Vimos ao mundo sen querer e ímonos sen saber qué sentido ten todo isto, aínda que, como dixo Isabel Allende, “a vida é unha tapizaría que se borda día a día, con fíos pesados/escuros e con outros delgados/luminosos, todos os fíos serven”.

As circunstancias que a miúdo non eliximos, vannos modelando i esculpindo, sempre guiados por unha pequena voz interior que nos vai indicando o camiño a seguir.

Segundo vaiamos achegándonos á meta trazada, o noso devir vital vaise tornando máis amable…ou moito máis enredado.

Neste punto convén apuntar que nada sabemos acerca do porqué imos dando eses pasos en determinada dirección. Talvez nolo marcan o carácter herdado, os costumes do noso ámbito ou a férrea vontade que destila o noso talento conxénito. En calquera caso, todo iso vai decidir o noso futuro en boa medida. Ata o azar tamén intervén, o que aínda dificulta moito máis o noso destino.

Tamén sabemos por experiencia que, como dicía Albert Einstein “nada dá máis alegría e satisfacción que o que un arranca de si mesmo da mellor forma posible”, aínda que se trate dunha poesía que non se dea de todo cristaliña:

Pentabétula

“Recordos dun tempo ferido

polos refachos dese outono alumeado,

nostalxia dunha senda sen nome

escudriñando nas sombras do pasado.

Esa espera

con corazón de pedra,

de xeo baleiro chea,

nun nebuloso labirinto atrapada

e de todo esquecemento ateigada “.

A vida pode tecerse de naufraxios e desveos que, aínda que nos mostre ese extradorso cheo de nós confusos, aparentemente sen sentido nin orde, polo outro lado existe a posibilidade de admirar un fermoso tapiz, bordado i enchido de cores e formas e que, por cuia contemplación, sempre mereza a pena estar neste mundo misterioso, imprevisível e incerto á vez.

Agustín Pousseu Loira

Agustín Pousseu Loira

Arquitecto

Agustín Pousseu Loira. Nace en Río Grande do Sul, Brasil en 1958. Fillo de emigrantes galegos. Arquitecto pola E.T.S.A de A Coruña.

Dende moi novo mostra paixón pola pintura e compaxina esa arte coa profesión  de arquitecto.

Recibiu o 1º  premio do concurso nacional Ferrogrés-Arquitectura 1995 pola obra do Pavillón Polideportivo de Bueu. Accésit Premio 25 anos, convocado polo colexio Oficial de Arquitectos na súa delegación de Pontevedra.

Na pintura e na escultura ten unha longa traxectoria en exposicións individuais e colectivas.

Tamén ten obra literaria inédita “En procura da verdade”, “Cousas de mente preñada”, “Kroatopía e o poemario “Poesía de corto metraje”.

Ten publicado un relato ilustrado coa súa propia obra: “El bosque de Acivro”.

O seu traballo plástico é amplio e abrangue obras de linóleo, plumas a tinta chinesa, pinturas ao óleo e acrílicas, etc. Na escultura ten traballos esculpidos en madeira, en terracota e esculturas de bronce.

Na actualidade está a levar a sua obra plástica á xoería en prata, ouro e resina.

Desexo poliédrico

Monte Umbe

Un porvir tardío

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