REIVINDICACIÓN DA SÚA NOBREZA E PREVALENCIA SOBRE O PORTUGUÉS E O CASTELÁN NO SÉCULO XIX

Como xa vimos ao falar das gramáticas e dos dicionarios, a partir da segunda metade do século XIX varios intelectuais emprenderon unha tarefa de reivindicación e dignificación da lingua galega, nun contexto marcado pola súa marxinación institucional e polo predominio do castelán como lingua de cultura. Entre estas iniciativas destacan as obras El habla gallega de Juan Cuveiro Piñol e El idioma gallego. Su antigüedad y vida de Antonio de la Iglesia, textos fundamentais para a reflexión sobre a orixe e antigüidade do idioma de Galiza

En 1868 publícase o libro titulado El habla gallega¹ da autoría de Juan Cuveiro Piñol. Consta dun longo prólogo, un bosquexo de gramática de apenas trinta e seis páxinas, e un compendio de textos de autores da época que ocupa outras corenta e tres. Esta antoloxía comeza cunha cantiga titulada “Aires populares” e continúa con poemas de Alberto Camino, José Benito Andrade ou X. Manuel Pintos; textos de Frei Martín Sarmiento (século XVIII), Afonso X o Sabio, Macías de Padrón e tres documentos gardados nos mosteiros de Melón, Armenteira e Oia.

Non imos profundar na parte gramatical nin na selección de textos, só nos centraremos no amplo “Prólogo a la primera edición” no cal o autor, apoiándose en textos de diferentes eruditos, trata de coñecer as diferentes etapas “del idioma de nuestra patria”. Comeza a falando de idioma e a seguir pasa a falar de dialecto. Para el a diferenza radica en que idioma era o “primitivo” e dialecto é o “actual”, porque só hai unha lingua común para toda España, e isto fai imposible que o galego tamén o sexa.

A primeira fonte erudita mencionada é Frei Martín Sarmiento², quen consideraba que as linguas de substrato, nomeadamente o celta, foron corrompidas polo latín e este, á súa vez, foi corrompido polas linguas xermánicas; posteriormente, o árabe deixaría unha pegada tamén moi importante orixinando os distintos dialectos. Destacamos a afirmación do beneditino:“Que el idioma vulgar que se hablaba antes del siglo XI en España, era el gallego primitivo, el cual se iba estendiendo hacia mediodía según que los moros eran expulsados”. En definitiva, a lingua galega deriva da latina e é orixe da castelá.

Leopoldo Martínez Padín³ na súa Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia (1849) sostén que o latín foi corrompido polo idioma dos suevos e isto supuxo a súa decadencia, dando orixe a varios dialectos e á desaparición das linguas antigas, as linguas célticas. O galego e o portugués teñen a mesma orixe, mais agora o primeiro é un dialecto e o segundo un idioma, porque foi puído polos escritores e as relacións internacionais. Curiosa é afirmación de que “El dialecto gallego es el mas lento que se conoce”, atribuíndo este trazo ao carácter reflexivo dos falantes e á influencia sueva e aos costumes deste pobo; contrapono ao “vascuence” que é o máis rápido de Europa. Tanto o galego coma o portugués conservan máis puras a maior parte das palabras de orixe mesturadas coa pegada celta. Conclúe o autor que “El gallego ó portugués no es un subdialecto del castellano, sino una lengua derivada de la latina, como el italiano, el francés y el castellano”. Percíbense os prexuízos fondamente arraigados na percepción desta xente que, en teoría, traballaba a prol da lingua da súa patria ao afirmar: “… y cree que el dialecto gallego es muy digno de estudio, y que con sus giros, la ya tan sonora lengua castellana, llegará a ser la más completa del mundo”. Isto é, o estudo do galego, lingua ancilar ou subordinada, contribuirá á riqueza da lingua superior castelá.

