En Hastings na costa sur de Gran Bretaña desenvolvéronse dúas grandes batallas da historia de Inglaterra. A primeira tivo lugar o 14 de outubro do ano 1066, cando o exército franco normando, dirixido polo duque de Normandía, Guillermo II o Conquistador, despois de desembarcar na costa británica, esnaquizou un exército saxón que se enfrontou a el, mandado polo rei Harold II. Esta batalla significou o comezo da conquista de Inglaterra por parte dos normandos e así mesmo o comezo dunha nova era para este territorio.
Xusto oitocentos noventa e oito anos despois, en maio de 1964, desenvolveuse a segunda batalla de Hastings. Nela, durante unha longa fin de semana, dúas tribos urbanas xuvenís, os <<Mods>> e os <<Rockers>>, invadiron as praias do sur de Inglaterra e enfrontáronse por toda a costa entre Brighton e Hastings. Un dos contendentes desta segunda batalla de Hastings os <<Mods>>, son os protagonistas desta historia.
O movemento <<Mod>>, acrónimo de <<Modernism>>, foi unha subcultura urbana de gran complexidade que xurdiu a finais dos anos cincuenta e que estivo de moda en Inglaterra na primeira metade dos anos sesenta. Unha definición desta corrente deuna Peter Meaden (manager de The Who e unha das figuras deste movemento), <<Mod é un aforismo para vida limpa en circunstancias difíciles>>.
Hai varias versións sobre a súa orixe. Uns din que foi promovido por mozos de clase media-baixa, con familias que estaban relacionadas con negocios de xastrería, en concreto co estilo italiano. Outros, como o sociólogo Simon Frith, aseguran que xurdiron a partir da <<Beatnik Culture>> que tivo gran predicamento entre os estudantes de arte interesados no existencialismo, os poetas beat e o jazz moderno. Estes mozos estudantes, pululaban polos cafés e locais do Londres máis underground.
Os antecedentes habería que buscalos no movemento <<Teddy Boys>> británico dos anos 50 do século pasado, unha das primeiras subculturas urbanas británicas. Os <<Teddy Boys>>, eran mozos entregados ao Rock and Roll e ao Rhythm and blues e que vestían cunha roupa inspirada nos dandis do período eduardiano. Este estilo dérase en Inglaterra na primeira década do século XX, durante o reinado de Eduardo VII (1901-1910).
Os <<Mod>> empezaron a finais dos anos 50, sendo un grupo urbano de culto, moi minoritario. Eran mozos que se movían semiocultos en pequenos clubs de jazz e blues do Soho de Londres. Co tempo, estes pequenos grupos, chegaron a converterse na Illa británica na tendencia estética e mundial predominante na primeira metade dos anos sesenta.
Os membros desta subcultura eran adolescentes que afrontaban a vida cunha actitude positiva e onde a estética era algo fundamental na súa forma de ser. Un aspecto moi importante para eles era o concepto de amizade. O cal facía que enlazaran un individualismo exacerbado cun sentimiento de pertenza ao grupo, á tribo, que lles daba un punto de fraternidade e confianza que os facía ser máis fortes. <<Mod é a forma curta de dicir: mozo, guapo e estúpido. Todos estivemos aí>> (Pete Townshend, guitarrista de The Who).
A inmensa maioría dos “mods” eran rapaces de clase media baixa e de poucos recursos. Moitos deles deixaban os estudos na adolescencia para pórse a traballar. O normal era que conseguiran empregos pouco cualificados, de escaso nivel social e moi mal pagados. O principal motivo de abandonar os estudos era poder pagar a roupa e comprar unha <<Lambretta>>, a moto que era un dos seus signos de identidade.
Na cultura <<Mod>>, había un par de cuestións que eran fundamentais. A primeira, como xa se dixo, a imaxe e a aparencia física. Querían ser o máis do máis cool. Soían ir a locais londinenses que frecuentaban estudantes franceses, para observalos e plaxiarlles o <<look>>. Aos <<mods>> encantáballes todo o que viña do continente, sobre todo de Francia e Italia. Eran fanáticos de filósofos, escritores, cineastas e incluso deportistas e marcas de todo tipo.
