Seleccionar página

por Charo Valcárcel

Aínda sinto os abrazos que me deron,

os abeiros de congoxas,

os consolos,

os que estouran de ledicias compartidas,

os que irrompen de sorpresas degoxadas,

os que abrollan do amor

e da amizade,

os que fican en ti.

 

 Os abrazos que perduran na memoria

como lazos invísibeis

que te envolven nun nobelo

que aloumiña os teus recordos.

 

 Mais agora  son estériles caricias,

son acenos fanados,

son esquivos rozamentos,

son miradas,

os que suplen a falta que nos deixa

a saudade dos abrazos perdidos,

dos abrazos.                                                                                                              Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Emigrantes

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español