Agora que pasou o verán e está a terminar o outono, talvez sexa o momento de falar fría e desapaixonadamente dos incendios forestais, dos que se produciron e dos que se producirán, e das súas consecuencias. Este verán estremeciámonos todos polos lumes que queimaron polo menos 60.000 hectáreas en Galicia e que nalgún dos casos constituíron megaincendios nos que arderon superficies inmensas de máis de 10.000 hectáreas, no caso do incendio que afectou á zona do Courel arderon 13.500, si, 135 millóns de metros cadrados nunha zona simbólica ambiental e socialmente das nosas montañas interiores. A finais de agosto, Galicia concentraba o 24% dos grandes incendios, de máis de 500 hectáreas, de toda España cun total de 12.

O escenario parece novo, realmente este mes de xullo foi o máis cálido do planeta nos últimos 140 anos e, aínda que non se pode establecer unha conexión directa entre clima máis cálido e máis incendios forestais provocados, xa que por exemplo na Amazonía ten diminuído o número de incendios forestais nos últimos 20 anos aínda que se teñen producido incendios de grandes dimensións, as condicións para que se produzan os incendios son cada vez máis frecuentes e aparecen cada vez máis ao norte.

incendio 1

Nos últimos 10 anos os incendios van sendo peores, cada vez hai incendios de maiores dimensións e arden zonas onde os lumes apenas se producían antes. Dáse ademais o feito de que vai habendo máis e máis incendios desestacionalizados, fóra do verán, como ocorreu en Galicia no ano 2017 no que a maior parte da superficie queimada ardeu no mes de outubro cando os incendios provocaron tres vítimas mortais. Increméntanse as condicións que favorecen a ignición e a expansión do lume como as temperaturas máis altas, humidades relativas cada vez máis baixas, tormentas secas e refachos de vento de forza crecente fan que os incendios acaden maiores extensións. E estas condicións de incendio aparecen en calquera estación ao longo do ano.

incendio 2
Incendios no centro de Portugal en xuño de 2017, daquela faleceron 66 persoas como consecuencia dos lumes. En fronte un inmenso eucalipto, unha árbore que convive co lume.

En Galicia os lumes forestais son máis frecuentes e extensos comparando con outras zonas da península; neste mes de novembro, o Conselleiro do Medio Rural facía balance dunha campaña aínda non terminada e informaba de que levaban ardido 51.643 has. (debemos ter en conta que as autoridades responsables sempre proporcionan cifras falsas inferiores ás reais), o terceiro maior rexistro deste século tras os dos anos 2006 e 2017, e que se levaban producido un total de 1.609 incendios. A grande superficie queimada nalgúns destes incendios ten que ver coas condicións climáticas de baixa humidade con temperaturas extremas de ata 44ºC, vento e grandes tormentas secas que provocaron a ignición en moitos puntos co que se produciron un gran número de incendios simultáneos nas provincias de Ourense e Lugo, o estado do monte no que se acumulaban grandes cantidades de biomasa e a nocturnidade na aparición de moitos destes lumes. Nestas condicións as actuacións dos equipos de extinción vólvense case imposibles e frecuentemente teñen que centrarse na primeira prioridade que é a defensa dos núcleos habitados e o desaloxo cando se considera que existe perigo para os habitantes. Os lumes, xa que logo, esténdense a grande velocidade sen que sexa posible a extinción ata que se acade unha barreira natural ou artificial.

Todos nos sobrecollemos cando vemos un incendio ou cando temos noticia del polos medios de comunicación. Pensamos no sufrimento dos habitantes ou sufrimos nós mesmos a proximidade do lume, imaxinamos ou mesmo comprobamos o perigo para o persoal de extinción e os cidadáns, dóenos a vexetación e a fauna que se eliminan, os fumes que contaminan o aire, a desolación que sobrevén.

Os incendios son en verdade unha ameaza para a vida e a saúde das persoas nas zonas afectadas e para os traballadores dos equipos antiincendios, danan bens e propiedades e supoñen unha das máis importantes ameazas para a biodiversidade; ademais liberan grandes cantidades de fumes que teñen efectos para a saúde, de vapor de auga, metano e de dióxido de carbono que son os máis potentes gases de invernadoiro e contribúen polo tanto á agravar a emerxencia climática. Pero os lumes forestais teñen moitas máis consecuencias desastrosas que se multiplican pola superficie queimada, consecuencias importantes pero que resultan ser menos apreciables para a sociedade, cando menos directamente. Así supoñen grandes perdas económicas, en primeiro lugar polo propio gasto na loita contra o lume. Tras moitos anos de incendios tense organizado toda unha industria do lume que mobiliza grandes cantidades de diñeiro. Se se tivesen en conta todos os gastos que realizan os diferentes organismos, institucións e particulares acadariamos unha cifra que estaría moi por encima dos 100 millóns de euros en Galicia. A isto habería que sumar as perdas dos produtos forestais que se poderían recoller e os orzamentos que se teñan realizado para xestionalos. Tamén se poden engadir as perdas en recursos cinexéticos e pesqueiros no caso dos ríos na área queimada e nas zonas de litoral ás que chegan os diferentes produtos erosionados provocando unha grande mortaldade de moluscos e outros grupos de especies susceptibles de pesca.

