O pozo do Pego
Xosé Manuel Gulías MárquezXX VIXÉSIMO CONTO
DÍA DE SANTA JUSTINA E SAN MAXIMILIA
TERCEIRA FEIRA
O POZO DO PEGO
Era un día do ano coma outro calquera na pequena aldea de Quintillan cando o avó ía paseando co neto polo camiño que mesmo pola beira acompaña ó rebulideiro río Umia cando aínda case non é tal, senón un pequeno regueiro.
O concello de Forcarei, asentado na Terra de Montes, é moi importante, posiblemente, en canto a paternidade acuífera –ou seguramente a maternidade-. Nel nacen os brincalleiros ríos Umia e o Lérez, non lonxe un do outro.
O raparigo acompañaba a seu avó tan só porque lle gustaba ir con el. Agradáballe observar como amañaba os muíños cando estaban estropeados ou simplemente ver como desmontaba e montaba as pezas dos para el tan complicados mecanismos para limpalos. Cando seu avó botaba o muíño a andar quedaba coa boca aberta mirando como cos xiros da moa tocaba a súa particular canción o tarabelo.
O avó de Pepiño tiña como profesión a de carpinteiro e por extensión, ó non haber ninguén por alí desa honrada profesión especializado nesta rama do oficio, era carpinteiro de muíños.
-Mira Pepe, aquí no máis profundo do pozo do Pego, a carón do muíño, hai un tesouro que aínda ninguén conseguíu dar con el –o avó de Pepiño sabe todos cantos contos e lendas se din pola comarca da Terra de Montes.
-E logo como non o conseguíu sacar ninguén avó, se está aí? –ó rapaz de sete anos estráñalle moito que se hai un tesouro no fondo aínda ninguén o sacara. Hai homes na aldea que incluso saben nadar.
-Hai moito, moito tempo, houbo xente que tentou facerse con el, pero algúns afogaron no intento e os que tiveron o propósito de collelo e non quedaron afogados no sitio nin o conseguiron sacar, dixeron que era un conto, que alí no fondo non había nada máis ca auga e lodo, tan só auga e lama.
-E ti intentáchelo algunha vez, avó?
-Eu non. Tiven intención de facelo algunhas veces cando era máis novo porque sei como sacalo, máis penseino ben e non o fixen. Máis tarde, dende que naciches, por algunas sinais que tiven, moi difíciles de explicar, deime conta de que ti eras a persoa que estaba predestinada a procurar o tesouro do fondo do pozo do Pego. Pero aínda non é para agora, tes que medrar outro pouco e ter algo máis de anos para poñerte mans á obra. Cando teñas dezaoito anos direiche a maneira de sacalo sen que corras perigo.
O pozo do Pego non é unha fochanca calquera no medio dunha corrente de auga, o pozo de Pego está feito escavado na rocha do fondo do río mercé a unha pequena fervenza que pouco a pouco a foi perforando. Na época en que paseaban avó e neto, a oquedade debía ter unha profundidade de catro ou cinco metros polo menos.
Os anos foron pasando e un polo outro non falaron máis da historia do tesouro no pozo do Pego.
Pero a principios dun verán, exactamente no día en que Pepe cumpríu os dezaoito anos –case non lle acordaba o conto-, seu avó como regalo reveloulle o tan gardado segredo de como conseguir sacar o tesouro do fondo do pozo do Pego.
-Tes que lanzar un soliño atado a un adival longo, coida que teña lonxitude dabondo para que o soliño chegue o fondo e ti poidas estar agarrando do outro extremo sen que vaia todo para a auga.
-E non terei que botar o xugo tamén, avó?-Pepe quérelle tomar o pelo a seu avó, xa non cre en contos de vellos.
-Non cho digo de bromas, ti faime caso e xa verás…
-Avó, eu cando era neno pensaba que iso podía ser verdade, pero agora xa teño idade para non crer nesas historias. Ademais, o soliño que me dis que bote é o que une a grade co xugo, ou non? E como está feito de madeira aboiará na auga do río, digo eu…
-É, é…, pero ti deixate de tonterías, lanza o soliño de punta e con forza cara o centro do pozo, xa verás como afonda. Cando chegue ó máis profundo do río, coa cadea da punta enganchará nunha grade que está alí depositada e atados a ela hai fantásticos tesouros de prata e ouro. Fai o que che digo…
Pepe non lle fixo caso ó vello, con dezaoito anos a cabeza cavila noutras cousas, para o único que valeu a historia do avó foi para que lla contara a catro amigos da súa idade que se riron con ela ata fartarse, o vello avó de Pepe non quedou en moi bo lugar.
Os anos pasaron. O avó de Pepe morreu de gastado e a Pepe tamén lle correron os anos. Estudiou e foi para a capital. Pasado un tempo, rematada a carreira, independizouse, casou e logo tivo un fillo varón e mais tarde unha nena.
Nunhas vacacións de verán foi coa familia a pasar uns días á casa da aldea. Quintillán, coa marcha dos xoves para a capital en busca de traballo, xa case non era nin aldea.
