por Charo Valcárcel Mato
Muller,
que aínda arrastras cadeas
pola senda inxusta do exilio
do paraíso negado.
E aínda segues combatendo
por mudalas en po,
e deixar de ser escrava
da túa natureza incomprendida.
Guerreira nun mundo adverso,
mastro rexo na singradura da vida.
Mais aínda abalean as vitorias,
febles pilastras cimbreantes
que procuran puntais para aferrarse
e apreixar con ímpetu os anhelos
que abrollan de lamentos silenciados.
Os teus folgos, muller,
que non afrouxen.
Charo Valcárcel (febreiro 2021)
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks