En xullo de 2020 eu estaba no coliving de Anceu cando nos levaron a un concerto a Gaxate, unha aldea preto de Fornelos de Montes. O lugar chamábase Mercado da Tía Ni. Sabía dela porque vendía libros polos mercados nunha furgoneta, pero o que máis me sorprendeu ao chegar foi a inmensidade de libros que gardaba aquel espazo. Vendíaos ao peso. Aquel edificio fora unha antiga escola unitaria e, arredor dela, todo parecía ter quedado suspendido nun tempo distinto.
Baixamos ao xardín e alí coñecín a Nieves. Era unha muller encantadora, desa xente que converte a hospitalidade nunha forma de estar no mundo. Daquela noite non me quedou tanto o recordo do grupo que cantaba como o ambiente que envolvía aquela casa máxica chea de libros. Lembro preguntarlle se xa cumprira os sesenta anos, porque quería entrevistala para o meu proxecto de historias de vida. Riu. Aínda lle faltaban algúns.
Hoxe, pasados uns anos, regreso a esa mesma casa para conversar con ela arredor dunha mesa e dun café. A historia de vida que segue é a de Nieves Loperena de Sáa.
Nieves naceu en Vigo o 13 de novembro de 1964, aínda que sempre se sentiu de Sabarís, en Baiona. Naceu en Vigo porque a súa nai foi alí dar a luz. É filla de Germán Loperena, zaragozano e profesor de Xeografía e Historia, e de Nieves de Sáa, natural de Xinzo de Limia, farmacéutica en Sabarís durante máis de cincuenta anos.
Os avós paternos apenas os chegou a coñecer. O avó, Germán Loperena, era médico e veterinario; a avoa, Hortensia Berverena. Ambos procedían da provincia de Zaragoza: el de Remolinos, ela de Boquiñeni, apenas separados por dez quilómetros. Hortensia era dez anos maior ca el e casou tres veces. O primeiro marido morreu novo; despois casou cun irmán del, co que tivo un fillo chamado Julio; e finalmente, con Germán Loperena, tivo tres fillos: Felipe, Germán e Angelines. O pai de Nieves levábaos todos os anos a Zaragoza para que coñecesen a familia e non perder o contacto, unha relación cos primos que moitos anos despois volvería retomarse e que aínda hoxe segue viva.
Pola banda materna estaban Ramón de Sáa e Maruja Carrera. Ramón era fillo do farmacéutico do pobo; Maruja viña dunha familia de polbeiros e feirantes. Eran catorce irmáns. Nieves lembra nomes coma Pura, vendedora ambulante; Teresa, Carola, Carmen, Isidro ou Lolo. Catro daqueles catorce irmáns morreron sendo pequenos.
O avó Ramón marchou da casa cando morreu o seu pai, Manuel de Sáa, debilitado tras a gripe española de 1918 e despois de sufrir varias pneumonías. Ramón tiña daquela dezaoito anos. A nai quedou soa cos fillos: Leopolda, Rosa e Antonia —que tiña unha discapacidade—, mentres Matías marchaba para a Arxentina onde traballou de mancebo nunha farmacia. Ramón tamén quixo probar fortuna en Bos Aires, pero aquela vida non era para el e acabou regresando. Ademais, xa levaba prendido dentro o amor por Maruja, que daquela tiña quince anos mentres el contaba vinte e cinco. Á volta traballou como interventor no Concello de Xinzo de Limia ata a súa xubilación.
Nieves coñeceu ben os avós maternos. Eran os seus padriños. A avoa morreu dun cancro aos sesenta e catro anos e ela mantivo sempre unha relación moi estreita con ambos.
A bisavoa materna, Generosa e seus fillos, Matías, Ramón (seu avó), atrás Antonia, Leopolda e Rosa e no colo un neno que morreu moi novo
Os avós Maruja e Ramón coa súa nai
Os seus pais coñecéronse en Ourense. A nai estudaba Farmacia en Santiago e, tras morrerlle a súa mellor amiga con vinte e nove anos, pasou unha temporada na casa dunha prima en Ourense. Unha noite saíron a unha boîte e alí apareceu Germán, que nesa época daba clase no instituto de Ribadavia. O noivado durou pouco. Ela xa cumprira os vinte e nove anos e tiña claro que quería casar e formar unha familia.
