A noite do 12 ao 13 de agosto de 1995, Lila Amara e o seu home Bachir eran brutalmente asasinados en Tixeraine, cidade da periferia de Alxer. Ambos os dous foron afuracados a tiros á porta da súa casa mentres estaban charlando. Non satisfeitos, os asasinos, despois e, coma se se tratase dun ritual, degolárona. Quen era esta muller? Pois Lila Amara era unha cantante alxerina de Raï.
Lila Amara non foi nin a primeira, de feito foi a terceira, nin a última vítima, cantante de música Raï, executada polos máis fanáticos dos integristas islámicos do Grupo Islámico Armado (GIA), durante o cruento período da guerra civil que asolou Alxeria na década dos anos 90 do pasado século.
Tanques nas rúas de Alxer ( foto Wikipedia)
Comecemos polo principio. Alxeria independizouse de Francia en 1962 tras unha longa guerra. A partir dese momento quedou constituído como un estado socialista e laico á fronte do cal estaba o partido único, Frente Nacional de Liberación (FLN). Pouco a pouco este, comezou a derivar cara a unha ideoloxía de corte panarabista. A aspiración desta ideoloxía nacionalista árabe, era que todos os pobos árabes sen excepción, xa foran de África ou de Asia, formaran unha soa nación e remataran por unirse. O exipcio Gamal Abdel Nasser foi un dos seus principais líderes.
Despois de derrotar os franceses, sen présa, pero sen pausa, a vida en Alxeria foise islamizando. Foise abandonando o laicismo. Boa proba disto é que o idioma francés e tamén o bérber foron sendo desprazados devagar polo árabe clásico. A islamización acentuouse a partir de 1978, dirixida por Chadli Benyedid, presidente naquel momento do país. A consecuencia desta política de islamización foi que as distintas correntes fundamentalistas islámicas da década dos oitenta, atoparon o camiño aberto para difundir a súa ideoloxía. Co tempo estes grupos foron desprazando unha certa oposición de esquerdas que existía e lideraron os movementos de protesta, que se estenderon por todo o país debido á pobreza que se orixinou pola caída dos prezos do petróleo, principal riqueza de Alxeria.
Desde finais de 1987 e durante todo o ano 1988 sucedéronse protestas e algaradas cada vez máis graves. A extensión e gravidade das revoltas daba a entender que o réxime do Frente de Liberación Nacional, non ía durar moito tempo. Ante esta situación, os altos mandos militares obrigaron o presidente a anunciar as primeiras eleccións libres da historia de Alxeria.
Meses máis tarde, xa en 1989, Abbas Madani, veterano xeque e o predicador Alí Belhadj, fundaron o Frente Islámico de Salvación (FIS), co propósito de reemprazar o sistema democrático recén imposto por un réxime dirixido pola lei coránica.
En decembro de 1991 e de forma sorpresiva o FIS gañaba a primeira volta das eleccións. A reposta do poder foi inmediata. Semanas despois en xaneiro de 1992, un golpe de estado militar depuxo ao presidente, cancelou a segunda volta das eleccións, prohibiu o FIS e encarcerou miles de alxerinos simpatizantes cos fundamentalistas, que foron levados a campos de concentración situados no Sáhara. Entre os detidos estaban os dous fundadores.
Inmediatamente deu comezo a guerra civil, coñecida por varios nomes entre eles o de os <<années de braise>>, os anos das brasas. O obxectivo do FIS era substituír a incipiente democracia por un réxime teocrático. A guerra desenvolveuse sobre todo no norte do país, onde as guerrillas se atopaban cómodas porque as beneficiaban os bosques e as abundantes matogueiras dese territorio. A zona cero atopábase ao sur e ao oeste da capital de Alxer, nun radio de acción moi pequeno. Eran uns cantos centos de quilómetros cadrados. Pola contra, no sur do país e debido a que a súa poboación era e é moi escasa, non houbo apenas combates e case non se viu afectado, malia que alí é onde se concentran as grandes reservas de petróleo e gas.