Cando nunha ocasión ía Pepe co rapaz –a nena aínda non existía-, dando un paseo pola beira do río polo lugar onde se atopa o muíño e logo o pozo do Pego, veulle a cabeza outra vez a esquecida historia que lle contara seu avó.
-Manoliño –tal era o nome do rapaz- vouche contar un conto que me contou a min hai moitos anos teu bisavó.
E Pepe despois de moitos anos sen facelo, contoulle ó seu rapaz, que daquela tiña sete anos, o mesmo conto que seu avó lle tiña contado a el cando tiña máis ou menos a mesma idade.
O neno quedou encantado coa historia que seu pai lle relatou.
-Que fermosa historia. O bisavó debía ser un home moi listo.
-Era, era para o seu tempo un home espelido.
Ó día seguinte, recén ergueito da cama, Manoliño seguía cavilando no conto de seu bisavó. Despois do almorzo apresurouse en ir para o alpendre anexo á casa. Alí atopou un adival vello que con paciencia desempolvou e ó que atou un soliño que estaba alí gardado medio invadido pola podremia e que separou da vella grade xa chea de ferruxe.
O Muiño do Pego
Como seu pai andivese detrás súa para que o acompañara á tenda a comprar uns encargos que a nai de Manoliño lle fixo e non o atopaba, ó ver a porta aberta, ocorréuselle ir ó alpendre e alí o encontrou trafegando para ver se conseguía facer os utensilios necesarios poder sacar o tesouro.
-Pero Manoliño, o que che contei onte e só iso, un conto…
-Papá, por probar non se perde nada… Ti intentáchelo algunha vez?
-Non…
-E logo?
-¡Ben! Poida que teñas razón e todo… Pero tes que me prometer que irás comigo, ti só non podes ir ó río.
-Prométocho. Imos los despois de comer?
-Se túa nai non nos manda facer algún tarballo podemos ir despois de comer…
Foi dito e feito. Ó acabar de comer colleron unha carretilla e, sen présa, Pepe acompañado de Manoliño transportou o adival e o soliño ata o pozo do Pego.
Chegados ó punto onde tiñan que actuar, seguiron as instruccións que o bisavó de Manoliño lle dera ó seu neto Pepe.
Manoliño miraba, claro está…, a idade del non permitía facer moito máis, podía ou enredar ou estorbar…
Pepe lanzou o soliño de punta con toda canta forza puido cara o medio do pozo e ante o seu asombro o pau afondou no río rapidamente levando tras de si ó vello adival que tiña amarrado polo extremo.
Cando Pepe notou que chegara ó fondo, porque o soliño xa non tiraba do adival, fixo a operación contraria, púxose a tirar da corda para sacala da auga.
Tanta era a resistencia que se lle opoñía coa forza do río, que o home case non era quen de sacar o adival amarrado ó soliño, ata que Manoliño lle prestou a súa axuda.
-Papá, por que non pasas o adival por riba desa póla e tiramos os dous cara abaixo?
-Tes razón fillo… tes razón.
Entre os dous, e con máis pena ca gloria, foron sacando pouco a pouco a corda do condenado río.
Cando empezou a saír o soliño da auga, Pepe agarrouno e xa foi a cousa bastante máis doada.
No extremo da cadea que remata o soliño, viña atada unha grade tradicional de forma rectangular, traía enriba dela copas e pratos de ouro e de prata. Tamén algún peite e peinetas das que usan as mulleres para amarrar o pelo da cabeza.
Pai e fillo quedaron mudos e coa boca aberta coma se estiveran idos.
Cando xa tiveron toda a grade fóra do río, a carón deles, déronse conta de que os dentes que ten amarrados ó bastidor de madeira para surcar a terra eran de ouro puro.
Pepe tivo a zorrería de non comunicar o rescate da grade co tesouro a ninguén e moito menos á Facenda do goberno e Manoliño foi moi aleccionado para que tampouco o fixera. Orde que obedientemente cumpriu. Ninguén tiña que saber nada da súa aventura agás súa nai.
Pepe foi vendendo as pezas pouco a pouco en varias xoierías da capital do país.
Un día deixou o traballo, vendeu o piso onde vivía e mercou un amplio chalé con piscina cuberta, cambiou de coche, e comezou a vestir coma un dandi. Manoliño foi a unha boa universidade privada…
Como case sempre ocorre -tampouco se lle pode pedir máis-, tanto a facenda pública como os responsables dos organismos encargados de velar polo patrimonio non se enteraron de nada do sucedido, co que todos continuaron vivindo tan felices e contentos.
Pepe morreu de vello, e sendo inmensamente rico grazas ó gran tesouro que sacou do río Umia no pozo do Pego, moi preto do lugar de Quintillán, no concello de Forcarei.
Manoliño, xa Manolo, herdou…

Manolo Gulias Márquez
Docente
Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.
A illa de tambo
O loro Bieito
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