A imaxe dos destinos turísticos convértese nunha peza clave para o éxito de calquera lugar que desexe facer do turismo unha actividade económica. É importante porque para o potencial turista moitas veces a única información que vai recibir é a procedente de fontes indirectas, e antes da revolución dos transportes e da chegada dos medios de comunicación de masas as vías para transmitir esas mensaxes eran ben escasas. Pero mesmo hoxe cando a información nos satura a imaxe é cada vez máis importante.
O turismo contemporáneo nos seus inicios no século XIX vencellábase co elitismo social e con lugares que tiñan a capacidade de transmitir a súa singularidade, ben polas súas paisaxes naturais ou humanizadas ben pola atmosfera que os envolvía e os facía merecentes da atención da selecta clientela. Daquela, os xornais e outras publicacións periódicas, sempre de lectura moi limitada, foron instrumentos utilizados para transmitiren os acontecementos que tiñan lugar na contorna deses centros de descanso. Eran frecuentes as noticias da apertura das tempadas de baño nas que se daba conta dos actos a celebrar e das personalidades asistentes. Tamén aparecían anuncios nos que se publicitaban os primeiros hoteis e os seus balnearios indicando os prezos e servizos ofertados. Neste ámbito pronto van xurdir os carteis como forma de visibilizar esa realidade que se movía sobre a nova actividade que representaba o turismo.
Parece que hai coincidencia en sinalar que foi Jules Chéret quen en 1866 comezou a producir en París carteis litográficos en cor, de aí que sexa considerado como o pai do cartelismo.
É bo lembrar que o século XIX trae significativas novidades ao campo da creación artística e que grandes pintores da época van pór a súa creatividade tamén no cartelismo. Tal vez o mellor exemplo sexa Toulouse Lautrec que chegou a facer 31 carteis (a penas viviu 37 anos) incluídos os famosos dos espectáculos parisinos como os que tiñan lugar no mítico Moulin Rouge que, por certo, fora o propio Chéret quen en 1889 deseñou o cartel que anunciaba a inauguración do establecemento (Barnicoat, 2000).

Jules Chéret 1889

Federico Ribas 1930
O desenvolvemento industrial en Galicia foi bastante serodio e de intensidade moderada. Ademais, desde o punto de vista social e cultural aínda había un claro dominio das formas tradicionais. Isto ten a súa tradución tamén na relación entre o turismo e a cartelaria. Os balnearios foron os primeiros lugares obxecto do culto turístico. Neste sentido acadou moita fama o de Mondariz. No ano 1880 inaugúrase a casa de baños que xa incluía aloxamento, se ben o grande hotel non foi aberto ata o ano 1898. Este centro de reunión ao que foron asiduos grandes persoeiros da época ten un primeiro cartel que máis que o interese turístico é unha alegoría das bondades das súas augas. O mesmo acontece, aínda que anos más tarde e cunha estética ben diferente, cun cartel de Federico Ribas das termas de Cuntis, que mostra a recuperación da fortaleza humana grazas aos efectos benéficos das augas. Con todo, este tipo de publicidade era máis propio da prensa escrita que da cartelaría.
Desde o século XIX van aparecer un novo tipo de manifestacións político-culturais. Son as grandes exposicións que se enmarcan no ámbito do nacionalismo que tanta transcendencia tivo nesa centuria. Galicia viuse afectada pola febre exhibicionista. A mellor mostra foi a Exposición Rexional galega que tivo lugar en Santiago en 1909, precisamente no primeiro ano santo do século; esta dupla celebración favoreceu o incremento de visitantes que as estatísticas sitúan en 140.000, cifra que non acadaría ningún xacobeo ata 1943. Co gallo do evento foi editado un cartel; do mesmo xeito o cartel gañador do concurso das festas de Santiago dese ano foi tamén utilizado para a promoción da exposición. En calquera dos casos, as imaxes representadas teñen pouca relación co significado de semellantes exhibicións nas que se daba conta do progreso técnico da sociedade. Pola contra, o que se representa forma parte da tradición e onde os elementos relixiosos teñen un especial protagonismo. Desde esta perspectiva o que se reflectía era unha visión aínda pouco concordante coa modernidade que se quería transmitir na exposición.

