O que nos contan os nomes das Xunqueiras

Xosé Álvarez

A colocación de letreiros erróneos, reiterados en publicacións e nos medios, ten todas as probabilidades de perpetuarse no tempo e borrar da memoria da poboación os nomes tradicionais. Un exemplo témolo nos nomes ligados ás xunqueiras da marxe dereita do río Lérez. Nun caso foi o non inocente nome de “Marisma de Alba” feito polo ministerio de Fomento e noutro a denominación de “Isla de las esculturas” ligada a unha intervención artística na illa da Xunqueira do Covo.

xunqueira do covo

Xunqueira do Covo

Os topónimos proporciónannos información para coñecer mellor un lugar; non só o pasado histórico, tamén datos de tipo xeográfico (actuais ou pasados), lingüísticos, ambientais ou culturais. Hai topónimos escuros ou fósiles, ou sexa os que tiñan un significado nunha lingua ou en circunstancias na actualidade desaparecidas e que precisan a axuda da lingüística para achegarnos á súa orixe. Outros son topónimos transparentes, facilmente entendibles e relacionados coa xeografía, a historia ou outras características do lugar. En todo caso, os nomes dos lugares proporcionan sempre unha ampla información sobre o territorio que denominan e teñen unha dobre dimensión, a do espazo (xeografía) e a do tempo (historia); de aí que a toponimia sexa o testemuño da relación que tiveron os habitantes ao longo do tempo cun territorio.

No caso que nos ocupa atoparemos nomes que se refiren a características físicas: A Gándara, A Illa, O Vao, O Covo… con outras históricas ou ligadas aos usos do terreo: O Magueiro, As Salgueiras, A Calzada

   A transformación dos modos de vida e da necesidade de aproveitamentos das xunqueiras levou á perda de contacto con elas por parte da veciñanza. O desinterese xeneralizado, a castelanización dos nomes e a ignorancia e desidia das administracións públicas tamén fixeron o seu traballo de desmemoria e gran parte dos nomes xa ficaron no esquecemento.

A declaración de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para a Xunqueira da Gándara reforzou aínda máis a deturpación toponímica ao asumir acriticamente a denominación de Marisma de Alba; no expediente son variados os erros ou omisións, un dos máis curiosos é o de situar neste espazo o vertedoiro do Borrón. Habería que explicarlle aos redactores que, aínda que na zona houbo un vertedoiro do lixo pontevedrés, o nome de Borrón ou Verrón corresponde a outro situado na marxe esquerda do Lérez, máis ou menos onde están as “casas de Tafisa” (un bo exemplo da evolución toponímica que se corresponde coa construción no lugar de casas para os habitantes da fábrica). Debería terse en conta que non só se debe atender ao patrimonio natural, biolóxico, senón que debemos preservar tamén o patrimonio inmaterial, neste caso o toponímico.

A Xunqueira de Lérez ou do Covo perdeu por completo as súas características orixinarias e está case totalmente urbanizada.

Centrarémonos na outra xunqueira, a mal chamada “Marisma de Alba”.

O termo xunqueira fai alusión á vexetación dominante no lugar, con especies como o xunco e a xunca;estas plantas foron utilizadas por parte da veciñanza para esquilmo, nunha zona na que o elemento tradicionalmente usado para este fin, o toxo, está distante. Tamén era lugar de pastos do gando das parroquias de Campañó e Lérez, sempre vixiando que as vacas non se afundisen nas “vellas” ou “porca preñas”, unha sorte de areas movedizas presentes en determinadas zonas. Lembremos que esta xunqueira é monte veciñal en man común destas parroquias e así foi acreditado por sentenza do Tribunal Supremo no ano 1988, que puxo fin aos intentos predadores de certo empresariado local. Tamén quedou no esquecemento interesado a loita veciñal na súa defensa.

Non eran nada novos os intentos de privatizar as xunqueiras; ao longo do século XIX, o propio concello (1834) tenta apoderarse delas baixo o pretexto de facer produtivas “las dilatadas y estériles junqueras”; tamén personaxes da cidade como Canuto Carroza (1867) ou Constantino Lago Cobián (1879) tentaron facelo atopándose coa oposición, nalgún caso armados con apeiros de labranza, dos seus propietarios. O xornal El Imparcial daba conta, probablemente esaxerando a magnitude bélica do suceso, de como os veciños nunha “hermosa y clara noche de octubre cayeron, convenientemente armados, en número de diez mil, sobre la marisma; persiguieron como a un lobo al concesionario, que huyó para salvar la pelleja”. Afirma que os veciños gritaban: “¡Abajo lo existente!” e que destruíran as obras realizadas.

O xornal El Combate advertía (12-11-1899) reiteradamente do perigo: “Y como el caciquismo todo lo puede, no será difícil que los labradores limítrofes se queden sin el aprovechamiento de abonos de que actualmente disfrutan”. A ofensiva continúa coas propostas de venda de montes públicos e será a Deputación quen faga caso ás demandas veciñais e, por acordo do 1-1-1902, informa favorablemente ao gobernador para que se exclúan da venda as xunqueiras do Covo e da Gándara “Considerando: que se demuestra la necesidad imperiosa que tienen dichos vecinos de utilizar tales aprovechamientos para la fertilización de sus terrenos”.

                Diciamos que o nome de “Marisma de Alba” non era inocente pois a condición de marisma era a que defendía a administración fronte ao concepto de xunqueira suxeita a represamento de augas doces debida á dificultade de desaugue na marea alta; o nome de Alba tamén pode entenderse como un xeito de ignorar as parroquias propietarias. Lembremos que a parroquia de Alba non linda coa xunqueira.

