por Charo Valcárcel
Medo
Se a mirada escura se volvese clara
E os berros que feren fosen só palabras
Se non fosen armas as mans que golpean
E a dor que manca coma ferro ardente
desaparecese
para non voltar
Se o medo non fose unha pouta negra
que che oprime a gorxa e te fai escrava
do teu propio mal
Entón poderías ser de novo ela
e vestir os soños que lle arrebataron.
Se tan só puideses
sequera soñar

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