O esquecemento da mitoloxía popular. O final dos mouros encantados

No rural hai tempo que o patrucio deixou de exercer o seu labor de depositario e relator de chamada sabedoría popular. A chegada da televisión solapouno. O aparello acaparou a atención de toda a familia e os vellos ficaron relegados. Xa non interesaban as súas “historias”.

Sen reparar nelo, se estaba a perder –quizais para sempre- un compendio de saberes que abranguía mitos, lendas, crenzas, costumes e coñecementos de todo tipo, xerados ao longo de moitos séculos, cos cales os nosos antergos saíron adiante e explicaron todo o que os arrodeaba.

A escolarización chegou moi tarde ao rural. Ninguén ensinou a historia académica, canónica, aos nosos labregos e mariñeiros. Pero o pobo tiña que dar unha explicación aos restos materiais do noso pasado: mámoas, gravados rupestres, castros…, e aos utensilios e recipientes cerámicos que aparecían ao sachar a terra.

No imaxinario popular, a secuencia temporal do acontecido quedou dividida en dous grandes períodos: época dos xentís –“o tempo dos mouros”, uns personaxes míticos, fantásticos- e outro definido pola chegada do cristianismo. Houbo, pois, unha ruptura: xentilidade versus cristianismo

castro santa tegra

Castro de Santa Tegra (A Guarda)

Os nosos devanceiros eran cristiáns, os mouros eran outra xente, “outra raza”. Os tempos antigos foron caracterizados como épocas de loitas. Ao cabo, un axente celestial –o apóstolo Santiago- expulsou aos mouros. Non obstante, non todos marcharon. Bastantes permaneceron na nosa terra, levando unha vida subterránea, agachados nas mámoas, nos castros, en covas e noutros lugares, custodiando os seus tesouros, porque todos os trebellos dos mouros eran de ouro.

Os labregos no ager –espazo humanizado- e os mouros no saltus –espazo periférico- comezaron unha relación para satisfacer as súas necesidades: os mouros tiñan ouro e diñeiro, mais como vivían baixo terra carecían de comida. Os aldeáns, por contra, tiñan alimentos pero eran pobres.

Curiosamente, neses intercambios constátase unha dualidade, focalizada no xénero: os mouros demandan ao labrego, sobre todo, viño e as mouras pan e leite. Este feito reflicte exactamente o que acontecía na aldea: a taberna era o lugar de lecer dos homes, á que acudían, despois do traballo, para tomar unha cunca e/ou botar unha partida de cartas, entrementres a muller preparaba a cea.

Casa firveda

Casa na Fírveda(A Lama)

En ocasións, as mouras pagan os favores –asistencia dunha parteira no transo de dar a luz, ou aleitear ao meniño mouro- entregando a muller aldeá un paquetiño co mandado de que non o abra ata chegar a casa nin diga nada a ninguén. A muller, incapaz de refrear a súa curiosidade, ábreo e descubre que contén borralla e, ás veces, cagallas de ovella. Decontado, tira con elas. Se agardara ata chegar a casa, eses refugallos convertiríanse en moedas de ouro. Este feito e outros semellantes evidencian algo moi interesante: o cripticismo galego –reserva ou “secretismo”- non é, como afirman algúns, algo xenético, senón estritamente cultural e ten a súa orixe nas condicións socio-ambientais que se dan –ou se daban- nas aldeas galegas.

As relacións entre mouros e labregos –en ocasións pacíficas e, noutras, conflitivas- reproduce, en certa maneira, o que sucedía coas parroquias e mesmamente, cos lugares dunha misma aldea. Nunha economía autárquica e de mera subsistencia a competencia por bens escasos era unha realidade.

En resumo, o mouro vén sendo un estraño, un outsider, pero ao fin e ao cabo un veciño –que ten o seu aquel- pero co que hai que procurar entenderse. A relación é –como algunha vez acontecía na vida real- en certo modo, interesada. É mellor levarse ben, que mal.

En conclusión, esta relación mouros-aldeáns serve para artellar un discurso –nós e os outros- no que se atribúe aos mouros feitos, desexos e pensamentos que as sociedades labregas queren agachar, é dicir, poñer en boca doutros o que non nos interesa que se coñeza de nós.

A explicación dos mitos e lendas das chamadas sociedades tradicionais e unha tarefa de investigación ardua e delicada na que o primeiro erro que hai que evitar a toda costa é a interpretación literal das narracións. O valioso, o que non se quere que se coñeza, está oculto. Como ocorría cos refugallos que como agasallo ofrecía a moura, hai que ter paciencia para convertilo en moedas de ouro, quer dicir, en coñecemento do ideario e a axioloxía –do pensamento profundo- dos labregos/as.

