A primeira das frases que aparecen neste comentario son da autoría do poeta bíblico Isaías, que vivìu nos séculos VIII e VII a. C., e que para mellor exactitude completamos con estas palabras: “Porque chegará o día de Iaveh Sebaot para os altivos e soberbios, e para os altos e sublimes cedros do Líbano, e as naves de Tarsish, no intre de que a soberbia humana sexa abatida”.
Nese prominente Líbano, coetáneo co lugar do mesmo xeito denominado, houbo arredor do ano 3000 a. C., varias cidades-estado, tanto semitas coma cananeas, máis tarde denominadas fenicias, que, malia a cativeza dos seus recursos, comerciaron polo Mediterráneo, e fundaron importantes factorías, illas e asentamentos.
Antes xa do ano mil a. C., tales fenicios chegaron mesmo a traspasaren as lendarias Columnas de Hércules, -hoxe o Estreito de Xibraltar-, espallándose tamén tanto polo occidente da Península Ibérica coma pola mesma África, protagonizando, arredor do ano 600 a. C., o asombroso acontecemento de, seguindo instrucións do faraón Nekao II, chegar a circunnavegar tamén o inmenso continente que acabamos de indicar.

Lisboa dende o sur. Ao lonxe, á esquerda, o “Promontorium Ophiussa”, hoxe “Cabo da Roca”, anteriormente chamado “Promontorium Oestrimnio”, a dous días de navegación do Cabo Silleiro.

A atractiva Mariña de Eilat, dende onde na antigüidade fixéronse navegacións a redor de Africa.
Aproximadamente, ao mesmo tempo, documentos pùnicos recollían as exploracións entón efectuadas polos almirantes Hannón e Himilcón de Cartago.
Así mesmo son tamén admirables, se ben que en certos casos tamén dudidosas, as inscricións de navegantes localizadas no Brasil, entre elas unha descuberta no ano 1972, máis tarde perdida, da que se copiou o texto que, máis tarde, examinou o orientalista francés Ernest Renán, (1832-1892), quen a considerou coma simple falsificación. Porén, en 1967, reexaminada polo investigador norteamericano Cyrus Gordon, (1905-2001), aceptouse coma válida, chegándose entón á conclusión de que fora escrita polos membros dunha expedición de naves sidonias, ou de fenicios próximos á famosa Tiro, que partindo da tamén histórica Ezyon Gheber, hoxe a cidade israelí de Eilat, no golfo de Akaba, próxima ao Mar Vermello, parece que pretenderon repetir a navegación xa comentada de arredor de África do século 600 antes de Cristo, que foi esparexida polos ventos alíseos, ao chegaren ao Atlántico, o que as levou ao Brasil.

O Cabo Silleiro, con 197 metros de altura, dirixido cara ao norte. Fotografía tomada dende as murallas de Baiona.

As illas San Simón e San Antón, dende a praia de Cesantes.
Tal acontecemento sitúase a partires do ano 19 do rei Hiram III de Tiro, (552-532), ou arredor do ano 531 a. C., intre no que a Biblia recolle o acordo entre o mesmo e Salomón, (970-931), para a construción do Templo de Xerusalén, do que se salvou esta transcrición:
“Somos fillos da terra de Canaán, na Siria. Persíguenos o infortunio. É terrible estar inmobilizados deste xeito. Seguramente non nos queda moito tempo de vida. A desesperación xa se apoderou de nós, ¡e que desesperaciòn!. Pronto veremos o final do noveno e mesmo do décimo ano da nosa permanencia aquí. . . onde reina un calor espantoso. A pouca auga que hai para beber é moi mala… ¡É unha terra maldita!. A febre devóranos; semella un forno ardente. Non nos queda máis consolo que Baal. . . “

Auga dos Cebros (Oia). Primeiros barcos que se localizaron na Fachada Atlántica (2000 a. C.)