No catastro de Ensenada (1752-3) aparece como “Una Junqueira llamada Jándara, cavida ducientos ferrados, pasto de 3ª calidad, que también le cubre el mar cuando es biva”. Era o testemuño do nome de Gándara pronunciado con “gheada”. Unha gándara é un terreo de superficie chá, improdutivo e pantanoso. Determinaba que 200 ferrados correspondían a Lérez, cincuenta a Campañó e outros cincuenta a Santa María a Maior (na zona das Correntes, no Burgo, que pertencía a esta parroquia da capital).

         Aparecen recollidos tamén noutros documentos: “xunqueira da Gándara do Alba”, “xunqueira de Campañó”, “ xunqueira do Alba” e “xunqueira do Vao/ Vau/ Bao”.

As referencias ao Alba están relacionadas co río que a atravesa (tamén chamado Elba/Elva, Veam/Beam, Rons, río da Gándara e “río das Cabras”).

A “Xunqueira de Campañó” denomina a parte oeste e o límite con Lérez marcábao a canle do río (hoxe desviado). A “Xunqueira do Vao” refírese á parte sur e o nome vén do latín vadus (paso), porque esa zona era lugar de paso entre Pontevedra e as terras de Poio e Campañó, xa que antigamente non existían as pontes da Barca nin das Correntes. Este paso era impracticable parte do ano polo que había que recorrer á ponte situada no norte (onde está a fábrica da CROS) e chamada Ponte das Cabras. Algúns eruditos pontevedreses facían referencia a que o Lérez e o Alba correspondía aos Illerh e Elva que o historiador árabe Ben Adzari sinalaba como que foran cruzados pola expedición de Almanzor cando se dirixía cara Compostela. A casa grande do Vao, que estaba no lugar dese nome, pertenceu a María Corneda, sobriña dun dos abades comendatarios do mosteiro de Lérez, pasando por diversos enlaces matrimoniais aos Bermúdez de Castro da casa de Gondar en Xeve.

Recollendo xunco

Cal da Seca

recollendo xunco

Recollendo xunco

 É habitual que se nomee, de xeito errado, Ponte das Cabras á Ponte do Magueiro. O nome de Magueiro (nalgúns documentos aparece como Manqueiro) vén da utilización desa zona para facer os magueiros, os sitios onde se fabricaba o saín, prensando ou cocendo as cabezas e magas das sardiñas. Recordemos que Pontevedra e Noia tiñan a exclusiva real para fabricar o saín, que se usaba como lubricante, substituto do aceite, cera ou sebo para o alumeado na casa dos pobres, pois era máis barato aínda que daba mal cheiro ás casas. As ordenanzas da vila dicían que os magueiros ou lagares de saín, igual que os cortellos, debían estar fóra da vila, baixo a pena de 60 maravedís. O padre Sarmiento cóntanos no seu “Viaxe a Galicia” (1745): “O sábado 25 de setembro saín para o mosteiro de San Xoán do Poio co gallo de recoñecer o seu arquivo e recrearme, e non fun pola Barca máis pola Ponte das Cabras, v.g. : Burgo, Santiña, Vau, Ponte das Cabras, Altabón…”. O propio Sarmiento tamén nos conta o que viu na zona “e naqueles pardiñeiros ou fumeiros, que alí hai, salgábase a sardiña”. Era polo tanto unha zona na que en edificacións vellas ou deshabitadas (pardiñeiros) tamén se afumaban as sardiñas. Sarmiento lembra: “A un e outro lado da ponte hai casas longas que chaman fumeiros e pardiñeiros. Os fumeiros son uns almacéns onde se salgan as sardiñas e outros peixes. Os pardiñeiros, almacéns de viño […] son testemuña de vista que desde aqueles pardiñeiros botábanse ó mar 30 ou 40 barricas que, atadas cunha corda á popa do barco, flotando por ser o viño máis lixeiro que a auga, ían ata a paraxe onde estaba o barco maior”.

         As terras máis elevadas situadas entre esta zona e a da xunqueira do Covo coñécense como A Illa, que fai referencia ao seu aspecto físico, de superficie elevada, en forma de península ou illa entre dous ríos (neste caso entre xunqueiras). Pertence ao Burgo, sobre o que escribe o padre Sarmiento: “Aquel arrabalde que está ó saír da ponte de Pontevedra, camiño de Santiago, e que en instrumento de 1419, que lin, chámase o Burgo  de alén, isto é de alén da ría e noutros chámase o Burgo  pequeno relativo ó famoso arrabalde da Moureira ou Pescadería que era o grande Burgo de Pontevedra”.

Entre a ponte do Magueiro e o camiño da Santiña/Gándara sitúase a zona chamada Cal da Seca que lembra a existencia dunha canle e dunha zona de pouca pendente, que quedaba sen auga na baixamar (Seca) e que era ata os anos sesenta do pasado século lugar de baño para a xente de Lérez.

         Na parte norte da Xunqueira, abeirándoa polo leste e actualmente cuberta por unha estrada está A Calzada, vía romana que ata finais dos setenta aínda estaba ó descuberto. Hai controversias entre os especialistas sobre se era a vía XIX ou a XX do Itinerario de Antonino.

Como a xunqueira era un terreo propicio ó asolagamento, utilizáronse grandes laxes de pedra ben asentadas para construíla, o que permitiu a súa conservación. Perdeu importancia como vía de comunicación cando se constrúe o Camiño Real no século XVIII.

calzada da xunqueira

Calzada Xunqueira

Coa esperanza de que este artigo contribúa á loita para conservar unha herdanza de séculos, os nomes tradicionais, abandonados, como dixemos, pola desidia, o desinterese e a falla de respecto das administracións e, por desgraza, tamén da veciñanza.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

Pontevedra, catro días de xulio

O modelo de muller baixo o franquismo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