18 de decembro 

DÍA INTERNACIONAL DO MIGRANTE

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

(Celso Emilio Ferreiro. “Irmáus”, Longa noite de pedra)

O feito de que colectivos humanos deixen os seus países de orixe, as súas familias e amigos, a súa cultura…, para asentarse noutras sociedades na procura de mellores condicións de vida non é algo novo nin insólito, nin é tampouco ningún acto criminal, como xulgan a día de hoxe algúns sectores da nosa sociedade. Non hai máis que observar a historia dos últimos séculos para decatarse de que os procesos migratorios producíronse, aínda que con diferentes características, en todos os tempos e culturas.

Na actualidade ao falarmos de movementos migratorios vennos á mente dun xeito case automático o problema da migración africana. A repercusión mediática deste fenómeno unida á cruzada emprendida polos sectores sociais e políticos máis reaccionarios deu lugar á difusión da idea falsa e estigmatizada dos inmigrantes como estranxeiros que veñen quitarnos os nosos empregos, a beneficiarse dos nosos servizos sociais; que se negan a adaptarse á nosa cultura e costumes e que ademais son moi proclives á delincuencia. No fondo o que latexa é un concepto demagóxico, patrioteiro e etnófobo que nalgunhas partes do Estado mesmo ten dado lugar a violencia contra os inmigrantes nunha verdadeira campaña de limpeza étnica.  En calquera caso, unicamente concibimos este tema en termos estatísticos e poucas veces pensamos nas persoas migrantes como seres humanos cunha crúa experiencia persoal que non sempre ten unha natureza económica, xa que en moitas ocasións o emigrante chega fuxindo de cruentas guerras ou da violencia de grupos paramilitares; circunstancias que o levan mesmo a arriscar a vida por intentar buscar unha saída.

Quizais esquecemos que os galegos somos un dos pobos cunha diáspora máis espallada polo mundo, especialmente por distintos países de Europa e Latinoamérica. Nada do até aquí exposto nos é alleo, pois foron centos de millares de galegos os que a partir da segunda metade do séc. XIX e cun importante incremento no XX, decidiron deixalo todo e tomar o agre camiño da emigración a América latina, que imaxinaban como un lugar idílico no que traballando duro podían desfacerse da miseria e o atraso no que vivían; unha imaxe que se vía ratificada pola chegada de indianos que retornaban enriquecidos, e sen ter en conta o fracaso dunha maioría, que despois de pasar un milleiro de adversidades regresaron fracasados ou morreron lonxe dos seus, en ocasións xa nos propios barcos, debido á precariedade nas condicións de salubridade e alimentación.

Coa derrota do bando leal á república, durante a Guerra Civil e a posguerra topámonos cun novo tipo de migrantes que o que buscan non é a saída dunha situación económica adversa, senón que foxen da sanguenta represión levada a cabo polo bando franquista. Algúns permaneceron no país de adopción até que as circunstancias permitiron o regreso, outros optaron pola integración e non regresaron, ao menos dun xeito definitivo.

Entre os países que deron acubillo aos exiliados galegos cómpre destacar Cuba, Arxentina, Brasil, República Dominicana, Uruguai…, pero principalmente  México, que acolleu con xenerosidade e solidariedade unha grande parte dos refuxiados galegos, moitos deles intelectuais, escritores, xornalistas, xuristas, políticos, científicos, músicos, artistas plásticos, profesores…, aos que se adoita cualificar como o exilio intelectual. Deste xeito, o exilio que se produce coa Guerra Civil constituíu tamén un grande desastre canto á fuga de cerebros que poderían contribuír ao desenrolo do noso país en múltiples aspectos, e que se viron obrigados a abandonar a súa terra e a súa xente para salvagardar a súa liberdade e mesmo a integridade física.

A tarefa dos nosos exiliados foi dun inmenso valor para os países de adopción, así por exemplo en México as súas angueiras dan como resultado a creación da Casa de España, do Fondo de Cultura Económica, así como un importante reforzo do profesorado universitario, fundación  de diversas publicacións científicas, revistas literarias e xornais… O mesmo sucedeu noutros países de latinoamérica. Para todos eles o labor dos nosos exiliados supuxo unha importante axuda no seu desenvolvemento e prosperidade. Desenvolvemento que a nosa diáspora estendeu tamén ao país de orixe, como viña sucedendo xa desde o séc. XIX. Seguindo ao malogrado amigo e historiador Alfonso Magariños:

