Seleccionar página

Gustaríame comezar destacando o que o propio autor e outros, entre os que se atopa o xurado do Premio Torrente Ballester, comentaron sobre a novela e que opino que actúa como a mellor carta de presentación que, de seguro, xa captará o interese dos posibles lectores aos que diriximos esta recomendación.

A mellor explicación do que é a novela, de como naceu e do que pretende faina, como non, o propio autor nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia no 2020:

 “O libro naceu en marzo do 2016, cando fun a Bruxelas a visitar á miña filla pequena. Catro horas despois de estar no aeroporto produciuse o atentado terrorista. Fíxome reflexionar e impresionoume moito a consternación que se vivía na cidade. Emparello esa historia coa guerra de Siria, concretamente na cidade de Alepo, que estaba dividida en dúas. Por un lado o bando do réxime e por outro, o rebelde. Contactei cun refuxiado que chegou a Europa e contoume a súa historia, que era terrible. Un home que traballaba como químico e cando lle chegou a notificación para participar na guerra decidiu fuxir. E tamén expoño a visión dunha xornalista que informa do conflito desde dentro. As historias acaban confluíndo, e trato de expresar como a guerra causa nas persoas uns efectos devastadores.”

inocentes

Con esta novela gañou Riveiro Coello a XXXI edición do  premio Torrente Ballester de narrativa ex aequo coa novela de Alex Alonso: Crónica denigrante.

 No caso da novela que nos ocupa o xurado fixo constar que se trata dun texto:  “no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúe as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflexando moi ben a súa dramática situación”.

O fallo fai constar tamén que a obra “conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atañe a todos”

No Caderno da Crítica, blog de Ramón Nicolás  podemos ler:

 “Á plasticidade e á transparencia que encerra a novela contribúe un rexistro literario de altura e teño para min que antolóxicas resultan, por exemplo, as páxinas en que se retrata a explosión dun artefacto nun aeroporto ou as do reencontro de dous personaxes, pola súa intensidade e, ao tempo, pola contención expresiva que as fai precisas e exactas.

Circulan neste libro, e a ferrados, as dimensións da propia condición humana, tantas veces contraditoria. Esculcar nela, facelo inspirándose nunha guerra que, como sinala unha protagonista, destrúe “todos os lugares da memoria” e realizalo coa precisión de ourive para deseñar o paraíso dos inocentes non é tarefa doada e menos aínda saír do reto con tanta brillantez.”

No meu caso, teño que recoñecer que esta novela de Riveiro Coello resultoume difícil de rematar, e non por nada que tivera que ver coa súa calidade literaria, indiscutible, senón polas circunstancias persoais que eu estaba atravesando. Non era quen de concentrarme na lectura, non só deste libro senón de ningún outro, e iso era moi duro para unha persoa coma min á que lle encanta ler.

A verdade é que tampouco axudou o feito de que a trama estivese construída sobre a tremenda traxedia humana xerada pola guerra de Siria, pois ao meu estado anímico non lle favorecía precisamente ter que mergullarse nese mundo. Pero, en fin, como se pode comprobar, finalmente superei as dificultades e conseguino, e o esforzo mereceu a pena.

O paraíso dos inocentes é, como tantas outras novelas de Riveiro Coello, unha novela de personaxes, son eles os que sosteñen a historia: Amira, Isam, Karim, Tristán,  Alfredo, Nasser…;  as súas vidas inmersas nun día a día no que informar sobre o que está ocorrendo, loitar por manterse vivo, a perda dos seres queridos, a destrución, a procura desesperada dunha saída, a perigosísima fuxida dunha cidade convertida nun inferno, as arriscadas actuacións das ONG para facer chegar axuda, a peregrinaxe dun pai que busca atoparlle sentido á morte do fillo…etc.;  todo isto vai construíndo a historia que nos vai levando por distintas localizacións: Amira, Karim e Isam foxen de Alepo, da guerra, desde zonas distintas e por distintos medios. Amira coida de Karim, un neno que rescatara o seu mozo Hamal dos cascallos. Isam deixa atrás a súa familia (fillos e muller) para fuxir tamén do conflito bélico xa que para non acudir á chamada á filas, cuxa notificación acaba recibindo como temía, vese obrigado a desertar.

Finalmente van confluír na mesma balsa que naufragará nas costas de Turquía e viaxarán para reunir a Karim co seu irmán (único supervivente da súa familia) Nasser en Francia.

Outro espazo é Bruxelas onde vive Tristán con Alicia, Tristán, de pai galego: Alfredo, e nai marroquí: Shara, e do que sabemos que está relacionado dalgunha maneira co atentando terrorista no aeroporto da cidade. Sobre el recae unha incógnita que habemos descubrir case ao final da novela, pero que obviamente non imos desvelar aquí.  

Riveiro

Ademais tamén teñen cabida neste crebacabezas espacial dous espazos galegos: Arteixo, onde viven os pais de Tristán, e Compostela, onde se coñeceron, lugar así mesmo relacionado coas actividades do seu fillo. Arteixo, onde viven os pais de Tristán, e Compostela, onde se coñeceron, lugar así mesmo relacionado coas actividades do seu fillo.Os personaxes, que durante boa parte da novela camiñan illados uns dos outros, ao final reúnense ou descubrimos cal é a súa relación e, nese sentido, Alepo, a guerra, a  fuxida e a axuda de occidentais é o fío de unión de todos eles.

Fresco desgarrador da loita pola supervivencia

dos que foxen de Siria,

dos que fican alí sen posibilidades de facelo,

dos que morren no intento,

dos que quedan no camiño,

dos que loitan para axudar os que sofren as inxustizas, inxustizas que non recaen só nos señores da guerra.

Moi dura.

Reflexión necesaria.

                                                                             Charo Valcárcel (maio 2021)

 

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A caverna de Saramago

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español