O pai de Nieves era un home complexo: moi intelixente, creativo, rabudo e disfrutón. Non fixera o servizo militar porque estudara no seminario coa intención de ser cura, decisión que provocou que o seu pai o desherdase. Os xesuítas acabaron expulsándoo tamén e el terminou anotándose na Lexión, onde se buscou a vida dando clases ás fillas dun coronel. Tiña problemas coa bebida, pero tamén unha enorme capacidade para fascinar aos demais.
Casaron e os pais dela, con moito esforzo, mercáronlles unha farmacia en Sabarís, lugar onde a familia veraneaba. Sempre viviron de aluguer. Germán traballou primeiro en Ribadavia e despois foi enlazando destinos como profesor interino. Tiveron catro fillos: Nieves, Cristina, Germán e Pilar, á que todos chamaban Pilca.
“O importante é poder vivir como unha quere, aínda que non sexa o máis fácil.”
Nieves empezou na escola das monxas de Sabarís, un colexio pequeno de pobo onde xogaban á pita cega e facían representacións de Nadal. Estivo alí ata os seis anos. Logo, os tres irmáns maiores marcharon estudar a Vigo: elas coas Jesuitinas e el cos Xesuítas. Os avós maternos trasladáronse desde Xinzo para coidalos, porque a nai non podía deixar a farmacia. Os domingos os pais ían visitalos e nas vacacións regresaban a Baiona.
Nieves e seu pai
Comuñón de Nieves en Santa Cristina de Sabarís 1972
Con oito anos enfermou gravemente de varicela, contaxiada polos seus irmáns. Empezou con grans e febre alta. Levárona a Povisa, pero non a admitiron porque non tiñan sala de infecciosos, así que acabaron na Cruz Vermella. Alí perdeu o coñecemento e lembra espertar un mes despois coa avoa sentada ao pé da cama. Temeron unha encefalite. Tiña o corpo inchado e supurando. A nai non se atrevía a bicala; o pai, en cambio, enchíalle a cara de bicos. Lembra tamén que a súa nai lle levara un comediscos, aquela fascinación da época que facía máis levadeira a recuperación. Tardou dous meses en volver á escola e os demais nenos mirábana con estrañeza polos cráteres que lle quedaran na pel. Era unha nena sa, pero aquela varicela estivo a piques de levala “ao outro barrio”, como di ela.
Nieves con 16 anos
En Segovia con Cándido, seus pais e Cristina, a dereita Pilca, Nieves e Germán. 1979
Foi mala estudante. Con corenta anos descubriu que era disléxica. Custáballe ler en voz alta porque cambiaba as letras de sitio. Lembra profesores como Loli Padín, de Lingua, sempre con cara de poucas pulgas; Loli Iglesias; ou a madre Juliana, que lle daba Matemáticas.
Anos máis tarde, cando xa puxera en marcha o proxecto da Tía Ni, reencontrouse con Loli Padín. A profesora non daba crédito:
—Nieves Loperena, non me digas que isto é teu!
Foi ela quen lle explicou ao seu marido como fora aquela alumna tan despistada. Co tempo, acabou alegrándose de vela convertida nun referente cultural rodeada de libros.
O deporte foi outra das súas paixóns. Sobre todo o voleibol. Xogaba no JAV —Jesuitinas Asociación Voleibol— e chegou a formar parte da selección galega. Era rematadora. “Era moi bruta”, di entre risas, “e tiñanme medo”.
Cando morreu a avoa Maruja, ela tiña once anos. A familia volveu vivir en Sabarís e os irmáns collían o autobús cada día para estudar en Vigo, onde estaban de mediopensionistas. O avó Ramón quedou vivindo con eles, pero morreu de pena tres anos despois. Nin a súa filla nin a neta Pilca, á que adoraba, conseguiron que remontase a perda da súa muller.
Rematou BUP, estudou no instituto de Nigrán e acabou COU en Coia, no nocturno. Suspendeu a Selectividade e marchou seis meses a Inglaterra para aprender inglés.