Despois de máis de vinte anos de laboriosa investigación chegamos a unha conclusión: nese repertorio de mitos e lendas permanecía repousando, sedimentado, todo o ideario, as crenzas e as preocupacións da sociedade galega tradicional, aquela que constituíu a cerna fundamental de Galicia, alomenos nos últimos trescentos anos e que, cumprido o seu ciclo, experimentou o seu solpor a mediados do século XX.

“As mámoas, os petróglifos e os castros representaban, en realidade, o escenario mítico, a tremoia perfecta na que ambientar os relatos arrodeándoos dunha atmósfera de misterio e vetustez. E, como se estiveramos nunha recompilación de historias ao estilo de Cinema Paradiso, apareceron, foron desfilando os homes e as mulleres; a cabeleira feminina e a sedución; as tesoiras e o destino; os tesouros e a preocupación pola pobreza; os pecados mortais, que para os galegos non tiñan que ver co sexo, senón coa insolariedade, co egoísmo que atenta contra o comunitario, con facer daño á xente, con non respectar as estremas –o que movía os marcos convertíase nun morto desacougado-; os cregos e a súa función; o demo e a súa peculiar consideración; os meigallos que andan soltos; os vellos oficios –amas de cría e parteiras-; o porco, o noso animal totémico; a comida e a bebida; o carro de bois e os litixios; a galiña cos pitiños de ouro; a Compaña; o abandono dos vellos e xa, para rematar, a Inquisición á galega. Un animado e variado retablo, unha visión de Galicia e das súas xentes máis achegada á verdade que esas historias típicas e tópicas que tanto se prodigan” (Aparicio Casado, 2022 : 11-12).

Arestora, os mouros están esquecidos. Primeiro perdéronse os relatos orais, despois caerá no olvido a toponimia mítica, na que os mouros estaban omnipresentes. Inmersos na desmemoria total, só quedarán os manuais, os libros,  para saber algo deles.

A nosa sociedade, tan tecnolóxica e pragmática como pobre en aspectos esenciais do pensamento, amortizounos. Coido que non é unha boa noticia. Nese discurso popular había ideas valiosas. Cada vez achegámonos máis ao pensamento único que tentan impoñer os poderosos da terra. Entón dobrarán as campás anunciando que máis que o lince ou a aguía imperial o que está en perigo é a verdade e a liberdade de pensamento.

Bibliografía do autor sobre os mouros

A tradición oral en Poio. Claves interpretativas. Diputación Provincial de Pontevedra, 1992, pp. 57-59.

“L’agonía de los mouros. Delles notes so la cosmovisión popular gallega”. Cultures (Revista Asturiana de Cultura), nº. 4, Oviedo, 1994, pp. 165-191.

“O feito diferencial galego no folclore de mouros”. Pontevedra, nº. 13, Diputación Provincial de Pontevedra, 1997, pp. 141-151.

Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega, Cadernos do Seminario de Sargadelos, 80. Sada, 1999, pp. 329-340.

“O imaxinario popular. Notas sobre os mouros encantados”, en Raposeiras Correa, José (coord.,), A procura da nosa identidade. Terra de Montes. Deputación de Pontevedra, 2007, pp. 153-159.

O tempo dos avós. Mitos e lendas da Terra de Montes. Concello de Forcarei, 2011, pp. 15-20.

A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega. Concello de Pontevedra e Universidade de Santiago de Compostela, 2022.

             Pontevedra, outubro de 2024

Buenaventura Aparicio Casado

Buenaventura Aparicio Casado

Doutor en Historia

Buenaventura Aparicio Casado é mestre e doutor en Historia. A súa tese doutoral El folklore en los yacimientos arqueológicos de Galicia acadou a máxima calificación de Apto Cum Laude por unanimidade.

Foi profesor titor nas facultades de Xeografía e Historia e de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED en Pontevedra, e profesor no IES “Chan do Monte”, de Mogor (Marín) ata a súa xubilación. Foi presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Fundou e coordinou o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” en Ponte Caldelas.

Impartiu máis dun cento de conferencias e é autor de 147 publicacións, entre elas 15 libros. Especialista en Arte Rupestre e en Antropoloxía, participou nas investigacións da Lanzada (2010) e do xacemento da Pedra do Cervo (2012). Colabora en programas de radio e en reportaxes da TVG.

Escritor de contos e ensaios, como investigador o seu interese se centra na mitoloxía popular e na etnoarqueoloxía dos gravados rupestres galegos.

A proscrición do amor

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