NACIONALISMO GALLEGO. NUESTRA ‘AFIRMACIÓN’ REGIONAL¹

(Antón Vilar Ponte)

A lingua é o noso espírito e o noso escudo. Abandonala e perdela condúcenos ao suicidio colectivo e á morte coma pobo

Antón Vilar Ponte naceu en Viveiro en 1881 e morreu na Coruña en marzo de 1936. Farmacéutico de formación, é unha das figuras fundamentais da cultura, política e xornalismo galego de comezos do século XX. Conxuntamente co seu irmán Ramón, foi un dos principais fundadores das Irmandades da Fala (18 de maio de 1916), organización cuxa finalidade esencial era a exaltación e o fomento do idioma, combinado con todo un plan de rexeneración do país.

Antón Vilar Ponte

 Traballou de forma incansable na difusión do ideario nacionalista dando conferencias, dirixindo A Nosa Terra, (órgano xornalístico das Irmandades) e colaborando en varias publicacións. Foi deputado pola ORGA nas Cortes Constituíntes da Segunda República en 1931 e polo Partido Galeguista en 1936, non chegando a tomar posesión da súa acta debido ao seu falecemento en marzo dese ano. Tamén foi membro da Real Academia Galega, institución na que ingresou o 24 de xullo de 1934.

O teatral foi un dos xéneros aos que maior importancia concedeu, por considerala a mellor maneira de espallar as ideas que defendía nunha sociedade maioritariamente sen alfabetizar. Podemos salientar títulos coma A patria do labrego (1905) ou Almas mortas (1922). Ambas as dúas obras pertencen ao que se chama “teatro de tese”, isto é, a transmisión dunha mensaxe ou crítica social para influír no público, dado que observa unha concepción utilitarista do teatro: “No hay ni hubo jamás un medio de propaganda tan eficiente para llegar al corazón del pueblo como el del arte escénico”. La única disciplina literaria que aun sobre el propio analfabetismo puede ejercer influencia cultural”. E laméntase da inexistencia dun teatro galego que tire rendemento da lingua, levando a escena ideais progresistas e de redención social: “¡Que la dulzura de nuestro idioma no sea aprovechada cual debiera serlo!”. Para el, o teatro era un medio primordial para acadar a dignificación e a extensión do idioma galego:

Vayamos, pues, a la reconquista del alma gallega utilizando la única arma invencible: la del idioma… hagámoslo instrumento de expresión de bellas obras literarias, entre las que las teatrales deben tener preferencia, porque con ellas, como con nada, podremos llegar al proselitismo más extensivo y eficaz.

Nada tampoco más absurdo que escribir en castellano aquello que sólo en gallego puede expresarse fielmente, con pureza absoluta, con aquella fidelidad y aquella pureza que mueven al sentimiento y a la conmiseración grande, tocando las más sensibles fibras del alma humana …¡Si el pueblo catalán poseyese nuestro idioma!.

A primeira obra denuncia o caciquismo, a explotación e asoballamento dos labregos; na segunda ofrece a cara amarga da masiva emigración galega cara a América. A emigración era un “cancro esnaquizador das enerxías autóctonas”, ademais dun elemento desgaleguizador e causa de pobreza e atraso. Os emigrantes convértense en desleigados: “Aquí chámanlles americanos i en América gallegos, e non son gallegos para nós nin americanos para os d’América”. Na opinión de Vicente Risco: “As Almas mortas son os emigrados que volven desgaleguizados”.

almas mortas

Como dixemos máis arriba, Vilar Ponte colaborou en varias publicacións, entre elas o xornal La Voz de Galicia. En 1914 publica algúns artigos con títulos bastante explícitos nos que se constata a profunda preocupación polo idioma de Galiza: “Ni un solo periódico en gallego” ou El gallego no debe morir”, que remata con este lamento: “¡Desgraciados los pueblos que reniegan y se averguenzan de su idioma!”. “Reivindicación difícil” é outro dos artigos no que conclúe: “Los peores enemigos del gallego somos los gallegos mismos, que no hemos sabido conservarlo, procurarle evolución progresiva, antes bien lo hemos preterido cruel y desgraciadamente”.

