A cacharela e outras lendas de Castrolandín

Os veciños e veciñas de Castrolandín, en Cuntis (Pontevedra), guiados polas indicacións das persoas de máis idade, especialmente polo querido artesán e gaiteiro Xosé Raído (Patelas), veñen celebrando ano tras ano, desde o 2002, o rito da cacharela de San Xoán na chan do castro, ao xeito de antano.
Faise no centro da chan, a pesar de que algúns dos máis vellos coidan que se debería facer como antes, na beira, para que se vexa mellor, dado que o acto supón, entre outras cousas, un reto da aldea cara ás veciñas, especialmente a Campo, que se manifesta tanto polas dimensións como pola distancia desde a que pode ser albiscada a fogueira, así como polo número de foguetes que se botan (aínda que o máis importante neste desafío é ser quen de botar o derradeiro, o que require de pillaría e paciencia).

Ademais do seu carácter de cerimonial purificador, o salto da fogueira en Castrolandín é un ritual de fertilidade e, ao tempo, de contacto coa cultura oculta dos mouros que viven baixo os nosos pés. Como proba diso temos o feito obxectivamente certo de que, tal como argumentan con teimosía as xentes do lugar, “por máis que chovera na chan do Castro nunca chegou a empozar a auga”, a pesar da súa forma cóncava.
O ritual tamén inclúe a colocación de cincuenta e dúas pólas espetadas (unha por cada semana do ano) con sete piñas cada unha (que representan os sete días da semana) enganchadas con arames todo arredor do perímetro do castro, o que en tempos sería a muralla. 

Fogata

Fotografía de Fran Ameixeiras

A partir das doce da noite, despois de toda unha xeira de traballos preparatorios, de contacto social e degustación de sardiñas e viño, préndese a fogueira e rapaces e rapazas acenden estas piñas con fachos feitos con paos que no estremo teñen trapos de saco impregnados en sebo, feito que produce un espectáculo dunha grande beleza. Ademais hai a tradición de lanzar piñas á cacharela despois de pedir un desexo que, de non revelalo, de seguro que se cumprirá. Constrúese tamén un rudimentario forno, feito con pedras e barro, e nel cócese in situ unha petada de pezas de cerámica como o farían os nosos devanceiros. A recuperación destes rituais partiu da iniciativa da Fundación Terra Termarum e a asociación Amigos dos Castros no labor de posta en valor das tradicións relacionadas con este castro, que na actualidade está en proceso de escavación. Traballos que xa frutificaron no achado de multitude de valiosas pezas e restos arqueolóxicos de grande interese, ademais do propio engado que supón sacar á luz unha arquitectura castrexa atesourada durante máis de dous milenios.

Hai moitas lendas en torno ao castro. Na aba norte temos unha zona na que se poden extraer grandes lousas de mica. A carón hai unha zona en que a terra aparece con vetas como dunha cor azulada e que pode descubrirse cunha simple sacha, a pesar de que está oculta baixo a vexetación. En tempos había quen especulaba con que podería tratarse dun xacemento de chumbo, aínda que en realidade é unha zona rica en xofre. Historicamente os veciños achacábanlle esta curiosidade á presencia de tesouros no interior.

Fotos do blog de Antonio Ceniza

Por outra parte, xa de moi antigo había quen contaba que neste castro había enterrada unha enorme porta de ouro “mais grande que a porta da igrexa do Baño (nome con que se designa á vila de Cuntis nas aldeas do concello)”. Os veciños máis vellos indican que nos tempos dos seus bisavós había xente que tiña albiscado no castro galiñas con pitos coas plumas douradas, moi brillantes, sen dúbida de ouro. Con todo, algúns opinan que podería tratarse de roladas de perdices. Cóntase tamén que o castro estivo habitado polos fenicios e que hai unha entrada secreta que estes usaban para ir buscar auga a unha fonte que podería ter propiedades máxicas.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Cantar en Galego

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