O Cacho de San Xoán

Benito Andrade

O Cacho

Quen non leva gravadas no seu subconsciente atávico as cerimonias do solsticio de verán? Quen non ten por seguro que un mal meigallo arruinaría a súa vida se non saltase unha fogueira, aínda que sexa pequeniña? Quen sabe que males nos azoutarían se a mañá do día de San Xoán non lavásemos a cara coa auga perfumada do “cacho” que preparamos a noite anterior? Estes ritos, e outros moitos que se practican en casas e aldeas, en vilas e cidades, en barriadas e poboados, celebran a noite máis curta do ano e o comezo do verán, ou a metade, no caso do midsummer saxón.

fogata

Sete Plantas

A preparación da auga de San Xoán é unha tradición fonda na Galicia que tamén ten sentido noutras zonas de España, como en Cantabria, ou de Europa, como nas Illas Británicas. Consiste en recibir o ano cunha combinación resultante de poñer unha serie de plantas e flores, sete en total, en auga, o ideal sería que fose unha mestura de augas de sete fontes, e deixala toda a noite ao sereno.

O problema é a lista das plantas coas que preparar o “cacho”. Existen algunhas listas canónicas de sete especies que inclúen plantas de recoñecido poder curativo, listas que inclúen tamén plantas que destacan polo seu perfume e incluso simplemente pola súa cor. A realidade é que a lista é diferente en cada aldea e cada casa e depende da dispoñibilidade dalgunhas das plantas e dos costumes mantidos no tempo.

Poderes curativos

E claro, entran as eternas dúbidas, que facer? Perseguir unha ortodoxia feiticeira que nos obriga a meter no pote herbas sen as cales o conxuro ficaría incompleto? ou buscar unha harmonía de cor e fragrancia que, á parte de protexernos dos males e de guiar o noso destino cara a sendas de pracer e de felicidade, nos permita gozar xa dun agradable lavado de cara cunha auga fresca e marabillosamente perfumada? Está claro, ao menos para min, que a segunda opción resultará segura para os supersticiosos, fácil de acadar para os preguizosos e moi agradábel para todos.

Elíxense plantas que achegan unha gama variada de perfumes que fan do cacho unha harmoniosa, colorista, agradable e segura combinación sen desbotar os seu poderes curativos, preventivos e feiticeiros.

As non beneficiosas

Eu refugo, con perdón, algunhas consideradas “esenciais” aínda que se trata de plantas con claras e eficientes propiedades saudables, xa que non achegan un beneficio ao conxunto, como o fento macho, Dryopteris filix-mas, que é un eficiente antiparasitario, pero cun aroma que non engade trazas agradables ao conxunto. Tampouco me gusta incluír no meu cacho a herba luísa, Aloysia citrodora, e non porque non teña problemas dixestivos que os teño e moitos senón, neste caso, polo excesivo do seu perfume, que enmascararía e non deixaría expresarse a outros máis delicados e desexables. E aínda me agrada menos outra herba frecuente nos cachos, a mal chamada flor de San Xoán ou falsa árnica, Helichryssum foetidum, que co seu potente cheiro, non de todo agradábel, como indica o seu nome específico foetidum, e dende logo discordante con moitos dos finos aromas doutras plantas, pode estragar a nosa mestura.

As top ten

Iniciaría o meu top ten do cacho coa herba de San Xoán por excelencia, o hipérico, a milfurada, a abeloura, Hypericum perforatum, cun delicado perfume e unha cor brillante, ademais “A herba de San Xoán limpa a cara de grans”. E non falemos do seu poder para manter lonxe ao demo.

O fiúncho, Foeniculum vulgare, é tamén unha planta aromaticamente moi potente, por iso, aínda que vai enriquecer a mestura coas súas tonalidades anisadas, debe utilizarse con prudencia e poñer só un pouquiño, para que non abuse das súas compañeiras no pote.

A malva, e refírome á común, Malva sylvestris, a que atopamos polos camiños, ten un amplo espectro de propiedades curativas aínda que non un aroma especialmente apreciable, pero considero que debe formar parte do “cacho”, cando menos unhas poucas flores frescas que van mellorar o aspecto do conxunto.

herba
fiuncho
malva

O romeu, Rosmarinus officinalis, ten tamén importantes efectos benéficos sobre o corpo e a mente, e tamén purificadores, e vai deixar na auga un aroma que vai mellorar o conxunto, busquémolo con flor e a auga será aínda mellor.

A rosa silvestre, Rosa canina, ou unha cultivada, engaden o perfume delicado, suave e frutal destas flores, e embelecen a nosa auga.

A flor do chuchamel ou madreselva, Lonicera periclymenun, non é unha especie canónica pero ninguén dubida do agradable recendo das súas flores, un aroma que nos axuda a identificar a chegada da primavera que se vai manter no ar todo o verán, farán mellorar os aromas da nosa auga de San Xoan co seu compoñente melífero. Na miña casa era imprescindible engadila.

romero
rosa
madreselva

O trementelo, tamén chamado carrasquiña, Thymus caespitititus, o noso tomiño rastreiro, con aromas máis suaves e florais que os do tomiño vulgar. É unha planta moi delicada e basta con recoller só unha ramiña, sen arrincar a mata para conservala para anos vindeiros.

A néboda ou nébeda, Calamintha nepeta, posúe un cheiro con tons mentolados, agradable e intenso, que tanto mellora o sabor das castañas cocidas ou do guiso de xoubas, usarémola con prudencia pero merece a pena incluíla e non teremos problemas para conseguila.

Follas de limoeiro, Citrus x limon, que achegan o toque cítrico á mestura.

trementelo
neboda
limonero

Follas de nogueira, Juglans regia, cun profundo aroma astrinxente e de madeira nobre consolida, remata e dá profundidade e continuidades ao conxunto floral, mellor botar tamén algunha noz verde.

noceira

Poñelas en auga

Por suposto, cada quen é libre de botar outras plantas na auga que respondan aos seus gustos ou crenzas, o importante é o goce dos sentidos e a paz e a tranquilidade do espírito. Hai outras, que usan moitos,  que entran perfectamente  e que melloran as calidades da mestura, como a xesta, ou mellor o codeso, con suave aroma e brillante cor, ou o potente sabugueiro, a dedaleira colorida pero sen aroma, o trobisco, a folla de cana, vide branca, amieiro, figueira, ulmeiro ou carballo, a artemisa… e unha longa lista que poderiamos facer se visitaramos moitas casas de Galicia.

Poñemos as herbas coa auga pola noite e pola mañá lavamos a cara baixo o sol do amencer, os beneficios comezaremos a percibilos inmediatamente, a sensación de pureza o rexuvenecemento da pel e da alma, a saúde, a liberación de meigallos e envexas: “No San Xoán as bruxas fuxirán”.

Que mellor disposición para afrontar o novo ano solar?

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Que pasa cos fondos Next generation

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