O seu referente, o espello no que mirarse é sempre Cataluña. Así, en 1915, publica: “Por el idioma catalán”, e afirma:

Ir contra el idioma es ir contra los pueblos, es ir contra su vida misma. Porque los idiomas no se improvisan: son la resultante biológica y psicológica del medio natural y social: “el alma de las razas exteriorizada”. Ningún parlamento puede abolirlos. Gozan de la indestructibilidad misma –de que hablaba Spencer– que la ley de los protozoarios.

Nese mesmo ano dá ao prelo:“Por Cataluña y por Galicia”; e en maio de 1916: “Gallegofobia”, artigo no que se queixa dos insultos, aldraxes e inxustizas que vén sufrindo Galiza desde o século XV.

É imposible abranguer toda a obra do autor que nos ocupa, por iso nos imos centrar no texto que consideramos o piar fundacional do nacionalismo galego, publicado o 21 de marzo de 1916: Nacionalismo gallego. Nuestra ‘afirmación’ regional. Seguido da aclaración: Apuntes para un libro. O primeiro que nos chama a atención desde a óptica actual é que, sendo unha obra na que se reivindica o idioma como clave de bóveda da identidade galega e, polo tanto, do nacionalismo, se redacte en castelán. Mais isto era o normal na mentalidade da época; incluso os discursos de ingreso na RAG se facían neste idioma, e moitos dos seus membros non eran acredores a este mérito por teren obra na lingua que era o obxecto das angueiras da Academia, senón en castelán. As linguas rexionais, neste caso o idioma galego, eran preteridos á lírica e a outro tipo de manifestacións consideradas inferiores. Será a partir destes anos que o galego se estenda paseniñamente por todos os eidos da vida cultural de Galiza.

O texto comeza cun exordio ou introdución que á súa vez é unha síntese dunha carta escrita a Aurelio Ribalta². Nel exhorta os intelectuais a defender o galego por varias razóns: ten unha gloriosa historia, úsano a maioría dos habitantes da rexión malia séculos de centralismo absurdo, e segue perpetuándose alén Miño e máis aló do Atlántico. Toda afirmación galega debe partir do renacemento do idioma galego porque temos unha patria cun instrumento propio de expresión. Este axioma é o alicerce para recobrar a nosa personalidade. Ou acaso Galiza é un organismo con células suicidas que atentan contra o seu propio ser?

Na parte II do texto o autor afirma que o seu propósito é tratar os idiomas desde un punto de vista político-artístico e para iso hai que ter en conta tres criterios: a extensión, a importancia histórica e a perfección. Mais antes de entrar a analizalos, inquire:

Y ya es hora de preguntarnos: ¿Entraña un retorno a la barbarie y una negación de las modernas tendencias a la unidad y al cosmopolitismo, el intento de vigorizar y fijar los idiomas regionales?¿Es conveniente ó inconveniente? ¿Perjudicial ó beneficioso?

A seguir apóiase nos argumentos de Miguel de los Santos Oliver³ quen sostén que o criterio da extensión dun idioma é algo pobre e superficial, e el engade que incluso lle parece material e mecánico, pois se a lexitimidade dun idioma depende da extensión do territorio e do número de falantes, o castelán debería ser repudiado por ser inferior ao inglés e este ao chinés. España é unha nación desnacionalizada e a pretendida unidade é unha ficción. Hai que ir a unha federación ibérica incluíndo Portugal e, asemade, vertebrar España co recoñecemento das rexións naturais e das diferentes linguas peninsulares sen pexas nin reservas de ningún xénero. Con este exemplo de respecto e recoñecemento animaríase a incorporación de Portugal.

