Cando, en xullo de 2021, a Audiencia Nacional ditou unha sentenza clara e axustada á lexislación existente que regula, tamén con total nitidez, todo o relativo ás prórrogas de concesións de espazos no dominio público marítimo terrestre, parecía que chegaba a solución definitiva a un xa moi vello problema de ocupación do que é de todos, de contaminación do aire e do mar, de freo ao desenvolvemento urbanístico, de perda de recursos naturais, de impacto na paisaxe, de degradación dos montes, de molestias e perigos.
Como membro da Asociación Pola Defensa da Ría, veño seguindo con meticulosidade dende principios dos noventa moitos, case todos, os informes ambientais relacionados coa actividade de ENCE e teño estudado os que se fixeron en etapas anteriores. Podo asegurar que a empresa contaminou de forma desmedida durante moitos anos, tanto pola cantidade de emisións como pola toxicidade das mesmas, as augas da ría e o aire da nosa contorna dende a súa posta en funcionamento.
Durante moitos anos sufrimos a presenza desta contaminación visible e cheirenta, e tamén a da invisible e imperceptible pero extremadamente perigosa; quen sabe os prexuízos que causou, a administración nunca quixo saber, por máis que se lle pedira, sempre se negou a estudar a epidemioloxía asociada ás emisións. A mobilización cidadá, mantida durante moitos anos e dende antes de que a factoría comezase a funcionar, exerceu unha presión que obrigou aos gobernantes e á empresa a reducir, en pequena medida, o seu dano ambiental. Aínda hoxe segue a verter máis de 30 millóns de litros diarios de augas contaminadas que conteñen hasta 9 toneladas de sólidos en suspensión, microorganismos que proliferan no proceso industrial e materia orgánica que afoga os fondos da ría. Frecuentemente sufrimos “episodios olorosos” e ameázasenos cun “susto medioambiental maiúsculo” mentres a Administración do Partido Popular, estrañamente, protexe a empresa, tendo chegando a nomear a parella do director da factoría subdirectora xeral da dependencia encargada de vixiar a súa actividade.
Fotografía da UME durante un dos incendios en Pontevedra
Os nosos montes son o que ENCE ten decidido que sexan, un monte empobrecido, sen diversidade, unha paisaxe estraña, moreas de combustible para os incendios. Teño seguido dende hai moitos anos a evolución desta desfeita, con ondadas de expansión polo territorio cando conviña á empresa, probablemente a máis forte a que realizou cando vendeu as plantacións que posuía en Uruguai nos anos noventa, grazas á cooperación de Carlos del Álamo, daquela Conselleiro de Medio Ambiente, hoxe membro do consello de administración da empresa. Chegamos xa ás 600.000 hectáreas que a Administración, no seu plan forestal, segue favorecendo.
Por que negalo?, preocupoume a admisión a trámite do recurso de casación presentado pola empresa e os seus apoios diante do Tribunal Supremo que, teoricamente, non debería atender a intereses persoais xa que as súas sentenzas deben fortalecer a seguridade xurídica. Pero, efectivamente, o tribunal ditou unha sentenza que satisfai intereses persoais e os estraños intereses políticos do PP, é de supoñer que imposta polos “maxistrados conservadores” que fan valer eses intereses con desprezo á lexislación existente, a Lei de Costas, a Lei de Patrimonio do Estado e o Regulamento de Costas.
Pode que a sentenza do supremo sexa celebrada como un éxito pola empresa e polos seus accionistas, por todos os que reciben cartos por dividendos ou por “programas sociais” e polos políticos do Partido Popular. Estou convencido de que, en realidade, é un gran triunfo da ignominia e que terá un gran custo para toda a sociedade.

Benito Andrade
Profesor de Bioloxía
Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.
Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.
Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.
Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.
Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.
O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.
Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.
máis artigos
Microidadismos I por Pilar Freitas Juvino
by Pilar Freitas | Maio 31, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 25 ao 31 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 24, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 18 ao 24 de maio 2026 por Ana Santos
by Ana | Maio 17, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 11 ao 17 de maio por Ana Santos
by Ana | Maio 10, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 4 ao 10 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 3, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 27 de Abril ao 3 de Maio por Ana Santos
by Ana | Abril 26, 2026 | Actividades | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Piruca Baena Solla por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 21, 2025 | Historias de vida | 2 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 2 Comments
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Rock e Arte Conceptual de Nova York por Javier Domínguez
by Colaborador | Xuño 14, 2026 | Articulos | 0 Comments
Carautas por Charo Valcárcel e Iria Morgade
by Colaborador | Xuño 14, 2026 | Literarias | 0 Comments
Un bo lugar para a poesía por Alfonso Cuadros e Elisabeth Oliveira
by Colaborador | Xuño 7, 2026 | Literarias | 0 Comments
Día a día de Vicente Méndez González
by Colaborador | Xuño 7, 2026 | Fotográficas | 0 Comments