Cita brevemente a X. Manuel Pintos e o que propón na súa obra A gaita gallega (1853) tocante á necesidade de elaborar unha gramática e dun dicionario. Máis atención presta á figura de D. Ramón Otero Acuña(4) e ás súas manifestacións en Galicia médica (1867): o galego é o resultado do latín corrompido polas linguas das nacións que se superpuxeron, por iso, tanto na lingua galega coma na portuguesa dominan os radicais xermánicos. O dialecto galego reflicte o espírito pausado e reflexivo destas nacións e gaba o seu incomparable xenio para retratar, non só a dozura e o sentimento, senón a paixón forte e ardorosa e toda clase de afectos, e atribúelle “cierta marca de nacionalidad”. É interesante destacar que “el idioma español” provén do dialecto de Galicia e do antigo romance de Castela. Todas estas linguas teñen unha orixe e unha estrutura común: linguas de substrato + latín +linguas xermánicas e, no caso do castelán, a superposición da lingua árabe.

Os reis Fernando III e Afonso X o Sabio prohibiron que se escribise e se escriturase en latín poñendo nas leis das Partidas as fórmulas en español, o que demostra que era a lingua vulgar coñecida por todos; mais, ao mesmo tempo, Afonso escribía: “A ti Fernan Ponce de León, mio cormano” o que pon de manifesto que o galego era unha lingua que se falaba e que aínda existe e segue viva hoxe aquí e en Portugal. A única diferenza entre as dúas linguas é que o castelán se puliu ao converterse en lingua de corte. En conclusión, as linguas galega, castelá e portuguesa son iguais na estrutura.

Manuel Murguía é outro dos referentes de Cuveiro Piñol. Na súa Historia de Galicia (1865) segue en gran medida os estudosos anteriores. Un substrato celta que inflúe no latín, seguido da influencia das linguas xermánicas e mais o árabe. Esta amálgama de linguas deu lugar a diferentes dialectos que logo mudaron de linguas vulgares a idiomas. Para Murguía a influencia das linguas celtas é moi intensa e a súa pegada aínda se conserva en topónimos, hidrónimos e na xeografía en xeral. O celta e o latín pertencen a dous grupos de orixe ariana, por iso son tan evidentes as semellanzas entre elas. Seguindo o criterio doutros eruditos, sostén que estas linguas foron enriquecendo o latín ao irse estendendo como lingua dun imperio coas conquistas fóra do Lacio, polo tanto, as linguas neolatinas non son máis ca unha dexeneración da lingua nai céltica. Recolle a afirmación de Estrabón segundo a cal en Galiza nunca se deixou da falar o dialecto propio. Afirma tamén Murguía que durante a Reconquista apareceu en Aragón, Navarra e A Rioxa o castelán, e en Asturias, Galicia, Portugal e León o bable, o galego e o dialecto leonés que son un contimuum dunha primitiva lingua común. En suma, só fai catro séculos que se instalou o castelán en Galiza.

San Luís, bispo de Coimbra, é outras das fontes ás que recorre o autor. Opina que o galego ten a súa orixe no latín e no celta que se falaba aquí. Esta lingua de substrato non só non se perdeu, senón que se seguiu falando durante os catro séculos que imperou Roma e modificou profundamente o latín. O acento galego é celta e é por iso que a nosa fonética difire da castelá ao teren unha orixe diferente. O noso romance constituíuse moi cedo coma lingua literaria e no ano 740 xa se escribiu un privilexio no que aparecía a seguinte expresión: “duas campanas de ferro”, e no 977 traducíronse ao galego os diálogos de S. Gregorio. O galego e a súa escrita son máis antigos que o foro de Avilés, datado en 1109. Para afianzar a súa tese sobre a antigüidade e importancia como lingua de uso común e escrita, cita o pranto en galego do rei Alonso VI pola morte do seu fillo, D. Sancho(5). e a existencia de varios documentos datados xa nos séculos IX e X. O subdialecto galego de Braga é a verdadeira fonte do portugués. Malia todo, a lingua de Galiza mantívose con mínimas alteracións e a falta de modelos literarios e regras gramaticais produciu diversidade e non morte: “… y así lo que debía ser su muerte, ha sido un venero(6) de riqueza para un diccionario”.

