiva, Maxina inicia a narrativa moderna en galego que abrollará dunha maneira brillante co Grupo Nós na década dos vinte e primeira metade dos trinta do século XX. Despois dos anos escuros e de silencio da ditadura, a narrativa galega volverá rexurdir con magníficos narradores e narradoras que atesouran unha calidade literaria extraordinaria, e así o demostran os premios acadados por moitos e moitas deles e delas.

[1] O título orixinal é Majina ou a filla espúrea. O propio autor explica o porqué deste nome e tamén a grafía empregada:

-¡Coidado que parece un ánxele! Agora si que campa, si que está maxiña.

Maxina, pues, llevará de nombre, por mi gusto, dixo a avoa, pronunciando entonces o j coma os galegos o pronunciamos (p. 27).

O autor adxudícalle este nome a partir do castelanismo maja, inexistente en galego. O grafema j pronunciábase diante das vogais palatais e/i coma unha fricativa palatal xorda, isto é, coma o x actual.

Nome pouco fecuente, a RAG considérao feminino de Maxín, evolución de Maginus, quizais relacionado con magus ‘mago, meigo, feiticeiro’.

[2] Esta revista tiña unha periodicidade decenal e publicouse entre o 10 de xaneiro de 1879  e o 30 de decembro de 1981. Foi unha publicación multilingüe na que se utilizaban o galego, o bable e o castelán; contou coa colaboración de autores e autoras coma Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Rosalía de Castro.

[3] Folletín é unha historia publicada por entregas en xornais ou revistas con trama emocionante e finais que manteñen o lector enganchado. Este tipo de publicacións nace en Francia no s. XIX e convértense nun xénero moi popular. A función principal é o entretemento masivo e a difusión de ideas sociais ou morais de forma atractiva; en definitiva, acercar a literatura á poboación.

A orixe da palabra vén do francés feulletin, que era unha pequena folla que se publicaba ao final do xornal nunha sección separada das noticias principais; polo tanto o nome non se refire á historia en si senón ao soporte onde se publicaba. Na orixe era un nome neutral, pero máis adiante adquiriu un ton despectivo xa que se asociaba a tons melodramáticos, lectura lixeira e publicación masiva e popular.

[4] A Ulla é unha bisbarra bañada polo río do mesmo nome e que engloba catro concellos: Teo, Vedra, Boqueixón e A Estrada.

[5] O Día das Candeas, tamén coñecida coma a Festa da Candeloria, celébrase o dous de febreiro, corenta días despois do Nadal, para conmemorar a presentación que María fixo do seu fillo Xesús en Xerusalén. É común a bendición das candeas que simbolizan a Xesús Cristo coma luz do mundo.

[6] Mantemos a grafía do autor. O Pico Sacro é un lugar moi significativo na obra e Valladares aproveita para contarnos brevemente a súa historia e, inclusive, proporcionarnos a altura exacta: 2.138 pés

[7] Pertence ao concello de Vedra. Respectamos a grafía do autor.

[8] España adoptou o sistema métrico decimal o 19 de xuño de 1849. Publicouse unha lei que establecía o metro como unidade de lonxitude e o quilogramo como unidade de masa. A implantación foi gradual, completándose en 1880. Unha legua era unha unidade de lonxitude que podía variar segundo o país e a rexión. En España, comunmente medía 5,57Km.

[9] Pódese encontrar en biblioteca.galiciana@xunta.gal.

[10] Lembremos que o primeiro discurso integramente en galego nun acto cultural realizouno M. Murguía nos Xogos Florais de Tui en 1981; e o primeiro discurso político totalmente en galego pronunciouno M. Lugrís Freire nun mitin en Betanzos en 1907.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

Orixe e antigüidade do idioma Galego

 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