Seleccionar página

Noite de San Xoán

Anxo González Guerra

A miña noite de San Xoán

Nas miñas primeiras lembranzas a noite de San Xoán está ligada a unha decepción. Deitábame coa ilusión de erguerme cedo para ver bailar o sol, porque era seguro que na mañanciña de San Xoán o sol sempre bailaba. Acórdame que corría a mirar pola fiestra e sempre había néboa ou estaban unhas nubes inoportunas. E alá se ía a miña ilusión, tocaba agardar para outro ano en Trasar de Carballo.

Buscando as flores de Sabugueiro

Polo menos quedaba o de lavar a cara. O día antes íamos buscar flores de sabugueiro que poñiamos nunha almofía con auga. Tiña que quedar fóra toda a noite para coller o orballo e a friaxe. Lavabamos a cara con esa auga e xa quedabamos protexidos para todo o ano. E menos mal que só era a cara. O Susiño tiña seis anos, estaba sempre coa pel encetada e iso que xa fora aos médicos a Lugo. Unha menciñeira díxolles a seus pais dunha cura segura. Antes de saír o sol na mañá de San Xoán había que poñer o neno en coiros de todo e que se botase a rolos pola herba verde dun lameiro. El mesmo me contou o moito que chorara desa vez. Pero en pouco tempo o Suso curou, fora co susto ou coas herbas o caso é que a doenza desapareceu. Unha médica díxome que nese tempo florecen moitas herbas que teñen propiedades medicinais, algo de ciencia debía haber no remedio natural.

Volvendo ao día. Escoitábase falar de que noutros tempos os mozos se dedicaban a mover os apeiros. Tan ben aparecía un arado nun carballo como un carro coas rodas para arriba ou no eido dun veciño. Mais no meu tempo xa non se estilaba no Carballedo lugués.

Sabugueiro

flores de sabugueiro

axeitada

Herbas axeitadas para a pel na noite de S. Xoán

Meu pai, Juán

Na miña casa meu pai era Juan e meu irmán pequeno tamén Juan. Na familia nunca se celebraron os aniversarios, o cumprir dos anos, celebrábase o día do santo. Mais non o San Xoán porque meu pai e meu irmán marchaban todo o día a outro lugar como convidados dun parente afastado na festa do San Xoán. Naquela casa eran xente do país. Chegaba meu pai, o dono da casa saía fóra a recibilo e antes de nada ían ver a facenda á corte. Mirábanse as vacas, tocábanse, dábanse novidades de doenzas, compras, vendas. E logo xa se subía á casa, saudábase o resto da familia e tomábase un vaso de viño. O primeiro era o primeiro.

Noite das Cancelas

Aos seis anos deixei o Trasar de Carballo natal pola Cervela do Incio para ir vivir cun tío cura. E alí o San Xoán tampouco tiña moita festa. Lembro que era a noite das cancelas, os mozos cambiábanas de sitio por diversión. E tamén que un ano a roupa que quedara a secar no sitio habitual apareceu ben pendurada nos fíos da luz no campo da festa. Mozos trouleiros. E contábase que un ano alguén atara un burro ás campás da igrexa para que soasen de noite.

Os Telladiños

Moitos anos despois en Cela-Bueu volvín bater co San Xoán. Resulta que alí a eses telladiños que cobren unha porta de entrada a unha finca ou herdade chámanlles “sanghuansiños”, e el que terán que ver co santo? Non sei, pero é un fermoso nome. E tamén alí volvín ver que as cancelas mudaban de sitio na noite máxica, coma na Cervela.

Polo que as fogueiras, cacharelas e demais luminarias da noite de San Xoán non están nas miñas lembranzas de cativo, nin o saltar por enriba do lume, nin comer sardiñas asadas ou recitar palabras milagrosas. Serán tradición, pero non no meu caso.

A Mera de San Xoán…

Na fraseoloxía de Pilar Guerra (miña nai) recóllense tres ditos nos que aparece esta data do 24 de xuño:

A mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan: a choiva miúda, a néboa mesta de xuño son prexudiciais para os campos, sobre todo para as viñas e os cereais.

Do San Antonio ao San Xoán once días van: Celébranse as súas festas o 13 e o 24 de xuño.

Do San Xoán ao San Pedro bota a conta polo dedo: son 5 días, do 24 ao 29 de xuño.

Tampouco escoitei na miña casa o de  que na noite de San Xoán fai o que todos fan ou polo San Xoán a sardiña pinga no pan, nin sabía eu o que era un solsticio de verán.

Mais como os vellos nos volvemos nenos, pois vou de novo ilusionarme con ver bailar o sol. Por que non empezar neste ano de pandemia e vacinas? Seguro que agora xa non virán a néboa nin as nubes estragarme o espectáculo.

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Lección de Portugués

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español