Levaban o cabelo curto <<estilo tazón>>, ou con raia ao lado. Vestían chaquetas feitas a medida, loxicamente os que podían pagalas, que levaban tres ou catro botóns e de lapela estreita. As camisas eran de colo curto rematado tanto en punta como redondeado e gustáballes moito empregar xemelgos. Levaban habitualmente a gravata con nó moi estreito. No que respecta ao calzado usaban mocasíns de distintas cores e mesmo podían ser de pel de crocodilo. Non desprezaban tampouco a roupa de marca, como podían ser os polos Fred Perry, os pantalóns Levi`s con pequenas dobreces ou os zapatos Clarks e Hush Puppies. Pero a realidade era que moitos deles utilizaban traxes de corte barato, posto que non soían andar sobrados de cartos.

A imaxe do <<mod>> non se pode comprender sen a moto: a Scooter <<Vespa ou Lambretta>> de orixe italiana, que podía ser con ou sen sidecar. A moto permitíalles moverse por toda a urbe londinense e ademais era máis barata ca o automóbil. Personalizadas ata o imposible, levábanas acuguladas de espellos retrovisores ( para cachondearse dunha lei que obrigaba a levar un en cada moto), faros, bucinas, etc.
Debido ao clima máis ben desapacibre de Londres, usaban a parka do exército estadounidense con multitude de adornos e símbolos entre os que non podía faltar a bandeira británica. En moitos caso esta prenda estaba totalmente desgastada por efecto do duro clima da capital.
Se ben polo día podían levar, de feito levaban, unha vida anódina cos seus traballos servís e mal pagados, pola noite, coas súas Scooters, a súa roupa a medida e ateigados ata o cocote de anfetaminas e de café expresso, percorrían freneticamente a cidade dun local a outro do barrio londinense do Soho. Nese momento estes adolescentes eran literalmente os reis da noite. Segundo a revista <<Sunday Times>> a vida do <<mod>> consistía basicamente <<en saír a clubs os sete días da semana>>.


As <<Modettes>>, eran a versión feminina. Eran mozas que, nun principio, levaban roupas de tipo masculino, pero pouco a pouco e segundo avanzaron os anos sesenta, foron cambiando as súas vestimentas influenciadas polo <<Op Art>>. Entón os seus vestidos pasaron a estar decorados con formas xeométricas, propias deste estilo artístico, e a ter moitas cores e, sobre todo moi luminosas. Non faltaban os traxes de saia e chaqueta sen mangas para poder bailar máis libremente. A saia sempre por debaixo dos xeonllos. As verdadeiras <<modettes>> non usaban minisaia. Gustábanlles moito os abrigos de plástico, pero podían ser doutros materiais como coiro ou ante. O cabelo adoitaban levalo liso con raia ao medio ou corte de pelo ao garçón. A modelo Twiggy, moi popular nos anos sesenta, foi un icono destas mozas.
Os “Mods” querían ter o mellor do mellor. Querían ser os máis “cool”. Ter a mellor roupa, a mellor moto, escoitar a mellor música, etc. Pero non significa que todo isto tivera que ser o máis caro, xa se dixo que non andaban sobrados de cartos, nin tampouco o máis popular. Ao contrario, gustáballes ser moi exclusivos. En moitos casos nos seus discos tapaban con cinta adhesiva o nome do grupo para que ninguén máis os coñecese. E se o disco, e mesmo o vestiario, se facían populares, perdían o interese e abandonábano porque xa non podían rumbar con el no barrio cos amigos. Neste sentido eran sumamente ególatras.
Jimmy Cooper, o personaxe do filme <<Quadrophenia>>, fai unha definición perfecta <<Eu non quero ser coma os demais, por iso son un mod>>.

Para os <<mods>>, a música era o máis importante. Era parte esencial da propia estética desta subcultura. Eran uns adolescentes que crían estar descubrindo e inaugurando un novo mundo. Mozos e mozas que desexaban vivir a vida a toda a velocidade que lles permitía a Scooter e as correspondentes anfetaminas, que lles facilitaban aguantar bailando dun club a outro durante toda a noite os sete días da semana. Estes mozos estaban abertos a unha gran variedade de estilos musicais que tiñan en común ser sempre unha música moi bailable. Esta música, os <<mods>> fixérona súa. Primeiro, porque era rara e orixinal; segundo porque era de e para a clase traballadora; e por último, e sobre todo, porque era moi <<cool>>.