Francisco Lloréns 1909

Máximo Ramos 1909
Desde o punto de vista turístico tivo moita máis importancia a Exposición iberoamericana de Sevilla en 1929. Nesta data estaba recén creado o Patronato Nacional de Turismo que tivo un labor importante na promoción turística de España. A exposición foi vista como unha oportunidade para mostrar ao mundo latinoamericano a riqueza cultural e paisaxística e déuselle un especial protagonismo ao turismo. No caso do pavillón galego foi presidente da comisión organizadora o pintor Francisco Lloréns, quen tivo un interese particular por transmitir unha imaxe suxestiva e moderna de Galicia (Sobrino, 1993) e onde o turismo recibiu unha grande atención ata o punto de contar cunha sala propia.

Carlos Sobrino 1929

Federico Ribas 1930
As obras que se conservan da exposición iberoamericana non só teñen un gran valor artístico senón tamén turístico. A través delas podemos observar algúns dos principais puntos de interese para os visitantes: Santiago, A Coruña, Baiona, Viveiro, Mondoñedo, Combarro, Pontevedra, Betanzos, Vigo ou O Cebreiro. Cómpre destacar o peso que se lle dá ao mundo urbano tal vez para presentar esa Galicia moderna que se pretendía e que aparece ben configurada en Vigo ou A Coruña… Pero ao mesmo tempo encontramos continuas referencias a esoutra Galicia tradicional que se manifesta na omnipresencia do Apóstolo Santiago ou na vida mariñeira que aínda daquela era activa en Vigo, Pontevedra, Betanzos ou por suposto, Combarro. A ruralidade máis evidente é a do cadro de Mondoñedo, malia que o primeiro plano da estrada está a nos evidenciar o protagonismo que vai adquirindo o automóbil. É interesante tamén a representación do Cebreiro e o simbolismo que lle quixo dar o autor ao entroncar coa tradición artúrica (Sobrino, 1993).
En paralelo coas exposicións como escaparates para mostrar as belezas e os progresos dun país, tamén as cidades e as vilas aproveitaron as súas festividades locais para ofreceren a súa fachada máis amable e chamar a atención dos visitantes. Os carteis e os programas de festas deixáronnos famosas estampas de bañistas ou a práctica de deportes acuáticos. O uso que durante varios anos da década de 1930 se fixo do slogan Coruña, clima ideal ou cidade ideal ou cidade de veraneo está a nos trasladar a ese período no que as praias mornas do norte da península eran o centro da moda nos meses estivais. De todos os xeitos tamén encontramos outros anos nos que se repite a silueta do pazo de María Pita xunto coa muller vestida co traxe de galega ofrecendo un panorama que podemos enmarcar nunha estética máis repetitiva e pouco interesante.
Tamén Vigo vai querer mostrar ese toque de distinción que se asocia ao veraneo. O mar, a elegancia feminina e os deportes náuticos van ser unha constante en moitos carteis e programas das festas de verán da cidade olivica. Algún exemplo aillado como o cartel das festas de Ferrol de 1934 parécenos de gran valor ao saír dos canons do folclorismo e plasmar as relacións entre a función militar e os propios habitantes da cidade.

Álvaro Cebreiro 1930

Ricardo 1934
Pola contra, urbes como Santiago van ser moi reiterativas nos temas tradicionais, que no caso de Compostela móvense sempre ao redor da figura do apóstolo e da catedral. Mesmo o do ano 1936, no que xunto a bandeira republicana aparece a galega, o recurso á catedral segue presente, se ben o gaiteiro e o neno co tambor sustitúen á ubicua muller co traxe rexional. Este interesante e comprometido cartel en realidade completa un anterior tamén de Díaz Baliño, correspondente ao ano 1932 e que é unha composición moi parecida mais sen a presenza das bandeiras.

Díaz Baliño 1932

Díaz Baliño 1936
Despois da guerra, nos difíciles anos 40, hai outras moitas localidades que se suman á cartelaría festeira, aínda que case sempre con temas recorrentes nos que a muller vestida co traxe de galega é absolutamente reiterativo. Porén resultan interesantes neste ambiente algunhas excepcións como o das festas de agosto da Coruña do ano 1946, cunha visión máis moderna cá media

Crea 1946
Ou o orixinal cartel de Ourense de 1955 que xogando con elementos típicos como a gaita ofrece unha novidosa composición. Esta mesma cidade utiliza con certa frecuencia tópicos andaluces, como é o caso do cartel de 1951 ou o de 1932

