Introdución

 O conto é un xénero literario difícil de delimitar, pois os seus lindes confúndense en moitas ocasións cos doutros xeitos narrativos como o relato curto ou a novela breve. Caracterízase pola simplicidade no que atinxe a personaxes e asuntos (normalmente posúen un só eixo argumental), así como pola ausencia de digresións e descricións rigorosas.

Cómpre facer unha distinción entre conto popular e conto literario. O primeiro forma parte, ao igual que as coplas populares, refráns, adiviñas…, do caudal cultural dun pobo. É anónimo e de transmisión oral, e precisamente por iso tende a sufrir modificacións e mesmo a presentar diferentes versións.

Canto á estrutura, temos que destacar o uso recorrente de fórmulas temporais e espaciais tópicas (especialmente no inicio e no final), paralelismos, repeticións…

Na Galiza rural o conto sempre tivo unha grande importancia e difusión, especialmente en determinados contextos, como os parladoiros de inverno ao pé da lareira ou na taberna, onde se mesturaban relatos de bandidos, meigas, trasnos, pantasmas, mouros e lobos, e onde non podían faltar referencias á Santa Compaña, que naquelas noites de inverno facía tremer de medo aos mozos máis afoutos das nosas aldeas cando voltaban á casa. Nestas xuntanzas era especialmente celebrada a presencia de determinados veciños que, debido á súa idade e experiencia, coñecían multitude de lendas e historias reais que eles mesmos, co seu enxeño e graza naturais, sabían enfeitar con elementos da súa invención e entoar do xeito máis acaído, demostrando posuír auténticos dotes literarios e escénicos.

Os contos populares contaron desde o séc. XVII con ilustrados e escritores que se encargaron da súa recollida. Os pioneiros foron Perrault en Francia (A bela adormecida, Carapuchiña vermella, Barba azul, O gato con botas, Cincenta…), Grim en Alemaña (Brancaneves, Hansel e Gretel…) e Andersen en Dinamarca (O patiño feo, o soldadiño de chumbo…). En Galiza non topamos coleccións de contos populares ata que, a finais do séc. XIX e comezos do XX, este labor é levado a cabo por escritores como Lugrís Freire, Anxo Vázquez Taboada, Laureano Prieto ou Lois Carré Alvarellos.

Polo que se refire ao conto literario, foi un xénero que tivo e ten un intenso cultivo na literatura galega. No Rexurdimento (séc. XIX) temos o primeiro precedente co Conto gallego de Rosalía, relato cargado de agulla no que a autora padronesa nos mostra o seu dominio das técnicas da literatura popular. Outros autores do século XIX que cultivaron o xénero foron Benito Losada, Carré Aldao, Lamas Carbajal…

Neira Vilas

Neira Vilas

Anxel Fole

Ánxel Fole

Alvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

Manuel Lugrís Freire

Manuel Lugrís Freire

No séc. XX os escritores do Grupo Nós, e en xeral os autores do tempo das Irmandades da Fala, comezarán a acomodar a nosa literatura ás tendencias europeas do seu tempo, e lograrán que o conto, ao igual que o resto da narrativa, atinxa un lugar senlleiro nas nosas letras. Cabería salientar obras como O lobo da xente de Vicente Risco, Contos do camiño e da rúa de Otero Pedrayo, Contos de Nadal de Cotarelo Valledor, Retrincos de Castelao, Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, Contiños da terra de Manuel García Barros…

Coa Guerra Civil o conto literario, ao igual que o resto da literatura en galego, entra nun período de silencio que non racha até a década dos 50 coa edición de obras como: Entre a vendima e a castañeira de Otero Pedayo, Os biosbardos de Blanco Amor, A lus do candil de Ánxel Fole…

Os escritores do movemento chamado Nova Narrativa Galega comezarán a aplicar ao xénero novas tendencias experimentais, dando cabida nos seus relatos a influencias diversas como a do Nouveau Roman francés ou de narradores como Kafka e Faulkner. Os seus membros máis significativos son Méndez Ferrín, con obras como O crepúsculo e as formigas e Pércival e outras historias, Carlos Casares con Vento ferido e Neira Vilas con Xente no rodicio

Espazo aparte merece Álvaro Cunqueiro, que soubo misturar con mestría realidade e ficción, e que en contos como os recollidos en Os outros feirantes, soubo entender e reflectir como ninguén a esencia do conto popular galego.

Contos galegos
Contos
Contiños da terra
o patiño feo

Dúas mostras de conto popular

 Imos reproducir aquí dous curiosos relatos que recollemos no Caeiro, parroquia de Arcos de Furcos (Cuntis), nos que se pon de manifesto a vea humorística e enredante propia do xénero. A nós chegounos un relato moi simple e sen ningún tipo de elaboración, polo que tivemos que levar a cabo unha redacción propia e idear algúns personaxes, lugares e mesmo feitos, pois só se conservaba unha feble lembranza da anécdota central.