“(…) materializándose non só nas achegas económicas que permitiron melloras na vivenda e alimentación, compra de gando, acceso á propiedade das terras…, pois tamén as sociedades de galegos en América serviron de estímulo  para a reorganización da vida societaria: potenciaron o movemento agrario, o galeguismo, a loita contra o caciquismo… Ademais cómpre ter en conta as achegas no eido cultural e educativo levadas a cabo desde as Sociedades de Instrución(…)”

Entre os nosos intelectuais exiliados máis coñecidos poderíamos salientar, entre outros moitos, a  Castelao, Alonso Ríos, Arturo Souto, Luís Seoane, Luís Soto, Ramón Martínez López, Lois Tobío, Bal y Gay, Florencio Manuel Delgado Gurriarán, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Ramón Iglesia Parga, Ramón de Valenzuela, Mariví Villaverde, Eduardo Blanco Amor, Maruxa Mallo, Manuel Colmeiro, Xosé Núñez Búa, Pura Vázquez Iglesi as, Lorenzo Varela, Uxío Souto… Deste último quixera facer unha breve reseña biográfica por considerar que é un artista dun inmenso talento, aínda que insuficientemente estudado.

Pintor e escultor natural de Cuntis (Pontevedra), bo amigo de intelectuais e activistas locais como Manuel Mesejo Campos, Roberto Blanco Torres, Xoán Xesús González (estes últimos, asasinados polo franquismo), cos que compartía o ideario galeguista e esquerdista. Co levantamento de 1936, Uxío, que nese momento estaba a converterse nun soado artista plástico e exercía como profesor de debuxo no instituto da Estrada, foxe cara a zona leal establecéndose como profesor en Igualada (Barcelona). Rematada a guerra coa caída de Cataluña e coa enxurrada de republicanos que  comezara a fuxir xa durante a batalla do Ebro, vese obrigado a cruzar os Pirineos e permanecer durante un angustioso período de tempo nun campo de concentración en Saint Cyprien de Perpignan (Francia); experiencia que deixou unha fonda pegada nel e na súa obra, dado o trato vergoñento, de momento pouco estudado, que os franceses deron aos nosos exiliados, amoreados en praias, co mar por un lado e valados de arame de espiños por outro, sen poder saír, padecendo frío e fame e tendo que soportar o agravio de seren denominados co apelativo despectivo de Exército da Derrota (curiosa ironía chamar así a un exército popular que loitou e resistiu durante tres anos a un exercito profesional axudado coas armas e aviación dos nazis alemáns e os fascistas italianos e coa colaboración da Portugal salazarista).

Autorretrato

Cruce dos Pirineos

Campo de concentración en Francia

Esta adversa situación provocou que moitos tornaran para España e foran asasinados. Unha parte importante aguantaron até o estalido da Segunda Guerra Mundial, acabando moitos deles recluídos en campos de exterminio nazis, onde a maior parte morreron rebentados polo traballo, fusilados, aforcados ou mallados a paus.

Mais Uxío tivo máis sorte e conseguiu embarcar xunto con outros creadores republicanos, entre eles Lorenzo Varela e Delgado Gurriarán, grazas á intercesión dun solidario colectivo de artistas franceses que os axudaron para poder atravesar o océano e instalarse en México (no seu caso para o resto dos seus días), país onde consegue retomar o seu labor artístico e docente e no que a súa obra goza a día de hoxe dun prestixio que, por motivos que todos nós podemos intuír, aínda non se lle tributa na súa propia terra natal. Afastado da terra e dos amigos debe comezar unha nova vida. Casou con María Aliseda Olivares, outra refuxiada que chegou a México cos seus pais desde San Benito (Badaxoz) e o matrimonio tivo dous fillos.

Neste país reencóntrase co Xosé Viéitez de Soto (que no 36 exercía de mestre na aldea cuntiense de Magán). Estivera preso na prisión de Pontevedra e na de Vigo, en Figueirido, na illa de San Simón e no Forte de San Cristóbal (Pamplona). Nos anos corenta acóllese a unha amnistía para moitos presos debido a que as prisións estaban completamente ateigadas. Mais sospeitando que lle queren dar o paseo, como lle sucedera ao amigo da familia e médico tudense, Darío Álvarez Limeses, decide liscar. Faino con moitas dificultades desde Lisboa en 1946. A súa dona, Carme Gómez Martínez, e a súa filla Ana lograrán reunirse con el en México dous anos máis tarde, despois de padecer multas, vexacións, insultos de todo tipo, pancadas e berros na porta da casa a altas horas da noite, continuos rexistros en busca de documentación, detencións, interrogatorios sobre o paradoiro de Xosé… Dita que non durou demasiado pois Xosé estaba moi mirrado fisicamente a causa dos malos tratos e das deplorábeis condicións de vida na cadea, morrendo con só 46 anos.