No instituto, mentres estudaba en Nigrán, xa levaba moto e ás veces escapaban das clases. Recorda con cariño profesores como Baltasar; Natalia, a marabillosa docente de Latín que vivía a materia con paixón; ou Gonzalo Allegue, a quen coñeceu en COU e que acabaría sendo unha figura clave na súa vida. Máis tarde montarían xuntos unha editorial.
As tardes de primavera ían a Praia América ver películas de Bruce Lee ao bar La Vela. Un profesor de galego levábaos ao bosque para recitar poesía. A súa nai quería que seguise estudando. Ela, en cambio, non atopaba unha vocación clara, aínda que soñaba co teatro. O problema era a dislexia: preguntábase como podería ler con fluidez nun escenario ou memorizar textos tan longos.
A fotografía apareceu cedo na súa vida. O pai andaba sempre cunha cámara Werlisa na man facendo fotos, e ela mergullouse nese mundo. En COU participou nun taller audiovisual dirixido por Gonzalo Allegue, O sol ao final da rúa, co que conseguiron un premio especial do xurado en Xixón.
Botándolle a lingua a un fotógrafo de La Región, Nieves tiña 23 anos.
A nai insistía en que podía ser azafata, porque era alta e tiña presenza, pero Nieves preferiu outro camiño. Foi examinarse a Madrid para estudar Imaxe e Son, mais polo camiño desviouse a Salamanca para saír de festa cunhas amigas. Chegou tarde e suspendeu o exame. Finalmente estudou Realización de Televisión na escola de Imaxe e Son de Bemposta, en Ourense, pola rama de fotografía.
Con vinte e dous anos traballaba xa como reporteira gráfica en La Región de Ourense. Vivía nun ático. Estivo cinco anos no xornal e despois pediu traslado ao Atlántico Diario de Vigo. Máis tarde, xunto con Gonzalo Allegue e Pilar Toscano, fundaron a editorial Nigra Imaxe. Durante dez anos levantaron un proxecto independente, sempre sen capital detrás e con continuos problemas económicos. Máis adiante fusionáronse cunha editorial asturiana e pasaron a chamarse NigraTrea.
Publicaban libros de etnografía, turismo, fotografía antiga e historia de Galicia. Entre as súas obras están Galicia, oficio de vivir, no que traballaron catro anos, ou Galegos: As mans de América. Abriron coleccións novas e apostaron por propostas culturais pouco habituais na época.
Coa crise de 2008 chegou tamén a incerteza. O traballo escaseaba e Nieves empezou a vender libros da editorial polos mercados. Vivía daquela coa súa nai en Sabarís.
Ese mesmo ano puxo en marcha o Mercado da Tía Ni.
A antiga escola de Gaxate entrara na súa vida moito antes. En 1990 Gonzalo Allegue quería vendela e ela axudouno co proceso, pero acabou namorándose do lugar e mercándoa. Restaurouna pouco a pouco coa axuda de amigos. A escola fora construída en 1934 durante a República grazas ás achegas dos emigrantes —entre eles Wenceslao Barreiro, un cauchero do Amazonas— e ao traballo dos veciños de Gaxate. Os donos do pazo chegaran a doar un enorme eucalipto para a súa construción. A escola funcionara ata os anos setenta.
Despois converteuse nun lugar que os veciños, polo seu tamaño, utilizaban para banquetes de voda e festas. Chegou a acoller máis de cincuenta nenos. Unha das mestras chamábase Pilar e un dos mestres era Áspera.
Cristaina (irmá), Cristina (sobriña), Mariana, Nieves, Germán a súa nai e Pilca. 2010
Nieves continuaba vivindo en Sabarís, pero en Gaxate atopou outro fogar. A escola servíalle de vivenda, almacén e refuxio. Vendía libros ao peso: primeiro a seis euros o quilo; agora, dúas décadas despois, a dez.
Probou tamén abrir un mercado en Sabarís coas súas irmás, pero o proxecto afundiuse cando converteron a rúa principal en dirección única e deixaron de pasar coches. Volveu entón definitivamente a Gaxate.
A súa vida converteuse nun mapa de feiras e estradas. Os luns estaba en Sabarís; os martes, en Gondomar; os mércores de verán, en Praia América; os venres, en Vilanova de Arousa. Colocábase ao lado dun home que vendía polos asados e pasábano pipa bailando entre clientes e músicas improvisadas.
