Era agosto e todos os informativos abrían con novas de lumes forestais que ocupaban tamén as primeiras páxinas dos medios escritos, lumes que se consideraban imposibles de apagar e que se mantiñan día tras día queimando miles de hectáreas; este verán produciuse a maior vaga de lumes coñecida na Galiza y é que nunca, ningún ano, tiña ardido unha área tan grande; e aínda non sabemos como rematará. Os datos provisionais de superficie queimada que proporciona o Servizo de Xestión de Emerxencias COPERNICUS, superaban as 170.000 hectáreas en novembro, a maioría na provincia de Ourense; 4 dos lumes foron megaincendios de máis de 10.000 hectáreas; un chegou ás 30.000. Trátase dunhas cifras que non se atopan na nosa historia recente. No resto do Estado, e no resto do mundo, tamén se están a bater récords de lumes forestais que queiman millóns de hectáreas de bosques, matogueiras, pradarías e cultivos agrícolas. As emisións de gases de invernadoiro dos lumes están a aportar xa cantidades importantes e significativas á atmosfera e a degradación que se produce nos ecosistemas e nos solos como consecuencia dos incendios están a facer que os sumidoiros terrestres sexan cada vez menos eficaces.

Desde logo que era máis que lóxico agardar unha catástrofe desta natureza, tralas moitas advertencias que viñan facendo dende hai xa anos miles científicos expertos de centros de investigación de todo o mundo, anos nos que, tras constatar cambios no sistema atmosférico, podíase asegurar que isto ía suceder; porén, na sociedade parecía percibirse unha sensación de tranquilidade e de que as ameazas eran para un futuro moito más afastado no tempo, que aínda tardaría en chegar. Pero resultou que as consecuencias dramáticas da emerxencia climática xa están aquí. Quen o ía dicir!

Pero, que ten mudado para que, aparentemente de forma repentina, xurdan episodios de grande intensidade relacionados coa emerxencia climática? Que podemos agardar no futuro? Se falamos de incendios, debemos considerar os dous elementos que determinan a aparición e a propagación dos mesmos. En primeiro lugar, as condicións meteorolóxicas que os favorecen. As máis decisivas son a calor, a seca e o vento; e sabemos que estas tres situacións están a verse reforzados tanto en frecuencia como en intensidade. En segundo lugar, o combustible, a súa calidade, a súa continuidade e a súa cantidade. Neste sentido atopámonos na peor das situacións posibles. A Administración da Xunta de Galicia é a responsable do control do risco de incendios e da elaboración dunha política forestal de baixo risco e alta resiliencia mais, en troques, está a aplicar unhas directrices que agrandan o risco de desprotexeren os cidadáns e cidadás. Está a asumir o que poderiamos chamar neonegacionismo. Si, pois arestora xa é imposible negar a existencia dunha emerxencia climática diante das constantes eventos e catástrofes que afectan a todo o planeta; en realidade o que se fai é disfrazar de sostibles actuacións insostibles, de sumidoiros de CO2, actividades que emiten CO2, de conservación da biodiversidade, plans e normas que favorecen unha perda da mesma. De acordo con este neonegacionismo, a Xunta promove as plantacións de piñeiro e eucalipto, especies pirófitas que están condenadas a arder en próximos incendios, como xa arderon inmensas plantacións de piñeiro nos de Ourense en agosto, ou de eucaliptos e piñeiros que arderon en Chandebrito, Nigrán, no ano 2017.

Cando hai poucas semanas, a conselleira do Medio Rural anunciou a “flexibilización” da moratoria de plantación de eucalipto para o período 2025-2030, indicou que os seus obxectivos eran protexer e diversificar o monte e loitar contra o abandono. Este é un claro exemplo de neonegacionismo. Agora parece que estender o monocultivo dunha especie pirófita, o eucalipto, para satisfacer as necesidades dunha industria irresponsable, vai protexer e diversificar o monte e evitar o abandono. A quen se lle ocorre tal disparate?

incendios
Unha plantación de piñeiros arde nos Ancares o 17 de agosto deste ano.

xornais negacionismo
Todos os días atopamos nos xornais noticias que nos falan dos efectos da emerxencia climática pero tamén expresións do negacionismo e neonegacionismo climático.

