Cando un chega á Illa de São Miguel, nas Azores, chama a atención a súa vexetación. Os bosques de laurisilva autóctonos so se conservan en pequenos espazos protexidos relícticos e, aparte das fincas de pasto para o gando ou as adicadas a agricultura, predominan os bosques do invasor cedro xaponés levado polos mariñeiros portugueses baixo os que aparece a ubicua e tamén invasora Hedychium gardnerianum. Coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili, é unha especie da familia das Zingiberaceae universalmente recoñecida como invasora moi perigosa pola súa capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais e a rapidez do seu crecemento e da súa expansión, desprazando ás especies autóctonas.
Agora, dende fai non moitos anos, tense comprobado a súa rápida expansión en Galicia, onde se atopa aínda en fases iniciais de establecemento no territorio. En efecto, de acordo coa ficha publicada polo Ministerio de Medio Ambiente desta especie, no momento no que se elaborou, en 2012, non había datos sobre a súa presenza naturalizada na España peninsular si ben xa se sabía que se tiña naturalizado e expandido amplamente por Azores e Madeira, ademais de por Nova Zelandia, Sudáfrica, a Illa de Reunión e Hawai. O xenxibre do Himalaia está incluído dentro das “100 especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo” segundo a Unión Mundial para a Conservación da Natureza (UICN).

Souvenir da Illa de São Miguel, nas Azores. O xenxibre do Himalaia tense convertido nun icono da illa a pesar de tratarse dunha perigosa invasora.

Exemplares de xenxibre do Himalaia no concello de Ribeira.
No Estado Español está considerada oficialmente como especie invasora dende o ano 2013 en que se publica o Real Decreto 630/2013, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras no que figura, estando xa que logo prohibida a súa introdución no medio natural, a posesión, transporte, tráfico e comercio.
H. gardnerianum ten amosado ser unha planta que una vez adaptada, algo que non require moito tempo, non permite que a flora autóctona se recupere. Tal e como indica o Plan Estratéxico Galego de xestión das Especies Exóticas Invasoras “O xenxibre branco é altamente tolerante á sombra, chegando a formar densas masas nas zonas que invade, asfixiando ás especies nativas e impedindo o seu crecemento ou establecemento. De feito, nalgunhas zonas a rexeneración das especies nativas foi completamente imposibilitada. Tamén provoca alteracións no solo (por exemplo, redución do nitróxeno dispoñible) alterando o ciclo dos nutrientes co conseguinte impacto sobre a fauna edáfica” tratándose dunha “especie invasora de alto impacto sobre a biodiversidade en Galicia”. Sitúase tamén na lista de “EEI de maior impacto rexistradas nas áreas protexidas”. A especie estaba presente xa fai anos no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e nas proximidades do Parque Natural das Fragas do Eume. Hoxe en día tense comprobado tamén a súa presenza naturalizada polo menos nos concellos de Cedeira, Cariño, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, Corcubión, Miño, Sada, Carnota, Cee, A Coruña, Muros, Malpica, Ribeira (nas proximidades do PN de Corrubedo) e Porto do Son na provincia de A Coruña; Poio, Covelo, Gondomar, Redondela e Bueu na de Pontevedra e Foz e Viveiro na de Lugo.
Non hai dúbida xa que logo da perigosidade desta especie, nin da súa grande capacidade para ocupar territorio de forma rápida, cunha grande versatilidade ecolóxica, desprazando as formacións naturais e provocando alteracións dos hábitat dificilmente reversibles. Parece tamén claro que esta especie ten capacidade adaptativa para establecerse en Galicia, polo de agora e segundo os datos dispoñibles, nunha extensa faixa próxima á costa, colonizando todo tipo de terreos e hábitat afectando a bosques de ribeira, sistemas forestais, terreos agrícolas ou zonas húmidas

Características morfolóxicas de H. Gardnerianum
Débese ter en conta de todos modos que a especie se atopa aínda en fase de establecemento polo que se podería aínda abordar de forma sinxela a súa erradicación, erradicación que posiblemente resulte moi difícil ou mesmo imposible en poucos anos. É xa que logo importante nesta situación a detección temperá dos focos de invasión, debido ós graves prexuízos, tanto ambientais como económicos, que provoca, e debido ós elevadísimos custos económicos que noutras áreas (por exemplo, nas Azores) levou aparellada a súa presenza. Posteriormente, faise necesario realizar accións concretas para a súa eliminación descartando as que implican un tratamento químico debido á elevada toxicidade e á inespecifidade dos produtos que adoitan ser utilizados neste tipo de tratamentos e que provocarían un maior dano ambiental.
O Plan Estratéxico Galego de xestión das EEI indica que “as infestacións desta especie poden ser controladas por remoción manual, principalmente nas primeiras etapas de invasión. As plantas máis novas poden ser eliminadas facilmente a man, incluíndo o rizoma. Quitar simplemente as flores non mata a planta, aínda que ralentiza a súa expansión; se as sementes non están de todo formadas, as flores poden ser depositadas no chan, pero, se non é así, deben ser metidas en bolsas de lixo para a súa posterior eliminación xunto cos rizomas. Desfacerse dos restos non é unha tarefa doada, xa que non poden ser compostados e son difíciles de queimar, sendo a incineración unha opción efectiva no caso de contar cos medios económicos necesarios”
Resulta logo necesario solicitar da Administración a posta en marcha de actuacións de vixilancia e eliminación manual dos exemplares naturalizados que se podan atopar, tanto nas proximidades de espazos protexidos como en calquera outro lugar onde a especie se teña naturalizado.
Pero tamén nos debemos estar alerta da posible presencia desta especie en xardíns ou terreos da na nosa contorna, eliminar os exemplares que aparezan na nosa propiedade e solicitar aos propietarios dos terreos onde a vexamos a súa eliminación; tamén podemos comunicar ás autoridades ambientais a presenza desta invasora para que procedan a eliminala. A nosa biodiversidade está cada vez máis ameazada, a loita contra as invasións biolóxicas é fundamental para evitar a desaparición das especies que conforman os nosos ecosistemas.

Benito Andrade
Profesor de Bioloxía
Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.
Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.
Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.
Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.
Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.
O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.
Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.
máis artigos
Actividades culturais do 28 de abril ao 4 de Maio por Ana Santos
by Ana | Abril 27, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 21 ao 27 de Abril por Ana Santos
by Ana | Abril 20, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de abril 2025 por Ana Santos
by Ana | Abril 13, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades Culturais do 7 ao 13 de Abril por Ana Santos
by Ana | Abril 6, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 31 de Marzo ao 6 de Abril por Ana Santos
by Ana | Marzo 30, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 24 ao 30 de marzo por Ana Santos Solla
by Ana | Marzo 23, 2025 | Actividades | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Barbeiro de sábado de Castelao por Xosé Antonio Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Abril 27, 2025 | Literarias | 0 Comments
A Peneda Cabezuda luguesa por Anxo González Guerra
by Colaborador | Abril 27, 2025 | Articulos | 0 Comments
Un rapaz que sería quen… de Castelao por Marcos Seixo
by Marcos Seixo | Abril 20, 2025 | Literarias | 0 Comments
A Gaita gallega por Pilar Freitas
by Pilar Freitas | Abril 20, 2025 | Etnografía | 0 Comments
Terra prometida por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Abril 20, 2025 | Artísticas | 0 Comments