En plena situación de guerra, en 1993 constituíuse o Grupo Islámico Armado (GIA). O GIA era moito máis radical que o FIS. Os seus partidarios, moi numerosos nos suburbios da capital Alxer e as cidades confinantes, tiñan un pensamento próximo ao Wahabismo saudí e consideraban renegado e impuro a todo crente que non seguise o seu extremismo. Desde o principio seguiron unha liña moi dura, na que calificaban de inimigos tanto ao goberno como ao propio FIS. Comezaron a realizar actos terroristas de todo tipo con tremenda violencia. Falsos controis de estradas; masacres pola noite contra poboación civil; atentados con coches bomba; e incluso ameazas de queimar escolas con todos dentro por non ser o suficientemente islámicas. Nesta orxía de violencia, en agosto de 1994, chegaron mesmo a anunciar o Califato de Alxeria.
Para combater o GIA, o goberno organizou grupos de autodefensa compostos por civís pobremente armados, en moitos casos só contaban con fusís de caza. Estas milicias, a veces apoiadas por outras que estaban mellor equipadas e adestradas, tiveron un relativo éxito na Cabilia, rexión alxerina que está fundamentalmente poboada por bérberes que estaban en contra do goberno alxerino, pero aínda máis en contra dos radicais islamistas.
En 1994 o FIS e outros grupos uníronse no Exército Islámico de Salvación <<AIS>>. Condenaron os ataques indiscriminados contra a poboación civil reivindicados polo GIA e intentaron comenzar unhas negociacións co goberno alxerino. Estas negociacións en teoría realizaríanse en Italia, pero o goberno nin acudiu nin nunca tivo a intención de facelo.
O GIA mentres tanto, seguía ao seu, ou sexa matar. Fíxose forte no rural e tamén dominaba gran parte da periferia do sur da capital.
Os seus atentados e matanzas foron cada vez máis. Asasinaban periodistas, artistas, deportistas, estranxeiros e moitas mulleres que se opoñían e rexeitaban cubrir o cabelo co <<huyab>>. Entre os asasinados estiveron tamén varios intérpretes de música Raï.
Entre 1995 e 1997, emprenderon unha guerra fratricida con outras faccións islamitas que provocou centos de mortos. Foi literalmente unha guerra a tres bandas.
Atentado en Alxer archives.rgnn.org
En setembro de 1997, o AIS declarou o alto o fogo unilateralmente e deu por concluída a conflagración. Igualmente, esixiu que se descubrise aos verdadeiros autores dos salvaxes atentados perpetrados durante eses anos. Había evidencias de que o propio exército alxerino participara neles, ou polo menos fixera deixamento das súas funcións ao non intervir cando podería telo feito.
Pero para o GIA o conflito non rematou e a guerra continuou. Os anos 1997 e 1998 foron os máis sanguentos e crueis de toda a contenda. Os masacres e atentados sucedéronse un tras outro. A táctica era moi parecida en todas as ocasións. Varia ducias de homes provistos de fusís, granadas e machetes entraban nunha vila derrubando as portas das casas e asasinando homes, mulleres e nenos. Sempre daban mostras de gran crueldade, roubando diñeiro, xoias, violando as mulleres e secuestrándoas como reféns para usalas como escravas sexuais. As barbaridades que facían, eran tan brutais que non quero describilas. Se algún lector desexa saber o que facían pode consultalo en Internet. Especialmente crueis foron os masacres das localidades de Rais (29 de agosto de 1997) e Benthala (22 de setembro de 1997). Ambas as dúas tiveron unha gran repercusión mediática a nivel internacional, impresionando a opinión pública de todo o mundo.
Dáse a particularidade de que en varios destes masacres os cuarteis da policía ou do exército estaban o suficientemente preto como para que puidesen chegar en auxilio das poboacións atacadas. Incluso nalgúns casos eran alertadas as forzas de seguridade, pero ou tardaban en actuar demasiado tempo ou non poñían o suficiente empeño en facelo. Todo isto fixo medrar a dúbida de que no GIA había infiltrados oficiais do goberno que mesmo podían ser en gran parte os dirixentes da organización. A idea era converter en terror, todo o que tivese que ver co islamismo radical.
Por fin, tras ser elixido presidente Abdelaziz Bouteflika en 1999, declarouse unha lei de amnistía para a gran maioría das guerrillas. Tras o conseguinte <<acto de contrición>>, a maioría dos guerrilleiros volveron á vida normal. Pouco a pouco o número de masacres foi diminuíndo paulatinamente. A maioría dos movementos islamitas aceptaron e integráronse na vida democrática e incluso moitos dirixentes do FIS foron reciclados para o xogo democrático.