Carpo 1955

Veiras 1951
Facer turismo era posible grazas aos avances tecnolóxicos aplicados á locomoción que fixeron que primeiro o tren e logo o coche incrementaran a mobilidade das persoas. Polo tanto o tren vai ter unha especial relevancia no desenvolvemento turístico. Aínda que para o caso galego este modo de transporte chegou tarde e mal, encontramos algúns exemplos interesantes como o cartel do ano 1900 dos camiños de ferro do norte que, utilizando unha composición en cuadrantes moi típica neste tipo de presentacións, nos ofrece “viaxes de recreo económicas e trens rápidos ás praias e balnearios do norte”
En cada un dos cuadrantes se representan os destinos turísticos máis na moda da España setentrional: San Sebastián e Santander, con referencia explícita ao Sardinero. Asturias ofrece o romanticismo da montaña presidida por Covadonga aínda que nun recadro pequeno podemos ver Xixón. Finalmente no canto inferior dereito Galicia representada por A Coruña insire a imaxe menos turística ao ofrecer o bucolismo dunha labrega coas súas vacas, tan só a paisaxe mariñeira do fondo coas siluetas dos barcos de vela introdúcenos no mundo do turismo.

A. Ponchín 1900
Ademais do tren, o coche tamén vai ser recorrente nos carteis turísticos das primeiras décadas do século XX. A súa aparición foi vista como unha oportunidade para viaxar, para facer turismo. Neste ámbito encontramos algún cartel no que a pesar de se publicitar as marcas dos automóbiles o que se quere transmitir é a modernidade que representa este modo de transporte. Parécenos moi interesante o cartel editado en 1930 polo Patronato Nacional de Turismo co título de Rías Gallegas, Lugares de ensueño. Nel observamos en primeiro plano un coche que está a dar aos seus dous ocupantes o pracer de coñecer outros sitios. A modernidade que se plasma no coche, no vapor que cruza a ría e no veleiro contrasta co romanticismo das tradicións que se visualiza a través do hórreo e co bucolismo da paisaxe.
Tamén nos anos 30 temos outros carteis de extraordinaria significación no que o recurso ao coche está presente, marcando así a contemporaneidade do invento. La Coruña, ruta de turismo mostra, xunto coa silueta da península onde se localiza a cidade, un moderno vapor pero sobre todo un coche no primeiro plano; infelizmente esta proposta de Alvaro Cebreiro, como outras moitas, nunca chegou a se converter en cartel.

Álvaro_Cebreiro 1930

Federico Ribas 1930
Ao longo da historia do cartelismo en Galicia, Santiago e a catedral van ser dous dos recursos reiteradamente representados. Así no ano santo de 1926 no cartel que anuncia unha peregrinación galaico-catalano-aragonesa, a vista do templo desde a alameda compostelá centra a composición artística. Un ano máis tarde a compañía española transcontinental tamén mostra a impresionante fachada do templo e cun texto en inglés fai referencia ao mesmo como a Meca do Occidente. En 1929 é o recén creado Patronato Nacional de Turismo quen cambia o Obradoiro polas Praterías nunha escena absolutamente costumista que reafirma a visión máis tradicional que domina a cartelaría santiaguesa.

M. Barrenechea 1926

Josep Segrelles 1927

Carlos Sobrino 1929
Máis tarde, no ano 1943, Morell un dos grandes cartelistas da época, une o apóstolo e a catedral nun cartel que foi recuperado para o ano compostelán de 1948. Novamente a figura do peregrino e diferentes perspectivas da catedral aparecerán nos carteis de Juan Luís en 1943 e de Lorenzo Perales de 1948.

Morell 1943

Morell 1948

Morell 1954
Da carteleria oficial do Ministerio correspondente ao periodo que vai ata 1950 non existe moito material. De interese podemos facer referencia a dúas obras, a primeira de Morell de 1941 que coas rías de fondo mostra no primeiro plano un conxunto de tres hórreos. De 1945 o cartel Visitad Galicia y sus bellezas que recorre de novo aos tópicos máis usados do momento como é a muller vestida de galega. Tamén de 1945 Morell ten un cartel co único texto de España e que podería ser de Galicia pola paisaxe mariña do fondo, polo hórreo coas cabazas e a muller co cesto de peixe e o cántaro de leite na cabeza.

