O gato e o rato
Manolo Gulías MárquezNOVENO CONTO: DÍA DE SAN ABUNDIO E SANTA PRISCILA. SEGUNDA FEIRA
O GATO E O RATO
Nun atardecer fresco, ala polo mes de San Xoán, atopábanse nesta conversa dous ratiños de campo de orellas grandes e fociño longo, moi xeitosos, daba gusto velos, un tiña por nome Fermín e o outro era Pascual.
Escoitando neles, moi atento ó que dician, estaba outro animaliño aínda máis pequeno: un atrevido e presumido vagalume que levaba por nome Ramón.
-Ese gato fillo de puta non perde ninguna ocasión que se lle presente para meterse comigo –dicíalle Pascual a Fermín-, agora, mesmo antes de te atopar a ti, escapei del por pura casualidade, tiven que correr coma un campeón.
-Si… si…, ti tes dereito a queixarte, pero non se mete tan só contigo, ese maldito gato a min nesta semana perseguiume cando menos tres ou catro veces –dou as queixas o rato Fermín.
-A ti farate correr tres ou catro veces á semana, pero a min faimo tódolos días. Non pasan sequera as vintecatro horas sen que ese cabrón me meta unha carreira –a Pascual ó falar aínda se lle notaba a falta de aire debido ó apuro no que o metera o citado gato.
Este contraste de pareceres sostíñano os dous ratos ó lado dunha pequena casa da aldea, na que entraba por veces, e onde o gato que os perseguía era o rei.
Á beira do muro onde eles estaban leriando ía o carreiro que levaba á horta que a casiña tiña polo lado de atrás.
O vagalume, Ramón, que caladiño escoitaba, con moito atrevemento, decidiuse a intervir na conversa dos dous roedores.
Como ben sabemos, ou deberiamos saber, a linguaxe dos animais é universal. Entre eles todos se entenden medianamente ben.
Ademais debíamos saber que tódolos animais, sexan grandes ou pequenos, teñen nomes como temos os humanos.
E incluso, moitas veces, os animais, con máis educación que os humanos, entre as distintas especies se tratan con moito respeto.
-¡Compañeiros ratos! ¡Compañeiros ratos! –berrou dende a súa altura o pequeno Ramón.
-¿Quen chispa chama por nós? –interroga Pascual.
Como o pobre Ramón era tan diminuto, os ratos, Fermín e Pascual, non o daban visto por máis que miraban para un lado e para outro o camiño de terra.
-¡Son eu! –seguía berrando o pequeño verme-, son un vagalume, mirade aquí ó lado. Mirade entre a herba, ¿non vedes como alumeo? Son eu… Ramón…
Fermín e Pascual, facendo caso daquela vociña tan tenra ós seus oídos, miraron cara abaixo e mesmo ó seu carón viron un pequeno verme da noite co cu alumeando. Localizaran a Ramón.
-¿Que é o que queres de nós vagalumiño? –preguntoulle Fermín.
-Non vos quero nada. Ó contrario, oín a vosa conversa e ofrézovos a miña axuda para desfacervos do malvado gato ese que tanto vos persegue e tanto vos fai sufrir.
-E ti, vagalume coitado, con ese tamaño, tan pequeniño como es, ¿como nos poderías axudar? ¿que podes facer ti en contra dun gato se non podemos nós con el? –preguntou esta vez Pascual.
-¿Non estarás de broma? –Fermín pensaba que non escoitaba ben o que dicia o vagalume debido á distancia.
Os dous ratos non daban creto ó que lle oían dicir ó pequeno animaliño.
-Eu só claro que non podería, pero entre vós e a miña familia si. Entre todos podemos meterlle ó gato no corpo un susto de morte –explícalles con firmeza Ramón.
-A ver, ¿como é iso? Explícate logo –Fermín segue sen crer o que oe.
Pascual continúa pasmado escoitano as verbas que saen da boca de Ramón.
-Agora volo conto…
Mentres o vagalume Ramón contaba o seu plan, os ratos non pestanexaban.
Coa sorpresa que lles producía o desenrolo do plan do vagalume quedaran parvos e estaban espantados coa intelixencia do pequeno animaliño. Estaban convencidos de que tiña máis cerebro ca corpo. Levado á práctica o sinxelo e increible plan de Ramón… funcionou…
Pascual e Fermín conversando
E non só funcionou e o gato deixou para sempre en paz ós dous ratos, senón que o felino pillou tal medo da visión nocturna que tivo do demo, que correu sen parar tres días e tres noites seguidas ata afastarse para sempre daquela casa maldita.
¿En que consistira o plan do pequeno vagalume Ramón?
Moi sinxelo:
Na horta que tiña a casa polo lado de atrás, entre outras hortalizas de moi bo ver, había uns calacús grandes e fermosos.
Como os ratos se algo teñen é que son bos roedores, a poder de roer e roer, soltaron un calacú do seu pé e de seguido furaron nel facéndolle ou par de buratos a modo de ollos, a continuación o que podería ser o nariz e un burato máis abaixo que facía de boca.
Os ratos, Fermín e Pascual, porque non había máis axuda, con gran esforzo pola súa parte, dándolle voltas colocaron o cabazo furado á beira do camiño. Xusto debaixo do lugar onde estaban falando cando os escoitou o vagalume Ramón colocaron a corcubitácea.
Ramón, o vagalume, nos seus paseos nocturnos descubrira moitas cousas na horta da casa, entre elas o cabazo que agora empregaban.
Xa sendo noite pechada, Pascual, o rato a quen máis perseguía o gato, dando mostra de gran valor, presentouse diante deste.
O gato, vendo aquel menú tan apetitoso ó seu alcance, emprendeu a persecución de Pascual coa intención de facer co rato un prato de primeira.
Cando a carreira do rato e o gato xa daba nunha seria ameaza para o primeiro deles, o gato parouse de repente… Acababa de ver ó demo coa cabeza por dentro iluminada mesmo ó lado da horta.
Alumeábanlle os ollos.
Alumeáballe o nariz.
Alumeáballe a boca en forma de serra.
Alumeaba a cabeza toda…
Ó gato puxéronselle os pelos de todo o corpo de punta e dando media volta saíu por pés en dirección contraria á que levaba, deixando ó rato Pascual en compañía do maligno.
Houbo momentos nos que parecía apreciarse que o doméstico felino corría máis do que lle daban as pernas.
O pequeño vagalume Ramón e a súa familia prepararan ben a súa parte do traballo.
O que nunca puido saber o fuxido gato, era que o demo que el vira, era a cabaza que tiña dentro ós pequenos familiares do vagalume, aquel pequeno vagalume que casualmente oíra ós ratos. Entre todos conseguiran que estiveran alumeando os ollos, a boca, o nariz…
Os pequenos vagalumes coa súa intelixencia conseguiron o que os ratos por si sos non conseguirían nunca: Asustar ó malvado gato.
A axuda do diminuto vagalume Ramón viñéralle que nin pintada ós atemorizados roedores…
Así mo contou ela e así o relato eu.
Cando miña nai me referiu este conto, sendo eu moi pequeno, escacheime de risa. Xa con máis anos entendín perfectamente o que me quería dicir.
Manolo Gulias Márquez
Docente
Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