Nun primeiro momento, a finais dos anos 50, os primeiros mods, comezaron a escoitar o Jazz moderno que chegaba de América, frecuentando pequenos locais do West End londinense. Máis tarde entregáronse ao Soul con auténtica paixón, sobre todo debido ao seu amor pola música bailable, vida do outro lado do Atlántico. Seguíronlle o Bogaloo, música de orixe latina que fusiona ritmos afrocubanos con soul estadounidense e que se pode cantar tanto en inglés como en español. Non desprezaron tampouco o bailable Ska xamaicano, que en moitos casos era importado pola poboación inmigrante da illa caribeña que chegaba a Inglaterra. Pero os dous estilos musicais que os <<mods>> abrazaron con verdadeiras ganas foron o Blues e o Rhythm & Blues, ambos os dous mesturados máis tarde co Soul.
Ata que o gran Moody Waters fixo unha xira por Inglaterra coa súa guitarra eléctrica o Blues para os ingleses era acústico e rural. Pero a partir dese acontecemento, ano 1962, unha serie de bluesman ingleses empezaron a electrificar os seus instrumentos e a reunirse e tocar Rhythm & Blues no <<Ealing Club>>, o primeiro club deste estilo que houbo en Londres. Neste local comezaron a dar os seus primeiros pasos músicos lendarios como Eric Clapton, Eric Burdon, Rod Steward, Pete Tomwsend, Jimi Page e o núcleo duro de The Rolling Stones. Este estilo musical comezou a ter un auxe tremendo e só un ano despois podían contarse por centos os grupos de Rhythm & Blues británico. Máis adiante, mesturouse coa <<música beat>> e estendeuse a outras cidades do norte como Manchester ou Liverpool. Moitos destes grupos que se ían consolidando eran seguidos con verdadeira fruición polos <<mods>>. Entre eles estaban os <<Small Faces>>, probablemente o máis auténtico grupo mod de todos eles, <<The Who>>; <<The Kinks>>; <<Spencer Davis Group>>; <<The Animals>>; <<The Zombies>>; <<Gerry and The Pacemakers>>; e <<The Creation>> entre outros.
Unha gran parte da música que escoitaban os <<mods>> era a través da radio. Pero había un problema, a emisora gubernamental tiña o monopolio da emisión e practicamente non programaba nada para eles. Comezou entón un feito moi curioso e foi que empezaron a xurdir e proliferar as <<radios piratas>>. Eran emisoras sen licenza, pero con intereses comerciais, que transmitían desde vellas embarcacións ou mesmo desde plataformas petrolíferas abandonadas que se situaban en augas internacionais. Esta primeira metade da década dos sesenta foi a época dourada deste tipo de emisoras que programaban a música que querían escoitar estes mozos. Foron desaparecendo debido a distintos factores, entre eles un escuro caso de homicidio sucedido entre os directores de dúas delas. Tamén influíu que a radio e a televisión gubernamental empezaron a prestarlle atención a estes mozos ávidos de escoitar estoutra música. Grande éxito de audiencia entre o público xuvenil <<mod>> tivo o programa de televisión <<Ready Steady Go>> cuxa presentadora, Cathy McGowan, chegou a ter status de icono <<mod>>, entre outras razóns por ter acento de clase obreira.
