por Charo Valcárcel

Entro nerviosa e impaciente no cuarto de baño. Saco do bolso o minúsculo envoltorio que apenas son quen de soster entre as miñas mans trementes. Cústame crer que algo tan pequeno agoche tanto poder.

            Fun ben advertida sobre a  súa fraxilidade. Debía ter especial coidado, calquera golpe podería alterar o composto e inutilizalo por completo. Non me atrevo  nin  a considerar sequera a posibilidade de que algo así aconteza. A soa idea de ter que renunciar ao que anhelo atérrame.

            Observo con degaro o paquete  e, antes de abrilo, repaso mentalmente as instrucións recibidas.

             A microcápsula debe ser introducida baixo a unlla do dedo polgar. Despois, para facilitar a rápida absorción dos compostos, debe deitarse. En poucos segundos ficará durmida e cando esperte o proceso terase completado na súa totalidade.

            O momento que estou vivindo é tan importante que me demoro adrede nos prolegómenos para gozalo con maior intensidade. Por iso agora mírome no espello e observo  por última vez a imaxe que me devolve, a imaxe dun rostro perfecto, un artificio esculpido coa mestría dun artista, pero no que xa nada queda de min. Os meus ollos buscan un rasgo familiar que non atopan e, frustrados, van na procura da cápsula que sosteño entre os dedos.

            Sobre a cama xace o corpo dunha muller descoñecida. O seu rostro, sulcado de profundas engurras, case sorrinte no seu hieratismo, recorda vagamente alguén. Mentres, na radio, a voz flegmática dun locutor calquera comeza o relato das noticias:

            “A chamada INVERSIÓN DO PROCESO é un avance científico deostado, rexeitado pola maioría. Hoxe por hoxe atópase en fase experimental tratando de anular os graves efectos secundarios que, ao parecer, pode producir”.

                                                                       Charo Valcárcel (2017)

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Filii

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