Despois de resumir as opinións de distintos estudosos sobre a orixe e antigüidade do idioma, J. Cuveiro Piñol conclúe o seguinte:
No podremos, pues, determinar el origen primitivo de nuestro idioma… En cuanto a sus radicales…si bien hay muchísimas de origen latino, como de éste no se sabe lo suyo, mal se puede aseverar que de él venga el nuestro, y por consiguiente nos concretamos á opinar, que nuestra lengua, participando a la vez de varios vocablos, giros y amaneramientos que le impusieron los diferentes conquistadores del país, quedó convertida en el dialecto que poco más o menos hoy se conserva, sucediendo lo que á las demás naciones vencidas, que en vano sus dominadores trataron de sujetarlas imponiéndoles hasta su lenguaje: solo pudieron dejarles como señal indeleble de su yugo, algunas palabras que á fuerza de repetirlas constantemente, pasaron a formar parte del diccionario de los vencidos; en cuanto á su primitivo origen, nos decidimos a creer que sea un conjunto de las del segundo grupo que marca Schelegel(7), por contener raíces monosilábicas susceptibles de composición…

Antonio de la Iglesia publica El idioma gallego. Su antigüedad y vida(8) en 1886. Esta obra, estruturada en tres tomos, é a primeira antoloxía de textos en galego abranguendo desde a Idade Media ata escritos dos coetáneos e coetáneas do autor. Consta o primeiro tomo de dúas partes. Na parte I, titulada “Notabilísima antigüedad del IDIOMA GALLEGO”, quere profundar na antigüidade do idioma do país. Afirma que no século XI o noso idioma xa estaba formado e así o demostran as “Cántigas de Gonzalo Hermíguez” e o foro da abadesa do mosteiro de Arnoia a Fernán Pérez, datado en 1054. Dun século antes datan os “Diálogos de S. Gregorio, traducidos al gallego” e legados por S. Rosendo ao mosteiro de Celanova; e de retrocedermos un século máis (IX) achamos o “Poema hecho á la pérdida de España por la invasión de los sarracenos”.

Antonio de la iglesia

Nel aparece o pranto do rei Alonso VI pola morte do seu fillo “en la lengua que se usaba”, e que di así:

“Ay meu fillo! (repitiéndolo muchas veces) ay meu fillo! ¿Alegría do meu corazón et lume dos meus ollos, solaz da miña vellez! ¿Ay meu espello eí que me soía ver, et con quen tomaba muy gran pracer! ¡Ay meu herdeiro mayor! Caballeros ¿hu me lo leixastes? ¿dádeme meu fillo, condes!”.

Así queda asentada a antigüidade do galiciano, como el lle chama, e a pureza desta fabla, que non é outra que a galega. Pero aínda podemos recuar máis pois, asegura, no século VI o romance de Galicia, de Braga e de Iberia era o galego. E así conclúe : “Más justas pretensiones tiene á la antigüedad la literatura gallega. Sus títulos son legítimos, sus balsones honrosos, heredada su historia, puras sus tradiciones”.

A parte II deste primeiro tomo é unha recompilación de textos, desde os máis contemporáneos do século XIX: Francisco Añón, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, ata o coñecido soneto de Vázquez de Neira titulado “Respice finem” (1632), algún fragmento de Os Lusíadas de Camões (1572) e epitafios e inscricións en galego do século XVI.

No tomo II recolle diversos textos: epitafios, proverbios, inscricións, escrituras, testamentos e documentos de todo tipo; un deles, moi breve, trata sobre a morte no cadafalso do Mariscal Pardo de Cela en 1483; inclúe tamén o poema relativo á súa tráxica morte titulado “Lamento da Frouseira”. Selecciona cantigas de autores que se retrotraen ata o século XIII: Garci Ferrandes de Jerena, Alfonso Alvares de Villasandino, Joham Zorro, Joham Airas, Dom Denís, Pero da Ponte, Meendinho(9)…