Xa se escribiu que aos <<mods>> encantáballes a música bailable e polo tanto os bailes. Neses anos popularizáronse uns cantos deles. Algúns eran absolutamente demenciais. O máis famoso de todos foi o <<twist>>. Normalmente calquera mozo ou moza mod, en calquera club mod, poñíase a bailar cunha coreografía inventada por el ou ela. Na maioría dos casos pasaban desapercibidos, pero de vez en cando o resto da cuadrilla imitábao e durante unhas semanas corríase a voz e todos querían bailalo. Estes bailes adoitaban bailarse en solitario, en parella (do mesmo ou de distinto sexo) e/ou en grupo. Todo isto sen contacto físico. Os bailes mods descartaban totalmente o contacto físico. Máis ou menos tiñan dous requisitos fundamentais: un era a rapidez (non esquezamos a afección que esta xente tiña polas anfetaminas) e o outro que se puidera bailar en espazos pequenos e abarrotados como eran os clubs aos que acudían
A hostilidade entre os <<Mods>> e os <<Rockers>>, que culminou en <<a segunda batalla de Hastings>, comezou en maio de 1963. Nese ano produciuse o primeiro enfrontamento entre ambos os dous grupos, cando dous pequenos “exércitos” atopáronse no medio da pista do local Lyceum Ballroom de Londres. Só foi unha escaramuza pero, de igual forma, foi un agoiro da futura guerra.
A orixe desta rivalidade sería a diferenza de estilo de vida a todos os niveis entre ambas as dúas tribos. Os dous grupos tiñan unha orixe económica e social similar. Eran de clase media baixa ou humilde. Pero a forma de vestir, o hedonismo na forma de afrontar a vida dos mods, facía que os rockers os considerasen uns “pijos” que o único que desexaban era presumir de roupa cara de marca e de pretender ser moi orixinais. Pola contra os propios rockers, ademais de ser fanáticos do puxante Rock and Roll norteamericano dos anos cincuenta, sobre todo o rei <<Elvis>>, levaban peiteado topete, usaban pantalón vaqueiro con dobrez abaixo, chaquetas de coiro e zapatillas brancas rotas. En comparación cos mods, vestían bastante deslucidos. Os seus vehículos tamén se diferenciaban. Utilizaban <<motos café racer>> que eran de estrada, rápidas, con gran potencia e personalizadas a partir de modelos de serie.
A violencia entre estas subculturas, que se ben é certo nun principio non existía, foi xurdindo pouco a pouco a medida que ían coincidindo nos locais de ocio. A importancia dos medios de comunicación no fomento deste odio, foi trascendental.
A finais de marzo de 1964 producíronse os primeiros enfrontamentos serios en Clacton, Essex, saldándose a liorta con 94 detidos e os corresponnentes danos no mobiliario urbano e nos hoteis da cidade. Semanas máis tarde, no mes de maio, a loita trasladouse a toda a costa entre Hastings e Brighton, onde se produciron os enfrontamentos máis graves, os coñecidos como <<a segunda batalla de Hastings>>.
Esa zona da costa sur de Inglaterra ten un clima bastante benigno para o que soe ser o normal na illa, polo tanto, fórase convertendo na zona de turismo de fin de semana e festivos da clase media londinense. Por esa zona empezaron a pasearse ambos bandos para gozar dos locais de ocio que abundaban por alí.
Tras un período de calma tensa, comezaron os tropezos entre ambos “exércitos” que duraron unha longa fin de semana. Segundo a versión máis clásica, mentres un grupo de rockers estaba na praia gozando do tenue sol británico, outro bastante grande de mods enfurecidos atacounos con todo tipo de armamento. Outra versión conta que foron os rockers os que atacaron a un pequeno grupo de mods, aos que pouco a pouco, ao longo de hora e media, forónselles unindo máis unidades ata contar cunha clara superioridade numérica. Na batalla usarónse desde os puños americanos ata as patadas, pasando polos paus, pedras, armas brancas, hamacas de praia e, sobre todo, a arma máis letal das batallas nas rúas entre tribos urbanas: as cadeiras das terrazas.
Malia a expansión policial, que xa sospeitaba algo por anteriores fins de semana e que tivo que protexer aos rockers da praia para que os mods non lles desen unha malleira, a escaramuza converteuse axiña na batalla a campo aberto na que, segundo algunhas fontes, participaron uns 2000 combatentes. Durante o resto do sábado e todo o domingo sucedéronse as liortas. Moitos remataron sangrando, pero a auténtica realidade é que non houbo ningún ferido grave por parte de ningún dos dous bandos. Os que si tiveron baixas foron os policías, xa que dous dos seus membros foron hospitalizados con feridas de carácter leve.



