Os Maios en Pontevedra

Manuel Lastra

(Ben veñas, maio. O mellor mes de todo o ano)

Cada primeiro de maio, a praza da Ferraría de Pontevedra convértese nunha festa chea de ambiente e colorido, son os maios. A orixe desta festividade é moi antiga, mesmo prerromana. Todos os pobos campesiños conmemoran a chegada da primavera con actividades festivas que celebran a alegría da volta do ciclo agrícola e o renacer da terra.

Os maios non son exclusivos de Pontevedra, tamén hai maios en Marín, Poio, Vilaboa… e en moitos outros lugares de Galiza e o norte de Portugal. Pero cada un deles ten as súas características propias. En Ourense celébrase o día tres e realízanse verdadeiras esculturas vexetais. En Poio adoitaban ter forma de barco.

Maio de Pontevedra Fotografía de juantiagues

En pontevedra o maio é unha estrutura de forma cónica que representa unha árbore. Ten un esquelete de madeira ou canas que se cobre de fiuncho e adórnase con flores (pampullos, camelias, calas…) e tamén con laranxas e ovos… e culmínase coa coroa, auténtica escultura floral que remata o maio. A importancia da coroa é tal que ultimamente é frecuente que se independice do maio e se exhiba aparte. Toda a estrutura repousa nunha plataforma con asas para facilitar o seu movemento e transporte. Arredor do maio xiran uns nenos e nenas cantando coplas de carácter satírico que tamén reciben o nome de maios. Estas coplas son alusivas á realidade local do momento: actualidade política e social, denuncia de situacións ou carencias, etc. Un solista canta as coplas e o coro repite o refrán ou retrouxo mentras se acompasa facendo chocar dous cilindros de madeira que producen un son rítmico moi característico. As coplas impresas en follas soltas son repartidas entre os asistentes a cambio dunha propina. Un xurado vai premiar tanto a feitura do maio como da coroa ou o acertado das coplas e a interpretación.

Nas terras de Pontevedra tamén é costume poñer un ramo de xesta florida nas portas das casas e nos coches. A ese ramallo tamén se lle chama “maio” e ten unha clara función protectora a modo de talismán.

O costume dos maios ten múltiples repercusións literarias, pero sen dúbida a máis coñecida é o famoso poema O maio de Curros Enríquez de Aires da miña terra (1880) no que un grupo de nenos visita a un campesiño pobre para cantarlle un maio a cambio dunhas castañas secas. O home non pode darlles nada porque nada ten pero recíbeos amablemente e pídelles que lle canten un maio diferente: un maio no qe non exista todo aquilo que oprime aos pobres: explotadores, impostos, xuros, preitos, fame ou cregos. Daquela si que chegaría realmente o maio para el.

Como na maioría dos poemas de Curros a temática social aflora por riba do costumismo, Este poema foi magnificamente musicado e interpretado por Luís Emilio Batallán.

O MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto …

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! …

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero …

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? …
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra (1880)

Manuel Lastra (Maio 2021)

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

O Gato

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