Só o GIA seguiu combatendo, pero os seus restos foron perseguidos e atrapados nos anos sucesivos. Os máis recalcitrantes deles seguiron cometendo atentados con coches bomba, tiroteos e demais, entre os anos 2004 e 2012. Pero estes grupos xa se identificaban claramente co grupo <<Al Qaeda do Magreb>> e estaban desvinculados dos movementos políticos e relixiosos de Alxeria. En definitiva, entre os anos 1992 e 2002 a guerra civil alxerina cobrouse 150.000 mortos.
Entre as miles de persoas asasinadas polos terroristas do GIA, atopáronse varios intérpretes da música coñecida como RAÏ. É pasmoso o odio que espertou e esperta este estilo musical entre os fanáticos integristas islámicos, pero o motivo é bastante claro. O Raï é unha música que está a favor dunha vida independente e xusta, lúdica e, por riba de todo, máis divertida e iso no mundo árabe xa é moito dicir. Mike Zwerin definiuna coma <<unha especie de blues árabe que combina as tradicionais estruturas norteafricanas con rock, funk e reggae>>. Pero probablemente é J. F. Bizot o que deu coa definición perfecta: O Raï <<é coma un peixe que quixeras atrapar coas mans enxaboadas>>.
O Raï é un xénero musical moi popular en Alxeria e por extensión en gran parte do Magreb. Realmente é un caso moi curioso dentro da música popular do mundo árabe. Orixínase nun principio nas rexións rurais do noroeste de Alxeria e con relativa rapidez, a principios do século XX, comeza a estenderse por cidades costeiras como Orán e a propia Oujda en Marrocos. Son cidades ambas as dúas fronteirizas que teñen moitos rasgos culturais comúns, malia estar en estados diferentes. Para explicar os seus inicios hai certa polémica, pero crese que as súas raíces atoparíanse no <<Zendani>> música improvisada, esencialmente feminina e que pouco a pouco se combinaría con influencias do jazz e o blues traído polos soldados franceses durante a Primeira Guerra Mundial. Os primeiros seguidores desta música serían os marxinados sociais, que a farán súa nunha situación de case semiclandestinidade. Durante unhas décadas, foi identificada pola súa intimidade, <<despedidas de solteiro, night-clubs, burdeis, é dicir os lugares onde os/as cantantes podían ser francos e procaces>>. Co tempo e sobre todo a partir dos anos 70 do século XX o Raï vaise converter na música imprescindible para a mocidade de toda Alxeria en calquera tipo de festa, pero fundamentalmente nas vodas.
O Raï, é un caso específico dentro da música popular árabe. Tivo un progreso inaudito cunha serie de intérpretes moi especiais. É un estilo musical que ademais de reivindicar a creatividade popular e a improvisación, foi bandeira no Magreb de ideas consideradas subversivas no mundo tradicional árabe, como poden ser a utilización de linguas autóctonas, os dialectos e a reivindicación da idea de periferia. Tamén da transgresión en todas as súas facetas, como o cuestionamento das normas e a exaltación dos praceres, sobre todo o alcol e o sexo.
Se esperta un absoluto rexeitamento entre os integristas islámicos é porque é unha música de masas, de carácter lúdico-festivo e totalmente libre de ataduras. Así mesmo é unha perigosa arma capaz de provocar entre a mocidade magrebí auténticos movementos sociais, sobre todo entre os emigrantes nos países europeos, como poden ser Francia e incluso a propia España (Barcelona).
A palabra <<Raï>> significa <<opinión>>, <<consello>> en árabe e os cantantes deste estilo son, en realidade eran, coñecidos como <<cheb>> (chaval, mozo) e <<cheba>> (chavala,moza). De feito, nun principio foron as mulleres as primeiras intérpretes deste estilo musical. Eran mulleres que cantaban sobre temas sociais e políticos nun estilo moi íntimo e impetuoso. Unha das máis grandes foi <<Cheikha Rimitti>>. Nacida en 1923, rematou sendo moi recoñecida e respectada no mundo magrebí. Comezou a cantar en público a unha idade moi temperá e axiña se converteu nunha figura importante na escena musical alxerina. Rimitti foi unha das primeiras mulleres en cantar en público sen veo e nas súas cancións tocou temas tan complicados como o amor fóra do matrimonio. A súa voz potente e o seu estilo único valéronlle o alcume da <<Raíña do Raï>>. A súa morte foi en 2006.