Os tabloides (prensa sensacionalista) británicos da época, consideraron os sucesos como desastrosos e presionaron as autoridades para que tomasen medidas que freasen o vandalismo de ambos os grupos. Falsearon en gran parte a realidade. Magnificaron os acontecementos. Fomentaron o medo e fixeron crer á burguesía e clase media británica que gran parte da xuventude do seu país estaba perdendo os valores tradicionais. Chegouse a acuñar o termo <<moral panic>>.
A prensa española tamén se fixo eco dos acontecementos. O xornal La Vanguardia escribía, <<Dúas especies de mozos, os «mods» e os «rockers», invadíronas (dúas cidades), loitaron uns con outros, cos policías e contra a cidade e os seus cidadáns. Ademais de ser uns vándalos, a cuestión estriba en que «mods» e rockers» non se poden ver, mellor dito, verse si, pero isto é abondo para que entren nunha lea>>.
O balance de <<a segunda batalla de Hastings>> de maio de 1964, consistiu en que uns cen membros tanto dos <<mods>> como dos <<rockers>>, foron detidos e encarcerados durante varios meses. Outros tantos foron condenados a pagar fortes multas. Aínda que en principio acougou a situación, a rivalidade entre as dúa bandas xuvenís non cesou e durante varios anos continuaron producíndose pelexas e enfrontamentos entre eles.
Os feitos narrados, serían anos despois reflectidos en: <<Quadrophenia>>, ópera rock publicada en outubro de 1973, composta por Pete Townshend, guitarrista de The Who, un dos grupos máis emblemáticos do movemento mod. Anos máis tarde, novembro de 1979, estreouse un filme co mesmo título, dirixido por Franc Roddam.

Na segunda metade dos anos sesenta, sobre todo a partir de 1966, a subcultura <<mod>> comezou a transformarse. Moitos dos músicos mod, que máis tarde serían estrelas do rock, abandonaron o movemento. Este foi o caso de The Kinks; The Who; The Rolling Stones; Rod Stewart; Marc Bolan; David Bowie; Sting, etc. Pero o ideal mod non desapareceu. Foi transformándose e reinventándose, xurdindo a partir del un número significativo de movementos. Desde os <<skinhead>>, pasando polo <<northern soul>> británico, ata os <<acid house>> de finais dos 80. Na actualidade segue existindo en moita xente ese ideal mod de ter o mellor, o máis exclusivo e orixinal, e telo xa. Pero moitos dos desexos daqueles rapaces dos sesenta que, como cantaban os Who no himno mod por excelencia <<My Generation>>, <<espero morrer antes de chegar a vello>>, foron quedando polo camiño e agora moitos deles son avoíños de setenta anos.
Dani LLabrés: El estilo y la estética de los Mods originales (Lenoir editorial).
Dani Llabrés/Jaime Pantoja: La música de los Mods originales (Lenoir editorial).
Ángeles Rubio Gil/Mª Ángeles San Martín Pascual: Subculturas juveniles: Identidad, idolatrías y nuevas tendencias.
https://es.wikipedia.org/wiki/Movimiento_mod
https://archivoshistoria.com/brighton-64-rockers-y-mods/
FOTOS E VÍDEOS
archivoshistoria.com
detribusurbanas.com
Vídeos de Youtube

Pascasio Radberto
Músico
Polo de agora Pascasio prefire manterse oculto
máis artigos
Actividades do 29 de maio ao 4 de xuño 2023
by Ana | Maio 28, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 22 ao 28 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 21, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 15 ao 21 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 14, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 1 ao 7 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Abril 28, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 24 ao 30 de abril 2023 por Ana
by Ana | Abril 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Variacións Pérsicas (serie II): IIb. Sempre pasa por Ramón Caride
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Literarias | 0 Comments
Horarios del mundo y España por Jesús Gayoso
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Articulos | 0 Comments
Academia de pintura Tía Xuana por Ghislaine
by Ghislaine | Maio 28, 2023 | Artísticas | 0 Comments
Viaxe por España, 2ª parte por Manolo Gulias
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Escapadas | 0 Comments