Os antigos concellos de Alba, Mourente e Salcedo.
Xosé ÁlvarezA demarcación territorial do concello de Pontevedra non sempre coincidiu coa vixente hoxe; na actualidade, gran parte da poboación pontevedresa descoñece a existencia, no século XIX, de tres concellos a maiores do de Pontevedra, deixando aparte os de Xeve e Ponte Sampaio, que se integrarían no da capital no século XX. O primeiro movemento para a constitución dos concellos de Alba, Mourente e Salcedo déronse no chamado Trienio Constitucional, iniciado co pronunciamento do xeneral Riego. Este período, de carácter liberal, está comprendido entre o Sexenio Absolutista e a Década Ominosa durante o reinado de Fernando VII.
Concello de Alba
Selo Concello de Mourente
Escudo de Salcedo
Precisamente, a volta ao absolutismo anula as reformas anteriores e non vai ser ata o goberno de Isabel II, coa rexencia da súa nai María Cristina, cando se promulgue, en 1835, a nova lei municipal. Comeza así un movemento nas distintas parroquias que integraban o concello de Pontevedra para solicitar a segregación e reconstituír a división municipal, de curta duración, do Trienio.
Alcaldía popular de Pontevedra
Cuño de Salcedo 1854
Alcaldía de Salcedo
Logo de varias vicisitudes, no mes de agosto de 1841, celébranse asembleas nas distintas parroquias para manifestar a opinión dos seus veciños e nomear representantes na sesión do concello de Pontevedra, que se celebrou o 26 de dito mes, para decidir en consecuencia. Acórdase a segregación e créanse catro novos concellos: Alba (Alba, Lérez e Campañó, aos que máis tarde se integraría Cerponzóns, que daquela pertencía ao de Verducido), Mourente (Mourente, Bora, Marcón e Tomeza), Salcedo (Salcedo e Lourizán) e Pontevedra (o casco urbano coas parroquias de santa María e san Bartolomé). As capitais dos concellos estaban nas parroquias que lles daban nome. A Deputación Provincial tamén se pronuncia no mesmo senso o 10 de novembro.
Nos anos posteriores non deixan de existir manobras que buscan reverter o proceso; no ano 1853 é cando os reintegracionistas forzan un expediente de integración pero nas obrigadas consultas aos veciños non obteñen resultado favorable. Hai que dicir que os dous sectores utilizan todos os recursos, non sempre de xeito ortodoxo, na defensa dos seus intereses. A liña argumental unionista parte do feito de que Pontevedra era o concello máis pequeno da provincia e tiña os arrabaldes en terreos doutros concellos, sen espazo para ensancharse nin construír a pesar do aumento da poboación; argumentan tamén que a oposición dos concellos limítrofes á unión non representaba os intereses dos administrados senón de determinadas persoas que vivían á conta deles. As distancias ao centro eran curtas e con boas comunicacións; os concellos rurais sostíñanse economicamente porque os orzamentos empregábanse en pagar secretario, algo de escolas e pequenos gastos pero non sostiñan médico, boticario, nin podían soportar a máis leve calamidade pública. Ademais causaban prexuízos ao Tesouro e aos fondos provinciais, pois abríanse neles establecementos de consumo dos que gastaba gran parte da poboación da capital e non se podía evitar o fraude. Dentro dalgún dos concellos tamén existían partidarios de integrarse noutro municipio distinto ao da capital, como é o caso de veciños de Lourizán que piden a unión con Marín.
A Junta Revolucionaria constituída na provincia tras a revolución de 1868 decretou a unión dos concellos. Teñen lugar unha serie de decisións administrativas de distinto signo e non será ata finais do ano 1869 cando se reintegran nun único concello. Os últimos alcaldes serían: Sebastián Vallejo (Salcedo), José Vilas (Mourente) e Manuel Paz (Alba).
A distribución da poboación dos concellos no momento da súa creación era a seguinte: o concello de Pontevedra tiña 1.010 veciños (cabezas de familia) e 4.149 almas (equivalen a habitantes) , o concello de Mourente contaría con 690 veciños e 2.471 almas, Alba 764 veciños e 3.123 almas e Salcedo 643 veciños e 2.568 almas.
En orde á economía, os ingresos estaban constituídos fundamentalmente polos procedentes das contribucións de distinto tipo e, nalgún caso, polas vendas de esquilmo e madeira dos montes. En canto aos gastos, estes concellos, ao ser de carácter rural, non tiñan que facer fronte aos de alumeado, limpeza ou servizos propios da cidade. Referido ao apartado de policía urbana contabilizábanse soamente os de “premio a los matadores de animales dañinos”. Os animais que se mataban acostumaban ser os seguintes (entre parénteses o pago en reais): raposo (20), raposa (30), raposa nova (15), teixugo (10) e garduña (5). En canto a lobos só temos unha referencia do ano 1.849 na que un veciño de Campañó (concello de Alba) matou dez lobatos (20 reais por cada un). Para cobrar debían entregar no concello os despoxos do animal que consistían nas orellas e o rabo. Existían algúns cazadores profesionais.
Había unha serie de gastos fixos, como os de secretaría (un gasto curioso é o de velas para alumear cando traballaban de noite), aluguer de locais, soldos e instrución pública pois os concellos eran os que tiñan ao cargo pagar soldos de mestres e mestras, material e aluguer das escolas primarias. Entre os xustificantes de compras de material para as escolas podemos atopar tinteiros, plumas, papel pautado, pizarras, silabarios, catecismos do padre Astete ou crucifixos de madeira. Nalgún concello como o de Alba estes gastos importaban a metade dos orzamentos totais.
Tamén supoñían gastos importantes os labores de tallado e recoñecemento dos quintos pois había que pagar a médicos e talladores; en Salcedo págase por estes conceptos no ano 1862 un total de 232 reais a un militar retirado e a dous médicos.
Un capítulo moi importante era o de obras públicas, que se empregaba no arranxo de camiños e pontes, pago de indemnizacións e de terreos ocupados. Os traballos nos camiños veciñais facíanse por prestación persoal dos veciños pero había que pagar o soldo do pión camiñeiro municipal. A isto había que sumarlle os gastos de ferramentas e materiais, como cestos para mover terra e pedras miúdas ou o apuntado e cravuñado de picos e picarañas, por parte dos ferreiros.
Alcaldía constitucional de Pontevedra
Selo Concello Pontevedra
Os concellos contribuían cunha cantidade anual para soster o funcionamento do cárcere do partido, radicado en Pontevedra. Se, como consecuencia dunha detención, quedaban menores desamparados, os gastos de mantenza e vestido corrían a cargo do concello; así ocorreu no de Alba con Telmo Prado, fillo de Manuela “La sabia”, que cumpría condena en “la casa de Galeras” (1863). Outros gastos viñan determinados pola condución de nenos expósitos, que se ingresaban no orfanato de Compostela, e tamén se prestaba socorro a pobres transeúntes ou a enfermos. En Mourente, no ano 1866, pagan 4 escudos a José Justo para que poida ir ao Hospital de Santiago a curarse dunha enfermidade.
Tamén tiveron que facer fronte a gastos extraordinarios; un deles foi o ocasionado pola epidemia de cólera, coa conseguinte compra de cal viva para empregar nos cemiterios así como para branquear, como medida preventiva, as casas dos pobres de solemnidade que non dispuñan de recursos para facelo á súa conta.
Outros acontecementos que podían supoñer uns gastos elevados eran os acontecementos familiares (nacementos, vodas, bautizos) da realeza española así como as súas visitas. Con motivo dos desposorios da raíña Isabel II e da súa irmá, a infanta Luisa Fernanda, no ano 1843, todos os concellos do reino tiñan a obriga de celebralo con foguetes e iluminación extraordinaria así como con misas de “Te Deum”, gaiteiros e esmolas aos pobres, que aínda que se facían no nome dos reis tiñan que abonalas os concellos. Por exemplo ao de Alba custoulle todo 582 reais, incluídos os pasteis e bebidas para que os cregos que oficiaron a misa tomasen “as once”. Se se trataba dunha viaxe real os gastos eran moi altos se, como lle ocorría ao mesmo concello, estaban no itinerario da viaxe; cando os duques de Montpensier visitan Marín no ano 1852, tivo que confeccionar tres bandeiras reais, un arco triunfal que se colocou na Ferreira, dous cadros con inscricións alusivas, oito camafeos para o arco, foguetes, músicos e gaiteiros, que importaron un total de 1.446,26 reais para boato da realeza borbónica.
Unha maior aproximación á economía dun destes concellos (Alba) podemos atopala neste artigo
Xosé Álvarez Castro
Historiador
Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia.
Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED.
VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