Cheikha Rimitti Discogs
A música Raï, cántase en árabe dialectal magrebí e as súas letras, como xa se comentou, soen tratar temas relacionados coa vida cotiá e as preocupacións sociais, políticas e sexuais da mocidade alxerina e por extensión de todo o Magreb. Os seus dous grandes argumentos son o alcol e a frustación sexual. Cheb Zahuani di nunha das súas cancións <<non bebemos, emborrachámonos, non cantamos, berramos>>. Este discurso profundamente subversivo na sociedade musulmá fixo que o Raï, estivese prohibido na radio e na televisión alxerina durante longo tempo, por ser considerada demasiado provocativa. Pero co tempo este estilo musical foi gañando popularidade nos países de África do Norte e Oriente Medio. Unha das causas da súa rápida difusión foron as <<casetes>> gravadas de forma semiclandestina e de pésima calidade de son. Co tempo foise abrindo ao resto dos medios de difusión, incluíndo tamén a radio e a televisión.
A partir dos anos 80, ao entrar en contacto con Europa e sobre todo con Francia, o Raï, viuse influenciado polo Rock and Roll e outros xéneros musicais como o Reggae ou o Hip Hop. Os músicos de Raï, comenzaron a engadir baterías, guitarras eléctricas, órganos e sintetizadores aos instrumentos tradicionais magrebís como o <<darbuka>> (especie de tambor de copa); o<<gasba>> (frauta de cana); o <<bandir>> (pandeiro); e o << tar>> (pandeireta con címbalos). Con esta mestizaxe musical, o Raï comezou a ter proxección en toda Europa e incluso nos Estados Unidos.
Entre os artistas máis destacados da música Raï, que lograron grande éxito en todo o mundo árabe e que tiveron grande influencia noutros artistas, podería citarse a <<Cheb Mami>>, <<Cheb Hasni>>, <<Rachid Taha>>, e sobre todo <<Cheb Khaled>> o máis popular e auténtica estrela non só no mundo magrebí senón tamén en Occidente.
Nacido en 1960, converteuse nunha figura en Alxeria sen aparecer nunca nos medios de comunicación alxerinos, xa que as súas letras trataban sobre as mulleres e o alcol. Nos anos noventa comezou o seu éxito internacional cando empezou a mesturar os instrumentos tradicionais cos electrónicos da música occidental.
Khaled
Xa se dixo que durante a guerra o GIA lanzouse a unha campaña enlouquecida de asasinatos e atentados contra intelectuais, estranxeiros, xentes da cultura e cantantes de Raï. O primeiro deles foi <<Abdelkader Alloula>>que foi asasinado a tiros en Orán en marzo de 1994, moi preto do seu lugar de traballo. Seguido, o 15 de febreiro de 1995, de <<Rachid Baba>>, ao que se lle disparou fóra da súa tenda de discos en Orán. Baba foi elixido como branco polos integristas por ter producido cancións con textos sentimentais e da vida diaria das mulleres.
En agosto dese mesmo ano, de 1995, tocoulle a quenda á cantante bérber <<Lila Amara>>, ametrallada e logo degolada xunto ao seu home nos arredores de Alxer. Amara, de 40 anos, gravara unha serie de cancións e uns cantos videoclips para a televisión alxerina. Era unha pioneira da loita pola feminidade no país magrebí.
Lila asasinada en 1995
Os asasinatos de músicos de Raï, continuaron sen tregua. Poucas semanas máis tarde, en setembro, era tiroteado en Orán <<Cheb Hasni>>, unha das figuras máis lendarias da canción Raï. Coñecido como <<o ruiseñor magrebí>>, era un auténtico ídolo dos mozos alxerinos. Un fanático fundamentalista matouno de dous tiros á porta da súa casa de Orán.
O Cheb Hasni, asasinado en 1994
O atentado foi unha resposta dos integristas á decisión tomada polo goberno ao considerar o Raï como música nacional alxerina. O mesmo lle sucedeu a <<Cheb Aziz>>, de 28 anos en setembro de 1996. Este músico moi popular e irrespectuoso coas tradicións, fora acusado de sacrílego polos integristas.