Juan de Juanes

 Xa hai moito tempo había un vello crego na parroquia de Troáns, no concello de Cuntis, máis coñecido pola súa mesquindade que polas súas calidades humanas. Era pola Coresma, e a caixa de caudais da reitoral estaba ateigada de cartos procedentes do cobro das bulas, que algunhas familias podentes pagaran para eludir a prohibición de comer carne.

Chegou un día en que o cura, a pesar da obsesión que tiña por contar os cartos todas as noites antes de deitarse, coidando que o diñeiro non estaba demasiado seguro na casa, resolveu que conviría levalo o antes posíbel para Compostela. O sancristán da parroquia, Bieito do Folgar, alertou ao señor cura da presencia na zona de Vea dun grupo de bandoleiros liderados por un sonado bandido asturiano coñecido como O Fabián. A pesar da insistencia de Bieito de levar o diñeiro nun coche de cabalos, o crego xulgou máis discreto e económico que un pequeno grupo de veciños os levasen a pé aquela mesma noite.

Seis homes saíron a iso da media noite. Dous deles eran da Hervés, un da Sobrada e o resto de San Ildefonso. O que levaba o fardo era un tal Xan García, un home honrado e íntegro, moi respectado en toda a bisbarra.

Despois dun bo percorrido, cando xa estaban chegando á Ramallosa, viron achegarse ao lonxe a dous homes de hábito, e pensaron que serían romeiros de regreso á súa terra. Cando chegaron a onda eles, o máis vello, un home de barba branca e un pouco rubio de cara, faloulles deste xeito:

-Boas noites, meus señores, desculpen que os interrompa pro importaríalles dicirme a onde se dirixen nunha noitiña tan fresca?

-Por suposto que non. Somos veciños da parroquia de Troáns, aló en Cuntis, e imos a Santiago por encarga do noso abade, a levar o diñeiro das bulas –respondeu Xan confiadamente.

-Home, pois precisamente eu son Carlos Bernal, cóengo do Bispado de Santiago, e este home que me acompaña é persoa de confianza da nosa institución. O propio bispo mandou que viñésemos ao seu encontro e que nós mesmos levásemos, como é costume, eses cartiños tan precisos para a causa cristiá.

Ao escoitar Xan ao bondadoso vello non dubidou un instante.

-Tomen, pois, señores os cartos que máis seguros estarán nas súas mans, e ademais así aforraremos un bo treito de camiño. Mais supoño que me darán vostedes algún tipo de recibo, pois o noso crego é home moi severo para estas cousas das contas.

-Non faltaría máis – dixo o tal Bernal- Por certo, sabe algún de vostedes ler?

-Non, señor.

-Cada ves millor -respondeu Bernal de xeito pícaro -E como se chama vostede? – dixo, collendo un papel e facendo nel un apuntamento.

-Chámome Xan García. Son home de moita sona na miña terra, como tamén o foi  meu pai e mais meu avó, que tamén levaban o mesmo nome. Saiba que aló en Troáns pode contar comigo para todo aquilo que precise…

Xan colleu a nota e regresou camiño de Troáns coa satisfacción do deber cumprido. Ao chegar á reitoral e contarllo todo ao abade, este,  encarnado de ira, púxose a berrar como se toleara.

-Que fixeches, papán? Se eu non tiña avisado a ninguén en Santiago de que iades aló! Déixame acó ese recibo!

O crego caeu ao chan esvaecido cando leu o papel, que dicía: “Juan de Juanes, de la parroquia de Troanes, dió el dinero de las bulas a dos malandranes.”

Juan de juanes

O reparto das troitas

 Isto sucedeu haberá uns setenta anos na aldea cuntiense de Vilar de Mato. Aló vivían dous curmáns, Eladio e Emilio, que a pesar de que eran moi distintos e de que sempre andaban a rifar, estaban sempre xuntos como se fosen uña e carne. O Eladio era o máis vello dos dous e, aínda que non era ben listo, tiña habilidades innatas para a arte da pesca.

Foi o caso que un día Emilio propúxolle ao seu parente ir botar unhas canadas ao Comeixe, e acordaron repartir a pesca a partes iguais ao final da xornada. Tal como era de esperar Eladio colleu moitas máis pezas que o seu curmán.

 Pero un trato é un trato. Para facer o reparto apuntouse axiña Emilio, que fora un par de anos á escola e sabía algo de cálculos.

-Unha pra min, outra pra ti e outra pra min… –contaba o máis novo en voz alta.

-Unha pra min, outra pra ti e outra pra min; unha pra min, outra pra ti e outra pra min…

E así até partillar coa súa peculiar pillaría un total de cincuenta e oito peixes. Ao rematar, mirando Eladio para un e outro monte de troitas, e ficando pampo ao ver que a parte do seu curmán avultaba ao menos o dobre da súa, dixo abraiado:

-Manda carallo, Milio!, se non chas vise contar pensaba que me enghanabas.

o reparto das troitas

Bibliografía:

CARVALHO CALERO, Ricardo, Historia da literatura galega contemporánea, ed. Galaxia (Vigo, 1975).

Fontes orais: Xoán Touriño Ferro

Ilustracións dos contos: Isidro Cortizo del Río

 

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Fernández del Riego no río do tempo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