O tomo III é o máis extenso e nel compendia os textos máis antigos. Comeza con cantigas de Bernal de Bonaval e unha tenzón deste con Abril Pérez do século XII, continúa co Ayras Nunes, Joham Soares de Payva e diversos tipos de textos coma foros; por exemplo, o do mosteiro de Arnoia, epitafios ou as memorias dos “Diálogos de san Gregorio”. Achega un versos do Poema del Cid tal como está escrito orixinalmente e fai unha tradución ao galego. Observa que apenas hai diferenzas e conclúe que “fue primitivamente escrito en gallego”. Xustifícao así: “Retrotraer la composición del poema á una centuria más de antigüedad es tanto como fortificar nuestra opinión, pues en el siglo décimo tercero ya vimos como se escribía nuestro romance, y como se metrificaba y rimaba en el habla que hoy llamamos de Castilla.

Insiste o autor en que o “galego idioma” precede ao castelán e Afonso X o Sabio escribía en puro galiciano, polo tanto, esta fala é a matriz do “castelán idioma”. Son varios os autores que durante o século XIV e XV escribían en galego; por exemplo, Arcediano de Toro, D. Pedro Veles de Guevara, Garci Ferrandes de Jerena, Macías o Namorado. Cita as palabras do Marqués de Santillana que tanto se reproducirán posteriormente:… “no ha mucho tiempo cualesquier decidores o trovadores desas partes, agora fuesen Castellanos, andaluces, ó de la Extremadura, todas sus obras componían en lengua gallega ó portuguesa”. Lingua galega, non dialecto, cualifícaa Santillana. Galego e portugués son o mesmo idioma. De feito, a lingua galega resplandece co gran Luís de Camões e vive louzá e fermosa en Portugal. A fala castelá non deixa de ser a “emperatriz” filla do galiciano, lingua nai amorosa e rica. Durante os séculos XIV e XV o idioma natural e exclusivo era o galego e o castelán non chegou á maioría de idade ata o XVI. A nobre fala galiciana é a “emanación más antigua de aquel soplo de Dios”. As dúas linguas son riquísimas: o castelán esténdese polas chairas de Castela e o galiciano polas montañas de occidente, mais, mentres o castelán mendiga préstamos a outras linguas europeas, o galiciano consérvase aquí incólume, fonte, raíz e nai do idioma de Garcilaso, Rojas, Cervantes e Zorrilla.

A lingua galiciana apenas mudou ao longo do tempo. Fálase igual ca en séculos remotos. Os exemplos máis notables son os romances e cantigas populares, os contos de fadas e os proverbios que, ao seren anónimos, descoñecese a data exacta da súa composición. A conservación de tantos destes textos débese ás mulleres campesiñas que os aprendían de memoria e os recitaban nas noites de inverno, mais ás veces introducían voces e frases en castelán para darlles unha pátina de maior prestixio. A seguir, Antonio de la Iglesia recompila outro tipo de composicións como arrolos (cantos de berce ou amecemento), muiñeiras, fandangos, contos, novelas curtas, apólogos ou fábulas nas que un dos grandes protagonistas é o raposo ou volpe. Os animais e as plantas tamén falan en galego e son moitos os textos nos que se expresan no “galiciano idioma”.

A influencia do castelán reflíctese nos textos da práctica relixiosa, e así a xente di: Dios, Nuestro Señor, Jesús… A ciencia popular da vida agrícola e mariñeira e incluso a percepción da muller na cultura popular recóllese nos refráns: “A muller e a sardiña/pequeniña”, “A muller e a troita/préndese pola boca”, “Besta grande/ande ou non ande”, “De tal niño/tal paxariño”, “Val mais pequeno agudo/que grande e burro”. Moitos deles aínda están vixentes arestora e poden escoitarse na boca da xente. A fraseoloxía, as comparacións e os modismos son moi frecuentes nas conversas dos galegos e galegas: “fresco coma unha leituga, “negro coma un chamizo, “calado coma un peto”, “quente coma un forno”, “sabe que gorenta”, “bo coma o pan de comer”, “teso coma un pau viradoiro”… A riqueza do galego para cualificar e describir é prodixiosa. Así, un galego ou galega pode ser: pousafoles, trosma, trangalleirona, larafuceiro, tarambollo, pedichona, rexoubeira, pioqueira, vella candonga, vella gaiteira e infinidade de adxectivos e expresións que os e as definen con precisión.