No apartado III insiste en que o criterio da extensión é absurdo e profunda na importancia histórica. O latín deu orixe ás diferentes linguas romances consideradas no seu momento coma vulgares, inseguras e balbucientes, sen tradición, sen prestixio e sen herdanza. Porén, estas falas brutas e primitivas foron o instrumento de renovación e de expansión das distintas nacionalidades. De continuar usando unha lingua morta provocaríase estancamento e regresión; pola contra, as literaturas castelá, catalá e galega foron medrando en España con vigor e exuberancia ata comezos do século XVI.

A literatura galegoportuguesa, a diferenza da catalá e da provenzal, influíu moito na castelá. Cita o marqués de Santillana cando di que todos os trobadores, tanto reis coma xograres, dos séculos XIII e XIV compoñían en galego; e os focos de irradiación da gloriosa lírica galega eran, conxuntamente, Sevilla, León, Santarém e Santiago. No século XV, todos os autores que figuran no “Cancioneiro de Baena”, agás Macías, trobaban en galegoportugués malia seren andaluces e casteláns. Reafirma esta idea esteándose nos estudos de Carolina Michaëlis4 e Menéndez Pelayo5 acerca de influencia da literatura galegoportuguesa na aparición dos libros de cabalerías.

No apartado IV remítese á monarquía dos Reis Católicos e á unión política levada a cabo por eles e, corroborando unha vez máis as consideracións de Santos Oliver, afirma que durante este período se determinou a preponderancia dunha lingua e dunha literatura, a castelá, como lingua e literatura de Estado. Este predominio operouse voluntariamente, automaticamente e con verdadeira abnegación, crendo de boa fe que o cambio de idioma ía dar aos xenios rexionais un instrumento máis amplo e resoante, e que a literatura castelá recibiría unha insigne achega integrándose coa literatura española. Ninguén comprendeu naquel momento que a parálise do idioma se traduciu na parálise da alma. Concorda con Oliver que o sacrificio dun idioma vivo non é unha cousa puramente formal senón substancial e de fondo, e conclúe que a desviación operada en Cataluña e Galiza foi un aniquilamento propio, sen proveito para si nin para as letras castelás. E pregúntase: Que sería de Portugal no caso de realizarse o sacrificio de disolver o seu idioma no castelán? Que sería da súa literatura? El mesmo responde coa enumeración de todos os grandes autores e autoras que non terían sido tal de producirse tal suposto.

Inquire tamén como é posible que o pobo catalán, que nas centurias precedentes rivalizara coa produción castelá e andaba á par dela, non continuase a súa evolución. A resposta é achegada polo propio Oliver: “Yo no sé comprenderlo ni explicarlo, sino por esa disociación, por esa violación del nexo sagrado que existe entre el idioma y la esencia ó continuidad íntima de los pueblos”. As literaturas non son grandes ou pequenas pola súa zona xeográfica senón pola súa área espiritual. O idioma propio é, esteticamente falando, a válvula da verdadeira expansión para o xenio do pobo. Non se coñece ningún xenio ou portento literario que fora transportado do seu medio lingüístico habitual e constante a outro medio artificial e de gabinete. Nesta segunda atmosfera seguro que naufragaría.

No apartado V Vilar Ponte compara Cataluña con Portugal. Cataluña decae literariamente cando sacrifica o seu idioma e obtén novos triunfos cando inicia o seu rexurdimento; mentres Portugal, que xamais renunciou ao seu idioma, ofrece ao mundo unha literatura admirable. E pregunta: Onde están os nosos poetas, os nosos dramaturgo, os nosos novelistas, que arrequeceron co seu xenio o acervo castelán? Afortunadamente, o pobo galego nunca proscribiu a súa lingua nin das súas cancións nin do uso vulgar e seguiuno mantendo na vida familiar e de relación. Por iso, arestora continúa tan vigorosa e poética coma en tempos pretéritos, e persiste en obras portuguesas coma Os Lusíadas de Camões e incluso en obras anteriores nas que a lingua é máis galega ca portuguesa. Podemos, pues, dejar de cultivar, limpiar y fijar el idioma gallego no siendo suicidas, no teniendo castrada la inteligencia ni cegado el instinto de conservación? Pregúntase.