Foi nun deses mercados onde coñeceu a Ignacio, un rapaz madrileño de oito anos con altas capacidades que veraneaba coa familia na zona. Un día achegouse á furgolibro para mercar unha novela de Santiago Posteguillo. Nieves, coa mellor intención, díxolle:
—Mellor dille á túa nai que veña, que este libro é un pouco denso.
Pero o rapaz respondeu con total naturalidade:
—Eu a Posteguillo leo moito.
E empezou a falar da historia de Roma cun coñecemento que a deixou abraiada. Naquel momento estaba lendo Traxano. Entón Nieves, medio en serio medio en broma, preguntoulle se lle apetecería dar unha charla na furgolibro.
—Ah, si, claro. Dime un día.
Quedaron e Ignacio acabou dando unha conferencia diante dun grupo de adultos que escoitaban fascinados. Entre o público había incluso un profesor de Historia da Universidade de Alcalá de Henares, que non daba crédito á maneira de expresarse daquel neno.
Durante anos Nieves seguiuno convidando. Falou da Primeira Guerra Mundial, da Segunda, da Guerra Fría… Ata case os catorce anos. Cando traspasou a Furgolibro perdeulle a pista.
Os sábados estaba en Ponteareas e os domingos reservábaos para Gaxate. O primeiro domingo de cada mes marchaba a Ourense. Acudía tamén a Redondela e ás veces ás chamadas feiras de desembalaxe en Bilbao, Zaragoza ou noutras cidades.
Leva traballando desde os vinte anos. Traballou moitísimo e, como ela mesma di entre risas, “explotei bastante aos amigos”. Chamábanlle a iso economía somerxida. Pero tamén se sente unha persoa moi afortunada polas amizades, xente que aguantou infatigablemente as súas continuas necesidades de apoio laboral.
Ao cumprir os sesenta decidiu facer algo que nunca fixera: baixar o ritmo. Regalouse un ano sabático e despois reduciu á metade a carga de traballo para prepararse para a xubilación aos sesenta e tres. Tiña que traspasar a furgolibro e conseguiuno. Vendeu tamén a caravana e mercou outra máis grande, á que bautizou como Librocaravana.
Daquela naceu outra aventura.
Quería percorrer Europa levando libros en galego e castelán. O máis difícil foi atopar contactos. Escribiu aos Institutos Cervantes e practicamente nunca obtivo resposta. Só lle contestaron desde a Casa de España en Milán. A pesar de todo, decidiu saír igualmente á estrada.
Primeiro foi a Cuenca, onde un amigo tiña clubs de lectura e a experiencia resultou marabillosa. Logo chegou Italia: primeiro Casteldanza da man de Marta e despois Milán grazas a Mónica, da Casa de España, que se entregou completamente ao proxecto. Todo o mundo sabía que Nieves ía chegar coa súa caravana chea de libros.
Nunha biblioteca municipal organizaron unha presentación. O lugar era moito máis ca unha biblioteca: había xente facendo calceta, contacontos, clubs de lectura, rapaces xogando… Nieves imprimía carteis e repartíaos pola cidade. Ás veces os consulados ou embaixadas difundían os actos; noutras ocasións eran as facultades de Filoloxía Hispánica as que lle abrían as portas. Nalgúns sitios funcionaba; noutros, non.
En Bucarest recibírona no Instituto Cervantes, aínda que ela acabou comentando que aquelas institucións deberían implicarse máis na difusión da cultura española e apoiar tamén aos españois que chegan a eses países con actividades culturais, e non só coas programacións propias. Alí coincidiu co 8 de marzo, día no que en Romanía celebran tamén a chegada da primavera. No centro da cidade, preto do teatro, a xente agasallábaa con flores e doces.
En Viena, pola contra, non puido nin aparcar: multas, présas e unha sensación constante de frialdade.
“Aquilo non foi unha viaxe de negocios”, di. “Foi unha aventura romántica.”
Un dos lugares onde mellor se sentiu foi Omegna, irmandada con Pornic e Baiona. Garda un recordo emocionado da amabilidade da xente: Laura, Enriqueta…
Cando chegou a Pornic, na Bretaña francesa, decidiu dar por rematada a aventura brindando cunha copa de champaña. Percorrera once países e máis de trece mil quilómetros durante tres meses.