Nacera Uxío Souto o 9 de xullo de 1905 en Xinzo (Cuntis), fillo de Xosé Souto Torres e María Campos Baños. El e a súa irmá Manuela, dous anos maior, tiveron que desprazarse a vivir á aldea de Cardecide, no mesmo concello, cando o seu pai emigra a Arxentina. Desde moi novo amosou enxeño para o debuxo e a talla. Tal como nos relatan os seus familiares, cando só contaba sete anos gostaba de facer tallas en cañotos de verza. Na adolescencia comeza a utilizar outros materiais sobre todo a pedra e a madeira de buxo. Sempre que ía ao monte co gando voltaba con algunha talla feita coa navalla.

Cóntase como curiosa anécdota que con vinte anos encargáronlle realizar unha imaxe da Virxe do Carme para homenaxear ao cura de Santa Cruz de Lamas (Moraña). Como era tan novo, o pai tivo que facerse responsable do traballo, que realizou Uxío nun local en Cuntis, na praza do Ferrol, pois deste xeito podíase observar a evolución e asegurarse da entrega no prazo acordado.

Uxío de neno

Os seus primeiros anos escolares pasounos en Cuntis, até que aos catorce anos, debido á insistencia do seu profesor que apreciou o talento do alumno, os pais decidiron envialo a Santiago de Compostela, onde combinaba o traballo como aprendiz no obradoiro de Xosé Rivas Rodríguez coa asistencia ás aulas da Escola de Artes e Oficios. O xornalista cuntiense Xoán Xesús González, correspondente de El Pueblo Gallego informaba dos premios outorgados no curso 1923-1924 aos alumnos; entre eles figura premiado na materia de Modelado e Baleirado o artista. Do obradoiro de Rivas pasou ao de Figueiras e Carballido. Alí traballou como empregado de primeira até que cumpriu os vinte e un anos e tivo que ir ao servizo militar.

No seu estudio en México

En 1927 conseguiu unha pensión artística ao acadar o primeiro posto na sección de escultura das probas selectivas da Deputación Provincial de Pontevedra e ano tras ano fóiselle renovando por un máximo de tres que establecían as bases. As pensións concedidas desde 1926 até 1933 potenciaron que os artistas puidesen coñecer as tendencias da Arte Nova, asumindo as linguaxes das vangardas adaptadas aos temas e as tradicións galegas. Neste contexto desenvólvese a formación de pintores como Maside e Colmeiro, e os escultores Uxío Souto e Narciso Pérez, que estudan en Madrid e realizan unha obra tendente ao expresionismo primitivista o primeiro e próximo ao novo realismo no caso de Uxío. Temos pois ao escultor formando parte da renovación da arte galega coñecido como Os Novos, cuxo ideólogo foi Castelao. Grazas a esta bolsa puido matricularse na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en Madrid, na que en cinco anos remata os estudos de profesor de debuxo.

Busto do pintor Camilo Díaz Baliño

Galicia nai e señora (Druidesa)

Ofrenda de Zenote

A súa estancia en Madrid permitiulle participar en numerosas mostras, como a de Arte Galega que organizou en 1928 o xornal El Heraldo de Madrid, no Círculo de Belas Artes, no Museo de Arte Moderna e mesmo en exposicións colectivas en París. Tamén obtivo un premio convocado por concurso polo Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes para desenvolver unha investigación sobre a escultura española. A Deputación Provincial, unha vez que o artista deixou de ser bolseiro, outorgoulle unha bolsa de viaxe que lle permitiu ampliar estudos no estranxeiro durante o curso 1930-1931.

A súa produción en México foi moi variada canto á temática e materiais. Traballou en madeira, pedra, bronce, cerámica, xeso, mármore… Nalgunhas obras mesmo se atreve con contidos inspirados na cultura mitolóxica mexicana, retratos de temática indixenista, e mesmo chega a cultivar con mestría a arte da ourivería. Tampouco descoidou os seus dotes pictóricos, destacando o debuxo ao óleo, tinta e acuarela. Foi ademais profesor-catedrático en distintos colexios e academias.

