O Día da Clase Obreira Galega. Represión nas loitas sociais do tardofranquismo

 Conmemórase cada 10 de marzo en lembranza da morte, a mans da policía, de dous traballadores e sindicalistas galegos: Amador Rei e Daniel Niebla; un sanguento suceso que se produciu no lusco-fusco da ditadura, en 1972, cando axentes do réxime dispararon contra unha numerosa manifestación obreira (arredor de 4000 persoas) das empresas de construción naval Bazán e Astano, de Ferrol, o que causou a morte de dúas persoas e ducias de feridos por bala ou por traumatismos. Todo isto prodúcese nun clima de moita axitación social e sindical, no que os traballadores demandaban, alén de melloras nas condicións laborais e retributivas, tamén dereitos tan elementais como o dereito de folga, de reunión, amnistía… Circunstancias que se viron agravadas polo despedimento de varios traballadores de CC.OO. que protestaban polo afogo económico e laboral ao que estaban sometidos. Como consecuencia, a cidade de Ferrol foi tomada pola Garda Civil e a Policía Armada, e o paro foi total até o día 20. Unicamente a prensa estranxeira se fixo eco da situación con veracidade.

cartaz de Amador e Daniel

Cartaz do SOG

Manifestación Astano

Manifestación dos obreiros de Bazán e Astano (Ferrol 10-03-1972)

Noticia prensa do franquismo

A noticia na prensa do franquismo

As mobilizacións axiña tiveron resposta noutras cidades galegas, nomeadamente en Vigo, con manifestacións contra a represión policial e a ditadura franquista. Moitos obreiros foron detidos, encarcerados e sancionados economicamente. A día de hoxe aínda ninguén foi responsabilizado nin procesado por estes brutais sucesos. A partir de 1981 a rúa Recimil, na que se produciron os feitos, pasou a ser chamada rúa Dez do Marzal. En 1987 o Parlamento Galego aprobou a declaración institucional desta data como Día da Clase Obreira Galega.

Manifestación en Vigo

Manifestación en Vigo

Mais este non será o derradeiro acto de represión sanguenta do réxime, pois durante os últimos anos do franquismo continúa a haber unha grande turbulencia social en todo o Estado, na que cómpre encadrar a morte de militantes antifascistas como o anarquista catalán Salvador Puig Antich, executado por garrote vil en 1974, ou a do activista da UPG Moncho Reboiras, cosido a tiros nas rúas de Ferrol en agosto do  1975, así como os derradeiros inmolados do franquismo (setembro de 1975): os militantes de ETA político-militar Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui  e os do FRAP Ramón García Sanz e os galegos Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez Bravo, aos que non conseguiron zafar do fusilamento nin as teimosas presións de sinalados organismos internacionais nin as do propio Estado Vaticano.

En 1978, xa na etapa que adoitamos denominar como a transición, malia que aínda se estaba a loitar pola legalización das organizacións sindicais de clase, violentamente esfareladas e masacrados os seus cadros coa sublevación fascista, o monstro da crise bateu de novo no sector naval. Paralelamente ao artellamento dun novo sindicalismo vaise producindo toda unha cadea de conflitos, que acadarían o punto álxido coa reconversión industrial levada a cabo polo goberno de Felipe González e especialmente protagonizado polo ministro de Industria Carlos Solchaga, quen perante a desfeita que se estaba a levar a cabo no sector industrial limitouse a sinalar “¿qué malo hay en que nos convirtamos en un país dedicado a los servicios?”.

Escultura en Ferrol

Escultura conmemorativa do 10 de marzo en Ferrol

A reconversión supuxo a destrución de millares de postos de traballo e a reactivación das loitas obreiras contra o desmantelamento da nosa industria. Loitas que tiveron como actor principal a clase obreira e como individualidades máis visíbeis a combativos traballadores do naval como Emilio Viéitez “Miluco”, Fran Guizán, Manolo Puxeiros, Manuel Currás “Meiriña”, Xulio Torres e un longuísimo etcétera.

O ambiente en Vigo era dunha grande tensión, con continuas mobilizacións na rúa, onde se entoaban lemas tan recorrentes como “Non non non ao peche de Ascón”, “Nin fondo nin paro, queremos traballo”, “PSOE, AP a mesma merda é”, “goberno escoita Galiza esta en loita”… As asembleas eran constantes e nelas chegaron a proxectarse actuacións tan afoutas como o foron o reivindicativo secuestro do Catamarán que facía o traxecto Vigo-Cangas, levado a cabo por traballadores de Ascón e mariñeiros do Morrazo en 1978, a retención de directivos de Ascón, a irrupción de traballadores en oficinas e dependencias oficiais como a alcaldía de Vigo, o corte da vía ferroviaria Irún-Vigo por douscentos traballadores deitados sobre ela, queima de autocarros de Vitrasa… Mesmo habería que lamentar a dramática morte dunha moza, Elvira Parcero, a consecuencia das pancadas recibidas durante unha carga policial en 1978.