Na nosa sociedade, desde o negacionismo e o neonegacionismo, moitos dos nosos políticos, os lobbys económicos, os creadores de opinión, non quixeron ser realistas nin parecen dispostos a selo, e seguen a subestimar artificiosamente e, en contra do coñecemento científico, as consecuencias previstas da emerxencia climática. Mantense funcionando un sistema que sabemos que é imposible de conservar no tempo e que cada vez afectará de modo máis demoledor ao benestar e á seguridade dos cidadáns. O recente informe sobre o medio ambiente en Europa de 2024, publicado en setembro de 2025 pola Axencia Medioambiental Europea, déixao claro cando asegura que: “Os efectos do cambio climático están aumentando e afectando gravemente á vida das persoas en todo o mundo, e os europeos sofren as consecuencias de secas, inundacións, ondas de calor e vagas de lumes forestais”.

Os danos dos megaincendios, dos grandes incendios (de máis de 500 ha.) ou dos incendios de menos de 500 ha. son inmensos; en primeiro lugar, a perda de vexetación, ecosistemas e sistemas forestais, perdas incalculables de biodiversidade ao morrer miles de organismos de todos grupos botánicos e zoolóxicos; moitos deles teranse extinguido para sempre e outros tardarán moito en recuperarse, moitos estaban xa en declive por impactos ambientais diversos como moitas aves e insectos, réptiles e pequenos mamíferos, parte esencial do sistema natural sen os que non poderemos vivir e que xa non están presentes en extensas áreas. Destrúense tamén as reservas de carbono orgánico do solo e da vexetación que regresa como CO2 á atmosfera, elimínase o solo fértil aumentando a pedregueira e perdéndose capacidade para soportar vexetación. Diminúe a capacidade para reter recursos hídricos e favorécese o carácter daniño das precipitacións que se fan máis torrenciais e máis destrutivas.

Segundo se afirmou recentemente dende o MITECO, existen 17 riscos de baixa reversibilidade identificados, entre os que se destacaban varios relacionados cos lumes forestais como a perda de biodiversidade, a degradación de ecosistemas e solos, a perda de superficie terrestre por erosión e a destrución de patrimonio cultural e natural. Advirte o informe, Evaluación de Riesgos e Impactos del Cambio Climático en España (ERICC-2025), de que estes impactos poderían ter consecuencias irreversibles sobre o territorio se non se adoptan medidas preventivas a curto prazo. Fica claro que o ministerio é pouco realista e excesivamente optimista ao falar calquera tipo de reversibilidade, facendo referencia a procesos que son absolutamente irreversibles como é a perda de solos que non se van recuperar máis que en períodos centenarios, co que non estarán presentes nas vidas das próximas xeracións e, xa que logo, non poderán soportar biodiversidade, producir recursos naturais ou almacenar carbono en formas orgánicas. Pero ocorre que os cambios nas condicións e na circulación atmosférica son, non só irreversibles a medio prazo, senón que seguirán evolucionando nun sistema retroalimentado no que reforzará o carácter inestable e a tendencia á elevación de temperatura no sistema. Vanse agravar e acelerar máis estes procesos aínda que, cousa pouco probable, se adopten medidas preventivas a curto prazo. Desde logo, dificilmente se adoptarán medidas eficaces de control das emisións de gases de efecto invernadoiro nun mundo no que crecen o negacionismo, a conflitividade e a inestabilidade.

Atopámonos moi probablemente xa nun camiño de imposible retorno. Non fan falla dotes de adiviño para predicir o futuro dos incendios forestais en Galicia; vanse producir megaincendios e grandes incendios cun enorme poder destrutivo; vanse producir danos ás persoas e ás súas propiedades; vaise perder solo fértil debido á diminución da cantidade de auga doce dispoñible. Non podemos asegurar se vai ocorrer o ano próximo ou o seguinte, ou outro máis adiante, mais hai un feito que está anunciado: teremos que vivir máis dunha grande catástrofe forestal nos próximos anos.

Incendio no Macizo central
A pesar de que as chuvias teñen sido moi febles xa se poden ver signos de erosión en zonas incendiadas no Macizo Central Ourensán (Foto de Amigas das Árbores)de 2022.
incendio
As frondosas autóctonas son especies que resisten mellor os incendios como estes carballos que manteñen o verdor no medio dun incendio que afectou a unha plantación de eucaliptos.

Pero iso si, teñamos claro que a única posibilidade de conservar o noso benestar e a nosa seguridade só é posible se nos mantemos activos fronte ás emisións de gases de invernadoiro que están a provocar a emerxencia climática.  Se queremos amortecer os danos e que afecten en menor medida ás xeracións futuras, debemos loitar pola defensa dos ecosistemas e pola adaptación dos nosos sistemas forestais e das nosas comunidades rurais, aprender a distinguir o que é resiliente do que é falsamente sostible, e denunciar tanto o negacionismo coma o neonegacionismo se queremos manter a esperanza nun futuro menos escuro que o que hoxe, de modo realista, podemos albiscar.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

O xenxibre do Himalaia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