En México participa en faladoiros de café, con carácter político e cultural, xunto con outros exiliados galegos organizados en torno ás Irmandades da Fala, que estaban moi activas neste país. Para eles elabora un busto de Rosalía de Castro e o deseño de portadas para a revista Galicia. Polas décadas de 1940 e 1950 colaborou como ilustrador, xunto a Ramiro Illa Couto, Maside, Arturo Souto…, na revista Saudade, en cuxa redacción estiveron Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Cabanillas. Era unha revista de carácter nacionalista, galeguista e antifascista, con contidos especialmente relacionados cos exiliados galegos en México. 

O 28 de novembro de 1990 Uxío Souto morreu en México. Antes puido visitar varias veces a súa terra natal, pois gostaba moito do encontro coa súa familia e con vellos amigos como Francisco da aldea de Trasponte, Manuel Docampo e Mario Blanco Fuentes, alumnos seus no instituto da Estrada. Este último facilitoume, xa hai ben anos, unha carta escrita desde México cando aínda non puidera regresar a Galiza. Nela o escultor manifesta de xeito apaixonado a lembranza da terra e o seu amor pola nosa fala: Transcríboa literalmente:

“Xa pasaron máis de 23 anos de ausencia da terra e con eles as relacións cotidianas dos tempos mozos  en pro do rexurdimento do esprito celta abouxado polos zumbidos histéricos dos necios con acentuado son castelanizante.

Congratúlame tamén a túa sutileza en escribirme na língoa Mai, na língoa dos poetas e dos enamorados, na língoa que adeprendimos a falar as primeiras verbas; o noso idioma enchido de melodías musicales e lembranzas fermosas de acento agarimoso e ponderado nos conceptos da beleza natural e sinxela; esta língoa enxebre que nos doaron os nosos ancestros en letras douradas desde tempos inmemorables e reverdecidas polos clásicos de Galiza, Pondal, Curros Enríquez, Rosalía (…)”

O recoñecemento en Galiza ao seu labor creativo chegou da man do Museo de Pontevedra, que en 1993 organizou unha exposición antolóxica sobre o escultor e editou o libro titulado Uxío Souto.

No ano 2003 levouse a cabo a exposición conmemorativa da fundación do Museo de Pontevedra. No catálogo desta achamos ao escultor encadrado dentro da liña expresionista.

“(…) Unidos aos pintores destacan un importante grupo de escultores, na súa maioría vencellados á corrente expresionista primitivista, todos eles cultivadores da talla e a labra directa e en moitos casos descendentes de artesáns da madeira e a cantería. Supoñían polo tanto un afastamento do escultor modelador, que tiña como precedente en Galicia a Asorei. O seu discípulo  Xosé Mª Acuña (1903-1991) desenvolveu unha escultura de raíces galegas centrada na representación das súas xentes e os seus costumes, con obras como Hoxe comeredes (1925). Na vertente expresionista encóntranse as obras de Uxío Souto (1905-1990), Que volva! (1928) e Druidesa (1926), inspirada nas referencias mitolóxicas, e Camilo Nogueira (1904-1982) cun expresionismo que vai en moitas ocasións unido á denuncia social como sucede en Orfos do mar (1931)”

Agradecementos

Quixera amosar a miña sincera gratitude a Manuela e Xosé Ferreiro, familiares de Uxío Souto, pola valiosa información que me facilitaron. A Ana Viéitez (1935-2015), presidenta de AfarIIREP e filla de Xosé Viéitez de Soto, loitadora pola memoria dos represaliados e polo recoñecemento xurídico das vítimas. E ao Museo de Pontevedra pola inestimable atención do seu persoal, pola súa axuda ás investigacións e pola difusión, posta en valor e custodia da obra de Uxío Souto.

Bibliografía

Museo de Pontevedra, Uxío Souto Campos (1905-1990), Catálogo Exposición: Museo de Pontevedra, Vigo, 1993. Textos de Eugenio Souto Aliseda e Fernando Martínez Vilanova.

FERREIRO COUSO, Manuela/PAZOS TOURIÑO, Belén, “Uxío Souto, a conciencia do propio”, A Taboada VII, Cuntis-Moraña, 2003.

MAGARIÑOS SUEIRO, Alfonso, A obra educativa e cultural dos emigrados, Edicións do Castro, Sada, 2000.

NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel/CAGIAO VILA, Pilar, O exilio galego. Política, sociedade, itinerarios, Consello da Cultura Galega, Edicións do Castro, Sada, 2007.

SEIXO PASTOR, Marcos, “A represión franquista en Cuntis. Memoria de 1936. O proceso contra Aurelio Rei e outros cuntienses”, A Taboada XI, Cuntis-Moraña, 2006.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Milladoiro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