Desde Idade Media ata agora, a personalidade de Galiza sufriu unha “eclipse total”. Na primeira metade do século XIX aparecen os Precursores, logo os grandes poetas. Comeza o interese pola historia de Galiza e a publicación das primeiras novelas. Menciona tamén a grandes músicos galegos coma Veiga ou Chané e a Curros Enríquez como promotor desde a Habana da creación da RAG.

No apartado VI, Vilar Ponte pregúntase que lle debe Galiza ao idioma. A resposta é clara. Os vates non chegarían a acadar gran sona se non escribisen no idioma nativo. Para sobresaír hai que empregar o idioma propio, independentemente da extensión, da importancia histórica ou da perfección de cada lingua. Todos os instrumentos de expresión son bos. Todos os idiomas e dialectos teñen algo de sagrado e providencial, “superior a los caprichos y a la ciencia del hombre”. “El escudo de la autonomía espiritual, más fuerte que las armas, es la lengua”. E cita, alén de Rosalía e Curros, os grandes escritores portugueses: Guerra Junqueiro, Anthero de Quental, Eugenio de Castro e Eça de Qeiroz. Incluso sostén que Os Lusíadas é máis galego ca portugués. O renacemento da poesía galega está reducido, pero non morto. Xustifica que este sexa eminentemente poético cunhas palabras do catalán Joan Maragall: “Yo creo que así que una lengua llega a ser oficial ya no sirve para la poesía… El alma del pueblo es esencialmente dialectal, y sólo ella es manantial de poesía”.

Unha cita de Cánovas del Castillo6 inicia a parte VII: “La lengua, y sobre todo la sintaxis, es la expresión más acabada de toda raza y de todo pueblo… en la lengua van envueltos todos los sentimientos morales, va envuelto todo lo espiritual: La lengua es el alma extreriorizada”. E, malia quereren desterrar todos os idiomas rexionais, o intento resulta van porque o idioma é a vida mesma dos pobos, unha resultante natural do medio, da herdanza, da selección…

Van aló máis de cinco séculos desde que os Reis Católicos ordenaran o uso do castelán en todos os actos e documentos oficiais. Na última centuria nas escolas só se ensinou en español; mais, a pesar de os curas predicaren en castelán, de ser o único idioma que se usa nas leis, nos xornais e nos documentos garantidores da propiedade, nos bandos, nas actas dos concellos e nos carteis, nin o catalán morreu nin o galego se extinguiu. Malia todo, a xente segue expresándose no seu idioma nativo “que es carne de nuestra carne y sangre de nuestra sangre”; e os que utilizan o castelán, ben por necesidade ben por inconsciencia rutineira, adultérano e corrómpeno, porque o acomodan á sintaxe da lingua galega, “lengua armoniosa, dulce, flexible”, na que o Rei Sabio escribiu as súas cántigas.

Desde hai cincuenta anos a clase media comezou a mirar con desdén o idioma materno pero segue a utilizalo: “Y en los instantes da pasión como en las horas de dolor afluye a todos los labios más o menos castellanizado”. Tocante ao galego “no se trata de un cadáver que haya que galvanizar, sino una cosa natural, viva”. A súa visita a Portugal, concretamente a Porto e Lisboa, robusteceu a súa maneira de pensar verbo do idioma, sentíndose alá coma na casa e observando as similitudes de usos e costumes. O galego é falado en Portugal pola mesocracia, a aristocracia e o pobo. Os xornais parecen máis nosos que os nosos propios e escoita os políticos e os artistas usar palabras irmás. Isto lévao a comprender a resignación e o incivilismo galegos e acaba por concluír que, se en Galiza se fala máis a lingua propia que en Vasconia e un pouco menos ca en Cataluña, non hai razón para pensar que o noso nacionalismo non se poida impoñer se se fomenta con tenacidade. Querer é poder. “El factor étnico y el geográfico son las bases de toda política europea”.

