Se falamos de Laureano Santiago Moreira igual ese nome non soa de nada , pero se dicimos Nito, que xogou no Pontevedra alá polo ano 1969 – 70, máis de un lembrará que foi a época do “Hay que roelo” cando o Pontevedra militaba na primeira división.

Nito naceu o 17 de marzo de 1948 en Cantodarea, ten 74 anos recén cumpridos, fillo de Laureano Santiago Santos, patrón de pesca, e de Remedios Moreira Veiga, peixeira na praza de Pontevedra onde tiña un posto coas súas cinco irmás, coñecidas co alcume “As perrinchas”. Lembra Nito que cando el era neno súa nai, ao rematar o mercado,  dáballe cartos a unha señora da Moureira que anotaba nun caderno e el, rapaz inquedo, preguntáballe á nai porque lle daba cartos a esa señora, ela respondíalle que esa señora gardaba o diñeiro e ao final do ano devolvíallo. Eses eran os bancos de antes, onde se fiaba un da xente.

Nito hay que roelo

Ten unha irmá maior, Rosa, que lle leva 5 anos. Seu pai montou cos seus irmáns unha empresa de exportación de peixe “Irmáns Moreira” que durou apenas 10 anos ata que volveu ao mar pescar.

Nito estudou nas monxas de San Xosé en Cantodarea, logo aos 7 anos foi medio pensionista aos Paúles de Marín;  lémbrase do padre Eguren, do padre Marcos… pero o que o marcou foi o profesor Benito Hermida Cebreiro (+2015), que foi alcalde de Marín,1973/1977, era profesor de Educación Física e xogaba con eles, ademais seguiu a súa traxectoria deportiva durante todos os anos.

Selección galega

Nito, Moreira, Ignacio e Portabales no Salcedo Xuvenís 1963

Balaidos

Manolo Barros e Nito en Balaidos na selección galega xuvenil 1964

Nito no Pontevedra

Nito no Pontevedra 1969

Pilar con 3 anos

No Pontevedra tempada 1969-70

Empezou a xogar ao fútbol nun equipo no colexio dos Paúles, xogaban contra o Sagrado Corazón de Pontevedra, había moita rivalidade; logo, dos 15 aos 18 anos, pasou a xogar nos xuvenís de  Salcedo cuxo adestrador era Moya.

O primeiro salario no Pontevedra, recibiu 50.000 pesetas e cando chegou á casa a súa nai díxolle “vai devolver os cartos onde os roubaches”

Nito Santiago Moreira

Saíu do colexio aos 16 anos e púxose a traballar durante un ano nun taller de coches “Talleres Tiburcio”, onde aprendeu o oficio, logo foi a outro taller de máquinas de barcos “Talleres Solla” tamén durante outro ano. Mentres, seguía a xogar no Salcedo e na selección galega de fútbol, onde entrou aos 15 anos e permaneceu ata os 18, o adestrador da selección era un militar da Coruña, Luís Rodríguez Vaz.

selección galega

Selección Galega 1967. X-X-Manolo, Cambeiro, Villar,X, Chiqui e Nito, agachados Babá,Barros,Lito, Búa, X,X

Seleccion galega en Canarias

Selección Galega 1968 en Canarias con mariñeiros militares

Aos 18 anos fixouno o Pontevedra por mediación de Fuertes e foi cedido ao Mieres CF, que estaba na 3ª división, ata os 19 anos que volveu e xogou no Atlético pontevedrés, de aí pasou ao primeiro equipo no ano 69-70 xogando de defensa dereito. Foto dese ano coa alienación..Ese foi o último ano do Pontevedra na primeira división.

Unha anécdota que recorda foi o primeiro salario no Pontevedra, recibiu 50.000 pesetas e cando chegou á casa a súa nai díxolle “vai devolver os cartos onde os roubaches”, daquela unha casa valía eses cartos.

Nito en Ibiza 1978

Ibiza ano 1978

Comuñón de Pilar Braga

Rosa en Ibiza 1978

Boda Rosa e Nito

Boda de Rosa e Nito 1972

Con 18 anos mercou un seiscentos que lle custou 66.000 pesetas e tardou 6 meses en recibilo, “daquela en Marín tiñan coche o alcalde e catro máis, un era eu”.