É tal a sinrazón dos incendios forestais que todos nos preguntamos, como é posible? E tamén xorde outra pregunta, nada se pode facer? As causas dos lumes forestais, á parte das naturais que parecen estar a xogar un papel que aumenta en importancia, son múltiples e diferentes en cada zona e van dende inicio accidental debido a unha imprudencia ou ao descoñecemento ata os provocados polas causas máis diversas, dende as claramente patolóxicas ata os intereses económicos pasando polo uso do lume en situacións conflitivas pola propiedade ou os usos do monte. 

Incendio 3
Un incendio ocorrido este verán na Fracha, no concello de Pontevedra, desencadeou fortes procesos erosivos cando chegaron as chuvias. Os materiais erosionados acabaron no Río Gafos e na Ría de Pontevedra.

O problema é que, aínda que as campañas de concienciación e a persecución dos autores dos lumes probablemente teñen tido efectos na diminución dos actos de ignición, aínda quedan persoas dispostas a prender lume. As actuacións que se poden levar a cabo pasan por cambios na política e planificación forestal no sentido de adaptarse á emerxencia climática, elixindo especies adaptadas aos cambios que se están a producir, diminuíndo a extensión que ocupan as especies invasoras e as máis xeneradoras de combustible como o piñeiro ou o eucalipto, rompendo a continuidade das plantacións con bosques autóctonos con menor combustibilidade. A utilización de especies de ciclo longo que producen madeira de maior calidade e permiten conservar as paisaxes ecolóxicas, a mellora na valoración e consideración social dos sistemas forestais tamén contribuirán a crear montes máis resilientes e menos combustibles.

Existen moitas posiblidades, moitas medidas a adoptar, pero parece difícil que se adopten. O novo plan forestal galego ten entre os seus obxectivos o aumento en máis de 30.000 has. da superficie ocupada por unha pirófita, o piñeiro, e o mantemento das cerca de 600.000 plantadas doutra, o eucalipto; así será difícil conseguir que os grandes incendios deixen de ocorrer.

incendio 4
Imaxes de Google earth de 2003 e 2007 amosando como, en Santa María de Xeve, despois da vaga de lumes de agosto de 2006 e dos procesos erosivos conseguintes o solo desapareceu e quedou a rocha ao descuberto na zona. A ponte que se ve á dereita foi destruída polas riadas de outono de 2006 que arrastraron a unha persoa que foi rescatada.

O fenómeno, evidentemente, non é exclusivo de Galicia ou do Mediterráneo, en todo o mundo a superficie queimada e a gravidade dos lumes están a aumentar cada ano, e tamén as emisións de metano, vapor de auga e dióxido de carbono, os principais gases de invernadoiro. No mapa pódense ver os incendios que ocorreron no mes de xullo deste ano. Á parte do seu número, chama a atención que chegaron a zonas dentro do Círculo Polar Ártico onde eran raros como Siberia, Alaska ou Grenlandia. Algúns deles teñen incendiado solos de turba que poden arder sen chama durante meses e eliminar grandes depósitos de carbono que pasa á atmosfera como dióxido de carbono. En xeral os incendios favorecen os procesos de oxidación da materia orgánica retida nos solos co que non só se destrúen os depósitos senón que se facilitan os procesos de erosións que degradan a súa capacidade para soportar vexetación e, xa que logo, a zona perde capacidade para actuar como sumidoiro, para que poidan crecer plantas e árbores que retiran CO2 da atmosfera para incorporala aos solos.

Incendio 5
Incendios que se produciron entre o 2 e o 31 de xullo deste ano (FIRMS, NASA)

É dicir, a nivel planetario se pode comprobar unha tendencia máis que preocupante ao aumento do número, extensión e capacidade destrutiva dos incendios forestais, podemos dicir que a Terra é hoxe un planeta en chamas no que cada vez se dan mellores condicións para o lume co que cabe agardar incendios cada vez máis numerosos, máis grandes e con maior poder destrutivo. Estes incendios van acelerar procesos de degradación en toda a Terra, favorecendo a destrución de solo fértil, a eliminación de depósitos de carbono orgánico transformado en CO2, a perda de recursos hídricos, a perda de biodiversidade e de necesarios recursos para a nosa supervivencia. Pero ocorre ademais que a destrución de depósitos orgánicos dos solos e a emisión de gases de invernadoiro como CO2 e metano levan a un círculo vicioso que se retroalimenta, máis incendios provocan máis efecto invernadoiro e máis elevación de temperatura e polo tanto mellores condicións de lume que a súa vez fan aumentar o número de incendios. Con estas tendencias o noso futuro pinta bastante mal, está claro que, ou enfrontamos con contundencia os incendios e a emerxencia climática ou, máis ben pronto, o lume queimará os instrumentos para a nosa supervivencia. Que estamos a facer?

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Qué ves?

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