No ano 1938, o arquitecto Juan Argenti constrúe en Pontevedra, por encarga do empresario Manuel Corbal, un edificio de cinco alturas no número 11 da rúa Michelena, facendo esquina coa actual rúa Gutiérrez Mellado. Este edificio é coñecido naqueles tempos como “a casa dos calzóns”, por mor dos substanciosos beneficios que o promotor, Manuel Corbal, obtivo do contrato asinado con Franco para a dotación destas prendas ao exército rebelde.
Foi este o primeiro edificio construído con fachada á rúa Gutiérrez Mellado, coñecida popularmente como a rúa do Chanchullo, polos enredos e acordos que supuxo a súa apertura.
Fotografía propiedade do Arquivo Municipal
Recén rematada a construción, instálase na primeira planta a Xefatura Provincial do Movemento. O baixo ocúpao o Banco Hispano Americano, e nos pisos viviron, ao longo dos anos, distintas familias pontevedresas, entre as que cabe recordar a Carlos del Valle-Inclán, marqués de Bradomín, e a súa muller, Mercedes Alsina Gómez-Ulla, directora da Biblioteca Pública de Pontevedra, cos seus fillos.
No ano 1965 fúndase o Ateneo de Pontevedra, con personalidades de ampla diversidade ideolóxica. Alí estaban Zulueta, Cuña Novás, Torrente Ballester, Lazcano, Marcelino Jiménez, Adrio, Agustín Portela, Odriozola, entre outros, que se encargaron de dinamizar a vida cultural da cidade. O pontevedrés Pío Cabanillas, daquela subsecretario do Ministerio de Información e Turismo que presidía Manuel Fraga, cede ao Ateneo, ademáis unha planta no edificio que alberga as Galerías Oliva, o local do baixo de Michelena 11, para realización de exposicións e conferencias. Neste baixo celebráronse, nos anos da ditadura, ciclos de conferencias que abarcaron desde o marxismo ata a teoloxía progresista de Teilhard de Chardin. Por ese local pasaron Julián Marías, Manuel Sacristán, Ruíz Jiménez e Caro Baroja, entre outros intelectuais que axudaron a converter a Pontevedra nunha cidade referente no mundo cultural español.
O edificio, considerado vangardista no seu momento, con influencias do art decó con fachada redondeada, é realizado en granito. O seu interior, que o colectivo Devellabella temos a sorte de utilizar nas xuntanzas que alí celebramos, grazas á xenerosidade de África González e María Pierres, do coworking Arroelo, mantén a esencia do que foron vivendas de xente acomodada a mediados do século XX, a cociña, o azulexado, as portas, as baldosas do chan, son testigo mudo da vida interior da cidade.
Cociña da terceira planta
Baño
Corredor
Os actuais inquilinios teñen recibido notificación de rescisión do contrato de aluguer das distintas plantas e dependencias do edificio, con data de caducidade nos vindeiros meses. As informacións que temos recabado na cidade contan que a licencia solicitada de demolición está parada. A catalogación como ben a conservar deste edificio histórico permitiría que a especulación non o derrube. Neste mes, no que asistimos asombradas á remodelación dun local hosteleiro da cidade, emblemático por emprazamento e historia, nunha remodelación que non respecta nin o máis mínimo as características históricas e o enclave, preocúpanos o futuro da fisonomía da cidade. Agardemos e pulemos para que o edificio de Michelena 11 se manteña como é, dentro e fóra, fóra e dentro.

Peque González Novoa
Profesora
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
Actividades culturais do 5 ao 11 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 4, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de setembro ao 4 de outubro
by Ana | Setembro 27, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 21 ao 27 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 20, 2026 | Actividades | 0 Comments
Un paseo por el hades por Vicente Méndez
by Colaborador | Setembro 13, 2026 | Bienestar | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 13, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 7 ao 13 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Actividades | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Maneo da coxa por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Outubro 4, 2026 | Música | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Rosa María López Lorenzo por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Suite: Alborada de Verín e Pas d’été por Cibrán, Marcos e Migui
by Colaborador | Xuño 21, 2026 | Música | 0 Comments
Máis nervioso ca un crocodilo en augas do Peloponeso por Jose Solla
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Fotográficas | 0 Comments
La mañana de Marina Filgueira García
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Articulos | 0 Comments
Os nosos gaiteiros II por Marcos Seixo Pastor
by Marcos Seixo | Setembro 27, 2026 | Etnografía | 0 Comments
Viaxe a Mallorca, parte 2 por Xosé Manuel Gulías
by Colaborador | Setembro 20, 2026 | Escapadas | 0 Comments