Labirinto de Mogor, Laxe dos Cebros. Anos 1800 – 600 a. C.
A segunda das frases dignas de lembrar pertence xa ao coñecido poeta de Bergantiños, Eduardo María Pondal Abente, (1835-1917). ¿Mais, cal será o confín dos Verdes Castros por el cantado? . . . Porque, son numerosos os que da fachada atlántica europea se coñecen, e se espallaron polos lugares máis asombrosos, e que vos recomendamos que examinedes entre as páxinas que se recollen neste traballo.
Se recorremos á obra do ano 2001 do coñecido arqueólogo, académico e profesor de arqueoloxía da Universidade de Oxford, Sir Barry Cunliffe, (Portsmouth, 1939), advertiremos que, nela, figura o seu mapa, “Castros of Gallicia”, no que indica cantos considera a partir da metade de Portugal, ata a Cantabria, amosando ao mesmo tempo a extraordinaria densidade dos mesmos que se dá a partir do río Miño, ata o Eo. O que nos abre o camiño que debemos seguir.
A arqueoloxía indica ademais que entre os séculos XIII e V a. C. foi así mesmo intensa a presenza fenicia en Portugal, detectándose ao mesmo tempo numerosos asentamentos, entre eles, e de sur a norte, os de Castromarim, Cerro da Rocha Branca, Abú, e Santa Olaia, este o máis setentrional de todos, situado na foz do río Mondego, onda Figueira da Foz, existindo ademais achados de navíos fenicios que visitaron as Rías Baixas entre os séculos VI e I a. C.

Panorámica dende a “Pena da Moa”. En primeiro termo “O Pindo”. Ao fondo, o Cabo Fisterra.

Un dos moitos cedros do Líbano.
Cóntase, ademais, coas insculturas de Oia, do período IX ao VII, -véxase o mapa-, ao norte da Guarda, coas súas inconfundibles embarcacións do mediterráneo oriental, das que no ano 2006 se descubriron tres exemplares máis, datados entre os anos 1800 ao 600 a. C., así como A Lanzada, Neixón (Boiro), baía da Coruña, e moedas feno-púnicas tanto da Estaca de Bares coma nos seus arredores.
Completa esta realidade o feito de que, baixo o Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, Vigo, o castro da Punta do Muíño de Vento conserva aínda un belo altar púnico. Así mesmo, nas Rías Baixas son numerosas as áncoras líticas orientais. Ao mesmo tempo tampouco se debe de esquecer que os fenicios comerciaban con cerámica, alimentos, roupa, traballos en metal, vidros, xoiaría, marfís, . . ., ademais do feito de que a principal veta estannífera de Europa, tal como o recolleron tanto Barry Cunliffe como a maioría dos investigadores, é a que se estende dende aproximadamente a nosa Costa da Morte, o Cabo Fisterra, as Rías Baixas, e as provincias de Ourense e Zamora.
En tales lugares debeu de descansar o interese dos fenicios en acadar o remoto confín dos Verdes Castros que, no ano 350 a. C., era un produto tan importante que estaba catro veces máis valorado que a prata.
Saudemos, pois, a estes fenicios que, ademais, souberon crear para a humanidade o extraordinario avance que a escritura alfabética supuxo.

Xoan Bernárdez Vilar
Historiador
Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega. Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como:
Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.
Xeografía do mito de Tristán e Iseu.
A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.
O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.
O rei Artur: Mito e realidade.
Ademais dedicouse tamén á narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83.
Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.
Chronica Hermerici
máis artigos
Revista do mes de Maio 2022 por José Antonio Pérez
by Xose Antonio Pérez Graña | Xuño 5, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 30 de Maio ao 5 de xuño 2022
by Ana | Maio 29, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 23 ao 29 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 21, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 16 ao 22 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 15, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 9 ao 15 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 8, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 2 ao 8 de Maio 2022 en Pontevedra
by Ana | Maio 1, 2022 | Actividades | 0 Comments
José Fernando Filgueira Iglesias por Ana Santos
by Ana | Xuño 19, 2022 | Historias de vida | 1 Comment
Encadernación Viñas por Peque González Nóvoa
by Peque | Maio 21, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
José Rivas Fontán por José Cerdeira Soto
by Jose Cerdeira | Maio 8, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luisa Vázquez Calvo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 17, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Nito Santiago Moreira por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 3, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Manuel Morgade Ríos por Charo Valcárcel Mato
by Charo | Marzo 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Mousse de chocolate por Ana Paula Brito
by Colaborador | Xuño 20, 2022 | Recetas | 0 Comments
José Fernando Filgueira Iglesias por Ana Santos
by Ana | Xuño 19, 2022 | Historias de vida | 1 Comment