Pero o máis emblemático dos asasinatos de músicos de Raï, foi o do poeta e cantante <<Malouf Lounés Matub>> en xuño de 1998. Este músico xa fora secuestrado e retido 15 días polo GIA en 1994. O seu secuestro narrouno nun libro titulado <<O Rebelde>>. Fora liberado pola inmensa mobilización popular que houbera na rexión da Cabilia. Desde a súa retención Lounés Matub autoexiliárase en Francia, pero continuou coa loita pola democracia, contra o integrismo e pola salvagarda da cultura bérber. Moi de vez en cando regresaba a Alxeria e cando o facía era para participar nalgunha convocatoria politica ou nalgún concerto. O 25 de xuño de 1998, uns terroristas emboscaron o seu automóbil cando ía para a súa casa pola estrada que conduce a Tizi Ouzou (capital da Cabilia). Viaxaba coa súa muller e con dúas cuñadas. Ás 13. 30 o seu coche foi interceptado nun <<check point>>.
Os asasinos disparáronlle a queimarroupa ferindo ademais as tres mulleres. Tiña 42 anos. Lounés Matoub declarara <<Sei que vou caer nas súas mans (…). E, se me matan, quero que me cubran coa bandeira nacional e que os demócratas me enterren na miña vila. Ese día entrarei definitivamente na eternidade>>. O seu gran pecado fora dirixirse á mocidade de ti a ti, cunhas letras informais e en ocasións políticas, iso foi o que o levou a que acabaran coa súa vida..
Lounés Matub asasinado en 1998
Co final da guerra civil e o contacto con Occidente a música Raï comezou a ter unha gran proxección internacional e algúns músicos como <<Rachid Taha>>, chegaron a influír en bandas míticas do Rock internacional como <<The Clash>>, mesturando a música alxerina co funk, o rock e demais estilos occidentais.
Acontecemento histórico para a música Raï e que supuxo o seu gran despegue en Europa, foi o concerto celebrado o 26 de setembro de 1998 en París. O concerto bautizado <<1,2,3, Soleils>> tivo lugar no barrio parisino de Bercy. Ese día reuníronse 14.000 persoas totalmente entregadas desde o primeiro momento aos tres músicos de Raï máis importantes do momento: <<Khaled>>, <<Rachid Taha>> e<<Faudel>>. Ao mesmo tempo, foi un suceso único para os propios alxerinos, demasiado tempo considerados cidadáns de segunda en Francia..
BIBLIOGRAFÍA Y WEBGRAFÍA
https://es.wikipedia.org/wiki/guerra_civil_argelina
https://es.wikipedia.org/wiki/Matoub_Lounès
https://elpais.com/diario/1989/07/30/cultura/617752802_850215.html
https://audio.urcm.net/El-rai-argelino-desde-su
https://www.eltiempo.com/archivo/documento/MAM-1245648
https://magicpopblog.wordpress.com/2018/09/12/muere-rachid-yaha-icono-de-la musica-rai/
https://www.researchgate.net/publication/239780413
MUÑOZ ZÁJARA, JESÚS y CORTÉS GARCÍA, MANUELA, <<El Ra’i y su transmisión: La seija Remiti Rizilaniya (1923-2006)>>, Música Oral del Sur, Nº11, año 2014. Centro de Documentación Musical de la Junta de Andalucía.
CREMADES ANDREU, ROBERTO, <<Identidad cultural de los jóvenes magrebíes a través de la música Raï>>. Dedica. Revista de Educaçao e Humanidades, 5 (2014) março, 197- 207
ASENSIO LLAMAS, SUSANA, <<El Raï o la conversión de un género en símbolo>>. Revista de Musicología, volumen XXI, Nº1, junio 1998.
FOTOGRAFÍAS: archives.rgnn.org, youtube.com, elordenmundial.com, wikipedia, abc.es. la foto de Cheb Hasni, lejournaldelafrique.com, abc.cultura, Tamurt, Discogs
Javier Domínguez
Profesor de Historia
Javier Domínguez foi profesor de Historia no IES Valle Inclán ata que se xubilou no ano 2021
máis artigos
Actividades culturais do 7 ao 13 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 6, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 30 de setembro ao 6 de outubro
by Ana | Setembro 29, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 23 ao 29 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 22, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Huevos… de codorniz por Juanjosé Guirado
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Articulos | 0 Comments
Os paxaros por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Fotográficas | 0 Comments
O gato e o rato por Manolo Gulías
by Colaborador | Setembro 29, 2024 | Literarias | 0 Comments
Viaxe a Tenerife 1ª parte por Manolo Gulías
by Colaborador | Setembro 22, 2024 | Escapadas | 0 Comments