O concepto de España é unha creación recente. Ata a época de Carlos III nin sequera tiñamos unha bandeira común. E así, mentres persoeiros estranxeiros coma Wellington7 e Fouilleé8 afagaron os galegos, escritores españois coma Cervantes e Lope de Vega obsequiáronos con inxurias. Os políticos da meseta estaban e están empeñados en matar os idiomas rexionais en aras dun exótico centralismo, causa de todos os desastres españois. Vilar Ponte ilustra o seu pensamento recorrendo á auctoritas de Ortega y Gasset ao afirmar, entre outras cousas, que: Sólo bajo la especie de región influye la tierra sobre el hombre. … Como el agua da a la piedra, gota a gota, su labranza, así el paisaje modela su raza de hombres, gota a gota, es decir, costumbre a costumbre. Un pueblo es, en primer término,un repertorio de costumbres… Esto mismo que llamamos España es una abstracción política e histórica.

E tamén á de Azorín, que sostén: “En España existe un Estado y hay varias naciones”. Insiste o noso autor que de “naciones” falaron sempre os escritores clásicos: Lope, Cervantes e Gracián, quen no seu libro El Criticón pregunta:

Y en un Estado en que coexisten varias naciones, ¿Cómo podremos hablar de un idioma nacional? Si cada una de estas naciones -como sucede en España- tiene su lengua, todas serán igualmente nacionales. Y otra cosa será el idioma del Estado, el idioma que sirva para la buena y fácil marcha de la vida política y administrativa del conjunto. No acertamos a ver relación ninguna entre el patriotismo, el más puro patriotismo, y la libre libérrima vida de los idiomas nacionales dentro de un mismo Estado.

En definitiva, os escritores máis importantes da Xeración do 98 e sucesivas proclámanse a favor dos idiomas rexionais.

No apartado VIII avoga para que se permita ás rexións manifestárense na súa lingua e que se definan coa alma nos beizos. E con esta laxitude non periga a integridade nacional senón o caciquismo. Non se pode impoñer a lingua de Castela, pola contra hai que alentar o rexionalismo san con políticas de concordia, amor e atracción. Porén, o que non se pode negar é que o castelán, o idioma de Cervantes, é un lazo unificador necesario cando se vai polo mundo. Se é un idioma aprendido polos estranxeiros, non o debemos aprender todos os españois independentemente da rexión na que naceramos? Malia todo, fóra de España créanse vínculos entre os distintos pobos de España con diferentes idiomas: galegos, vascos, cataláns … A diferenciación unifica, aglutina, integra e estimula o progreso. Os idiomas rexionais, alén das vantaxes xa vistas, contribúen a que se lles preste máis atención alén do territorio á literatura e á arte propias e, no caso de desmembración ibérica, preservaríanos de morrer como pobo.

Hablar el idioma nativo significa pensar por sí mismo. Hablar el idioma nativo representa sentirse uno a sí propio y sentir la naturaleza madre. Y cuando un pueblo non piensa por si mismo y no se siente a sí propio; cuando un pueblo contempla y percibe la realidad a través de un instrumento de expresión extraña -lo que equivale a navegar sin brújula- forja falsos espejismos que acaban por castrar totalmente sus esfuerzos volitivos. La independencia espiritual se afinca en la sintaxis de la lengua.

Así comeza o capítulo IX no que compara o caso de Galiza co de Cataluña e Vasconia. Considera que Galiza, a diferenza das outras dúas rexións, non se afirma porque renegou do seu idioma e do seu espírito, o cal a leva ao máis aberrante dos suicidios: “o suicidio colectivo”. Cataluña e Vasconia loitan polo seu idioma dunha forma cada vez máis vigorosa. Cita outra vez a J. Maragall, que cantaba: “La sangre de mi espíritu es mi lengua; mi patria está donde ella resuena”.

