O Vello Cárcere de Lugo e a memoria
Anxo González Guerra, ex-seminarista
Cando estudaba no Seminario de Lugo (1966-1972) ás veces algúns balóns pasaban por enriba do muro do cárcere e había que dalos por perdidos: os campos de deporte do Seminario Maior e o Cárcere compartían parede e escoitabamos como pasaban o ferro pola reixas cando os gardas facían as rondas.
En 1975 cando xa estaba no Colexio Universitario de Lugo fun co amigo Antón a unha manifestación e cargaron os “grises”. Escapamos os dous correndo e metémonos na catedral ata que intuímos que xa pasara todo. Foi aí cando el se decatou de que cos porrazos lle caera o cartafol das clases, volvemos pola mesma rúa pero non atopamos nada e cada un marchou para a súa pensión. Ao día seguinte el non veu ás clases e axiña soubemos o que pasara. Como levaba no cartafol a cartilla da Caixa de Aforros na que estaba o seu enderezo familiar, inmediatamente foron buscalo alí e logo á pensión luguesa. Botou tres días na comisaría e dous no cárcere ata que seu pai pagou 15.000 pesetas de fianza, quedou con causa aberta no Tribunal de Orde Pública e expulsárono da Universidade. Menos mal que os profesores o deixaban asistir ás clases e mesmo lle gardaron as notas ata que o TOP desapareceu e con el borrouse toda a acusación, pero das 15.000 pesetas non se volveu saber.
Despois de 50 anos, unha boa parte dos que empezaramos en Lugo os estudos de Filoloxía (os primeiros en facer alí tres cursos de Filoloxía) volvemos xuntarnos en marzo. E como toda boa xuntanza ten que haber un xantar, que mellor sitio ca Lugo para iso. Pero antes quedamos no Vello Cárcere, que agora é un centro social e museo, para acompañar a Antón, que non volvera alí desde que estivera preso (eu foi a primeira vez que traspasei aquel muro, a primeira vez que vin por dentro onde caían as pelotas dos seminaristas). Foi moi emocionante porque, ademais, fíxonos de guía o tamén compañeiro e amigo Claudio Rodríguez Fer, que tanto ten contribuído á recuperación da memoria histórica e tamén colaborou activamente achegando material para a exposición permanente.
Vimos a cela na que estivo Antón, a que ocupou o pai do propio Claudio e a do avó da nosa tamén compañeira Elisa V. Hai unha listaxe de presos na que está o avó do amigo xubilado do Valle Inclán Andrés Vilán, que estivo preso alí e saíu para ser fusilado na tapia do cuartel da Garda Civil. Vendo aquelas historias tamén me lembrei do avó da coordinadora de De vella a bella, Charo Valcárcel, asasinado na Estrada polos golpes dos falanxistas. E do pai da amiga Ramona, mestre preso en San Simón.
Alí mesmo tamén nos contou o compañeiro Antón G. que naqueles anos do Colexio Universitario fora detido por ser comunista e tivera que marchar ao servizo militar obrigatorio e fora multado e expulsado da Universidade. Alí no Vello Cárcere fixemos memoria dos nosos malos tempos e dos tempos dos nosos avós, ben peores ca os nosos.
Xa no xantar lembramos a vida luguesa da nosa mocidade e de cando lle fixemos o boicot á materia de Literatura Española en xuño e setembro. Tiñamos de profesor un seguidor dos métodos de Moreno Báez que era quen de nos sacar a todos o gusto pola literatura. Por iso nos erguemos contra el, ata contamos co ánimo de El Progreso, recibiunos o director e apoiou as nosas reivindicacións. A min servíronme aquelas clases moito, servíronme para facer logo como profesor todo o contrario do que vin e sufrín naquelas clases de literatura. Non hai mal que por ben non veña.
Fixen aquel día, ida e volta, case 400 km de condución. Cando me deitei custoume moito coller o sono e non era polos cafés, era pola “memoria”, lembrei cando á miña avoa lle dixeron en Chantada que “menos mal que lle morrera o pai que senón tiñan que llo matar por republicano” (tivo “a sorte?” de morrer de enfermidade en decembro do 35… era o papá Ánxel do Arrieiro, o meu bisavó).
Na miña vida hai anos que pareceron durar un día e hai días que pareceron durar un ano, coma este de marzo de 2024.
Anxo metido nunha cela
Recreación da vida nunha cela
Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