Nos dous últimos capítulos do tomo III, o autor fai un resumo dos obxectivos que pretendía acadar con esta antoloxía e as conclusións ás que chegou. Quería demostrar a antigüidade do idioma da nosa “fabla dulce y cautivadora” e, para iso, realizou unha excursión ás orixes ignotas da mesma co fin de achar vestixios da súa antigüidade, e o resultado foi “ópimo”, é dicir, fértil e frutífero. Pretendía tamén amosar a valía da lingua e demostrar que o galego non é un dialecto ou unha corrupción do castelán senón un idioma. Os que negaban esta categoría ao galego caían en contradición ao outorgárenlle a mesma ao portugués. No século XVIII increpaban a Sarmiento e a Feijoo afirmando que o galego non podía ser idioma porque non tiña impresos, nin gramática, nin dicionario e que si os tiña o portugués, mais agora o galego xa os ten e, polo tanto, xa se nos pode conceder a “patente de idioma”. Negárennola sería como negarlla ao castelán antes da imprenta e da primeira gramática, pois un idioma para ser tal non necesita da impresión nin da escritura, basta con que se fale: “A un idioma le basta la palabra”. O autor navegou polo “galaico río” ata o século VI para demostrar a súa antigüidade e a súa nobreza. Durante catorce séculos, este río caudaloso foise estendendo por vastísimas bisbarras como vehículo de entendemento dun territorio chamado Galiza e polas contornas próximas.

El non concorda coa importancia que as linguas xermánicas tiveron na formación das linguas romances, e máis concretamente coa pretendida intensa pegada do suevo na formación do galego, porque no propio latín xa existían grandes diferenzas entre a forma falada e a escrita. Plauto xa falaba dunha lingua rústica e dunha lingua nobre. Á primeira chamáballe urbana ou classica e á segunda vulgaris ou rustica. Primeiramente, os galegos falarían unha lingua mesturada entre latín e galaico, algo similar ao que ocorre hoxe en día nas clases menos ilustradas, que querendo expresarse en castelán, falan un “chapurrado” que ás xentes intelixentes lles provoca riso. Máis importancia ca o suevo tiveron as linguas anteriores na configuración do noso idioma e, ademais, os galegos, ao seren tan tenaces, resistíronse á imposición do latín e os idiomas que se falaban previamente aquí non se extinguiron.

Van aló catorce séculos desde a imposición do castelán polos Reis Católicos e seis desde a configuración dun novo idioma chamado castelán, mais o galego non desapareceu nin ten tra trazas de desaparecer, porque o pobo que o fala é un exemplo de tesón e afouteza, un pobo guerreiro e loitador que prefire a morte antes que renderse e deixar de ser libre. Podemos considerar o latín como un “océano” de moitas linguas, pero o galego, que se formou a partir daquel, segue sendo unha lingua cun gran número de voces que xamais pertenceron ao idioma do Lacio.

A modo de conclusión, Antonio de la Iglesia confirma a antigüidade e a longa vida do idioma galego máis alá do século VI. Ningún imperio conseguiu calar a súa voz nin sequera as “centralidades por excelencia” dos Reis Católicos. Só conseguiron sacalo da oficialidade: tribunais, notarías, actas dos cabidos, inscricións das tumbas. Nada máis. Isto corrobórano escritores e eruditos coma o Marqués de Santillana, Sarmiento ou Feijoo. E, malia a rigorosa imposición e represión secular, a fala continuou sen variación transcendental e sen perder nada do seu vigor e riqueza. Hoxe fálase non só en Galiza e zonas próximas senón en Portugal, “raza, sangue e reconquista nosa”, que o estendeu por África, Asia, Oceanía e Brasil.

