por Charo Valcárcel

Os homes sen ollos

non ven as miserias cinguidas nas horas dos días eternos

e non ven o medo latexar nos corpos magoados,

nin as ansias doutra vida que agarda .

 

Os homes sen ollos

sentan nas cadeiras dos seus tronos vellos

e miran as súas concas baleiras,

pozos profundos nos que aboian

os oprobios e ignominias.

 

Os homes sen ollos

xa non senten a dor da carne allea,

das feridas abertas, purulentas,

que tallou a indolencia dos que miran a outro lado

 

Os homes sen ollos

cinguidos da soedade que os asedia

afúndena en mares de enganosa fatuidade,

e  viven na mentira do poder inesgotable.

                                               Charo Valcárcel

Poema publicado na revista Furman

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A vellez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