Con 20 anos o presidente, Miguel Otero, arranxoulle para que fixera a mili en Figueirido, alí estivo dous anos, cando saíu xa cambiara o presidente e non tiña cabida no equipo.

Marchou con Irulegui ao Murcia, alí estivo un ano e xa coñecera a Rosa, irmá do seu amigo Manolo Barros co que xogara na selección galega, casaron o 22 de xuño do 72, el tiña 24 anos e ela 19, este ano fan as vodas de ouro.

Despois de Murcia foi xa casado para o Xerez, pero como Rosa estaba embarazada e non lle gustaba moito aquilo, ela volveu á capital do Lérez para dar a luz, deixando só a Nito que rescindiu o contrato aos seis meses xa que non lle gustaba estar só. Tiveron a Pablo, o seu único fillo.

Garcia Blanco

José García Blanco 1964

Nito na tenda

Nito en García Blanco 1974

Con Manolo, o seu cuñado, e coa axuda do seu sogro montaron a tenda de roupa Don Manuel, unha boutique na rúa Fray Juan de Navarrete, referente de moda durante moitos anos, agora ocupa o baixo O baúl de Veva. Para aprender dun negocio que non dominaba foise coa súa muller, Rosa, á tenda García Blanco, fundada no ano 1954 polos seus sogros na rúa Andrés Muruais, alí facían traxes a medida só para homes, valorábase o bo vestir, logo empezaron a chegar traxes feitos e foi desaparecendo a xastraría.

Don Manuel

Don Manuel 1973

Tenda Don Manuel

Don Manuel 1973

Xubilouse por dúas razóns, unha foi porque o seu fillo Pablo gustaba do negocio e comezou a facerse cargo del e outra porque cumpriu 65 anos e cría que xa estaba ben de traballar. Agora é avó ten unha neta de 5 anos que o fai moi feliz.

Sempre fixo deporte e nunca deixa de facelo, desde que cumpriu 60 anos adoita saír cun grupo de amigos na bicicleta polo menos dúas veces por semana, con eles fixo todos os camiños de Santiago, investindo ata 10 días na súa consecución, facendo etapas de 80 e 100 km.

Covadonga 2008

Manolo Vales, Victor, Nino Mirón, Manolo, Alberto, Nito e Luis Redondo nos lagos de Covadonga 2008

Futbol veteranos 1978

Fútbol veteranos de Marín 1978: Fernando Braga, X, Cholo, Laureano Magán, Riveiro, Tucho, agachados, Antonio, Arturo, Carlos Merendero, X, Nito, Ignacio, X

Futbol sala1980

Fútbol sala García Blanco 1980: Pou, Ricardo, Suso, Manolo, agachados,De la Peña, Nito, Veiga, X

Xogou ao fútbol sala ata os 50 anos, tiñan un equipo, o García Blanco, e foron uns dos primeiros equipos que con Bernardo Pou  xogaron campionatos en Galicia. Deixou de xogar cando os seus compañeiros eran o seu fillo e os fillos dos demais, a partir de aí como outra das súas grandes afeccións era o mar, gustáballe o mar como deporte, dedicouse a facer travesías, regatas e competicións no seu barco “Quen vai”, esta fin de semana vai de regata…

Nito e Sara 2021

Nito coa súa neta Sara 2021

Familia

Nito, Rosa, Sara, Marta e Pablo 2016

Viaxou por toda Europa en moto co seu cuñado e as mulleres, dos 40 aos 60, pero a viaxe que recorda con máis agarimo foi a de Cabo de Gata con 7 amigos, alugaron un barco de vela e foron dende Almería a Alacante en 7 días, o patrón era Luís Cuevas, de Vilagarcía, que era o que tiña o título de capitán.

Aos 58 anos diagnosticáronlle un cáncer de próstata, por iso o seu soño é vivir que xa é bastante. Nomea unha cita de Woody Alen a quen lle preguntan que é para el a felicidade e responde: “Lo mejor que te pueden decir en la vida no es ‘Te quiero’ sino ‘Es benigno’.”
O seu lugar favorito é a Ría de Marín, aínda que nas Illas Baleares quedaría na praia Espalmador de Formentera.

Quen vai

Remato a charla, hoxe é o día do seu aniversario e o teléfono non para de soar.

Grazas Nito pola túa lección de vida, por saber erguerte ante as dificultades, por ver sempre o lado bo das cousas e ser tan vital, envexa me dás.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Pilar Braga

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