Falar galego éo todo: inutilizar andadores estraños, poñer lindes ao intrusismo, sentar as bases dun pensamento e unha acción propia que nos leva á busca e encontro de nós mesmos no fondo das nosas almas; a xeneralización do uso do galego, sobre todo entre a clase media, levaríanos á renuncia do inútil esforzo que facemos ao castelanizar ridiculamente os conceptos, as palabras e os acentos. Toda afirmación galega ten que asentarse na linguaxe autóctona. Polo tanto, é urxente fomentar o desenvolvemento da Liga de Amigos del Idioma, proxecto que xa está en marcha. Doutro xeito Galiza non poderá esixir feitos e valla a frase: “Que Zamora siga hablando por Galicia”.

Se trata de una obra común a todos los buenos gallegos; de unha obra de amor, grande y transcendente, en la cual pueden y deben colaborar lo mismo los hombres de la izquierda, que los de la derecha y del centro; pero especialmente los federales y los tradicionalistas: A los primeros conviene recordarles estas sabias palabras de Pi y Margall: en lengua alguna se escribe mejor que en la materna. ¿Quien no ama la lengua que aprendió de los labios de su madre?

O autor opina que non se pode confiar nunha xustiza que non fala o idioma do país e os homes que descoñecen a lingua da xente non poden administrala. O contrario leva a erros e á incomprensión. O ideal sería posuír unha lingua para toda a humanidade, pero como a realidade é teimuda hai que aceptala: en lo oficial y en lo privado, debe emplearse la lengua que se use en las regiones donde vivimos”. Palabras de Pi y Margall .O autor compara os dous grandes poetas da Idade Media: Gonzalo de Berceo e Afonso X o Sabio: a musa castelá e a musa galega. Os dous rivalizaron sendo trobadores marianos. Berceo é o primeiro poeta castelán de nome coñecido e as Cantigas de Nosa Señora son a máis antiga colección poética en lingua galega. O Rei Sabio escolleu a lingua que falara de neno e nela escribiu tamén outro xénero de cantigas.

No apartado X e último, o autor chama a todos os bos galegos sen distinción a emprender unha santa cruzada para rescatar o espírito da patria nativa, que está a piques de perecer debido á perda de personalidade e do seu medio de expresión. Aínda se está a tempo. Achega unha proposta de Amador Montenegro Saavedra9 publicada na revista Estudios Gallegos. Pide que polo menos unha vez á semana se publique na prensa algo en galego “correcto, serio, e non só en verso senón tamén en prosa”. Débese desbotar o prexuízo de que o galego só serve para “escribir chocalladas”. O galego serviu e serve para todo o serio. Refire a anécdota do escándalo que provocou a primeira publicación dunha necrolóxica en galego ao consideráreno moitos como algo non serio, unha burla e un insulto á memoria do defunto. Logo viñeron máis e o ruído amainou. Propón publicar todo tipo de textos en galego, entre eles o Catecismo, para que os escritores se decaten de que “el gallego existe”. Non poucos aprenderían a escribilo e moitos a lelo.

Solicita a colaboración da Liga de Amigos del Idioma e da Academia Galega para celebrar o Día de la Lengua. Agarda os ataques da prensa de Madrid con insidias e censuras e incluso escarnios, pero “Vale más vivir acuciados por la injusticia que no morir entre insinceros galeatos (sic). Ser ó no ser: tal es la cuestión”. Nega ser separatista, pois non hai nada máis patriota que o empeño nacionalista de refacer a tradición esnaquizada e conquistar a plena autonomía espiritual, piar de todos os progresos económicos.

Os problemas dos galegos han de formularse e resolverse en Galiza, dando as costas a Madrid. Pon coma exemplo Cataluña que, non tendo ministros nin ministrables, consegue todo o que se propón porque os seus deputados representan a opinión vigorizada no cultivo do idioma propio. Remata cunhas palabras de Teófilo Braga10:

A Galliza e a provincia mais duramente submetida a unidade politica e mais sacrificada pelo centralismo administrativo; ella resiste pela tradiçao lyrica, em que conserva a sua feiçao ethnica… A Galliza perde a sua existencia política, e por tal acto apaga-se sua cultura (sic).