Antes desa viaxe xa fixera o Camiño de Santiago desde Roncesvalles. Saíu o primeiro de outubro e chegou o día do seu aniversario, o 13 de novembro. O primeiro día apenas foi capaz de facer tres quilómetros baixo unha chuvia interminable. Logo cinco, despois oito. Só ao final conseguiu completar etapas enteiras.
Foi unha experiencia profundamente emocional. Fala do Camiño como un lugar onde existe un espírito fraternal difícil de explicar. Alí coñeceu unha muller mexicana de setenta e catro anos que perdera as lentes e traballaba como pallaso de hospital, “médica da risa”, como lle chamaba Cecilia en México. Fixéronse moi amigas e ao ano seguinte volveron verse, xa cos fillos daquela muller.
Agora fala da xubilación como quen fala dunha nova viaxe. Sente que fixo moitas cousas movida pola ilusión e segue apaixonada por descubrir mundo. Soña con navegar polo Amazonas, desde Belén ata Iquitos, nun barco de pasaxeiros que percorra lentamente as cidades.
É unha viaxeira prudente. Gustaríalle volver saír coa caravana por Inglaterra e polos países nórdicos.
Falamos tamén do amor. Houbo tres relacións importantes nas que, como boa romántica, se namorou ata as trancas. “Quixéronme moito, pero non o suficiente como para apostar por min”, di sen dramatismo. Estivo en parella ata os corenta anos e despois xa non apareceu ninguén importante. Non renuncia ao amor, pero tampouco o necesita para sentirse plena. Sempre escoitou dicir a súa nai que non se pode ter todo. “Cartos non teño moitos, pero dá para vivir. E se ten que faltar algo, que sexa a parella, que é prescindible.”
Sente que ten unha familia marabillosa, uns irmáns fantásticos e un traballo que a emocionou profundamente. Repite a miúdo unha frase da súa nai:
—Somos uns privilexiados.
Mari Nieves —como a chaman a súa familia e os veciños de Sabarís que a coñecen desde nena— é coma auga nunha cesta: inqueda, móbil, sempre en movemento. Pero hai lugares onde sabe que é feliz: Gaxate, a praia Ladeira en Sabarís e o Cortelliño no monte da Groba, en Baiona.
De nova gustaríalle ter vivido fóra, quizais en Australia, e traballar alí durante unha temporada.
Cando fala das persoas que máis a marcaron, menciona tres mulleres.
A primeira é a súa nai, Nieves. Unha muller moi avanzada para o seu tempo, cunha personalidade moi marcada, cariñosa, moi familiar, loitadora, valente e sempre orgullosa dos seus catro fillos, sen necesidade de facer discursos. Foi a primeira universitaria de Xinzo de Limia. Morreu con noventa e un anos.
Con nove anos, os seus pais sacrificáronse para mandala estudar interna a Ourense; máis tarde marchou a unha residencia en Santiago e só volvía á casa nas vacacións. En primeiro de carreira diagnosticáronlle un sarcoma no xeonllo. Os médicos querían amputarlle a perna, pero a avoa negouse.
—Se ten que morrer, que morra coas dúas pernas.
Tratárana con radioterapia e a perna quedoulle deformada, pero non lla cortaron. Era unha apaixonada do cinema.
De súa nai herdou o optimismo, a capacidade de agradecer e aquela idea de que para a vida é mellor ser listo ca simplemente intelixente. Do pai herdou a creatividade e a paixón pola fotografía. Da avoa Maruja, a hospitalidade: esa maneira de dar sen preguntarse demasiado.
A segunda é a avoa Maruja: acolledora, discreta, dona dun corazón inmenso. Viña dunha familia humilde, casada cun home dunha posición superior, pero soubo ocupar o seu lugar con dignidade e intelixencia. Sen sabelo, era feminista. Na casa era ela quen administraba os cartos. Sufriu o desprezo social por non ter estudos, e precisamente por iso apoiou sen dubidalo que a súa filla estudase unha carreira. Era tamén a súa madriña. Nieves aprendeu a cociñar mirando para ela na cociña.