Manifestación

Manifestación contra o desmantelamento industrial

secuestro do catamarán

Secuestro do catamarán

Nunha atmosfera anímica de total abatemento e desesperación, de ansiedade, de incerteza…, o ministro Solchaga estabelecía continuos expedientes de regulación de emprego e outras medidas encamiñadas a redución drástica dos cadros de traballadores, así como baixas incentivadas e prexubilacións sen cubrir vacantes, que comportaron perda de emprego para as clases operarias e perda de riqueza para o noso país. Incrementáronse os problemas de saúde da poboación, afeccións cardíacas, problemas psiquiátricos, ludopatías, ruptura de parellas, suicidios… Foron moitas as persoas que se viron na rúa e que optaron por montar un negocio botando man dun préstamo e mais dos cartos da indemnización polo despexo laboral (un taller de carpintaría ou de chapa e pintura, un bar, un comercio…), e que nun ambiente global de grandes estreitezas, fracasaron abocándoas a unha emigración forzada, a intentar voltar a comezar de cero… E chegado a este punto non podo deixar de facer unha referencia ao meu amigo Xulio Torres, de quen tracei unha breve semblanza no xornal A Nosa Terra con motivo do seu pasamento en xuño de 2005. Foi ben coñecido pola súa militancia no independentismo, xa desde os tempos do PGP e de Galicia Ceibe (OLN), e un dos máis combativos activistas contra a reconversión. Sobre el cinguíronse con saña algunhas das máis tráxicas secuelas deste proceso: paro, ruptura sentimental e social, soidade, problemas de saúde, proxectos fracasados e ilusións frustradas, ostracismo e morte.

Xulio Torres

Xulio Torres

A pesar de toda a dor e de todas as penalidades que se produciron neste período da nosa historia, habería que destacar, como riscos positivos, o incremento da consciencia de clase e as conquistas no ámbito da solidariedade proletaria e a autoorganización, que callaron no artellamento dun rexo sindicalismo de clase en clave nacional galega, xérmolo do sindicalismo nacionalista actual, e que iría desde o Sindicato Obreiro Galego (SOG) e a Intersindical Nacional Galega (ING) até a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) e a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG). Un novo sindicalismo moi crítico cos sindicatos de ámbito estatal aos que nalgunha ocasión chegan a acusar de pactistas e mesmo de colaboracionistas e vendidos por algúns acordos acadados en Madrid de costas aos intereses dos traballadores galegos. Pola súa banda o sindicalismo estatal atribuía ás centrais nacionalistas unha orixe pequenoburguesa e censurábaas por estar a xerar un divisionismo prexudicial para a causa da clase obreira, aínda que afinal el mesmo vai ter que ir mudando nas formas e no fondo para axeitar a súa semiótica á natureza das nosas clases populares. En todo caso o que subxaceu durante algún tempo foi a crítica a un modelo sindical inédito adaptado á realidade singular dos nosos traballadores e da nosa estrutura industrial e a teima de asimilar os símbolos nacionais (himno e bandeira), de empregar na comunicación  interna e externa só a lingua galega e mesmo reclamar a necesidade da loita pola liberación nacional. E precisamente esta foi a principal razón do amplísimo medre de afiliación que se produciu nestes anos.

cartaz INTG

Cartaz INTG

Esta etapa será reflectida cun grande realismo na obra creativa de artistas como o poeta Méndez Ferrín, así como o grupo xeracional Rompente, especialmente Antón Reixa. Guillermo Cameselle, coñecido como o fotógrafo da reconversión industrial viguesa, tamén soubo plasmar con mestría as brigas obreiras en instantáneas que foron aparecendo na prensa do momento, especialmente no Faro de Vigo. A reconversión tamén deixou unha importante pegada nas composicións musicais das bandas da movida (Siniestro Total, Os Resentidos, Radio Océano, Golpes Bajos…). O cinema social tampouco foi alleo a este momento e así a película Los lunes al sol do director Fernando León é un coidadoso reflexo do ambiente vigués deste período que estamos a tratar, e con moito acerto fóronlle outorgados cinco premios Goya e a Concha de Ouro do festival de San Sebastián, entre outras distincións.

los lunes al sol

Bibliografía:

BERAMENDI, Justo-NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel, O Nacionalismo Galego, Historia de Galicia, ed. A Nosa Terra, Vigo 1996.

MÁIZ, Bernardo-ALONSO, Bieito, O Sindicalismo nacionalista galego 1972-1982, Promocións Culturais Galegas S. A., Vigo 2003.

SEIXO PASTOR, Marcos,  “Júlio Torres Couso”, A Nosa Terra. 22-28 de setembro de 2005.

Recursos informáticos:

https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/centro-de-documentacion-do-sindicalismo-nacionalista-galego.html

https://www.youtube.com/watch?v=9Byiv7eJHxQ&ab_channel=manu77gz

https://loquesomos.org/transicion-sangrienta-elvira-parcero-rodriguez-una-victima-viguesa/

https://www.farodevigo.es/sociedad/2013/06/10/camaras-enfocaron-vigo-lunes-sol-17436855.html

https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2022/08/25/muere-sandokan-simbolo-lucha-sindical-73850325.html

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor no IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

O conto popular Galego

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