A xeito de coda ou conclusión podemos salientar as ideas forza postas de manifesto por Antón Vilar Ponte neste texto. Os galegos somos os peores inimigos da nosa lingua, e esta actitude de renegar do idioma propio lévanos a atentar contra nós mesmos e, polo tanto, ao suicidio colectivo e á morte como nación diferenciada dentro do Estado español, Estado, por outra parte, de creación moi recente.

Toda afirmación galega debe asentarse no idioma de noso, idioma cunha historia esplendorosa na Idade Media no que escribían non só os trobadores galegos e portugueses senón das outras partes de Península. Era a lingua internacional da lírica e con moita ascendencia na literatura castelá. O galego é o idioma esmagadoramente maioritario dos galegos e segue vivo malia séculos dun absurdo centralismo que se iniciou cos Reis Católicos. Proscribírono, condenárono, humillárono e intentaron arrebatarlle a lingua ao pobo que o creou, gravando a lume unha pegada indeleble de inferioridade e autoxenreira. O idioma segue vivo nos beizos da xente pero esta persecución provocou o silencio do xenio literario e castrou a súa intelixencia. Para sobresaír hai que usar o idioma nativo, o idioma propio. Se adoptamos unha lingua allea ao noso ser, o único que conseguimos é unha fala adulterada e deturpada incapaz de expresar a realidade que nos pertence.

A súa estadía en Portugal reafírmao na tese de que o idioma falado alén Miño é o galego. As obras cumio da literatura portuguesa están escritas na fala de aquén Miño, fala que segue viva e vigorosa non só neste país senón tamén nas excolonias portuguesas. Algún día Portugal debería formar parte dunha Federación Ibérica de Pobos.

O modelo e a referencia a seguir é o modelo de Cataluña. Nel inspirouse o noso autor hai máis dun século e nel podemos seguir inspirándonos hoxe. Palabras do catedrático emérito de Filoloxía da USC, Francisco Fernández Rei, vertidas con motivo da celebración do Día das Letras Galegas de 2025: “O catalán xoga na Champions League e nós en nacional preferente” (LVG, 17 de maio de 2025).

Chama a todos os galegos a unírense na santa cruzada do idioma definido como “carne da nosa carne e sangue do noso sangue”. 

 Pontevedra, 18 de maio de 2025.

1 Seguimos a edición dixitalizada da Real Academia Galega.

2 Aurelio Ribalta foi un escritor e xornalista galego de finais do século XIX e comezos do XX. Tivo un papel moi relevante na fundación das Irmandades da Fala.

3 M. de los Santos Oliver foi un escritor e xornalista catalán director de varios xornais, entre eles La Vanguardia.

4 C. Michaëlis foi unha escritora e lexicógrafa portuguesa de finais do XIX e comezos do XX. Foi a primeira muller en ensinar nunha universidade portuguesa, concretamente na Universidade de Coímbra. Tamén foi unha das primeiras en entrar na Acadamia das Ciencias de Lisboa.

5 M. Menéndez Pelayo foi un filólogo, crítico literario, historiador das ideas e político da segunda metade do século XIX e comezos do XX.

6 Político do século XIX, artífice do réxime da Restauración.

7 O duque de Wellington foi un militar e político británico do século XIX. É especialmente recoñecido por derrotar a Napoleón na batalla de waterloo en 1815, o que puxo fin ao dominio francés de Europa.

8 Alfred Fouillée foi un filosofo francés.

9 Escritor e xornalista nado en Santiago de Compostela. Fundou o xornal A Monteira en 1889.

10 Político, escritor e ensaísta portugués. Foi o primeiro presidente provisional da República Portuguesa entre o 29 de maio e o 5 de outubro de 1915.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Sempre en Galiza de Castealo

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