Morell 1941

Teodoro Delgado 1945

Morell 1945
Este artigo é un resumo dun capítulo, Os inicios do cartelismo turistico en Galicia, do libro Galicia en Cartel publicado no ano 2005 pola Universidade de Santiago de Compostela.
Todas as fotografías pertencen a edición deste libro agás a do Moulin Rouge que foi sacada da súa páxina Web

Bibliografía:
AREAL ALONSO, P (1998): A arquitectura dos hoteis de Vigo no cambio do século (1850-1950). Santiago, Xunta de Galicia.
BARNICOAT, J (2000): Los carteles. Su historia y su lenguaje, Barcelona, Gustavo Gili, 5ª ed.
BOYER, M. (2003): História do turismo de massa, Bauru, Salvador, EDUFBA, EDUSC.
CARULLA, J e CARULLA, A (1995): España en 1000 carteles, Barcelona, Postermil.
ESTEVE SECALL, R. (2002): Turismo y religión. Aproximación a la historia del turismo religioso, Málaga, Universidad.
FERNÁNDEZ FUSTER, L. (1991): Historia general del turismo de masas, Madrid, Alianza.
INSTITUTO DE ESTUDIOS TURÍSTICOS (2000): Catálogo de carteles oficiales de turismo del Centro de Documentación Turística de España, Tomo I (1957-1979), Tomo II (1980-2000), Madrid, Ministerio de Economía y Hacienda.
LOBO, P. (Coord.) (1987): Carteles turísticos madrileños, Madrid, Consejería de Trabajo, industria y comercio.
MIRALLES-GUASCH, C (2002): Ciudad y transporte. El binomio imperfecto, Barcelona, Ariel.
MOITAL, M., PERES, R. e COSTA, C. (2005): “Lisbon as a city break destination: competitive analysis as perceived by London travel agents”, en Revista Turismo e Deselvolvimento, vol. 2, nº 1, pp. 67-80.
MONTURIOL, A. e VIDAL, D. (Dir.), (2003): Imatge i dstí. Cartells turistics de les comarques gironines, Girona,Museo d’Art.
OMT (2002): “Previsiones mundiales y perfiles de los segmentos de mercado. Turismo: Panorama 2020”, vol. 7. Madrid.
PATIÑO ROMARÍS, C. (2002): A illa da Toxa, Pontevedra, Deputación.
RODRÍGUEZ BERNAL, E. (1982): La exposición Ibero-Americana de Sevilla de 1929 a través de la prensa local. Su génesis y primeras manifestaciones (1905-1914), Sevilla, Diputación.
ROZA CANDÁS, M. (1995): Los balnearios marítimos en Asturias (1848-1935), Gijón, Fundación Alvargonzález.
SOBRINO MANZANARES, Mª L. (1996): O cartelismo en Galicia. Desde as súas orixes ata 1936, Sada, Edicións do Castro, 2ª ed.
TAYLOR, P. (1994): Geografía política, Madrid, Trama.
TUGORES i TRUYOL, F. (Coord.): Welcome! Un siglo de turismo en las islas Baleares, Palma de Mallorca, Fundación La Caixa.
URRY, J. (1996): O olhar do turista. Lazer e viagens nas sociedades contemporáneas, São Paulo, Studio Nobel.

Xosé Santos Solla
Catedrático de Xeografía na USC
Xosé Manuel Santos Solla, catedrático de Xeografía Humana na Universidade de Santiago. Fixo a súa tese doutoral sobre os viños e os viñedos de Galicia (publicada pola Deputación de Pontevedra no 1992). A súa traxectoria investigadora centrouse, con posterioridade á tese, nos estudos turísticos, aínda que sen deixar o interese polo mundo rural. Desde o punto de vista da investigación ten publicados libros e artigos en revistas de prestixio internacional como Tourism Management Perspectives, Marine Policy ou Landscape Research.
Foi director do Centro de Estudos Turísticos da USC e realizou estadías de investigación na Universidade de Edimburgo e na UQAM de Montreal, entre otras.
máis artigos
Actividades do 25 de setembro ao 1 de outubro 2023
by Ana | Setembro 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 18 ao 24 de setembro 2023
by Ana | Setembro 17, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 11 ao 17 de setembro 2023
by Ana | Setembro 10, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 4 ao 10 de setembro 2023 #devellabella#
by Ana | Setembro 2, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de Xuño 2023 por José A. Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Xullo 13, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de maio 2023 por José A. Pérez
by Xose Antonio Pérez Graña | Xuño 4, 2023 | Actividades | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Guillermo Campos Piñón por Ana Santos -devellabella-
by Ana | Xuño 29, 2023 | Historias de vida | 1 Comment
Marisol Mato Taboada por Ana Santos
by Ana | Xuño 11, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Intolerancia por Jesús Gayoso Álvarez
by Colaborador | Setembro 24, 2023 | Articulos | 0 Comments
Ateneo de Pontevedra por Xaime Toxo
by Colaborador | Setembro 17, 2023 | Literarias | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
A educación por Jose María Solla Casqueiro
by Colaborador | Setembro 16, 2023 | Fotográficas | 0 Comments