A terceira muller importante foi Rita, unha veciña panadeira da idade da súa avoa. Era filla de solteira e neta tamén de solteira. Morreu no ano 2000, con oitenta e nove anos.
Nieves pasou moitas horas con ela. Rita sabía quen fora seu pai: un anarquista que tivera que agocharse tras a guerra. A familia coñecíase como “os Ineses”, os fillos de Inés. Durante anos escondéronse ata que os descubriron e os mataron. Era unha desas historias silenciadas que apenas se contaban.
Rita con 85 anos
Rita conseguiu levantar unha panadería. Era unha muller sensible, intelixente, autónoma e traballadora. Gustaríalle ter sido mestra e tamén viaxar. Todos os seus animais tiñan nome: un porco chamado Leopoldo e dous gansos, Napoleón e Josefina. Sempre estaba rodeada de dous ou tres nenos, e a relación con ela era coma se falasen cun adulto máis. Como non tiña familia, planificou moi ben como quería vivir a vellez e con quen desexaba compartila. Pensou moito o seu futuro e acabou os seus días rodeada da xente que a quería.
A vida de Nieves Loperena semella feita de camiños secundarios, desvíos inesperados e portas abertas. Foi nena sa, aínda que aquela varicela da infancia case a leva por diante; deportista brava, estudante perdida e editora valente, fotógrafa, reporteira, libreira ambulante, anfitrioa, viaxeira e cómplice de centos de historias alleas. Viviu entre libros, mercados, estradas e persoas, sempre movida por unha curiosidade inmensa e unha maneira moi súa de entender a liberdade.
Hai nela algo herdado das mulleres que a guiaron: a hospitalidade da avoa Maruja, o optimismo práctico da nai, a dignidade silenciosa de Rita. Tamén a creatividade caótica do pai, esa idea de que a vida paga a pena cando se vive con paixón, aínda que ás veces falten os cartos ou sobren as incertezas.
Nieves construíu un lugar no mundo sen seguir apenas ningún manual. Converteu unha antiga escola da época da República en Gaxate nun refuxio cultural cheo de libros e música, levou a literatura polos mercados nunha furgolibro e atravesou Europa nunha librocaravana cargada de palabras, máis por romanticismo ca por negocio. Nunca pareceu interesarlle facerse rica. O que buscou foi vivir dunha maneira coherente co que sentía.
Agora, aos sesenta e un anos, fala da vellez sen medo. Quere seguir viaxando, ler, compartir mesas longas e conversas demoradas.
A súa paixón por descubrir mundo xa a levou a lugares tan remotos como a Antártida nun gran veleiro, a China ou Kenya. Soña aínda co Amazonas, cos países nórdicos ou con volver perderse por Inglaterra coa librocaravana. Pero sobre todo semella ter atopado algo máis difícil: a conciencia de estar exactamente no lugar onde quere estar.
En Gaxate, entre libros amoreados, concertos improvisados e o silencio verde da montaña, Nieves continúa recibindo á xente coa mesma naturalidade coa que leva toda a vida abrindo portas. Como se, no fondo, a súa verdadeira obra non fosen os libros editados nin os quilómetros percorridos, senón esa rara capacidade de crear fogar alí onde decide quedar un intre.

Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 9 ao 15 de novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 8, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 2 ao 8 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 1, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 26 ao 31 de Outubro 2026 en Pontevedra
by Ana | Outubro 25, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 19 ao 25 de outubro 2026 por Ana Santos
by Ana | Outubro 18, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 12 ao 18 de Outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 11, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 5 ao 11 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 4, 2026 | Actividades | 0 Comments
Olga Rodríguez Vázquez por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 18, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Rosa María López Lorenzo por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Piruca Baena Solla por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 21, 2025 | Historias de vida | 2 Comments
La Feira Franca de Pontevedra por Luis López de Guereñu
by Colaborador | Novembro 8, 2026 | Fotográficas | 0 Comments
Impresiones del Camino de Santiago por Luis P. Molano
by Colaborador | Novembro 1, 2026 | Articulos | 0 Comments
Octubre por Marina Filgueira García
by Colaborador | Outubro 25, 2026 | Literarias | 0 Comments