Achega dúas probas máis da anterioridade da lingua galega á castelá: a primeira é que o galego está máis próximo ao latín e o castelán máis afastado, máis evolucionado; e a segunda é que todas as voces anticuadas na lingua castelá aínda permanecen vixentes no galego; consérvaas, estímaas e úsaas como as xoias máis puras e prezadas. Un exemplo é a regularidade de moitos verbos que en castelán, lingua filla do galego, son irregulares.

Finalmente, constata con satisfacción a recuperación da lingua galega para o uso escrito: revistas, certames literarios e todo tipo de publicacións comezaron a emerxer desde mediados do século XIX. Refire todo o publicado en galego e sobre o galego desde o ano 1860: gramáticas, dicionarios e as publicacións dos autores e a autora máis destacados do que hoxe se coñece como Rexurdimento: Rosalía, Curros, Pondal, Lamas Carvajal …

A modo de coda, podemos extraer as seguintes conclusións:
A partir da segunda metade do século XIX, os defensores de Galiza e da súa lingua sentían a necesidade de reivindicala e prestixiala. Ademais de redactaren gramáticas e elaboraren dicionarios, estudar a súa nobre orixe e establecer a súa antigüidade era unha das prioridades. Cuveiro Piñol estéase en traballos dos seus predecesores e a partir das súas afirmacións fixa a súa xénese e xenealoxía; en resumo, o galego é unha lingua de orixe latina moi interferida polas linguas de substrato, nomeadamente as linguas célticas, e posteriormente corrompida polas linguas xermánicas e máis concretamente pola lingua sueva. Pódese dar maior peso a unhas ou outras linguas pero a conformación da lingua de Galiza é similar á do castelán e á do portugués. Estruturalmente son iguais e están ao mesmo nivel; a única diferenza radica en que as outras dúas se converteron en linguas internacionais de imperio. Alén diso, incluso se chega a afirmar que o galego é a lingua máis antiga e proxenitora das outras dúas.

A abordaxe que fai deste tema Antonio de la Iglesia é moi diferente. A obra consta de tres tomos e é un compendio amplísimo de textos de todo tipo, que van desde os máis recentes aos máis antigos. Utilizando a metáfora do río que desemboca no océano, recúa no tempo ata atopar as fontes prístinas do idioma. Confirma a antigüidade do galego sobre o castelán e que o portugués non é máis que a lingua de Gallaecia levada cara ao sur e a outros continentes nun proceso de expansión imperialista. O galego é unha lingua máis próxima ao latín e, en consecuencia, mais culta; ademais conserva moitísimas voces plenamente vixentes que en castelán xa se consideran anticuadas ou arcaísmos. Finalmente, sostén que a fala creada polos galegos é un idioma e non un dialecto ou unha corrupción do castelán. O argumento esgrimido de que apenas se escribiu durante séculos non é válido: a unha lingua bástalle “a palabra” para ser considerada coma tal. Alén diso, logo de catorce séculos de imposición da lingua de Castela non desapareceu nin ten trazas de facelo, e aínda máis, está a recuperar o seu uso escrito prohibido e roubado polas institucións centralistas a partir do século XV. 

¹ Seguimos a edición de 1876 a cal leva anexado o Diccionario gallego.
² Non cita bibliografía pero podería basearse no texto do benditino titulado: Estudio sobre el origen y formación de la lengua.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/resultados_ocr.do?posicion=23&tipoResultados=BIB&id=15108&forma=ficha
³ Leopoldo Martínez Padín foi historiador, xornalista e poeta (Tui, 1823-Madrid, 1850).

4 Ramón Otero Acuña (Cádiz – Santiago de Compostela,1876). Foi médico, profesor e xornalista

5 Morreu na batalla de Uclés (1108).
6 Venero significa manancial ou mina de auga .

7 Friedrich Schelegel (Hannover, 1772-Dresde, 1829). Foi un escritor, lingüista, crítico literario, filósofo, hispanista e poeta. Afirma que o galego proviría da familia lingüística tracio-pelásgica.
8 Seguimos a edición facsímile da Editorial Maxtor, Valladolid (2006).

9 Respectamos a grafía orixinal que aparece no libro.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