Os cantos de taberna en Pontevedra

Ana Santos Solla
  1. Introdución

O obxectivo deste traballo é dar a coñecer os cantos de taberna e os grupos existentes no concello de Pontevedra e na súa contorna. Dado que se trata dun tema descoñecido para nós, utilizamos fontes bibliográficas (bastante escasas) e, sobre todo, realizamos entrevistas a diferentes persoas integrantes de grupos de cantos de taberna das cidades de Pontevedra e Marín.

As preguntas que nos formulamos foron:
— Cantos grupos hai en Pontevedra?
— Cando se formou cada grupo?
— Cal é o seu repertorio?
— Cantos días ensaian á semana e en que lugar?
— Cantos compoñentes ten o grupo?
— Quen é a súa persoa directora?
— Cal é a súa motivación para formar parte do grupo?

  1. Agradecementos

Este traballo non tería sentido sen a axuda inestimable das persoas integrantes das diferentes agrupacións de cantos de taberna. Queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas as persoas que colaboraron na realización deste traballo. A súa participación, entusiasmo e compromiso foron imprescindibles para levar a cabo este estudo. Moitas grazas a todas e todos.

Agradecer tamén a Leandro Lamas por deixarme utilizar a súa ilustración como cabeceira deste traballo.

  1. Descrición

3.1 Os cantos de taberna

Os cantos de taberna son unha manifestación artística e cultural do folclore galego, tradicionalmente asociada ás tascas e tabernas do rural. Xa Castelao, na súa obra Cousas (1926), fala destas cantigas espontáneas:

UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos…
…E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

…Os dous mariñeiros eran galegos.
…Tamén o taberneiro era galego.

Tamén temos rexistros nas gravacións feitas en 1952 por Alan Lomax, etnomusicólogo estadounidense que percorreu Galicia rexistrando cancións tradicionais.

Darío Xohán Cabana escribía no Romanceiro da Terra Chá (1984):

Tabernas da Terra Chá,
onde se fala e se fala,
bebendo grolos de viño
ou de augardente da lapa…

No ano 2016, Luis Torres Vázquez, autor do Repertorio Tabernario, define o canto tabernario como “todo aquel canto furtivo e espontáneo non sometido a máis regras que á sensibilidade, ao gusto, á entoación e ao ritmo, sen maior acompañamento que unha guitarra ou unha gaita”.

3.2 Grupos en Pontevedra

3.2.1 Maravallada

Grupo creado en 2010, dirixido por Roi Xesteira Serrano, cun repertorio de máis de 100 cancións. A súa filosofía baséase na voz como elemento principal, con acompañamento de gaita, acordeón, cunchas e pandeiretas.

Integrantes:
Miguel Casalderrey, Manolo Espiño, Xoán Vieitez, Luís Torres, Mirta Díaz, Mar Fernández Mujico, Beatriz Fernández, Otilia Carballa, Mariluz Rodríguez, Xaquín Moreda.

Ensaios: Mércores, de 20:00 a 22:00 h no Centro Social do Burgo (Pontevedra).

maravallada

3.2.2 Os Saljariteiros

Grupo de Marín creado en 2011, dirixido por Benito Salgado Delgado. Conta con 11 compoñentes, todos con experiencia en música tradicional. Repertorio de máis de 50 cancións.

Integrantes:
Jose Carlos (acordeón), Concha, Ramón, Vanessa (pandeireta), Marisol, Salvador (gaita), Carolina, Lara (pandeireta), Fernando, Ramón (pai), Benito Salgado (bombo).

Ensaios: Venres, 21:00 h no Multiusos do Mercado de Marín.

Os Saljariteiros_ Marín

3.2.3 Cantanascroas

Grupo creado en 2015, dirixido por Andrés Lorenzo (ex integrante de A Roda). Conta con 17 compoñentes e un repertorio de máis de 40 cancións.

Integrantes destacados:
Luis Pereiro (pandeiro), Miguel Lastra, Kike (bombo), Anxo (acordeón), entre outros.

Ensaios: Xoves, de 20:30 a 22:00 h no Centro Cultural Casa Verde de Salcedo (Pontevedra).

cantanascroas

3.2.4 Ghalos de Curral

Grupo creado en 2016, dirixido por Óscar Lope Vázquez. Composto por sete músicos cun repertorio diverso que inclúe cancións doutras culturas.

Integrantes:
Nuria Feijóo (violín), Jose Luis (laúde, violín, frauta), Xoan Vieitez, Manolo Espiño, Miguel Casalderrey, Toño, Jose Carlos.

Ensaios: Martes, de 21:00 a 23:00 h na Taberna Nasa (Pontevedra).

ghaloscorral

3.2.5 Chispas do Lérez

Grupo fundado en 2018, actualmente dirixido por Pepe Iglesias Buxán.

Integrantes:
Xoan, Adolfo, Lino, Venancio, Carmen Moledo, Marta Sánchez, Maruxa Ferreiro, Ramón, Pepe Luna, Sabino Chan, entre outros.

Ensaios: Xoves, de 21:00 a 23:00 h no Centro Social de Lérez (Pontevedra).
Repertorio: 30 cancións, preparando 9 máis.

os chispas do lérez

3.2.6 Sons da Pedreira

Grupo formado en decembro de 2023 no Centro Social A Pedreira. Dirixido por Irene Portela. Contan cun repertorio de máis de 30 cancións.

Integrantes:
Álvaro Franco, Gloria García, Xulio Simón, Pepa, Graciela Páramo, Teresa, Isabel Fernández, Luis Redondo, Leticia, Iván, Pilar, Eva, Feli, entre outros.

Ensaios: Xoves, 20:30 h no Centro Social A Pedreira (rúa Serra, Pontevedra).

sons da pedreira
  1. Reflexións persoais

Os cantos de taberna forman parte da nosa infancia e da tradición oral galega. A pesar da escasa documentación, a través das entrevistas e do traballo de campo descubrimos unha realidade viva e activa grazas ás agrupacións actuais.

Consultamos os fondos do Arquivo da Deputación de Pontevedra e da Biblioteca da USC sen atopar estudos específicos sobre esta tradición. Este traballo foi un reto, pero tamén unha oportunidade para coñecer a fondo un elemento fundamental da nosa cultura.

Os cantos de taberna teñen futuro asegurado no noso concello.

Agradecemento
Este traballo realizouse no marco da materia Música nas Culturas, da Universidade de Vigo. Quero agradecer moi especialmente ao profesor Luis Costa polas súas palabras de ánimo e apoio, e por compartir con tanta xenerosidade os seus saberes:

“Agradezo a vosa atención e dedicación á materia de Música nas Culturas. Espero que vos fose grata e proveitosa. Para min foi un pracer compartir con vós os meus discretos saberes e a vosa moita experiencia. Grazas moi sinceramente. A calificación do traballo é de 10. Anímovos a divulgalo de algún modo: internet, presentacións en centros de ensino aos rapaces e rapazas, etc.”

Unha vez máis, grazas, profesor, por inspirar a divulgar e valorar a música popular e as súas expresións culturais.

    1. Referencias bibliográficas e recursos en liña
    • Castelao, A. (1926). Cousas. A Coruña: Lar.
    • Cabana, D. X. (1984). Romanceiro da Terra Chá. Vigo: Castrelos.
    • Lomax, A. (1952). Gravacións en Galicia: YouTube
    • Torres Vázquez, L. (2016). Repertorio Tabernario. Vigo: A.C. Maravallada.
    • García, T. (2023). Artigo en El Español: Ligazón

    Páxinas web dos grupos:

    Ana Santos Solla

    Ana Santos Solla

    Profesora de Educación Física

    Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

    Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

    Arxentina

    Viaxe a Normandía, Vernon, Giverny, Rouen

    Campiña inglesa: Bath e Bristol

    máis artigos

    ♥♥♥ síguenos ♥♥♥